Noticias Sanidade Pública
 
 

Posicionamento CIG-Saúde sobre o incumprimento dos Acordos de AP-PACs

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
CIG-Saúde non denunciou os Acordos de Atención Primaria (de PAC e de Ordinaria) porque de facelo habería que iniciar unha nova negociación, e entendemos que non se dan as condicións para mellorar os aspectos básicos do acordo existente: xornada, retribucións e cadro de persoal. O SERGAS xa considera demasiado baixa a xornada acadada no acordo vixente (1.430 hs) polo que custaría traballo non só mellorala, senón incluso mantela nun novo acordo. As retribucións están conxeladas, cando non recortadas, polo que as posibilidades de incrementalas son nulas. Os cadros de persoal consolidados polos acordos, que se ofertaron na pasada OPE e Traslados, incrementaríanse de modificarse as regras de voluntariedade, pero tendo en conta a actual taxa de reposición do 10% non sería posible.
 
Non denunciar os Acordos non quere dicir que aceptemos o xeito co que está a aplicalos a Administración. CIG-Saúde reclama do SERGAS o cumprimento dos Acordos de Atención Primaria, de PAC e de Ordinaria, especialmente nos seguintes aspectos:

1.- Cómputo de xornada. O SERGAS está a aplicar criterios restritivos que penalizan, no computo de xornada, aos traballadores que teñan unha IT ou un permiso retribuído.

2.- Confección de calendarios. Reclamamos calendarios anuais coa participación das e dos traballadores, que separe a xornada ordinaria da complementaria e que respecte a xornada ordinaria do persoal de PAC e tódolos seus permisos.

3.- Cumprimento da Acta do 16 de xuño. Na aplicación en cada área reclamaremos que de quedar horas suficientes (1623 hs/anuais) se proceda á creación dun vinculo estable (obra e servizo) contratando persoal das listas de contratacións antes de ofertalas á voluntariedade.

4.- Contratación de persoal das listas. Reclamamos que se cumpra o apartado do acordo que establece que diante dunha ausencia, o primeiro é contratar persoal das listas de contratacións.
 
CIG-Saúde convocará asembleas en tódalas áreas para valorar as medidas a tomar diante destes incumprimentos.

CPV Facultativ@s Atención Primaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nunha reunión mantida o martes 27 de abril coa Dirección de Recursos Humanos do Sergas, CIG-Saúde insistiu na necesidade de revisión dos criterios de avaliación dos chamados ”Acordos de Xestión”, os que se utilizan para pagar o Complemento de Produtividade Variable ( CPV) en Atención Primaria.

O resultado da avaliación do CPV do 2010 indica que non é un complemento que mida ‘produtividade’, entendida como implicación ou esforzo do profesional ou a calidade de atención ao paciente, tal como xa se ten denunciado. O trato diferente ao hospital e a atención primaria agrava a sensación de inxustiza, e debe forzar ao Sergas  a facer a revisión demandada, sobre todo tendo en conta que estes resultados do CPV non só son unha redución da retribución esperada este ano, senón que pode chegar a anular un ano de Carreira Profesional a todos aqueles facultativos que estean por debaixo dun 70-75% de puntuación.

A Dirección de Recursos Humanos recoñeceu a necesidade de homologar os criterios dos Acordos de Xestión pero xa anunciou que non vai modificar a valoración de 2010 nin a de 2011, que xa teñen preparada para entregar.

CIG-Saúde reafírmase na necesidade de revisar os criterios utilizados na avaliación do “Acordo de Xestión” do ano 2010 e que se negocien criterios equiparables para tódolos profesionais que cobran CPV, independentemente do ámbito no que se traballa, para o ano 2011.

Como resultado desta reunión acordouse coa Dirección de Recursos Humanos convocar a Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria para tratar este e outros asuntos (substitucións, PAC,…) que están deteriorando a atención primaria.

Se se retrasa a convocatoria desta Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria ou o resultado desa reunión é negativo, no sentido de que o Sergas non modifica a súa posición e non acepta realizar unha reevaluación, CIG-saúde convocará mobilizacións para forzar ao Sergas a cambiar de rumbo, para que se recoñeza o valor do traballo en atención primaria, para que o Sergas teña en conta a opinión dos facultativos de atención primaria.

 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2011.

 

Asdo: Manuel González Moreira.

Agrupación Médica CIG-Saúde

Manifestacións SOS-Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Tras do éxito da manifestación do pasado día 7 de abril en Ourense, son agora @s compañeir@s da Barbanza @s que se mobilizan para defender a Sanidade Pública, despois do anuncio de privatización do servizo de diálise no Hospital da Barbanza. Temos unha cita, logo, o próximo día 14 de abril, ás 19:30 hs, no Centro de Saúde de Ribeira.


Manifestación en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza.

Xoves, 14 de abril, 19:30 hs.

Saída do Centro de Saúde de Ribeira.

 

plataforma_barbanza

Información Mesa Sectorial 29 de marzo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

INFORMACIÓN REUNIÓN MESA SECTORIAL 29 DE MARZO DE 2011.

1.- Pacto de contratacións. Onte asinouse o pacto de contratacións e a acta de fin de negociación. Asinaron todas as OOSS, agás CSIF e SATSE, que quedaron en pronunciarse.

 

2.- Orde de reavaliación das xefaturas. Abriron un novo prazo de 10 días para enviar alegacións. Na mesa como CIG-Saúde presentamos as seguintes:

a.- Que se convoquen as xefaturas pendentes de convocar. O artigo 43 do decreto 206 recolle que o período máximo de cobertura provisoria é de un ano.

b.- Que se valore a dedicación exclusiva con 40 puntos, artigo 9 da orde de 24 de maio.

c.- Que se controle o compromiso de dedicación exclusiva, xa que o incumprimento deste compromiso implica a perda do posto de xefatura (artigo 9 da orde). Aínda que xa sabemos que para este goberno a dedicación exclusiva non é un mérito, para a CIG-SAÚDE a exclusividade é un requisito, xa que ten un peso moi importante no resultado da actividade.

d.- Comisión avaliadora: formación do persoal, axencia avaliadora con persoal propio do SERGAS .

 

3.- Plan de acollida das/os profesionais. Presentáronnos o que será o Plan de Acollida xeral do SERGAS para novos/as profesionais. Vai haber un apartado específico na intranet para esta cuestión. Cada xerencia elaborará un plan de acollida interno que será enviado a servizos centrais para a súa validación e con posterioridade colgarase na intranet.

O SERGAS enviaranos o procedemento xeral para que no prazo de 10 días enviemos as oportunas alegacións. Desde CIG-Saúde repetimos a nosa alegación de que se publique o traballo feito sobre a carteira de servizos de enfermaría Atención Primaria. Consultarano con Asistencia Sanitaria.

Ler máis

Folga no servizo de dermatoloxía do CHUAC

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Os dermatólogos/as do Complexo Hospitalario da Coruña irán a folga os días 9, 11 e 16 de marzo.


En demanda dun cambio no modelo de xestión e organización do servizo que permita unha mellora na asistencia e na formación dos/as especialistas.

 

Noticia no Diario Médico:

 

A Agrupación Médica de CIG-Saúde vén de convocar folga no servizo de Dermatoloxía do CHUAC os días 9, 11 e 16 de marzo, en contra da falta de diálogo coa Xerencia do hospital, a discriminación na carga de traballo, as dificultades que atopan os/as especialistas para desenvolver correctamente a súa actividade e ante a imposibilidade de mellorar e crecer profesionalmente. A decisión de convocar folga chegou logo de buscar en reiteradas ocasións un diálogo coa dirección, sen que esta tivese en conta ningunha das reivindicacións deste colectivo de profesionais.


O pasado 25 de febreiro a Agrupación Médica de CIG-Saúde rexistraba a convocatoria de folga no servizo de Dermatoloxía do CHUAC, logo de que así o decidisen sete dos oito médicos adxuntos con praza (sen contar o xefe de servizo e dúas dermatólogas sen praza fixa) perante a imposibilidade de veren atendidas as súas reivindicacións mediante o diálogo.


A convocatoria de folga, explica Ramón Veras, delegado da CIG-Saúde, vén motivada polo mantemento “dunha organización do servizo e da forma de toma de decisións que está afectando negativamente á calidade da asistencia sanitaria,  ás posibilidades de promoción profesional dos convocados, á autoestima e satisfacción profesional dos mesmos e que está producindo discriminacións no reparto da carga de traballo”.


Coa folga, o colectivo de traballadores/as agarda conseguir, entre outros obxectivos, unha organización non discriminatoria da actividade no servizo, a adaptación da citación da consulta de revisión de xeito que se permita ver aos/ás pacientes nos tempos que son necesarios para cada enfermidade e doente; promover a participación activa dos profesionais nas tomas de decisións; e facilitar a formación profesional dos/as dermatólogos para que poidan desenvolver todas as competencias propias desta especialidade.


Dende a CIG-Saúde da Coruña explican que durante o último ano os/as traballadores/as do servizo dirixíronse en multitude de ocasións á Xefatura de Servizo, á Dirección Médica e á Xerencia do Complexo manifestando estas reivindicacións, sen que os órganos de dirección “tivesen algunha iniciativa para solucionar os problemas existentes”.


Así mesmo, os/as especialistas aclararon que manteñen a vontade de diálogo e de alcanzar un acordo mediante a negociación “pero se non é así, os facultativos están dispostos a manter o conflito no futuro”.

 

Publicouse hoxe no DOG a orde de servizos mínimos.

Entrega de sinaturas para esixir celadores en Barbanza

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

IMAG1167

 

Esta mañá o Comité de Empresa do Hospital da Barbanza desprazouse a Santiago, ao edificio da Consellería de Sanidade, para dar rexistro ás máis de 200 sinaturas esixindo a incorporación de celadores/as neste hospital no que, a día de hoxe, e despois de máis de dous anos de ter revertido de Fundación a Hospital integrado na rede SERGAS, seguen a traballar sen contar con esta categoría profesional tan necesaria e demandada.

 

CIG-Saúde estivo nese acto de entrega de sinaturas a través dos compañeiros e compañeiras delegados/as de CIG-Saúde do Comité de Empresa e a través da Executiva Nacional de CIG-Saúde, porque consideramos que non debería a estas alturas haber hospitais que carezan deste persoal fundamental. Esiximos que se doten estes centros (antigas fundacións revertidas) cando menos cos mesmos ratios de persoal que o resto de hospitais da rede SERGAS. E dicimos cando menos, porque os cadros de persoal dos centros do SERGAS son totalmente insuficientes e, en realidade, debería de dotarse a todos os centros do SERGAS co persoal necesario para prestar unha asistencia sanitaria de calidade.

 

 

 

 

100_6472

 

Información Mesa Sectorial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Na reunión da Mesa Sectorial do 23 de decembro abordáronse os seguintes temas:

 

1.- Categorías de prevención de riscos laborais: os decretos polo que se crean as categorías estatutarias de persoal enfermeira/o especialista do traballo, e as de técnico superior e de grado medio en prevención de riscos laborais, foron aprobados unilateralmente pola Administración co voto en contra de todas as organizacións sindicais. Non recolleron as alegación de maior transcendencia para o colectivo:

a.- Establecer un sistema retributivo que permita corrixir as diferenzas salariais existentes entre os técnicos superiores e os de grao medio, xa que realizan as mesmas funcións.

b.- Convocatoria de OPE por separado das 3 especialidades.

Unha vez aprobado, co único voto da Administración, o decreto seguirá a tramitación administrativa correspondente. Sairá publicado nun prazo de 6 meses, e a convocatoria de OPE será a finais de ano.

 

2.- Elecións sindicais.

A Administración iniciou a reunión falando do calendario, cando isto é competencia exclusiva dos promotores (organizacións sindicais).  Cando conseguimos que se comezara a falar do que realmente había que falar na Mesa Sectorial, a conclusión que podemos sacar da reunión, é que as eleccións sindicais van ser por área sanitaria. Neste proceso incorporarase a área do Salnes, xa que está constituída como área sanitaria. Barbanza, Cee e Verín incorpóranse nas áreas sanitarias correspondentes, polo que os seus censos se sumarán aos dos outros centros desas áreas.

Non quixeron falar de máis temas. Aceptaron constituír a comisión central coordinadora a primeiros de xaneiro, nós marcabamos o día 11 como data desta reunión, pendente de confirmar.

 

3.- OPE- Traslados.

a.- Conclusións dos tribunais que estaban valorando o proceso de filtracións. Tribunais de: PSX, Auxiliares Administrativos, Administrativos e Enfermeiras/os. A conclusión destes tribunais, acadada por unanimidade, é “que non houbo filtracións”. Non esperabamos menos.

A pesares disto, e motivado por que non se respectou o principio de igualdade, por unha posible información privilexiada, prodúcense as seguintes situacións :

  • Están pendentes de resolver un recurso de reposición dun opositor nun dos tribunais.

  • Están valorando a posibilidade dun expediente de exclusión das listas de seleccionados doutra persoa.

O acordo dos tribunais de Auxiliares Administrativos e de PSX é non elevar as listaxes a definitivas até que non se teñan resolto os expedientes anteriormente relacionados. Isto pode atrasar os procesos nesas categorías, mais a Administración confía en que haxa celeridade e non afecte ás tomas de posesión.

 

b.- Instrucións de ceses e incorporacións: Quedaron en enviar un novo texto. Aceptan a maioría das alegacións das OOSS. Non aceptan das nosas alegacións o disfrute das vacacións no centro de destino. Enviarán o documento do plan de acollida.

 

c.-Cronograma: enviarano por correo electrónico. Queren ter rematado o proceso a finais de febreiro para que as incorporacións se poidan realizar en marzo.

O tribunal de enfermaría pode sufrir algún retraso, motivado por que antes o tribunal non participaba na resolución das reclamacións e agora vai participar, e non teñen moita experiencia, despois do cambio de membros do mesmo.

Ler máis

CIG-Saúde fai público o documento do SERGAS no que se regula a autoconcertación de tarde nos hospitais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
CIG-Saúde presentou, en rolda de prensa, o documento do SERGAS no que se regula a autoconcertación de tarde nos hospitais. Desde a Agrupación Médica da federación denuncian que se trata dun texto non negociado na Mesa Sectorial, que ten unha redacción confusa,e que está sendo interpretado e aplicado de xeito diferente por parte de distintos xerentes. Para a CIG, o documento, até agora non publicado, demostra que a Consellería de Sanidade carece dunha alternativa coherente para afrontar as listas de espera mediante a existencia de traballo estrutural de tarde nos hospitais.

1.- A anterior administración sanitaria chegara a un acordo inicial, na Mesa Sectorial, coa CIG e outros sindicatos para superar o sistema tradicional de peonadas, co que o noso sindicato nunca estivo de acordo. Aquel acordo plasmárase no documento “Redefinición do Complemento Específico” e, nel, vinculábase a autoconcertación ao mantemento da dedicación exclusiva dos facultativos e ao establecemento de traballo estrutural de tarde nos hospitais.

2.- Coa entrada do actual goberno, a CIG preguntou reiteradamente na Mesa Sectorial polo desenvolvemento daquel documento. A resposta da Directora de Recursos Humanos foi sempre a mesma: a Administración estaba a preparar un novo documento. Sen embargo, e até hoxe, a actual Administración non presentou documento algún na Mesa Sectorial relativo á autoconcertación.

3.- Por outra banda, no mes de agosto de 2009, a Conselleira anunciou a supresión das peonadas de tarde e fixo unha polémica campaña nos medios de comunicación na que se culpabilizaba ao goberno anterior, e as/os profesionais, da perversión das peonadas. Segundo afirmaba a administración, o elemento esencial para reducir as listas de espera era aumentar a actividade en horario de maña e ían introducir medidas para conseguilo.

4.- Pasado máis de un ano desde aquela, as consecuencias reais da decisión de eliminar as peonadas son hoxe evidentes: un importante incremento das listas de espera, tanto cirúrxicas como de consultas, malia que se pretenda ocultar este feito dicindo que houbo unha redución das listas no caso da prioridade 1.

5.- Nos últimos meses a Consellería comezou, ás agachadas, a restaurar o sistema de peonadas. Sen publicidade algunha, para que non ficara claro que daba marcha atrás, a administración estableceu unhas novas condicións laborais e retributivas para o persoal que traballe na autoconcertación de tarde, condicións que quedaron reflictido no documento “Instrucción sobre a planificación da autoconcertación de programas asistenciais nos centros das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde”, que hoxe fai público a CIG. Ese documento, até hoxe “clandestino” foi elaborado e distribuido a todas as xerencias dos hospitais sen ningún tipo de publicidade, e en ningún momento foi debatido na mesa sectorial, como é preceptivo facelo cando se modifican as condicións laborais ou retributivas dos profesionais da sanidade pública.

6.- O documento é malo e contraditorio, e a súa redacción é confusa; nel, o concepto de “consulta de alta resolución”, que pretende ser un dos elementos centrais do documento, é abordado dun xeito especialmente confuso. Ademais, ao non ser público, senta as bases para seguir mantendo un dos peores aspectos das peonadas tradicionais: a posibilidade de negociacións individuais cos distintos profesionais e servizos, por parte das direccións dos hospitais.

7.- A falta de claridade do documento, e o seu caracter “clandestino”, está provocando unha grande variabilidade na súa aplicación práctica. Na maioría dos hospitais as direccións dos hospitais simplemente non o aplican e, pouco a pouco, están volvendo a aplicar o sistema tradicional de peonadas; e naqueles hospitais nos que os xerentes están aplicar o documento, están a facelo de xeito claramente heteroxeneo.

8.- A CIG chama a Consellería de sanidade a que aborde o problema de organizar o traballo de tarde nos hospitais con seriedade. O noso sindicato é contrario ao sistema tradicional de peonadas e defende a necesidade de organizar dun xeito estrutural ese traballo, pactando as súas condicións na mesa sectorial.

 

Artigo de Avantar.


Nota de prensa .

 

Documento de instruccións sobre autoconcertación .

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto