Noticias Sanidade Pública
 
 

Fuxida do Xerente da EOXI de Vigo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Diante das noticias aparecidas na prensa sobre o relevo do Xerente da EOXI de Vigo, CIG-Saúde esixe á Conselleira de Sanidade que informe das verdadeiras razóns deste relevo.

Se a causa da marcha do Xerente é a súa incapacidade para facer o traslado ao Novo Hospital cos criterios que lle marca a Consellaría de Sanidade, esiximos que se clarifique cales son eses criterios e como afectan á continuidade da asistencia sanitaria nun momento tan complicado para a Área Sanitaria de Vigo.

cigMario González chegou a Vigo en marzo do 2013 co obxectivo de xestionar a unificación de servizos do CHUVI e o traslado ao Novo Hospital de Vigo, o feito de que marche antes pon de manifesto o seu fracaso. Nin foi quen de unificar os servizos, nin de integrar a parte asistencial de Galaria, nin de cubrir os postos de xefaturas de servizos esenciais para o funcionamento do Novo Hospital.

A súa etapa estivo marcada pola absoluta falta de información sobre o plan funcional do Novo Hospital e a perda de recursos e potencialidades da área sanitaria de Vigo, co obxectivo de favorecer os intereses da empresa concesionaria do Novo Hospital. Cando chegou xa dixo que viña a executar a política que lle marcaran desde a Consellería, en ningún momento apareceu como defensor de máis recursos para a área sanitaria.

A poucos meses do traslado non temos información de que persoas van a mudar de posto de traballo nin de como van quedar situados na reordenación da área sanitaria trala apertura do novo hospital. Nin temos a foto inicial da que partimos nin a final á que temos que chegar, nin sabemos os criterios cos que se efectuará o traslado.

Sobre os rumores da candidata para substituílo, Ana Sánchez, preocúpanos que se trate dunha persoa contratada, a través de Galaria, que co seu traballo está a garantir os beneficios da empresa concesionaria do Novo Hospital, e que ademais ven de ocupar cargos na Sanidade Pública Madrileña, precisamente cando se puxo en marcha a súa privatización.

CIG-Saúde exixe do SERGAS que publique de inmediato a dotación de servizos e o cadro de persoal do novo hospital de Vigo.

Os recortes na carteira básica de servizos xa están aquí: cribado neonatal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O Real Decreto Lei 16/2012, ademais de acabar co acceso universal á sanidade, estableceu a separación da asistencia sanitaria en carteira común básica (sen repagamento), carteira común complementaria (con repagamento de parte do custe), carteira común accesoria (con repagamento da totalidade do custe) e carteira complementaria autonómica (na que cada comunidade autónoma decide qué financiar).

A Orde SSI/2065/2014 regula por primeira vez qué ten que cubrir a carteira común básica en 3 aspectos: reprodución humana asistida, cribado oncolóxico (cancro de mama, cancro colorrectal e cancro de cérvix), e cribado endocrino-metabólico neonatal.

edificio sergasNo caso do cribado endocrinometabólico neonatal establece que so se realizará a detección de 7 enfermidades, sendo potestade de cada comunidade autónoma incrementar o número de enfermidades dentro da carteira complementaria autonómica.

Na Galiza o servizo de diagnóstico e tratamento de metabolopatías, que iniciou a súa andadura no 1978, foi sempre pioneiro dentro do estado español. No 2015 foi nomeada unidade de referencia polo Ministerio de Sanidade (unha das 7 que existen no estado).

Neste momento, mediante o cribado neonatal (toma de mostras de sangue e ouriños aos 3 días de vida), todas as nenas e nenos que nacen na nosa comunidade pódense diagnosticar de máis de 40 enfermidades distintas. A Consellaría está en trámites para diminuír estas 40 enfermidades a só 12 (as 7 de obrigado cumprimento e 5 máis), deixando fora máis de 28 enfermidades que se están a cribar no momento actual.

A falta dun estudo que facilite a identificación precoz destas enfermidades (galactosemia, acidurias…), fará que os/as pacientes teñan que presentar síntomas e os/as pediatras sospeitar o diagnóstico, para serlle solicitada a proba correspondente, o que conlevará que estes nenos e nenas sexan diagnosticados cando teñen xa secuelas irreversibles, cunha calidade de vida peor para elas/ eles e as súas familias, e cun peor prognóstico vital.

Unha vez máis a Consellaría é insensible ás necesidades dos e das pacientes e as súas familias, prevalecendo na súa toma de decisión criterios economicistas, que van en contra dos obxectivos irrenunciables dunha sanidade pública de calidade.

NON AO RECORTE NO NÚMERO DE ENFERMIDADES DETECTADAS NO CRIBADO NEONATAL

OS RECORTES MATAN

Información Mesa Sectorial 17 de marzo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cig informa

Temas tratados nesta Mesa Sectorial:

1. Decreto de oferta 2015.

A directora de RRHH informou que a premura en publicar, agora, o decreto de oferta de OPE 2015 ven motivado porque deste xeito permételles xuntar as prazas das dúas ofertas, e realizar unha oferta de prazas máis numerosa. Primeiro van publicar o decreto de oferta da OPE 2015 (mes de abril). Con posterioridade publicarán unha resolución de convocatoria que modifica a resolución anterior da OPE 2013. Esta nova resolución habilitará un novo prazo de presentación de solicitudes para as persoas que non se inscribiran na anteriore convocatoria. O persoal xa inscrito nas OPE 2013, só terán que incorporar os novos méritos que teña.

Como se pode comprobar, esta convocatoria de OPE 2015 afonda na destrución de emprego nas categorías de xestión e servizos, para facilitar a privatización. Non se convoca nin unha soa praza de celadoras/es, pinches, auxiliares administrativos ou PSX.

Como CIG-SAÚDE rexeitamos este decreto de OPE coa seguinte argumentación:

     Exiximos unha convocatoria de OPE co 100%, manter as taxas de reposición só favorece a destrución de emprego público e as privatizacións.

     No periodo 2013-2015 vanse convocar 406 prazas de diplomados/as sanitarios/as e de persoal sanitario de formación profesional. As vacantes producidas deste persoal e neste periodo foron 1520. Faltan 1.114 prazas por convocar.

     No periodo 2012-2015 vanse convocar 342 prazas de FEAS, o nº de prazas vacantes neste periodo é de 906 prazas. Faltan por convocar 582 prazas.

     No persoal de Xestión é Servizos vanse convocar no ano 2015 40 prazas, o nº de vacantes producidas desde o ano 2012 é de 1059 prazas. Faltan por convocar 1019 prazas.

     Estes datos son os recollidos nos planos de ordenación de RRHH 2012 e 2013 publicado polo SERGAS. Polo que faltan por convocar 2755 prazas.

2. Procesos de Provisión e Selección

Neste tema plantexamos a perversión que se produce nos criterios de cesamento. O decreto 206/2005 recolle que o cesamento se producirá por orde de prelación nas listas de menor a maior puntuación. Coa taxa de reposición os contratos que se ofertan son servizos determinados en igualdade que as vacantes, polo que de aplicar literalmente os criterios de cesamento, cesarían ás persoas de maior puntuación nas listas de contratacións. A Admón e a maioría das OOSS aceptaron que para os cesamentos os servizos determinados teñan unha consideración asimilada ao desempeño de praza vacante. Solicitamos que nas instrucións de ceses se incorpore que os cesamentos en Barbanza, Cee e Verín, serán pola súas listaxes. Os cesamentos do 061 serán por localidade, central de coordinación ou base asistencial. Neste supostos hai que aplicar os criterios xerais do decreto 206, localidade e centro.

3. Plan de Ordenación de RRHH do novo hospital de Vigo

Falouse do documento entregado na anterior mesa sectorial. Como CIG-SAÚDE manifestamos que as nosas alegacións xa foran presentadas na anterior Mesa Sectorial, e non aceptaron ningunha. Que alegacións queren que presentemos a un plan de ordenación ditado, unicamente, en interese das empresas privadas que van xestionar os servizos do hospital de Vigo? O documento non é un plan de ordenación que identifique as necesidades do SERGAS para intentar solucionalas. Este documento é un instrumento para baleirar de traballadoras/es os servizos que se van privatizar, para librar de carga a empresa privada; pois para o SERGAS as/os traballadoras/es somos unha carga que fai diminuir os beneficios privados.

4. Itinerarios profesionais

Alegrámonos de que por fin o SERGAS entre a negociar os itinerarios profesionais. Este tema é demandado por CIG-SAÚDE dende o ano 2005, ano no que se asinou o acordo de MUH, tardaron 15 anos. Este itinerario profesional vai permitir que nos concursos de traslados se reserve un 25% das prazas para que se poidan mover, entre eles, o persoal facultativo fixo con título de medico/a de familia, que presta servizo en atención primaria, urxencias hospitalarias, médica/o coordinador/a e médica/o asistencial do 061.

A Admón comunicounos que en breve nos vai enviar dous borradores de decreto que van regular a creación dunha categoría única de pediatra de área, eliminando a diferenza de primaria e especializada. O outro decreto vai regular a creación dunha categoría única de farmacéuticas/os. Nas/os farmacéuticas/os hai dous sistema de acceso; para farmacia hospitalaria é requisito estar en posesión do FIR, mentres que o FIR non é requisito para acceder aos postos de farmacéutica/o de primaria. Veremos como resolven isto nese borrador.

5. Constitución da comisión do grupo de traballo do novo pacto de contratacións. Martes 24 de marzo.

6. Rogos e preguntas.

A pedimento de CIG-SAÚDE vanse convocar tamén reunións dos seguintes grupos de traballo:

Especialidades de enfermaría vaise reunir o día 31 de marzo.

Persoal Investigador vaise reunir o día 8 de abril.

Solicitamos que na próxima reunión de mesa sectorial se abordasen os seguintes temas:

a) Xornada complementaria de atención primaria.

b) Negociación de carreira ordinaria. Recuperación dos acordos conxelados.

c) Ámbito de negociación 061.

d) Acordo 2003, creación dos postos de coordinación de Técnicos Superiores e de Técnicos de Grao Medio.

Dimisión de 9 membros da Comisión de Bioética: de como a Consellaría de Sanidade pretende furtar a independencia dun órgano asesor

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

fotonoticia 20130324180619 500A Comisión de Bioética, cuxo obxectivo, normativamente recollido, é velar pola protección dos dereitos fundamentais no ámbito sanitario galego, perdeu nos últimos meses 9 membros, que dimitiron por mor das "inxerencias" que desde a Consellaría de Sanitade se fan no traballo independente deste órgano. Sete deses membros veñen de dimitir esta mesma semana, fartos/as de que se pretenda dirixir a súa labor, posto que se censurou un informe que elaboraron sobre as desigualdades na asistencia sanitaria.

Está claro que á señora Conselleira, Rocío Mosquera, e ao seu equipo de demolición da Sanidade Pública, non lles interesa que se publiquen certos informes que dan conta da terríbel situación pola que pasa o servizo sanitario público galego despois das políticas de recortes, desmantelamento e privatización da Administración PP.

A Rocío Mosquera quédanlle dúas opcións: ou dar marcha atrás e permitir a publicación do devandito informe e a aplicación das recomendacións sobre normas e protocolos de actuación que atinxen a cuestións bioéticas, ou ben a dimisión por pretender dirixir o traballo dun órgano asesor como é a Comisión de Bioética.

Así, xa as inxerencias desde a Consellaría provocaron a dimisión de dous membros desta Comisión o verán pasado, ás que agora se suman estas novas sete dimisións pola censura dese informe, que xa temos gañas de coñecer, posto que debe de recoller moitas das eivas, problemas e desigualdades na asistencia sanitaria que vimos denunciando desde a CIG-Saúde, xa que tanto pretenden ocultalo.

Señora Mosquera, publique o informe. Que medo tén? Non defende vostede a súa xestión como marabillosamente eficaz? Pois queremos ver os resultados, queremos saber qué concluiu a Comisión de Bioética. E se non, DIMITA.

 

A CIG-Saúde denuncia a “incompetencia manifesta e intencionada” do SERGAS por alimentar conflitos polo cómputo de xornada

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera que o obxectivo do SERGAS é continuar coa política de desprestixio do persoal público
 
A CIG-Saúde vén de denunciar a “incompetencia manifesta e intencionada” do SERGAS. Entende que Sanidade está a alimentar un conflito laboral por non informar ao persoal estatutario sobre como se computa a súa xornada, co obxectivo de “desprestixiar unha vez máis as traballadoras e traballadores do SERGAS e transmitir á opinión pública a idea de que o que estes queren é traballar menos, cando o que demandan é coñecer o cómputo anual da súa xornada e que neste se especifiquen as libranzas regulamentadas por lei”, explica María Xosé Abuín.
12-05-15 concentración CIG-SaúdeA secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que o pasado 3 de xuño, a petición da central sindical, abordouse este tema na Mesa Sectorial chegándose ao acordo, entre as organizacións sindicais e a administración, de facer pública unha circular onde se recollería detalladamente como é a xornada do SERGAS e como se computa.

O compromiso da administración era enviar a devandita circular asinada pola Dirección de Recursos Humanos a todos os centros sanitarios para que, a través dos equipos directivos, se lle fixera chegar esta información a cada un dos traballadores e traballadoras. “Transcorrido este tempo, esa circular chegou aos equipos directivos en forma de borrador, pero sen ningunha instrución para a súa difusión”, sinala Abuín.

A consecuencia disto é que o persoal segue sen recibir información oficial respecto do cómputo anual da súa xornada e o SERGAS segue a alimentar que o persoal recorra á vía xudicial.

Ante isto Abuín sinala que “se a Lei de Emprego Público de Galiza que acaba de aprobar o goberno do PP avaliase, ademais de ao persoal, aos mandos da administración e nomeadamente aos directivos do SERGAS, estes serían cesados inmediatamente porque a avaliación do desempeño do seu posto non podería ser máis negativa”.

A CIG-Saúde exixe que, dunha vez por todas, a administración deixe de alimentar conflitos co obxectivo, marcado desde a toma de posesión do PP, de desprestixiar ás traballadoras e traballadores da sanidade pública. Demanda ademais do SERGAS que distribúa a información sobre a xornada asumindo a súa responsabilidade. “Debería ser delito que unha administración cre un clima laboral perverso que conduce a un estrés laboral que merma a calidade do traballo no canto de fomentar un clima laboral saudábel”.

A noticia en Avantar

A CIG rexeita a decisión do Consello Interterritorial de Saúde de deixar a Galiza sen hospital de referencia para o ébola

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Dende a central nacionalista sosteñen que a decisión amosa a falta de preparación do Meixoeiro para asumir un posíbel caso de contaxio

A CIG-Saúde defende que a sanidade pública galega ten que dispoñer de todos os recursos humanos, materiais e formativos necesarios para atender todas as patoloxías que se poidan presentar “e só en casos puntuais, en patoloxías que requiran tratamentos de especial complexidade ou medios diagnósticos especiais, deberan ser enviados a hospitais que teñan eses medios”.
Logo CIG-Saúde
 

Dende a federación de Saúde da central nacionalista sosteñen que o tratamento da enfermidade por virus ébola require de recursos materiais, técnicos e humanos que, se se toman as medidas de xestión axeitadas, están ao alcance da sanidade pública galega.

 “As decisións do Consello Interterritorial deixan nunha situación de dependencia a nosa sanidade pública e non garanten a mellor atención aos pacientes xa que non se garanten nin tempos nin medios de traslado para iniciar un tratamento unha vez realizado o diagnóstico”, critican.

Na súa opinión, esta decisión desminte as repetidas declaracións da conselleira de Sanidade no sentido de que estabamos sobradamente preparados/as para atender un caso de ébola, “e danos a razón nas denuncias previas que CIG-Saúde leva feitas nos últimos meses xa que a conselleira non foi quen de convencer aos membros do Consello Interterritorial desta pretendida preparación”.

Segundo denuncian, estes cambios de criterio aumentan o desconcerto dos traballadores/as da sanidade pública, especialmente os máis implicados no tratamento do ébola, como son os da UCI do hospital Meixoeiro.

Dende CIG-Saúde xa teñen demandado da conselleira de Sanidade que deixe a súa posición de prepotencia e que defenda a sanidade pública dotándoa dos medios humanos, materiais e de formación “que levamos esixindo desde o inicio da chamada crise do ébola”.

A noticia en Avantar

Qué pasou coa participación cidadá? Qué pasou cos Consellos de Saúde de Área?

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cig bandeirasA lei 8/2008 do 10 de xullo, de Saúde de Galiza, recolle no seu preámbulo e no texto articulado a participación social de conformidade co artigo 22 da Constitución española. O obxectivo da participación cidadá é incorporar a visión e a percepción da sociedade no deseño e funcionamento dos proxectos asistenciais e na garantía de dereitos.

No artigo 25 desta lei, recóllese a participación territorial mediante o Consello de Saúde de Área. Este artigo 25 recolle a composición e competencias dos mesmos. A partires da entrada en vigor da devandita Lei de Saúde, os Consellos foron constituíndose nas áreas sanitarias, pero despois da chegada do PP ao poder deixáronse esmorecer pola negativa da Administración a convocalos.

Desde CIG-SAÚDE vimos de remitir un escrito á Conselleira de Sanidade, no que exiximos que a Consellería de Sanidade inste ás xerencias de área a constituír de novo estes Consellos (xa que a representación puido variar nestes anos) e dotalos das competencias que a Lei lles outorga.

Nun momento coma este, máis que nunca, é necesaria a implicación da sociedade na toma de decisións sobre a Sanidade Pública. Esta Administración, a Conselleira Rocío Mosquera, afastan ao pobo dos lugares onde se decide cómo se administran os recursos e cómo se ofertan os servizos.

Isto é outra mostra da política do PP: gobernar só para uns poucos.

CIG-Saúde manifesta o seu apoio e solidariedade cos/coas doentes de hepatite C

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Demanda da administración sanitaria que atenda as necesidades da poboación e non as da industria farmacéutica
 
A CIG-Saúde manifesta a súa solidariedade cos/coas doentes de hepatite C e apoia as súas demandas. Considera que é responsabilidade da administración traballar a prol das necesidades sanitarias da poboación, e nomeadamente deste colectivo, e non da industria farmacéutica, e denuncia que até o de agora isto foi o único que fixeron tanto a Xunta de Galiza como o goberno do estado, demostrando así a súa incompetencia.

Para a CIG-Saúde é inadmisíbel que o discurso emitido pola administración para o caso das e dos doentes de hepatite C sexa exclusivamente económico. Neste sentido, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, asegura que o problema non é que o tratamento requirido para estes/as doentes faga insostíbel o sistema sanitario, “o que fai insostíbel o sistema sanitario é a perversión da industria farmacéutica porque medicamentos que se fabrican a un baixo custo, logo se poñen á venda a un prezo de mercado que multiplica por cen ou por mil o seu prezo real”.

A CIG-Saúde chama a atención sobre este aspecto en concreto  porque o mesmo que hoxe ocorre coas persoas afectadas por hepatite C pode ocorrer con outros colectivos se se admite como xustificación o custo para o sistema. De feito sinala que neste a sociedade científica de oncoloxía médica xa está alertando do encarecemento dos tratamentos, porque hai algúns nos que subiron os prezos até nun 100%. Ante isto advirte de que o que hoxe ocorre cos enfermos de hepatite pode acabar pasando tamén cos oncolóxicos.

Fronte a isto, CIG-Saúde reclama que se poña coto á industria farmacéutica e que se incremente a investigación pública para que os beneficios das mesma redunden no conxunto da poboación e non nos salarios dos directivos destas multinacionais.

A este respecto Abuín denuncia que a maioría dos ensaios clínicos con novos fármacos fanse na sanidade pública e que, polo tanto, esta achega un valor esencial  que porén, non ten ningún beneficio sobre o custo do medicamento ao ser finalmente as farmacéuticas quen patentan e se levan todos os beneficios. “Posibilítase deste xeito que logo os directivos destas empresas cobren millóns de dólares mentres se lle denega a usuarios/as da sanidade pública o acceso a estes fármacos alegando o seu elevado custo”.

Para a CIG-Saúde admitir esta situación pode acabar provocando que se aplique o mesmo pretexto ao resto de prestacións sanitarias para ir xustificando a súa progresiva privatización e que só teña acceso a certos medicamentos quen os poida pagar, porque xa hoxe quen dispoña de 80.000€ pode tratarse de hepatite C  e que non, non terá dereito á cura.

Abuín denuncia ademais a absoluta falta de sensibilidade da administración sanitaria e de quen a xestiona. Neste sentido lembra que foi a presión social e do colectivo de afectados/as a que obrigou ao Ministerio de Sanidade a incluír este asunto na Orde do Día do Consello Interterritorial de Saúde, que terá lugar o vindeiro día 14 de xaneiro. “Teríano incluído xa previamente na Orde do Día se realmente estiveran interesados en achegar solucións”.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto