Noticias Sanidade Privada
 
 

CIG-Saúde denuncia a “deslealdade” da sanidade privada por pechar as súas instalacións en plena emerxencia sanitaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIGSAUDElogo

Demanda da consellaría que os obrigue a seguir abertos e a manter o seu persoal

A CIG-Saúde vén de denunciar a actitude da sanidade privada que “fronte a alarma sanitaria que estamos a vivir” responde “pechando as súas camas hospitalarias, despedindo o persoal ou limitando os seus dereitos laborais. Por iso dirixiuse á consellaría en demanda de que os obrigue a manter abertas as súas instalacións, mantendo as súas traballadoras e traballadores e poñendo os seus recursos materiais e humanos a disposición do sistema sanitario público.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que estes centros hospitalarios da sanidade privada de Galiza traballan durante todo o ano cunha importante carga asistencial derivada da sanidade publica. Por iso considera que o seu comportamento é “desleal e irresponsábel coas medidas excepcionais dirixidas a garantir a dispoñibilidade de centros e de  profesionais, para facer fronte á asistencia crecente derivada do coronavirus SARS-COVID19”.

Diante desta actitude a CIG-SAÚDE exixe que, desde a Consellaría de Sanidade, en relación ás competencias que lle confire  o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo,  e as  Ordes ministeriais publicadas para a súa correcta aplicación, nas que  se recolle que os centros de titularidade privada contribuirán a reforzar o sistema de saúde en todo o territorio do Sistema Nacional de Saúde; obriguen a estes centros a manter abertas as súas instalacións e o mantemento do cadro de persoal a disposición do sistema sanitario.

Lembra que a lexislación galega tamén recolle a capacidade da Consellaría de Sanidade, en situacións excepcionais,  para manter baixo a súa dirección os centros da sanidade privada, e  garantir a dispoñibilidade das/os profesionais para facer fronte á carga asistencial crecente.

Entende que os hospitais e establecementos sanitarios  da sanidade privada de Galiza están incluídos na normativa anteriormente relacionada, polo que considera que todo o persoal destes centros debera estar a disposición do sistema sanitario publico para cubrir as necesidades asistenciais que puideran xurdir como consecuencia do incremento de actividade producida polo COVID 19.

Reorganización dos servizos

Para Abuín non caben nin proceden, neste intre, os despedimentos, a concesión de vacacións e outros permisos encamiñados a que esta empresa non cumpra coas súas obrigas legais. Pola contra, o que  si procede “é a reorganización dos servizos, ou como recolle o Decreto de Alarma Sanitaria  as medidas de desenvolvemento, organizar quendas de traballo para que o persoal non acuda todos os días ao centro de traballo, garantindo así a súa protección a súa seguridade e a da poboación”.

Por iso agarda que desde a Consellaría de Sanidade se tomen as medidas oportunas para que os centros da sanidade privada estean a disposición, e ao servizo do sistema sanitario e da poboación de Galiza.

CIG-Saúde denuncia a nula receptividade de Sanidade na cuestión asistencial e laboral de POVISA

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Compostela, 8 de novembro de 2019.

A CIG-Saúde denuncia a ausencia total de diálogo coa consellaría de Sanidade coa que despois de múltiples intentos e de presionar mesmo con mobilizacións conseguiu manter unha xuntanza para tratar as cuestións asistencias e laborais referidas a POVISA.

A secretaria nacional, María Xosé Abuín, explica que o argumento esgrimido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña “foi patético” porque ante a preocupación da CIG-Saúde pola situación na que queda a atención sanitaria na área de Vigo, que atinxe a máis de 135.000 persoas, e a situación laboral do cadro de persoal “só foi quen de dicir que a consellaría de Sanidade segue a ter un contrato con POVISA, que esta non desaparece e que o único que cambia é o accionariado”.

Diante disto Abuín pregúntase se é por “inxenuidade ou por incapacidade” que o conselleiro dá estar resposta, porque “un cambio de accionariado pode mudar todo o modelo asistencial e as condicións laborais do persoal, se así o decide a empresa á marxe do que pense a consellaría de Sanidade”.

Mercar POVISA

A CIG-Saúde defendeu, desde que se coñeceu a intención de Ribera Saúde, da multinacional Centene, de adquirir POVISA, que esta fora mercada pola Xunta de Galiza para revertela á sanidade pública e poder facer así unha planificación sanitaria para garantir a asistencia a toda a poboación, cun ratio mínimo de profesionais por número de doentes, da área sanitaria de Vigo desde a sanidade pública.

Por iso, na xuntanza, volveu poñer sobre a mesa esta cuestión. “O conselleiro respendeu a isto que se POVISA pasaba a sanidade pública esta tamén tiña que asumir as débedas do centro hospitalario privado”.

Abuín denuncia que, “en primeiro lugar, non nos dixeron a canto ascendía esa débeda; segundo, entendemos que parte desa débeda foi xa amortizada cos incrementos do concerto que lle deu a consellaría; terceiro, estamos convencidas de que esta operación tiña como obxectivo sanear as contas para facilitar a venda á multinacional Centene e xa por último, o que nos parece alucinante é que pretendan convencernos de que esa multinacional vai actuar como unha ONG, mantendo a calidade, os postos de traballo, a débeda da que fala a consellaría e ademais poñer sobre a mesa os cartos para mercar POVISA”.

Xunto a isto, e ante a pregunta de que medidas vai a adoptar a consellaría para manter a calidade asistencial e o cadro de persoal o conselleiro limitouse a responder que xa o estudarían.

Porén para a CIG-Saúde a preocupación é que “os despedimentos poidan producirse pola vía da externalización, por parte de Centene, de servizos que actualmente presta POVISA”.

NON A COMPRA DE POVISA POR UNHA ASEGURADORA DOS ESTADOS UNIDOS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Mani-Compra-POVISA-24102019-1 1

Vigo, 21 de outubro de 2019

POVISA estivo a negociar coa Corporación Centene este contrato de venda mentres presionaba á Xunta, ao persoal e á poboación coa quebra (anunciou un Pre-concurso de Acredores) grazas ao que conseguiu una importante mellora no pago por habitante, ao descontar un elemento importante como é a medicación de alto impacto.

Nuñez Feijoo e o seu goberno ou son cómplices desta trama ou son uns incapaces.

Pola súa banda o hospital POVISA admitiu que mantivo desde hai algún tempo negociacións co Grupo Ribera Salud para a venda do centro.

Coa autorización desta venda Nuñez Feijoo leva ao extremo en Vigo a súa política de poñer en mans norteamericanas os recursos sanitarios públicos de Galicia (a Cardioloxía do hospital Xeral de Galicia foi cedida á multinacional Medtronic e a investigación hospitalaria á farmacéutica Johnson and Johnson).

A Xunta pode, en base ás axudas continuadas a este centro privado non autorizar a venda e exercer o seu dereito a unha compra polos 24 millóns de euros polos que oficialmente se vende (un autentico agasallo) que podería afrontar coa cuarta parte do Fondo de Continxencia da Xunta, que é de case 80 millóns, co que evitaría o endebedamento. O contrato deberá ser revisado tamén pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Non sabemos se este agasallo vai acompañado doutras compensacións, dado que se descoñecen os termos do contrato. Hai que lembrar que POVISA recibe uns 84 millóns euros anuais da Sanidade Pública galega.

A aseguradora estadounidense Corporación Centene (propietaria de Ribera Salud) que será a nova dona de

POVISA xa ten demostrado que non é de fiar:

• A Consellería de Sanitat Valenciana detectou no Hospital de Alzira, do grupo Ribera Salud, sobre custos de 2,6 millóns de euros por irregularidades na atención de urxencias, por facturas inchadas e por dobre facturación.

• A Fiscalía de Valencia solicitou a imputación dos principais directivos desta compañía por cobrar comisións por vendas de material sanitario dos seus provedores que trasladaba á administración valenciana sen as rebaixas correspondentes. Esta práctica foi cualificada de presunto delito de malversación de fondos públicos e prevaricación polos tribunais.

• O informe da Intervención Xeral 2003-2012 da Comunidade Valenciana denunciou problemas de opacidade, ausencia de control e mesmo conivencia da Generalitat coas empresas adxudicatarias, como consecuencia da falta de fiscalización da actividade do centro.

• A aseguradora Centene pechou a súa filial Kentucky Medicaid coa que xestionaba o Servizo de Saúde dese Estado, despediu a todo o seu persoal e cesou a súa actividade deixando sen servizo sanitario a 140.000 pacientes.

A compra de POVISA por Centene incrementa o risco de privatización da sanidade publica galega dado e enorme peso e poder desta multinacional aseguradora, moi superior ao dos actuais donos de POVISA:

• Centene ocupa o posto número 51 das empresas máis potentes dos Estados Unidos e está investindo tamén en outros países como Chile, Perú ou Eslovaquia.

• O xigante de EE. UU. pretende cambiar o noso modelo sanitario ao anunciar que aposta por un modelo de xestión onde a Administración financia, controla e é a dona do sistema; mentres eles operan como unha "franquía" que asegura a "boa xestión".

Ribera Salud posúe os hospitais de Torrevieja, Denia, e Elxe na Comunidade Valenciana e o de Torrejón, en Madrid, grazas aos apoios do PP en ambas comunidades. Concessia posúe o 10% das accións deste hospitale á vez forma parte das empresas accionistas da Concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, o que supón  que a totalidade da atención hospitalaria de Vigo estea controlada por esta empresa (monopolio do servizo sanitario público de Vigo).

Aínda que POVISA tivo unha gran capacidade para influenciar as decisións e recursos da Sanidade Públicade Vigo, Centene terá aínda máis poder para condicionar e chantaxear á administración sanitaria pública.

No proceso de reversión de Alzira á sanidade pública, a compañía estadounidense xa presionou aoembaixador español en Washington para frear o proceso de rescate da Generalitat, como consecuencia oembaixador de Estados Unidos en España advertiu das consecuencias negativas que tería para aComunidade Valenciana a reversión da concesión a Ribera Salud.

É impensable que despois dos 3 a 5 anos de vixencia que restan do Concerto actual, Centene acepterematalo. Tamén é impensable que nestes anos a Consellería de Sanidade dote á sanidade pública dosrecursos suficientes para poder asumir a atención das 137.000 persoas que POVISA atende na actualidade.

Unha multinacional non inviste nun hospital en perdas, polo que é previsible que adopte algunhas medidas para manter o negocio:

1.- Reducir persoal aplicando un ERE e recortar as súas condicións salariais e laborais.

Os traballadores de Alzira tiñan peores condicións laborais cos traballadores do sistema público:

Menos persoal, 200 horas mais de traballo ao ano e un soldo un 15% inferior. O persoal facultativo

tiña unha xornada anual un 12% superior e unha retribución un 11,5% inferior que o estatutario.

2.- Reducir oferta e calidade das prestacións a súa poboación de referencia.

O presidente de Centene deixou recentemente claro que quere “cambiar a forma en que as persoas experimentan a atención médica para que sexa máis simple, mellor e de menor custo". Centene é unha aseguradora especializada en xestionar servizos de Atención Primaria e Ribera Salud conseguiu a integración da mesma no hospital de Alzira. Por iso é previsible que pretenda facerse cos centros de saúde da área para controlar o fluxo de pacientes ao seu hospital

3.- Obter novas axudas da administración como vén facendo desde sempre POVISA pola súaconivencia coa administración.

En base a estes feitos, parece máis que razoable que o SERGAS non debería autorizar esta venda á Corporación Centene e exercer o seu dereito de compra en base ao interese xeral para a saúde pública deVigo.

A Comisión Europea definiu o interese xeral europeo como "satisfacción das necesidades básicas dos cidadáns e a preservación de bens públicos, cando o mercado falla".

Desde a maioría do Comité de Empresa de POVISA e a Plataforma SOS Sanidade Pública rexeitamos esta compra por unha contía mínima e denunciamos a perda de oportunidade da Xunta de adquirir POVISA por24 millóns de euros, garantindo a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo.

A compra de POVISA por parte da Consellería de Sanidade permitiría garantir unha prestación sanitaria a toda a poboación da área sanitaria de Vigo desde o sistema público e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados

                                                                                                                   

A CIG-Saúde rexeita a venda de Povisa e os argumentos de quen pretenden que siga sendo privado

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Dende a federación sosteñen que "a nosa sanidade pública non pode estar ao servizo das multinacionais amigas do PP”

A CIG-Saúde reitera a súa demanda de que a Xunta de Galiza adquira o hospital Povisa para garantir unha prestación sanitaria pública e de calidade á poboación da área sanitaria de Vigo. Afirma ademais que “os argumentos que utiliza o PP, a consellaría de Sanidade e outros axentes sociais para impedir que Povisa sexa un hospital público, son os mesmos que utilizaron para tratar de impedir que o goberno de Valencia recuperase o hospital de Alzira para o sistema público de saúde”.

Subliña que a reversión do hospital de Alzira ai sistema público foi posible porque se adoptou a decisións política de defender unha sanidade pública “sen negocios nin mordidas”. Lembra que os postos de traballo se garantiron neste hospital porque no ano 2017 o goberno da Generalitat aprobou, mediante a Lei de acompañamento dos orzamentos as medidas referidas ao Persoal, tal e como se recolle no Diario Oficial da Generalitat, de 30 de decembro de 2017, no que especifica que “o persoal afectado seguirá no seu postos en condicións de persoal a extinguir, desempeñando as súas tarefas con idénticas condicións do persoal laboral”.

Non é persoal estatutario

Por iso, a CIG-Saúde considera que quen afirma que o persoal de POVISA pasará a ser estatutario “mente”. De feito, sinala que coa lei de acompañamento dos orzamentos de 2018 da Generalitat, especifícase que “a adquisición por este persoal da condición plena de estatutario só se poderá facer mediante a superación dos procesos normativizados”.

O que si especifica á CIG-Saúde é que a recuperación do hospital de Alzira posibilitou o medre do cadro de persoal e que “as prazas novas creadas xa son de persoal estatutario, seleccionado mediante procesos públicos”.

Recuperar POVISA, unha oportunidade

Diante disto, a CIG-Saúde considera que non se pode perder a oportunidade de que POVISA sexa público porque así garantiríase a prestación sanitaria a toda a poboación da área de Vigo desde o sistema público. Favoreceríase o desenvolvemento desta área sanitaria sen estar ao servizo dos intereses privados. Poderíanse manter os actuais postos de traballo, como persoal laboral xa existentes e posibilitaríase a creación de novos postos de traballo, como persoal estatutario, para adaptar a ratio profesional/doente que permita unha sanidade de calidade sen explotación”.

CIG Informa

CIG-Saúde reclama que o SERGAS adquira Povisa para garantir atención sanitaria pública a toda a área de Vigo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Poría ao dispor de Sanidade máis de 400 camas, unha Escola de Enfermería e instalacións preparadas

Vigo - 11 Out 2019

 

concentracion 11 outubroTraballadores/as de Povisa, representantes da CIG-Saúde e da executiva confederal da CIG, entre eles o secretario xeral, Paulo Carril, concentráronse esta mañá diante da consellaría de Sanidade para exixir ao SERGAS a adquisición de Povisa, antes de que remate o período de valoración da operación por parte da Comisión Nacional do Mercado da Competencia, polos 24 millóns que vai pagar a filial da multinacional Centene Corporation, Ribera Salud, garantindo o mantemento dos postos de traballo e o servizo sanitario público para a Área Sanitaria de Vigo.

Así o explicaba no decurso da concentración a representante da CIG no comité de empresa de POVISA, María Xesús Neira, quen cuestionou as afirmacións do conselleiro de Sanidade, en sede parlamentaria, respecto das garantías que ofrece esta empresa no relativo ao mantemento dos postos de traballo e as condicións, mais tamén respecto dos supostos investimentos que ten previsto facer a multinacional no centro hospitalario. “Seguramente si pero se vai investir en maquinaria, en modernizar o edificio e sobre todo na parte privada. Van tratar de que os privados aumenten, que é onde realmente queren meter. No que é a parte SERGAS imos seguir igual ou peor”, afirmou.

Neira cuestionou tamén que non só o PP, senón tamén o PSOE e a propia CCOO non se opoñan á venda e limiten as súas demandas a que se garanta o emprego e se negocie o convenio colectivo.

A este respecto preguntouse “onde quedan garantidos os postos de traballo e a negociación do noso convenio colectivo. Centene ten cartos, vai investir, pero non nos traballadores, vai investir no seu negocio. E vai apretarlle as porcas ao SERGAS co novo concerto e o van facer porque eles son poderosos e nos van poñer a nós enriba da mesa como moeda de cambio e vai ser así e irán despedindo ao persoal e metendo aquela xente que nun principio non lle causen problemas nin lle fagan fronte. Iso é o que vai pasar en Povisa, vaia a haber despedimentos, témolo claro”.

Neste sentido, Manuel Moreira, da CIG-Saúde de Vigo, advertiu que non só se van utilizar ás traballadoras e traballadores como moeda de cambio, senón tamén “ás 137.000 persoas que están sendo atendidas con cartos públicos e para as que non hai unha alternativa para darlle asistencia sanitaria, porque o PP, nos sucesivos gobernos á fronte da Xunta de Galiza, xa planificou o sistema sanitario para condicionalo a este modelo de cara á privatización. Isto vai obrigar ao SERGAS a negociar con eles”.

Para Moreira esta “forte ameaza” debería ser aproveitada como “unha oportunidade” para recuperar POVISA, “un hospital con máis de 400 camas, unha escola de enfermería, unhas instalacións preparadas”, por 24 millóns. “Podemos xestionalo nós, por primeira vez na área de Vigo, e deixamos así de ser prisioneiros de POVISA que nos condicionou, desprendéndonos dun parásito que cos cartos públicos incrementa o seu negocio privado. Gastemos os cartos dentro da casa, xestionémolos nós porque a resposta para Vigo non poden ser parches”.

Ribera Salud vinculado á corrupción en Valencia

Xunto a isto a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denunciou a vinculación de Ribera Salud coa corrupción en Valencia. Lembrou que xestionaba o hospital de Alzira e que tivo que ser revertido á sanidade pública polas reiteradas denuncias que tivo, e insinuou intereses escuros, afirmando que “Ribera Salud apareceu da man do propio Partido Popular”.

Abuín lembrou ademais, que os sindicatos en Valencia tampouco se sumaron á demanda de que o hospital de Alzira fora asumido polo sistema público de saúde da comunidade o que mesmo obrigou ás traballadoras e traballadores a constituírse nun sindicato propio para poder canalizar as súas demandas.

CIG-Saúde exixe que a Xunta recupere POVISA para a Sanidade Pública en lugar de permitir a súa venda

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Denuncia que Ribera Salud está implicada nas “mordidas” en Valencia e que alí se recuperaron os hospitais

Nacional - 04 Out 2019

 

imaxe Povisa

A CIG-Saúde denuncia a operación de venda do hospital de POVISA e exixe que sexa a Xunta de Galiza quen o adquira, para que sexa público, polos 24 millóns de € que vai pagar a filial da norteamericana Centene Corporation, Ribera Salud. “O SERGAS destina anualmente 90 millóns a POVISA nun convenio coa Xunta para dar prestación a máis de 137.000 usuarios e usuarias da área sanitaria de Vigo, polo tanto non se pode deixar en mans dunha empresa privada cuestionada polo traballo que ten desenvolvido no hospital de Alcira”, afirma a secretaria nacional, María Xosé Abuín.

A CIG-Saúde lembra que o hospital de Alzira, na Comunitat Valenciana, foi revertida ao público en Valencia tras denunciarse numerosas irregularidades nas que estaba implicada Ribera Salud. Entre outras cuestións, sinala que foi denunciada en 2015 porque levaba sen presentar as súas contas anuais desde 2008; por adebedar cartos á Generalitat Valenciana; por acumular miles e miles de euros en facturas sen pagar ou por sobrecustos na facturación de Urxencias de até 2,6 millóns de euros.

“Mesmo se investigou se cobraba comisións por próteses pagadas con cartos públicos e está implicada no caso das “mordidas”, tras constatarse que triplicara os seus beneficios e até foi investigada por Facenda. Toda unha serie de irregularidades que levaron finalmente á que se recuperara para o sector público en Valencia mais á que agora se lle abre a porta ao negocio da saúde en Galiza”, afirma Abuín.

Explicacións de Feijóo

Para a CIG-Saúde o que está ocorrendo con POVISA “é intolerable”. Por iso ademais de solicitar unha reunión co conselleiro de Sanidade, demanda que o propio Presidente da Xunta dea explicacións. “Ten que dicir por que o goberno galego deixa marchar a POVISA por 24 millóns de euros cando estamos falando de que atende a 137.000 persoas da área sanitaria de Vigo investindo 90 millóns de euros do erario público cada ano”.

A CIG-Saúde desconfía ademais de toda a operación e moito se teme que todo o que vén ocorrendo arredor de POVISA, desde hai un ano, desde o preconcurso de acredores até a mellora do convenio asistencial, co que se incrementou a partida do concerto porque, supostamente, non tiña recursos abondo, era “para facela máis atractiva facilitando as cousas para o desembarco desta empresa”. Por iso apunta á consellaría de Sanidade como “coñecedora e cómplice” de todo este asunto.

Abuín sinala ademais que “aínda que agora digan que van garantir os postos de traballo, a CIG-Saúde sospeita que isto sexa de inicio”. Alerta de que Ribera Salud foi denunciada por non manter as ratios de profesionais necesarios/as por número de doentes para garantir a calidade asistencial e acusa ao goberno galego pola súa “desidia, cando estamos falando de xogar a vender a saúde das persoas”.

Ademais, a CIG-Saúde moito se teme que esta sexa só a primeira pata que Ribera Salúd pon na sanidade galega, porque “xa corren rumores de que ademais pretende facerse co accionariado da UTE que é propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro”.

Por iso denuncia que “se Feijóo permite esta operación estará poñendo en mans da sanidade privada toda a asistencia sanitaria da área de Vigo, unha área xa castigada polos recortes, polas listas de agarda e polo modelo de privatización do Álvaro Cunqueiro, algo que para a CIG-Saúde é inadmisible”.

Convenio colectivo sanidade privada de A Coruña

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cig informa

Hoxe vén de publicarse no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña o convenio colectivo do sector de  "Establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicos" da provincia de A Coruña.

Descarga PDF

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto