Noticias Política Sanitaria
 
 

A CIG-Saúde considera que a ACIS non aclara as cuestións “opacas” da convocatoria “Código Camiño”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Dirixirase ao Consello de Dirección da consellaría de Sanidade para que explique como foi o proceso de selección

A CIG-Saúde vén de recibir resposta a toda unha serie de cuestións referidas á convocatoria da Axencia Galega do Coñecemento (ACIS) “Código Camiño”. Unha información solicitada logo de recibir motivadas queixas de persoas que concorreron á mesma e denunciaron a opacidade dos criterios de selección deste proxecto financiado con fondos públicos. “A ACIS non aclara esas cuestións opacas, o que nos obriga a requirir de novo explicacións respecto de como se desenvolveu este proceso”.

En concreto, a CIG-Saúde demanda a identificación nominal das persoas que formaron parte do grupo de expertos do SERGAS para seleccionar aos candidatos e candidatas, os criterios de selección e unha copia das actas das reunións nas que se tomaron as decisións ao respecto.

Diante do escrito de resposta remitido pola ACIS, María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, manifesta a súa sorpresa no referido ao grupo de expertos que realizou a selección dos candidatos/as. “Está composto, non por persoal do SERGAS de recoñecido prestixio, senón polos directores de área da propia axencia, dos cales só un é médico especialista”.

Para Abuín isto “podería implicar unha certa falta de imparcialidade, xa que na traxectoria do SERGAS e da consellaría de Sanidade cando se fala de expertos refírese a profesionais do sistema e non a persoas con cargos de alta dirección”.

Segundo explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, no que respecta aos criterios de selección, a ACIS responde relatando cales foron, pero sen entrar a explicar cal foi a avaliación dos mesmos e tampouco aclara as razóns polas que se acordou ampliar o prazo de presentación de propostas.

Canto á copia das actas, estas non se proporcionan e o único que se recolle na resposta remitida pola axencia é que se tratou nos grupos de traballo do Plan de Innovación Código 100 e que se presentou no Consello de Dirección da consellaría de Sanidade á cal a CIG-Saúde xa anuncia que se dirixirá para recibir toda a información requirida.

A noticia en Avantar

Conferencia de Presidentes, o que vai pedir Feijóo "con toda a humildade"

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 DSC0220O vindeiro 17 de xaneiro está convada unha Conferencia de Presidentes, ese "ente" onde se reunen as persoas presidentas das distintas "comunidades autónomas" do estado español xunto co Presidente do Goberno e o rei. Algo así como unha festa que pagamos todas e todos.

O caso é que desde o goberno da Xunta, o Presidente Feijóo e algúns dos seus Conselleiros levan uns días anunciando o que van pedir nesa Conferencia de Presidentes ("con toda a humildade" como expresou o Conselleiro de Política Social). Entre esas peticións anuncian que proporán un pacto sobre demografía, para facer acorde o financiamento para políticas de dependencia e sanidade. Todo moi bonito sobre o papel e de cara á galería, mais... que fai este goberno por mellorar a calidade de vida das persoas dependentes e das súas coidadoras? Que fixo este goberno con respecto á Sanidade Pública senón desmantelala? Piden cambios para mellorar o financiamento da sanidade e depois dedícano a concertos e privatizacións?

Señor Feijóo, se de verdade busca unha Sanidade Pública de calidade, empece por coidar o persoal que presta o servizo e por recuperar todos os postos de traballos perdidos. Só co número de persoal axeitado se pode ofrecer un servizo público de calidade. Así que, ademais de "pedir con toda a humildade" un acordo sobre demografía para mellorar o financiamento para dependencia e sanidade, debería vostede reclamar "con toda a contundencia" a eliminación da taxa de reposición e do seu cómputo desde 2009, para que dunha vez por todas se poidan recuperar as perto de 3000 prazas de persoal público que deixaron de prestar servizos e, polo tanto, afectaron gravemente á asistencia sanitaria que se presta desde a Sanidade Pública.

 

Orzamentos 2017: a realidade virtual do PP e do Sr. Feijóo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Coma noutros anos por estas datas o goberno empeza a falar das melloras que imos ter tras da aprobación da Lei de Orzamentos do ano 2017, melloras que non se corresponden coa situación real.

Asegura o Presidente da Xunta que a partir do 1 de xaneiro do 2017 as/os traballadoras /es públicas/os imos recuperar as retribucións que nos quitaron, mais qué di a Lei de orzamentos? Que desde o 1 de xaneiro de 2017, cada día, as/os traballadoras/es públicas/os imos recuperar a retribución correspondente a 1/180 do complemento específico. Que se pagará nas extras de xullo e decembro.

As pagas extras van a seguir incompletas, cunha perda importante nas retribucións, xa que non se recupera o recorte salarial efectuado no ano 2010. Que se traduce nisto:

PERDA RETRIBUTIVA PAGA EXTRA, que se consolida nos Orzamentos 2017

Recorte salarial en soldo base, trienios e complemento de destino

GRUPO A1

-46.3% de diferenza coa paga extra completa

GRUPO A2

-32.8% de diferenza coa paga estra completa

GRUPO C1

-17% de diferenza coa paga extra completa

GRUPO C2

-1.3% de diferenza coa paga extra completa

              

OUTROS RECORTES QUE SEGUE A RECOLLER A LEI DE ORZAMENTOS 2017:

Penalización retributiva en situación de Incapacidade Temporal (I.T.)

Esiximos a recuperación do 100% do salario cando estamos enfermas/os. Se hai recuperación económica por que seguen impoñendo un imposto á enfermidade?

Mantense a conxelación da carreira profesional e demais acordos retributivos

O goberno do PP négase a negociar a carreira profesional. Non queren desconxelar os acordos retributivos 2008/12, nin os acordos de Atención Primaria.

Segue a existir a Taxa de Reposición

Están á espera do que lles ordenen desde Madrid. Se o SERGAS é o responsable da asistencia sanitaria, que sentido ten que Madrid lle ordene o cadro de persoal?

Estes non son os orzamentos da recuperación económica, seguen a ser os orzamentos dos recortes e da precariedade laboral

A CIG-Saúde pide xustificación ao Sergas polos gastos solicitados pola Axencia de Coñecemento en Saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Pretende facer gastos de preto de 420.000€ para adaptar unhas dependencias que foron recentemente remodeladas
 
A CIG-Saúde tivo coñecemento de que a Axencia Galega en Saúde vén de solicitar un informe para “Gastos de acondicionamento dependencias ACIS e dotación de equipamento informático e mobiliario”. Considera que se trata dun gasto inxustificado xa que a súa actividade se desenvolve na sede do FEGAS, onde as dependencias están perfectamente acondicionadas e xa contan con equipamento informático e mobiliario.

Segundo soubo a CIG-Saúde a Axencia para a Xestión do Coñecemento en Saúde solicitou a apertura dun novo proxecto de gasto de 125.000 euros para a adquisición de equipamento para procesos de información; de 140.380 euros para adquisición de mobiliario e de 154.232,65 euros para acondicionamento de espazos.

Un gasto total de 419.612,65 euros para adaptar unhas dependencias que a CIG-Saúde lembra que recentemente xa foron remodeladas e que contan con mobiliario e equipos informáticos axeitados para desenvolver o traballo.

Por iso a CIG-Saúde demanda do Sergas que explique se vai permitir este gasto, se vai estar dentro da estabilidade orzamentaria e se esta é unha das prioridades ou obxectivos polo que se creou a Axencia do Coñecemento en Saúde.

“Salas de celebración de aniversarios”

A CIG-Saúde xa denunciou en marzo deste ano o gasto de 169.400 euros procedentes, nun 80%, de Fondos FEDER para a creación de sete espazos para innovación sanitaria -que está agora integrada na Axencia Galega do Coñecemento en Saúde- coñecidos entre o persoal como “salas de festas de aniversario” pola seu deseño e “nula” utilidade.

Diante disto, a CIG-Saúde denunciou o mal uso destes fondos por parte da consellaría de Sanidade e reclamou que os cartos públicos dedicados ao desenvolvemento da investigación e da innovación, se utilicen correctamente “e para o que están previstos, tendo en conta a opinión dos profesionais do sistema e as prioridades que estes marcan e non as iluminadas das persoas que a consellaría de Sanidade ten en postos de libre designación, que semellan máis interesados en favorecer negocios que na asistencia sanitaria e no seu desenvolvemento”.

A noticia en Avantar

A CIG-Saúde denuncia os cambios introducidos nos Comités de Ética

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O borrador propón o control dos Comités de Ética polas Xerencias e, por extensión, pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria
O goberno do PP quere publicar un Decreto para regular os Comités de Ética Asistencial en Galiza para convertelos en órganos da administración cando até o de agora eran independentes de calquera organismo institucional. A CIG-Saúde denuncia que estas modificacións foron introducidas sen a consulta previa ás organizacións sindicais e alerta de que isto vai provocar a “desprotección total das e dos doentes e dos seus dereitos”.
12-05-15 concentración CIG-Saúde

Malia non ter recibido o borrador do Decreto, esquecendo así a consellaría de Sanidade o papel das organizacións sindicais no referido a asistencia sanitaria, a CIG-Saúde remitiu igualmente –hoxe mesmo- unha serie de alegacións ao mesmo lembrando que os comités de ética son organismos independentes de calquera órgano institucional.

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde salienta que entre esas alegacións a CIG-Saúde alerta de que do borrador “se desprende unha confusión” no que deben ser os comités de ética e o seu carácter participativo e mediador “en referencia aos dereitos das persoas como núcleo da súa dignidade”.

Abuín afirma que a súa conformación e funcionamento teñen que “afastarse da influencia dos órganos executivos da administración para poder cumprir a súa misión: orientar desde os valores compartidos os conflitos que poidan producirse na actuación asistencial, sexa institucional ou individual”. Entende que por iso “as/os dirixentes das institucións non deben formar parte dos comités de ética”.

Ademais, para a CIG-Saúde, se a pretensión fose mellorar a coordinación entre o comité de ética e a xerencia, “o mellor método sería establecer xuntanzas periódicas e dotalos dos medios necesarios para o seu funcionamento”.

O texto proposto permite, porén, o control dos Comités de Ética polas xerencias e, por extensión, pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria. Por iso a CIG-Saúde lembra á administración que “existe o dereito individual a formar parte dos comités de ética, que inscriben a súa actividade nese complexo proceso en curso, impulsado na actualidade pola UNESCO, de construción dunha ética compartida baseada nos valores universais expresados na Resolución dos dereitos Humanos de 1984”.

A isto engade que non se recolle axeitadamente, no anteproxecto,  a ineludíbel condición dunha composición paritaria destes organismos.

Funcións

A respecto das funcións, a CIG-Saúde demanda que se recupere a mesma redacción que ten o actual decreto polo que se regula a creación e autorización dos Comités de Ética Asistencial. Entende que coa nova, “parece que se queren limitar as cuestións que puideran asumir os Comités de Ética e deixa fóra a protección dos dereitos das/os doentes”.

Ademais propón tamén recuperar entre as funcións destes comités “asesorar e emitir informes sobre as cuestións éticas relacionadas coa práctica clínica, que se produzan nas institucións sanitarias, co fina de mellorar a asistencia sanitaria”.

Xunto a isto, a CIG-Saúde entende que os directivos non deben formar parte dos CEA, garantir procesos de selección públicos e transparentes e a presenza de persoal non sanitario. Xunto a isto considera que como referencia fundamental das súas funcións debe ter a protección dos dereitos das/os doentes.

Ademais entende que, de ser necesario, os informes serán remitidos á Inspección Sanitaria, quen accederá mediante procedementos específicos e“en ningún caso serán remitidos á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria”, conclúe.

A noticia en Avantar

CIG-Saúde pregunta ao Conselleiro como pensa conxugar o peche de camas co plan de redución das listas de agarda

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Vimos de saber a trav20160606 escrito listas de esperaés de distintos medios de comunicación, que a Consellaría de Sanidade vai por en marcha un Plan de Redución das listas de espera e realmente levamos unha sorpresa. Porque se inda non hai unha semana denunciabamos o masivo peche de camas que vai ter lugar este verán, agora preguntámonos como se conxuga isto coa redución das listas de agarda. E as contas non nos dan máis que para seguir afondando na privatización da Sanidade Pública.

Desde a CIG-Saúde vimos de remitir este escrito (preme na imaxe para ampliar) ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, para ver se é quen de aclararnos as dúbidas que nos xurden con respecto a esta cuestión:

 

  1. En que horario se vai realizar a actividade extra coa que pensan reducir as listas de espera?
  2. A que especialidades afectará?
  3. Esa actividade extra, vaise realizar como xornada extra de tarde (peonadas), e polo tanto, co cadro de persoal existente, ou vaise proceder a nova contratación?
  4. Que mecanismos de control se van establecer sobre a actividade ordinaria?
  5. A prioridade vai ser realizar esta actividade na sanidade pública, ou pola contra priorizarán a sanidade concertada?
  6. Esta medida vaise por en funcionamento en todas as áreas sanitarias?

Agardamos as aclaracións do Conselleiro, inda que moito nos tememos que non van ser satisfactorias...

 

Nova denuncia sobre GALARIA, e a súa integración funcional na EOXI de Vigo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Denuncia que “Sanidade reinventa as súas fórmulas de xestión para manter os chiringuitos e acólitos con contratos de alta dirección”

CIG-Saúde considera un “despropósito” a integración funcional da resonancia de Galaria no servizo de radioloxía do CHUVI

Compostela, 31 de maio de 2016.- A CIG-Saúde considera que a pretensión da consellaría de Sanidade de proceder á integración funcional da resonancia de Galaria no servizo de radioloxía do CHUVI é “un despropósito”. Entende ademais que deste xeito, Sanidade “reiventa as súas fórmulas de xestión” co obxectivo de “manter estes chiringuitos” e “aos seus acólitos con contratos de alta dirección”·

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, explica que en xuño de 2015, tras pasar pola Mesa Sectorial do SERGAS, publicouse o Decreto 88/2015, do 25 de xuño polo que se integra no Servizo Galego de Saúde determinadas unidades de Galaria, empresa pública de servizos sanitarios.

Esta integración faise en cumprimento da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para a reordenación das entidades instrumentais na ámbito sanitario.

De acordo con esta reordenación procédese á integración de cirurxía cardíaca e cardioloxía intervencionista no CHUVI, así como o seu persoal, que pasa a prestar os seus servizos na estrutura organizativa de xestión integrada (EOXI) de Vigo.

Daquela a administración defendía a importancia desa integración funcional e orgánica baixo a mesma estrutura que o resto dos servizos cos cales manteñen unha interdependencia para a perfecta atención integral dos e das doentes, subliñando a importancia de que esta integración de recursos, no novo hospital de Vigo, estea baixo a mesma organización administrativa que o resto das unidades coas cales comparten asistencia.

O compromiso da administración, naquel intre, era que en base á propia normativa de área de xestión integrada todos os recursos asistencias da Área de Vigo integraríanse baixo a dirección desta EOXI. “Non logramos entender que ocorreu entre xuño e agora para que a integración da resonancia e do resto de servizos de radioloxía e medicina nuclear de Galaria non teñan o mesmo procedemento de integración na EOXI de Vigo que no seu día tivo cirurxía cardíaca e cardioloxía intervencionista”.

Para Abuín isto responde á “incoherencia desta administración, que defende no plano teórico a xestión integrada, a xestión clínica, mais cando teñen que tomar decisións de integración de recursos pesa máis seguir a manter os seus chiringuitos”.

A CIG-Saúde solicita da consellaría de Sanidade que realice o mesmo procedemento de integración para todos os servizos asistencias que hoxe dependen de Galaria na EOXI de Vigo regulados no decreto 88/2015 do 25 de xuño. “Que sentido ten manter nunha área sanitaria dúas estruturas directivas para xestionar o mesmo servizo?”, pregúntase María Xosé Abuín, quen afirma que “manter isto crea disfuncións no normal funcionamento dos servizos, e para solucionalo van crear unha comisión directiva de coordinación entre ambos”.

A CIG-Saúde exixe a disolución de Galaria e a integración de todos os servizos sanitarios no complexo hospitalario de referencia, máxime cando o propio Xerente do SERGAS recoñece que os equipamentos que utiliza Galaria son propiedade do SERGAS e as probas diagnosticas quen as fai é persoal estatutario. Galaria só é unha intermediaria que factura ao SERGAS por estes servizos.

Gabinete de Comunicación

Confederación Intersindical Galega

Despois da nosa denuncia contesta o Xerente do SERGAS, na prensa nacional o seguinte:

O Xerente do SERGAS xustificou a continuidade da Dirección Técnica pola actividade das RM móbiles, que fan ao ano entre 15000 e 16000 estudios (dunha cifra global de 40000) e dan servizo a hospitais comarcais de toda a comunidade autónoma: " Un técnico que vai na móbil, nun momento dado, pode ter que ser substituído por outro que está habitualmente cos equipos fixos".

No obstante, Fernández-Campa matizou que o modelo de radioloxía non está cerrado porque pode cambiar no futuro debido á superespecialización: " Ó mellor os radiólogos acaban informando independentemente de onde estean os equipos. Co plan do Ictus que estamos desenvolvendo, por exemplo, vaise informar a imaxe dende hospitais de terceiro nivel a outros hospitais".

Se con estas palabras pretendeu tranquilizar á CIG e máis á poboación, o que conseguiu no noso caso e que se incremente o noso nivel de alarma e levarnos aos tempos nos que se pretendeu deixar aos hospitais comarcais sen gardas de radioloxía. Moito nos tememos que haxa que dar unha dura batalla no futuro.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto