Noticias Política Sanitaria
 
 

O PP rexeita defender os principios básicos da sanidade pública votando en contra dunha Iniciativa Lexislativa Popular

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Plataforma SOS Sanidade Pública presentou unha proposta no Parlamento galego para que se garanta o carácter universal e gratuíto do sistema
.
O Partido Popular deixou pasar hoxe unha nova oportunidade de comprometerse coa defensa dos principios da sanidade pública ao votar en contra da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada na Cámara galega pola Plataforma SOS Sanidade Pública. O colectivo tamén convocou unha concentración cidadá ás portas do edificio en defensa da universalidade e gratuidade do sistema sanitario.
12-12-17 SOS 001

Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública -integrada por organizacións veciñais, sindicais, de usuarios, profesionais sanitarios, ONG's, partidos políticos, Concellos, etc- denuncian que o PP rexeitou a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada hoxe no Parlamento galego coa intención de “deter a política de recortes e privatizacións da sanidade pública galega impulsada pola actual Xunta e para garantir o dereito constitucional á saúde dos galegos/as”.

O desprezo á proposta por parte da formación conservadora foi tal que incluso quedou en evidencia durante o debate, tal e como critican dende SOS Sanidade Pública: "o presidente da Xunta non estivo, a conselleira de Sanidade chegou cando xa rematara a intervención, a presidenta do Parlamento pasou a maior parte do tempo falando por teléfono, e Balseiro, o secretario da mesa, lendo o xornal".

Con esta Proposición de Lei pretendían garantir a xestión pública directa dos centros sanitarios, a potenciación da Atención Primaria e a promoción de saúde como alternativa á crise e as áreas sanitarias como espazo para a planificación e a xestión dos recursos.

Durante catro meses -lembran dende o colectivo- as Plataformas Galegas que integran SOS Sanidade Pública, xunto con outras organizacións como ONG's e o 15-M, desenvolveron actividades de información, debate e mobilización social recollendo firmas en todas as áreas sanitarias do país. As sinaturas alcanzaron a cifra de 30.000, moitas máis das 15.000 esixidas.

Os puntos da ILP son: 

1.- A defensa do carácter público da sanidade como garantía do dereito á saúde de todos os galegos. 

2.- A xestión pública e directa dos servizos sanitarios e o rexeitamento ás formas de financiamento e xestión privada introducidas pola Xunta de Galicia. 

3.- A necesidade de incrementar a capacidade resolutiva da Atención Primaria mellorando os seus recursos e o acceso ás tecnoloxías diagnósticas, como base dun sistema sanitario accesible, equitativo e eficiente.

4.- Mantemento do modelo descentralizado do sistema sanitario galego a través das áreas sanitarias, como espazos para a planificación, asignación e xestión integral dos recursos en base ás necesidades sanitarias da poboación e coa súa participación activa.

A nova en Avantar

Documentos
Consulta o texto completo da ILP.

CIG-Saúde exixe á Xunta que recoñeza o dereito universal á prestación sanitaria atendendo á sentenza do Constitucional

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Solicita do goberno galego que inste ao goberno central a derrogar o RD Lei 16/2012 de 28 de maio
.
CIG-Saúde congratúlase pola sentenza que vén de emitir o Tribunal Constitucional avalando o dereito á atención sanitaria dos estranxeiros non comunitarios sen os papeis en regra. Esta sentenza vén de lembrar o que se recolle no artigo 1 da Lei 14/1986 de 25 de abril da Lei Xeral de Sanidade que estaba baseada no artigo 43 da Constitución e demais artigos relativos. Unha Lei que contempla, no artigo 1, que son titulares do dereito á protección da saúde e atención sanitaria todas/os as/os cidadáns, incluídos os estranxeiros que teñan estabelecida a súa residencia no estado español.
11-12-21 SOS Sanidade Publica 027

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que este apartado foi desenvolvido despois polo Real Decreto 1682/1987 que afianzaba a universalidade da prestación sanitaria, lembrando que esta debía de ter unha acción protectora pola acción tardía da incorporación ao mundo laboral e pola incidencia da crise económica. “É un texto vixente e de plena actualidade na crise actual”, subliña.

CIG-Saúde denuncia que o goberno do PP, no ano 2012, provocou un importante retroceso coa publicación do RD Lei de Medidas Urxentes para garantir a sostibilidade da sistema sanitario coa anulación da prestación ás persoas estranxeiras e aos menores de 26 anos, eliminando o dereito universal á prestación sanitaria recollida na lei de sanidade ao introduciren un artigo que vincula a prestación sanitaria á condición de asegurado e declarando que só se garantirá a prestación sanitaria ás persoas que teñan a condición de asegurado. Isto alén de matizar que as persoas que non teñan esa condición poderán obter a prestación de asistencia sanitaria mediante o pagamento da correspondente prestación.

Tendo en conta esta sentenza, a CIG-Saúde exixe ao goberno galego que exerza as súas competencias e aplique a legalidade en materia de prestación, instando ademais ao goberno central a eliminar o decreto. Nomeadamente no referido á vinculación da prestación á condición de asegurado/a.

María Xosé Abuín sinala que a CIG-Saúde, tal e como se recolle na sentenza, vén denunciando que estas medidas van contribuír a incrementar os problemas de saúde pública porque “non se vai facer unha promoción da saúde e prevención da enfermidade nin o persoal vai poder acceder á prestación sanitaria se non ten suficiente solvencia económica. Só se poderá acceder aos tratamentos curativos en función da súa renda económica”.

A nova en Avantar.

CIG-Saúde denuncia que as medidas de (re)pago anunciadas exclúen ás persoas máis enfermas e con menos recursos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
María Xosé Abuín asegura que “é nazismo” cebarse cos colectivos máis desfavorecidos, cos que padecen enfermidades crónicas ou con quen teñen patoloxías máis graves
.
O goberno de Mariano Rajoy vén publicando, nas últimas semanas, toda unha serie de ordes ou borradores de ordes, que introducen medidas de recorte nas prestacións sanitarias, desde o (re)pago no transporte sanitario, ortopróteses ou produtos dietéticos, até o aumento do número de medicamentos excluídos ou o pagamente daqueles que son de uso hospitalario para doentes que seguen o tratamento no seu domicilio. A CIG-Saúde denuncia que se trata dun imposto á enfermidade, e que “o PP cébase con aqueles colectivos máis desfavorecidos, máis enfermos, con patoloxías máis graves e con menos recursos”.
Ruina da sanidade publica

A CIG-Saúde asegura que estes borradores contarán co respaldo, no Consello Interterritorial de Saúde, das comunidades autónomas gobernadas polo PP.  Lembra que xa advertiu dos recortes que se introducirían no proceso de desenvolvemento do RD Lei de Medidas Urxentes para Garantir a Sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde e denuncia o alcance que teñen estes recortes nas prestacións sanitarias. María Xosé Abuín, secretaria nacional, afirma que terán como consecuencia “a exclusión das persoas que se atopan, precisamente, en peores condicións”.

Abuín subliña que non se trata de co-pago, senón de re-pago, porque a sanidade xa se financia mediante os impostos e alerta da barreira que se está a erguer ao dificultaren que as persoas con menos ingresos poidan acceder ás prestacións sanitarias. Neste sentido asegura que "mentres se segue a sangrar ás persoas que pagan os impostos, favorécense amnistías fiscais e, lonxe de fomentar o labor de inspección da Axencia Tributaria, para que persigan a debedores e defraudadores, redúcese o número de inspectores/as. Unha situación especialmente grave cando estamos perante unha crise de ingresos e non de gastos".

Denuncia que a introdución do (re)pago naqueles medicamentos de uso hospitalario para enfermos que seguen o seu tratamento en domicilio en casos como a hepatite C, que é unha enfermidade moi grave e infecciosa, ou en casos de cancro terá graves consecuencias. “Dificultan o acceso aos medicamentos para aquelas persoas que teñan unha renda económica que non llo permita”, afirma, engadindo que o que están é “eliminando o dereito á prestación sanitaria, universal, gratuíta e rachando coa equidade no acceso á sanidade, porque só vai poder acceder quen teñan cartos”.

Xunto a isto advirte que estas medidas non van quedar aí, “virán máis, como os cribados de mamografía..., porque o decreto é moito máis amplo e aínda falta saber o que vai pasar coas carteiras de servizos... é o inicio da reforma sanitaria”.

Ante isto, conclúe que “isto si que é nazismo. É unha exclusión social en toda regra das persoas máis enfermas, con menos rendas e con enfermidades máis dolorosas. Cébanse con aqueles colectivos máis desfavorecidos, con patoloxías máis graves e con menos recursos”.

A nova en Avantar

Privatización do mantemento de aparatos do SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CONSELLARÍA DE SANIDADE, DANDO CUMPRIMENTO Á SÚA POLÍTICA DE TRANSPARENCIA, PUBLICA AS OFERTAS DE PRIVATIZACIÓN NO DIARIO OFICIAL DA UNIÓN EUROPEA.

É QUE XA NON EXISTE O DOG? OU É QUE SE DESPISTARON CON ESTA PÚBLICACIÓN?

Datos extraídos da páxina do SERGAS, literalmente:

cadro

 

O pasado 14 de novembro, en plena campaña electoral das eleccións autonómica galegas, o SERGAS publicou no Diario Oficial da Unión Europea , unha oferta para privatizar o servizo de mantemento da sanidade pública Galega.

O goberno Galego e a Consellaría de Sanidade, fieis á súa política de transparencia, publican o anuncio no Diario Europeo (DOUE), mentres que dun xeito intencionado (e sibilino) non o publican no DOG.

Desapareceu o DOG? Ou é que non era politicamente correcto publicar o anuncio dunha privatización durante a campaña electoral?

Desde CIG-SAÚDE  esiximos :

·         Que  non se adxudique este servizo a ningunha empresa.

·         Que se manteña o servizo de mantemento dentro do sistema público, con persoal estatutario.

·         Que se dote dos recursos necesarios para poder desenvolver un traballo de calidade.

·         Que a formación continuada das/os traballadoras/es  sexa real, e adecuada ás necesidades dos servizo.


Non imos consentir que desmantelen o sistema sanitario público.

Agora empezan polo persoal non sanitario, seguirán polo persoal sanitario até que a sanidade sexa un negocio en mans das empresas privadas dos seus acólitos.

 

MOBILÍZATE!!!

Descarga e difunde!

Apróbanse as tarifas aplicábeis aos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do SERGAS e nas fundacións

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG-Saúde denuncia que é a consecuencia da publicación do RD Lei 16 /2012 polo que o goberno do PP anulou ou eliminou o dereito universal á sanidade pública e gratuíta

O DOG deste mércores, publica o decreto 221/2012, do 31 de outubro, polo que se fixan as tarifas aplicábeis a doentes que non sexan beneficiarios/as da Seguridade Social, así como naqueles casos en que, sendo beneficiarios, exista un terceiro obrigado ao pagamento que deba asumir o gasto sanitario. O decreto abre tamén a posibilidade de “repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por eles como consecuencia do uso irresponsábel das prestacións asistenciais do sistema público de saúde de Galiza” e estabelece ademais que o transporte sanitario será “pola conta directa do paciente”. Entra en vigor este xoves.
20100217enterroIX

A CIG-Saúde denuncia que o decreto publicado este mércores no DOG, é consecuencia da publicación do RD Lei 16 /2012 polo que o goberno do PP anulou ou eliminou o dereito universal á sanidade pública e gratuíta recollido na Lei Xeral de Sanidade e na Constitución. “Aí estabeleceu as carteiras básicas de servizos e as contías que han pagar aquelas persoas que non teñen dereito á prestación. Limita o dereito á sanidade ás persoas que teñan recoñecido que son “aseguradas” e que, polo tanto estean de alta no INSS” afirma a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

A alarma social que provocou a publicación dese decreto, polas consecuencias que tiña, obrigou ao goberno a garantir a cobertura sanitaria para outros colectivos que inicialmente quedaban excluídos. Porén, Abuín alerta que iso “nunca se chegou a publicar e, de futuro, estas poden ser as tarifas que se apliquen a quen non estea de alta na seguridade social”.

O decreto publicado polo SERGAS tamén inclúe as tarifas do transporte sanitario –ambulancias- e recolle, literalmente que “será pola conta directa do paciente”, en caso de que se faga con medios propios do Servizo Galego de Saúde ou das fundacións públicas sanitarias, facturándose en función de se é urbano ou interurbano e computando a distancia desde a localidade de orixe do traslado á localidade de destino.

A este respecto, Abuín sinala que no último Consello Interterritorial non se atreveron a tomar unha decisión ao respecto, porque estaban a piques de celebrarase as eleccións, o mesmo que ocorreu coas mamografías, ou se se cobraría ou non a doentes que tiveran que ir a diálise ou a oncoloxía. “As tarifas xa están aí e unha vez que o Consello Interterritorial decida que doentes van ter que pagar terán todo preparado”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra ademais que, por exemplo, no Hospital do Barbanza remitiron unha circular aos médicos na que se indica que só poderán ingresar nese centro ás persoas usuarias desa área sanitaria. “Se estas de vacacións nesa zona e precisas dun ingreso, como non che poden ingresar aí enviaranche ao teu centro hospitalario de referencia”. Ante iso pregúntase se será a/o doente quen teña que asumir o custo do traslado.

O DOG deste mércores tamén publica a Orde pola que se establece o procedemento para a obtención dos datos precisos para a facturación a terceiros/as obrigados/as ao pagamento das prestacións asistenciais do Sistema público de saúde de Galicia, e para a repercusión dos gastos ocasionados por uso irresponsable. Porén, non especifica que se considera “uso irresponsábel”, nin quen ou como se debe acreditar que efectivamente se deu ese mal uso da sanidade pública.

Tarifas

As cantidades a pagar pola atención sanitaria son simplemente obscenas para quen o decreto excluíu do sistema. Persoas que ademais, adoitan padecer unha situación económica máis precaria.

En atención primaria, pola primeira consulta, terán que pagar 68,90 euros e en urxencias, 255,59 euros. Se se trata dunha consulta médica con probas complementarias, a primeira custará 85,56 euros. Porén, se se trata dunha consulta médica que inclúe coidados de enfermería, a contía ascende a 102,23 euros.

A tarifa por hospitalización, por día de estadía e cama ocupada, será de 526,32 euros, cantidade á que se sumarán 1.025 euros se é precisa a utilización de quirófano. Pero é que, ademais, a partir da segunda e cada vez que se utilice o quirófano para o mesmo proceso que orixinou a estadía aplicaráselle un 40% de incremento (410€).

A gravidade do proceso incrementa os prezos. Por estadía en UVI, UCI ou unidades de atención especializada, servizo de reanimación, unidade de queimados, lesionados medulares ou calquera outra que teña estabelecida o centro hospitalario, facturarase por 1.136,79 euros.

A listaxe de prezos inclúe desde estadías en psiquiatría de agudos (233,36 euros), até o prezo por hospitalización a domicilio, que é de 80,30 euros; por urxencia hospitalaria non ingresada, 359,79 euros e un cadro completo do custe de intervencións das chamadas cirurxía maior ambulatoria, que van desde os 740,88 euros dunha fractura nasal ou una reparación simple de feridas cutáneas, até os 3.484 euros por una escordadura, desgarro e luxación de cadeira, pelve e muslo; 3.250,59 euros por cirurxía do colo do útero ou 3.244,49 polo tratamento cirúrxico de tumor benigno maxilar (3.244,49 euros).

Unha mamografía cobrarase a 120,45 euros; unha amniocentese, 933,43 euros; por cada sesión de quimioterapia, 184,52 euros, importe ao que se engadirá a correspondente medicación, a prezo de custo; por radioterapia estereotáxica, para tumores e metástases, 5.841,04 euros; por transplante autólogo de médula ósea, 51.640,72 euros. Se o transplante de médula ósea é aloxénico, 70.470,75 euros; se é pulmonar, 117.136,34 euros; se é cardíaco, 107.753,25 euros; hepático, 112.769,93 euros…

Cantidades prohibitivas para quen ficou excluído/a dun sistema sanitario que outrora garantía a universalidade e que segue a se financiar, vía impostos, por todos/as os/as cidadáns.

Noticia extraída de Avantar.

Sobre a Lei de Garantías

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O goberno da Xunta de Galiza, do Partido Popular, ven de anunciar o anteproxecto de LEI de GARANTIAS DE PRESTACIÓNS SANITARIAS. Que desfeita!

Desde a Consellaría de Sanidade preténdese vender como unha norma dirixida a facilitar aos usuarios do sistema unha maior calidade na prestación e un uso máis democrático do sistema sanitario, cando o que se esconde detrás deste anteproxecto é o fracaso das políticas sanitarias levadas a cabo nestes 4 anos.

O informe presentado no Consello da Xunta está cheo de vaguidades, de falsas verdades e pon de manifesto, unha vez máis, o fracaso desta Consellaría en manter unha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade.

Desde CIG- Saúde queremos mencionar algún dos elementos perniciosos deste anteproxecto:

1)      Esta nova regulación consolida as alegacións presentadas por CIG-SAÚDE ao Plano de Ordenación de RRHH do SERGAS. Vense de confirmar que o  devandito plano non é esa ferramenta útil que ía dar resposta ás necesidades das/os traballadoras/es e as necesidades asistenciais.

Consolídase que o PORRHH (Plan de Ordenación de Recursos Humanos) só pretende eliminar emprego público e desregularizar a normativa vixente de dereitos e obrigas do persoal. A taxa de reposición do 10%, de cada 10 prazas vacantes só se cubrirá 1, pon en risco a prestación sanitaria, facendo inviable o mantemento do servizo público.

2)      Co desmantelamento do servizo público, pola falla de profesionais, a Consellaría de Sanidade será incapaz de cumprir os prazos máximos de 60 días para intervencións cirúrxicas e de 45 días nas consultas. Este obxectivo está dirixido a dar unha maior participación á sanidade privada; privatizan a sanidade pola vía indirecta.

3)      Se este Goberno se define como un defensor da sanidade pública, por qué non invirte no sistema público os orzamentos que vai a destinar a pagar na sanidade privada a concertación dos prazos máximos de espera?

4)      Con qué criterios, e qué comisión técnico-científica, decidirá as prioridades dos doentes para recorrer á sanidade privada?  Se estes criterios se deixan en maos da sanidade privada, esta (como empresa que é) atenderá patoloxías por orde de rendibilidade económica, haberá patoloxías que polo seu custe non serán atendidas na pública e moito menos na privada.

5)      O anteproxecto non explica como vai ser a libre elección de profesionais. Será dentro do seu centro de Saúde? Se é fora deste, como se vai garantir a prestación sanitaria domiciliaria? Que pasará co número máximo de tarxetas sanitarias por profesional? Será ilimitado? Estamos a falar de calidade e excelencia profesional ou só de cantidade? Que pasará cos programas de saúde das contornas, sóalle de algo isto á Consellaría de Sanidade?

6)      Libre elección de hospital; capítulo á parte. Non será que a Administración a través desta fórmula pretende seguir impulsando o desmantelamento dos hospitais comarcais e das súas áreas sanitarias? Será que con isto conseguirán distanciar a sanidade da poboación para garantir o efecto disuasorio, romper a equidade e limitar a prestación sanitaria ás persoas con menos recursos sociais, ou ás que vivan en zonas rurais.

Poderíamos seguir enumerando as dúbidas que nos presenta este anteproxecto. Non nos podemos deixar enganar coas súas falacias.

Desde CIG-SAÚDE propoñemos:

·         Que se modifique o actual PORRHH, para convertelo nunha ferramenta útil que alinee as necesidades das/os profesionais co sistema sanitario.

·         Que se dea participación real ás/aos profesionais para deseñar os programas de necesidades dos servizos.

·         Que se elabore un orzamento real que dea resposta ás necesidades do sistema sanitario.

·         Que se revise e actualice o Plan Mellora de Atención Primaria.

·         Que os hospitais funcionen con xornada ordinaria en quenda de mañá e tarde.

·         Que se elimine a taxa de reposición. Que se cubran todas as ausencias producidas nos últimos anos.

Para todo isto necesítase unha Administración responsable que poña en valor a sanidade pública e as/os seus profesionais. Que se faga unha análise real das necesidades do sistema e se dote do orzamento necesario. Que se xestione con eficacia, que se eliminen as/os xestoras/es cuxo único mérito do seu currículo é o carné político.

En definitiva, o que non necesita o sistema sanitario é un goberno que pretenda vender o sistema sanitario ao mellor postor, que por casualidades da vida sempre estrará no seu entorno ideolóxico.

A nova en Avantar.

O goberno abre a porta aos despedimentos colectivos no sector público

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

No BOE de onte publicouse a seguinte resolución:

Real Decreto 1483/2012, de 29 de outubro, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada. PDF (BOE-A-2012-13419 - 31 páxs. - 449 KB)

Nesta resolución regúlanse, no seu título III, os despedimentos colectivos do persoal laboral ao servizo de entes, organismos e entidades que forman parte do sector público. É dicir, ábrese a porta aos despedimentos colectivos no sector público e, vendo ademais a previsión de orzamentos para o ano que ven, que están a tramitarse na cámara, é de supoñer que de seguido van aplicar esta regulamentación e comezarán os despedimentos na Administración Pública.

Dá isto mostra de cánto preocupa aos nosos gobernantes, ao señor Rajoy, ao señor Feijóo, á señora Fátima Báñez (si, esa dos "brotes verdes"), dá conta da preocupación que teñen por crear emprego e recuperar a economía. Estes gobernos son fábricas de parad@s, nin por un momento se paran a pensar que todas estas persoas que incrementan o desemprego teñen detrás un drama: unha familia, unha hipoteca, un futuro gris... E tampouco se teñen parado a pensar que neste sistema capitalista no que vivimos, baseado no consumo, cantas máis persoas teñan problemas para sobrevivir, menos consumo, e polo tanto, menor reactivación da economía. Así pensan sacarnos da crise???

Isto é un ataque sen precedentes ao sector público e unha espada de Damocles que pende sobre as nosas cabezas. E, por riba, non vai servir máis que para afondar nas desigualdades e na crise.

Está claro que o goberno Feijóo está crecido despois dos resultados electorais, e se tiñan pensado aplicar duras medidas de recorte, agora farano con máis interese, pero tamén con maior lexitimidade. Temos unha nova oportunidade para contestar a adopción deste tipo de medidas: a folga xeral do día 14 de novembro. Non podemos facilitarlles o labor de empeorar as condicións laborais e salariais da clase traballadora, nin podemos permitir que sigan fabricando parad@s e desfacendo vidas.

14 de novembro, folga xeral!

SOS Sanidade Pública denuncia á Dirección de Recursos Económicos do SERGAS polo contrato con Price Waterhouse Coopers S.L

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Presentou a denuncia, este martes, 16 de outubro, perante o xulgado de garda do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela
A Plataforma SOS Sanidade Pública vén de presentar unha denuncia perante o xulgado do contencioso de Santiago de Compostela contra a Dirección de Recursos Económicos do SERGAS por non teren esta achegado o informe encargado á consultora Price Waterhouse Coopers S.L. (“consultora de cabeceira” do SERGAS) no que se deberían avaliar as ofertas presentadas polas distintas construtoras na contratación pública para explotar o Novo Hospital de Vigo.
A Plataforma SOS-Sanidade Pública de Galicia  presentara xa un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do SERGAS de  19 de Xaneiro de 2011 (DOG de 15 de Febreiro de 2011), de concesión a unha Sociedade Mercantil do contrato de obras públicas do novo hospital de Vigo.

O SERGAS, tras requirimento xudicial, enviou ao Tribunal case 2.000 folios, cada un deles debidamente conformes e cotexados pola Subdirección Xeral de Investimentos do SERGAS. Esa documentación foi trasladada á Plataforma, que tivo por iso a oportunidade de revisalos. Porén, non se atopou ningún informe da Sociedade Limitada denominada Pricewaterhousecoopers Corporate Finance, adxudicataria do contarto administrativo de 220.660 euros, que xustificara a realización dese asesoramento.

Ese informe debería avaliar as ofertas presentadas no proceso de adxudicación do contrato para financiar e construír o Novo Hospital de Vigo, e o seu custo ás Arcas Públicas Galegas ascendeu a 220.660 euros.

SOS Sanidade Pública lembra que dúas Unións Temporais de Empresas presentaron ofertas: unha liderada por Acciona e outra liderada por Grupo San José. O anuncio para licitar este informe de asesoramento de ofertas saíu publicado no Diario Oficial de Galicia durante o mes de Agosto de 2010 e tramitouse de forma urxente.

A Plataforma pregúntase se se adoitan realizar tramitacións de contratos deste tipo no mes de agosto e por que se recorreu ao trámite de urxencia. Máis cando a Dirección de Recursos Económicos do SERGAS sabía desde Maio de 2010 (saiu publicado no DOG do 10 de Maio de 2010) que o prazo, para presentar ofertas na licitación para o financiamento, construción e explotación do Novo Hospital de Vigo concluía o 2 de Agosto. Xunto a isto, pregúntase tamén, se isto foi así, por que motivo licitou o contrato que despois lle foi adxudicado a Pricewaterhousecoopers con carácter urxente. “Consideramos que se debería anunciar a licitación do contrato”, afirma.

“Non entendemos os motivos polos que o SERGAS tivo que contratar externamente este proceso e por un importe tan elevado (en tempos de crise recadatoria), para asesorar a avaliación das ofertas presentadas. Consideramos que a administración pública ten á súa disposición un corpo funcionarial interno altamente capacitado, nas diferentes Consellerías da Xunta, para levar a cabo tal tarefa”, afirman.

Por todo iso, considera que os feitos anteriores puidesen constituír un ilícito penal tipificado no noso Código Penal (artigos 404 e 465.1.)

O interese da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da área de Vigo - SOS Sanidade Pública, desde a súa creación fai 20 anos, e composta por organizacións profesionais, sociais políticas e sindicais fundamentalmente, é a defensa da sanidade pública, da legalidade actual e do interese xeral.

Artigo extraído de Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto