Noticias Política Sanitaria
 
 

Velaquí os medicamentos polos que teremos que pagar

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Sae hoxe publicada no BOE a resolución pola quese publica a lista de medicamentos excluídos de prestación farmacéutica do SNS, é dicir, os medicamentos que a partir do 1 de setembro haberá que pagar sí ou sí.

  • Resolución de 2 de agosto de 2012, da Dirección Xeral de Carteira Básica de Servizos do SNS e Farmacia, pola que se procede á actualización da lista de medicamentos que quedan excluídos da prestación farmacéutica no SNS. PDF (BOE-A-2012-10952 - 11 páxs. - 561 KB)

O TSXG rexeita presentar cuestión de inconstitucionalidade contra a Lei de medidas no emprego público

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Resolve o conflito colectivo presentado polos sindicatos CIG, UGT, CCOO e CSIF contra a Xunta de Galiza. A decisión xudicial foi adoptada por dous votos a un.

Mediante unha sentenza de data 18 de xullo de 2012, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza decidiu rexeitar a demanda de conflito colectivo formulada polos sindicatos CIG, UGT, CCOO e CSIF contra a Xunta de Galiza, solicitando a nulidade da aplicación dos recortes recollidos na Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público.

A demanda dos sindicatos cuestionaba a constitucionalidade das medidas recollidas naquela Lei, por entender que a suspensión da aplicación de certos artigos do convenio colectivo da Xunta de Galiza –en cuestións como o complemento de incapacidade temporal, os descansos ou os beneficios sociais, entre outras– resultaba contraria ao dereito fundamental de liberdade sindical e á forza vinculante dos convenios, para alén de non respectar a orde constitucional de distribución de competencias entre o estado e a comunidade autónoma.

Os dous maxistrados que subscriben a sentenza –Manuel Domínguez López e María Antonia Rey Eibe, que é a relatora– conclúen que «non é atendíbel» a alegada inconstitucionalidade da Lei de medidas, ao tratarse dunha norma legal que pretende «adoptar medidas urxentes para reducir o déficit público», polo que se trataría dunha norma de natureza orzamentaria e non propiamente laboral, como defendían os sindicatos. Esta natureza permite á Sala afirmar a competencia da Comunidade Autónoma para ditar a Lei e, en consecuencia, a prioridade aplicativa da lei sobre o convenio colectivo, en virtude do principio de xerarquía normativa.

Voto particular da maxistrada Isabel Olmos

A sentenza conta cun extenso voto particular da maxistrada Isabel Olmos Parés, que discrepa dos outros dous membros da Sala e considera que se debeu dar a razón aos sindicatos e formular cuestión de inconstitucionalidade perante o Tribunal Constitucional.

A maxistrada razoa que «a Constitución exclúe a posibilidade de que a Comunidade Autónoma regule, por vía legal, aspectos comprendidos na relación laboral» e, neste caso, «a norma, máis que regular, desregula o xa regulado» polo convenio colectivo. Discrepa da caracterización da Lei como orzamentaria, afirmando que se trata dunha Lei sobre medidas no emprego público, «como o seu propio nome indica», sendo relevante «non as causas nin a finalidade, senón o ámbito material das relacións xurídicas en que incide».

O voto particular conclúe afirmando que a comunidade autónoma invadiu competencias exclusivas do estado ao lexislar en materia laboral. Isto supuxo, ademais, «deixar sen efecto determinados preceptos do convenio colectivo», polo que existen serias dúbidas sobre a constitucionalidade da Lei.

Valoración dos servizos xurídicos da CIG

A Asesoría Xurídica Nacional da CIG lamenta que o TSXG decidise non elevar a cuestión ao Tribunal Constitucional, dado que as dúbidas de constitucionalidade eran máis que razoábeis. A garantía dos dereitos fundamentais por parte do Poder Xudicial é máis necesaria que nunca, nun momento histórico en que as bases do Estado Social, e nomeadamente os dereitos de liberdade sindical e negociación colectiva, sofren un ataque sen precedentes.

Así quere o PP acabar co desemprego: como mínimo 517 postos de traballo menos no SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Feijoo dixo en campaña electoral, no ano 2009, que ía acabar co paro en 45 días. Non só non o fixo, senón que o paro medrou por riba das outras Comunidades Autónomas do Estado Español. Así, se en maio de 2009 había máis de 207.000 persoas aradas rexistradas en Galicia, hoxe a cifra ronda os 280.000.

Do mesmo xeito, onte Rajoy no congreso dicía con todo o sentimento do que é capaz (e despois do "que les jodan" da señorita Fabra non hai sentimento que non pareza finxido), que a súa principal preocupación é o desemprego. Xa se ve que así é, que as medidas que está tomando van no camiño de melloralo... é dicir, de aumentalo moito.

No Real Decreto-Lei de RECORTES publicado o pasado sábado, unha das medidas que se adoptan é a diminución para empregados e empregadas públicas de días de libre disposición ata 3 días. Isto súmase ao recorte anterior, no que xa se reduciran ata 6 días. É dicir, ata este ano, calquera persoa que traballara na administración pública tiña dereito a dispoñer de 9 días de libre disposición, é dicir, 9 libranzas que, no caso das xornadas especiais, nin sequera moitas veces eran de libre disposición, senón que eran as xerencias as que "indicaban" cando había que coller eses días. A partir do ano que ven eses días de libre disposición quedan reducidos a 3. Son 6 días menos que o persoal de cadro vai librar, mais son tamén moitas menos horas a substituir, e, polo tanto, menos contratación.

A conta é ben sinxela de botar:

* Para o ano 2012, os orzamentos de Galiza contemplaban no capítulo I orzamento para 34.723 persoas empregadas no cadro de persoal do SERGAS, entre fixas e interinas.

* Se pasamos os 6 días de libre disposición que se perden a horas, saen 42 horas de media que o persoal vai ter que facer a maiores da súa xornada.

* Tendo en conta que non se ven substituíndo a todo o persoal, senón aproximadamente a un 57%, serían 20.000 persoas que deixarían de ser substituidas.

* É dicir, 20.000 persoas por 42 hs de xornada que van facer a maiores, e, polo tanto, que non van ser substituídas, fan un total de 840.000 horas de xornada que van deixar de facer persoas contratadas das listas de vinculacións temporais.

* Tendo en conta a xornada máxima establecida no SERGAS, 1624 hs anuais, son un total de 517 postos de traballo que se perden, posto que non se van contratar polas listas de contratación. Se tiveramos en conta a xornada de quenda rotatoria (1449 hs no caso da quenda fixa nocturna) ainda sairían máis postos de traballo perdidos por esta medida que o señor Rajoy impón coa pasividade e o beneplácito de Feijoo e a Conselleira.

E isto sen ter en conta os días adicionais de vacacións e libre disposición por antigüidade, que tamén son eliminados no Decretazo de Rajoy, e que suporían case o dobre de postos de traballo perdidos.

Feijoo ía acabar co paro en 45 días??? Rajoy está moi preocupado polo desemprego??? 517 postos de traballo menos no SERGAS, isto non é aumentar o desemprego??? Son estas as medidas que van acabar co paro???

Se estás lendo isto, e figuras nas listas de contratación do SERGAS tén moi en conta que estes recortes non van só co persoal fixo, a tí aféctanche tanto ou máis. Mobilízate!!!

Mobilizacións de hoxe:

* Concentracións diante dos centros de traballo de toda Galiza (entre as 11 e as 12 hs).

* Concentracións e Manifestacións con cazolada en todas as cidades e nalgunhas vilas cabeceira de comarca, a partir das 20 hs:

A Coruña: Ás 20:00 h da Praza da Palloza. Manifestación central.

Burela: Ás 20:00 h da Praza da Mariña

Ferrol: Ás 20:30 h do Inferniño

Lugo: Ás 20:00 h da Ronda da Muralla, do edificio sindical

Pontevedra: Ás 20:30 h da Praza da ferrería

Santiago: Ás 20:00 h da Alameda

Ourense: Ás 20:00 h do Pavillón dos Remedios

Vigo: Ás 20:30 h da Vía Norte

Vilagarcía: Ás 21:00 h da Casa do Mar

O Barco: Ás 20:00 hs diante do Hospital Comarcal

Participa! Só mobilizándonos poderemos parar esta barbarie!

Sobre o Decreto-Lei de Recortes

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

DECRETO-LEI, DE 13 DE XULLO, DE RECORTES


Varios dos artigos dese decreto-lei afectarannos como empregados/as públicos/as. A día de hoxe non é posible saber como van aplicar estes artigos na Galiza, nomeadamente no SERGAS. Será nas mesas que se convoquen onde nos vaiamos enterando do que pretenden facer.

Ante a solicitude continuada de información por parte do persoal do SERGAS, informamos do seguinte:

* A aplicación dos recortes aquí dependerá da resposta social, polo tanto, neste intre o máis importante é non decaer en darlle resposta aos recortes nos centros e na rúa, e contestar estes ataques. Por iso, animamos a todo o persoal a que secunde as mobilizacións que se convoquen, a que proteste, a que berre a que faga ver o cabreo que existe por estes recortes.

* A Xunta de Galiza ten competencias exclusivas no que respecta á xestión dos Recursos Humanos e debería facelas valer, NON APLICANDO ESTE DECRETO-LEI. Se tiveramos un goberno da Xunta como debe ser, esa sería a primeira medida a anunciar. Fagámosllo chegar a Feijoo.

De inicio dende o Goberno Central do PP, avalado polo noso presidente Feijoo, pretenden:
-Quitarnos a paga extra de decembro. A única excepción que recolle non afectaría ao persoal do SERGAS, xa que tódalas categorías teñen un salario 1,5 veces por riba do SMI que son 962,10€ brutos (o mínimo no SERGAS son 1104,15€).
-Unificar tódolos permisos nas administracións públicas e polo tanto, suspender tódolos acordos que houbera ao respecto.
-Quitar outros 3 DLDs, e tódolos DLDs e días de vacacións adicionais por antigüidade, a partires do 2013, co cal teriamos un incremento substancial da Xornada.
-Retirar as melloras de IT (nós xa temos introducido este recorte), cunha modificación do que foi imposto coa Lei de Medidas ao persoal do SERGAS.

Todo isto terá unha consecuencia directa na precarización do emprego de quen traballa e a extinción absoluta das contratacións do persoal das listas de tódalas categorías, o que rematará co empobrecemento da asistencia sanitaria que se presta. O único xeito de paralo é coa contestación social!


NON SÓ RECORTAN SALARIOS AO PERSOAL DAS AAPP,
RECORTAN DEREITOS A TODA A CIDADANÍA

MOBILÍZATE!

A CIG convoca mobilizacións para o 19 de xullo e chama a unha folga xeral conxunta en setembro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Ante o anuncio e posterior publicación, este sábado, dos Decretos-Lei que efectivizan os recortes anunciados por Rajoy, a CIG convocou mobilizacións para o 19 de xullo en todas as cidades e nalgunhas vilas, e acordou contactar con CCOO e UGT para que estas mobilizacións foran realizadas conxuntamente.

As manifestacións-cazoladas, acordadas polo Secretariado Confederal o pasado martes, celebraranse en todas as cidades ás 20:00 horas.
A CIG manifesta que ante a gravidade dos recortes cómpre dar, na rúa, unha resposta igual de contundente. Por iso o secretario xeral, Suso Seixo, anunciou a convocatoria de manifestacións-cazoladas en todas as cidades o vindeiro xoves 19 de xullo e dunha folga xeral en setembro. A CIG contactará coas organizacións sindicais, nomeadamente coas máis representativas e maioritarias, para intentar fixar un calendario conxunto de mobilizacións de cara a esa convocatoria que entende debe ser a nivel de estado. De non acadar un acordo, intentará levala adiante procurando facela coincidir coa posíbel convocatoria de organizacións sindicais nacionalistas, noutros territorios do estado.

O secretario xeral da CIG alertou de que os recortes avanzados por Rajoy, no Congreso dos Deputados, serán desenvolvidos nos Consello de Ministros dos meses de xullo e agosto, a través de decretos lei, “e o alcance desta medidas será aínda peor”.

Denunciou as reiteradas mentiras de Mariano Rajoy, nomeadamente o seu anuncio, exultante, de que o rescate á banca non ía ter consecuencias para a poboación. “Trátase dun préstamo ao estado que se traducirá en débeda e déficit. Teremos que pagalo todas/os e si tiña consecuencias”. De feito, considerou que os drásticos recortes que se van impor demostran que o estado español está intervido e que non ten capacidade para decidir nin as súas políticas económicas, nin laborais, nin sociais. “Están en mans do BCE e das institucións europeas”.

Cuestionou a hipocrisía das forzas políticas españolas, que manifestan o seu fondo sentir “patriótico” cando reforzan o centralismo e negan a cesión de calquera competencia ás comunidades autónomas, pero esquecen ese patriotismo cando se trata de ceder soberanía ás institucións europeas ou ao capital financeiro.

Lembrou as consecuencias que as políticas ditadas polo BCE tiveron xa en países intervidos como Portugal ou Grecia: recortes de dereitos, de salarios, incremento de impostos indirectos e liberalización e desregulación do mercado laboral, dos servizos, dos horarios comerciais e privatizacións. Políticas que, dixo, “benefician aos de sempre. Non van a axudar a saír da crise, ao contrario, van provocar máis recesión, máis desemprego e menos consumo”.

Sinalou que xa hai institucións internacionais que alertan destas consecuencias, entre outras o propio FMI, ou a OCDE “nada sospeitosas de ser de esquerdas”, matizou, recordando que “están advertindo que así o desemprego superará o 25% o vindeiro ano e non haberá crecemento económico”.

Unha cuestión ideolóxica

En todo caso, considerou que non se trata de que técnicos e políticos estean confundidos, “estas medidas obedecen a criterios ideolóxicos. Están dirixidas a favorecer á banca e ao sistema financeiro. Son préstamos á banca española para garantir que paga os pufos á banca europea, sobre todo á alemá, garantindo que se non os paga a banca vainos pagar o estado”.

Denunciou ademais que “a dereita franquista está aproveitando a situación para provocar unha involución en materia de dereitos sociais e liberdades, pero tamén no propio modelo”. A este respecto denunciou a invasión de competencias, o reforzamento de institucións como as deputacións ou a redución do pluralismo político e o debilitamento das organizacións sociais, entre outros, para reducir a capacidade de resposta da poboación ante estas políticas antisociais e antiobreiras.

Do mesmo xeito, denunciou “a falta de respecto e a desfachatez” das deputadas e deputados do PP no Congreso por teren escenificado, entre aplausos e risas, a súa satisfacción ante estes durísimos recortes. E tamén valorou como “indignante” que se xustificara o recorte á prestación por desemprego “para forzar a paradas/os a que busquen emprego. É un escándalo, como se non tiveran emprego porque non queren buscalo. É un desprezo á xente que está peor parada”.

Ante isto asegurou que “a estes hai que botalos como sexa e o máis rápido posíbel porque é inadmisíbel seguir mantendo a estes impresentábeis que nos están gobernando”.

Pola súa banda, o secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, subliñou que, fronte estes terríbeis recortes, que afectan precisamente aos máis desfavorecidos, “non se toca ao exército, á igrexa ou ás políticas fiscais”. Salientou que se vén de acordar destinar 27.000 millóns de euros para a compra de novos tanques e avións, ante o que se preguntou “a quen pretende declararlle a guerra o estado español”. E lembrou que para a igrexa católica van directamente 10.000 millóns de euros, alén dos que recibe por outras vías. “Con estes cartos máis cunha política de persecución da fraude fiscal xa terían para tapar os buratos”, dixo. “Hai cartos, o problema é a quen se destinan”.

Mobilizacións

Para o secretario xeral da CIG, da actual situación só se pode saír cambiando a correlación de forzas “na rúa, nas empresas e nas institucións. En ningún caso vai vir da man dos que provocaron a crise e agora se están a beneficiar dela”. Por iso anunciou a convocatoria de manifestacións-cazoladas para o vindeiro día 19 de xullo, ás 20:00 horas, en todas as cidades. Unha decisión que foi adoptada o pasado martes polo secretariado confederal para responder ao paquete de medidas que se prevía que se anunciaría no Congreso e que efectivamente así foi.

Xunto a isto, anunciou que a central sindical tratará de fixar coas demais de organizacións sindicais un calendario de mobilizacións, entendendo que "aquelas organizacións máis representativas e maioritarias temos a responsabilidade de darlle unha resposta a todo isto", de cara a camiñar cara a convocatoria de folga xeral, que considera que debería ser de carácter estatal, en setembro.

Avanzou que se non hai resposta por parte destas organizacións sindicais, a CIG tratará de levar adiante esta convocatoria procurando coincidir coas organizacións sindicais nacionalistas vascas, como xa se fixo en ocasións anteriores. “As medidas anunciadas onte non van quedar aquí. Estamos nun caleixón sen saída, nun camiño sen retorno. Isto só pode empeorar a situación é, ou conseguimos mudar estas políticas, ou pasarémolo realmente mal”.

Chamamento a CCOO e UGT

A Executiva Confederal da CIG acordou na súa xuntanza de hoxe e ante a gravidade das medidas anunciadas o pasado mércores por Rajoy no Congreso, pórse en contacto coas organizacións sindicais CCOO e UGT de cara a realizar unha convocatoria conxunta de mobilizacións o vindeiro día 19 de xullo.

A Executiva Confederal da CIG considera especialmente graves, polas consecuencias que terán para o conxunto da sociedade e, nomeadamente para os sectores máis desfavorecidos, a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%; de incrementar os impostos indirectos subindo o tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao10%; de suprimir a paga extra de Nadal das empregadas e empregados públicos; de reducir as empresas e fundacións públicas; de delimitar a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; de liberalizar o sector servizos; flexibilizar os horarios comerciais ou privatizar os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras.

Denuncia que todas elas que van dirixidas, unha vez máis, a recortar dereitos e precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores de defraudadores.

Por iso entende que ante esta agresión se precedentes é imprescindíbel que, masivamente, o pobo galego poña de manifesto na rúa o seu rexeitamento, tanto a estas políticas antisociais promovidas polo PP, como aos argumentos empregados para defendelos e a forma de escenificalos.

Anuncia que durante o luns manterá contactos con CCOO e UGT para concretar os termos do acordo, que serán comunicados posteriormente.

Noticias publicadas en Avantar: mobilizacións e chamamento.

A Área Pública da CIG considera unha "indecencia" as medidas anunciadas por Rajoy no Congreso

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Chama a traballadoras e traballadores a concentrarse diante dos centros de traballo este venres, coincidindo coa celebración do Consello de Ministros
.
A Área Pública da CIG considera que as medidas anunciadas esta mañá por Rajoy supoñen un atentado gravísimo contra as condicións laborais e salariais dos empregados e empregadas do sector público. Denuncia que favorecen a destrución de emprego e dos servizos públicos e chama ao persoal do sector a concentrarse diante dos centros de traballo, para amosar o seu máis rotundo rexeitamento a este novo ataque, coincidindo coa celebración do Consello de Ministros do vindeiro venres.

A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG.Saúde) alerta que desde xuño de 2010 e coa decisión de suprimir a paga extra do mes de decembro, os salarios das empregadas e empregados do sector público terán sufrido unha redución dun 20%.

Lembra que o salario bruto mensual dun grupo E, dependente da Xunta de Galiza, como conserxes ou cociñeiros/as, entre outros, teñen agora mesmo como salario bruto base tan só 548,47 euros, menos que o SMI; o grupo C2, de auxiliares 599,25; o grupo C1 de administrativos 720,02; o A2, de técnicos/as diplomados/as 958,m 98 e o A1, de técnicos/as licenciados/as 1.109,05. Salarios aos que aínda incorporando os complementos, como destino, trienios ou o específico sitúan a unha elevada porcentaxe de empregadas e empregados públicos en menos que mileuristas. (Adxúntanse táboas salariais)

Por iso considera unha indecencia que, recorrendo á demagoxia, o PP pretenda que sexan as empregadas e empregados do sector público quen paguen as consecuencias dunha política económica errática, concibida en beneficio exclusivo do poder financeiro para favorecer os intereses dos mercados especulativos.

Para a Área Pública da CIG é obvio que o conxunto de medidas avanzadas no Congreso por Mariano Rajoy teñen como obxectivo último desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público, xa que non se está só a falar de reducir salarios ou eliminar pagas extra senón tamén de destruír emprego reducindo a administración e, polo tanto, eliminando os servizos que até o de agora esta prestaba para provocar a súa privatización.

Salientan que se empeoran as condicións de xubilación ou que se penaliza a enfermidade o que vai en detrimento das condicións de vida, pero tamén das condicións estritamente laborais coa nova redución de días de libre disposición e a ampliación da mobilidade.

Consideran vergoñento que se chegue a afirmar que o problema é que no sector público se destruíu menos emprego que no privado, cando o problema real é a brutal destrución de emprego que se deu nestes anos. Denuncian ademais que o obxectivo dun goberno debería ser crear as condicións para que se favoreza o emprego indefinido para o conxunto da clase traballadora, porque é un dereito, non un privilexio, como o PP pretende facer ver, no canto de estabelecer medidas que provocarán a destrución do pouco emprego indefinido que aínda hai.

A Área Pública considera que, en síntese, estamos ante un conxunto de medidas que supoñen a destrución do estado democrático e dos seus servizos públicos e que se pretende facer cargar sobre as costas dos empregados e empregadas públicas as consecuencias do rescate da banca privada, abocando ao conxunto da poboación ao empobrecemento.

Por iso, fan un chamamento a todas as traballadoras e traballadores do sector a que este venres mostren o seu rexeitamento máis absoluto concentrándose diante dos centros de traballo.

Anuncian ademais que van trasladar ao resto de organizacións sindicais unha proposta de calendario de mobilizacións co obxecto de paralizar estas gravísimas medidas.

Noticia extraída de Avantar.

Ante a Mesa de Negociación de Madrid

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG ven de recibir convocatoria para a Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, en Madrid, para mañá mércores día 11, cun único punto na orde do día: Real Decreto Lei de medidas urxentes de racionalización e redución do gasto en materia de emprego público, de acordo co establecido no artigo 36.2 do Estatuto Básico do Empregado Público. O devandito artigo declara que serán materias de negociación neste ámbito de Mesa Xeral as relacionadas co artigo 37 deste estatuto con carácter de normativa básica:

Artigo 37. Materias de Negociación. Estas son as materias de negociación, entre outras, que se recollen neste artigo.

·Retribucións: básicas e complementarias.

·Carreira Profesional.

·Calendario Laboral, xornada, vacacións, permisos, mobilidade funcional e xeográfica...

·Ofertas de Emprego.

Como se pode comprobar, os recortes poden afectar as todas as materias de negociación que son competencia da Mesa Sectorial do SERGAS. Competencia exclusiva, porque non hai que esquecer que a Xunta ten transferidas todas as competencias en materia de Sanidade, incluídas as de recursos humanos. Deste xeito, e tal e como vimos denunciando desde hai tempo, o goberno central pretende erixirse en decisorio nestas materias, nun afán centralista desmedido, e co beneplácito do goberno da Xunta de Feijoo, que non fai valer as súas competencias e limítase a aplaudir coas orellas todo o que ven de Madrid. O dito, no goberno da Xunta do PP, autonomía 0%, submisión 100%.

Por suposto, desde CIG-Saúde rexeitaremos na Mesa de mañá a imposición destas medidas e a usurpación de competencias sobre materias que son exclusivas do goberno galego, non imos consentir que se pretenda furtar as competencias negociadoras da Mesa Sectorial de Sanidade, posto que, digan o que digan en Madrid, aquí temos o organismo competente para as negociacións en materia de Recursos Humanos e moito que dicir ao respecto, polo que, sexan cales sexan as decisións que se adopten na Mesa Negociadora de mañá, e sexan cales sexan as "imposicións" que emanen de alí, serán rexeitadas por esta central sindical, e imos esixir á Consellaría de Sanidade e ao SERGAS que se traian á Mesa Sectorial correspondente todos os temas que haxa que traer. Cómpre lembrar que, por exemplo, en materia de retribucións, e en canto a recortes se refire, imos "á cabeza" do Estado, posto que ademais do recorte do 5% que se impuxo a todo o persoal das Administracións Públicas, ademais doutros recortes xerais, aquí xa anteriormente se nos tiñan conxelado o acordo retributivo e os acordos de Atención Primaria (cobro de plus de noite e festivo), co que non se pode pretender agora, vía Madrid, volver recortar na mesma medida que ao persoal doutros Servizos de Saúde que tiñan unha posición retributiva que se intentaba alcanzar aquí cos acordos de incremento retributivo que quedaron suspendidos por obra e graza de Feijoo e a señora Farjas.  Tamén en canto á xornada, que parece ser que vai ser un dos cabalos de batalla na mesa de mañá, temos xa precedentes na Galiza de aumento de xornada a través da Lei de Medidas para empregad@s públic@s, cando no SERGAS trabállase en xornadas especiais que non poden compararse coa xornada ordinaria de 8 horas diurnas. Son exemplos de que non se pode lexislar desde Madrid aplicando o mesmo raseiro a todas as situacións, porque non todas son iguais nin equiparables, nin se parte das mesmas posicións de base. De aí que sexa imprescindible e necesario respetar a competencia negociadora da Mesa Sectorial galega, onde se coñece a idiosincrasia e peculiaridades do Servizo Galego de Saúde.

Desde CIG-Saúde, emprazaremos tamén ás outras Organizacións Sindicais presentes na Mesa Sectorial do SERGAS a esixir que todos os temas pasen como é preceptivo pola Mesa Sectorial de Sanidade, a rebelarse e dar pasos, como de feito a CIG ven facendo e vai seguir facendo, para denunciar a barbarie que se está a cometer facendo pagar á clase traballadora os rescates da banca.

Publicada a Reforma Laboral definitiva

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O pasado sábado publicouse no BOE o texto definitivo da Reforma Laboral que modifica substancialmente á baixa as condicións laborais e abarata o despedimento. Esta Lei entrou en vigor o día seguinte da publicación, é dicir, onte mesmo.

·         Lei 3/2012, de 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral. PDF (BOE-A-2012-9110 - 79 páxs. - 1440 KB)

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto