Noticias Política Sanitaria
 
 

Comeza a operar o novo servizo de helicópteros do 061 recortado en medios e horas pero máis caro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
CIG-Saúde alerta de que pode provocar importantes demoras na atención dunha urxencia sanitaria
.
Hoxe entra en vigor o novo contrato firmado coa Fundación Publica Urxencias Sanitarias 061, que introduce unha importante redución de operatividade nos helicópteros que atenden emerxencias sanitarias. Así o helicóptero de Santiago traballará dende as 6:57 ata as 18:57 e o de Ourense dende as 10:16 ata as 22:16. Isto implica que nas primeiras horas da mañá e nas últimas da tarde haberá unha redución operativa. A CIG-Saúde vén alertando desta situación nos últimos meses e denunciando que malia a redución horaria do servizo e a pesar de contar cun helicóptero menos que antes, o custo é, comparativamente maior.
helicóptero de urxencias

Dende o ano 1990 os dous helicópteros sanitarios galegos viñan funcionando todas as horas de luz do día (de Orto a Ocaso). Porén, a CIG-Saúde denuncia que un novo recorte afecta agora a este servizo de asistencia as urxencias. No novo contrato o período de servizo será de orto +12, ocaso -12. É dicir, un helicóptero comezará a funcionar á saída do sol e estará operativo 12 horas e o outro estará operativo 12 horas antes do solpor. Isto fai que a partir de hoxe haxa 6 horas menos de servizo diario entre os dous helicópteros, o que supón segundo os seus cálculos, que o período de servizo  de cada helicóptero se verá reducido en 394 horas ao ano.

A modo de exemplo sinala que unha persoa con síntomas de afogamento na Costa da Morte, ás 8 da tarde, ten o helicóptero máis próximo en Ourense a 40 minutos de voo, e a ambulancia medicalizada máis próxima a 97 Km. O mesmo sucederá nun accidente de tráfico acaecido en Verín ás 9 da mañá, onde o helicóptero operativo estará en Santiago e a ambulancia medicalizada mais próxima en Ourense.

Os efectos prácticos deste novo contrato será que haberá servizos de asistencia sanitaria que até o de agora se atendían con helicóptero, por ser o recurso mais axeitado, teñan que ser atendidos por medios terrestres, sufrindo graves demoras, co que risco que isto supón para as situacións de urxencia.

O novo contrato licitouse por unha cantidade de 9.440.000 € por catro anos para dous helicópteros, mentres que o anterior contrato da Axencia Galega de Emerxencias adxudicouse no ano 2009 por 12.600.000€ por catro anos para tres helicópteros (2 helicópteros con configuración sanitaria en servizo de orto a ocaso e 1 con configuración mixta en servizo en horario H12).

A CIG-Saúde considera este novo contrato un recorte importante na asistencia sanitaria urxente a cidadanía, encadrado dentro da política do Goberno Galego do PP que confunde a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos. “O custo económico real deste recorte, despois de 24 anos de servizo, é soamente o soldo dun piloto e un copiloto, nada máis.

A nova en Avantar

CIG-Saúde exixe ao Sergas que denuncie a IBERMAN e deixe de pagarlle polo mal servizo de mantemento de electromedicina

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
.
1623265_816992634991277_8238456858965900337_nA CIG-Saúde reclamou esta mañá, en rolda de prensa, que o SERGAS denuncie a IBERMAN, empresa concesionaria do servizo de mantemento dos aparellos de electromedicina; que deixe de pagarlle e que repoña nos seus postos aos profesionais que viñan facendo estas tarefas antes da súa privatización. Denuncia os constantes incumprimentos do prego de condicións e o mal servizo que presta e alerta de que todo indica que, malia isto, o SERGAS renovará a concesión con esta empresa incrementando os actuais custos.

A CIG-Saúde denuncia que a situación é de tal gravidade que os propios centros hospitalarios recoñecen que o mantemento electromédico se deteriorou até límites que mesmo poñen en perigo a asistencia sanitaria. Por iso reclama que se denuncie o contrato.

Asegura que os máximos responsábeis desta adxudicación, entre eles o Director de Recursos Humanos, Pablo Torres, coñecen a realidade pero non fan nada por resolver a situación. “Teñen informes detallados por Áreas de Xestión –seis lotes, que se corresponden con 6 Áreas- advertindo que IBERMAN, S.A. non está a cumprir ningún dos apartados do concurso”, denunciaron.

Entre outros incumprimentos sinalaron deficiencias na implantación do sistema informático (MantHosp); falta de persoal con presenza física as 24 horas nas Xerencias; renovación tecnolóxica; inventarios incompletos; incumprimento dos plans de mantemento correctivo, condutivo, preditivo, preventivo, técnico legal e substutivo; non teñen a disposición das xerencias equipos dispoñíbeis para substitucións en caso de avarías; carencia de medios técnicos; incumprimento dos tempos de resposta; non entregan informes nin balances de actuacións; non teñen a disposición das xerencias plans actuación.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, que compareceu acompañada de dos delegados Xosé Vázquez de Lugo; Fernando Rivas, de Ourense e Xermán Rouco de Pontevedra, preguntouse polos intereses ocultos aos que obedece a Conselleira para non tomar unha decisión que poña fin a esta “caótica situación”. Entende que estes informes non deixan dúbidas sobre os incumprimentos reiterados e  manifestos en todos e cada un dos lotes adxudicados e denuncia que, malia isto, o SERGAS, “contravindo o contrato e as recomendacións de varias xerencias, está a pagarlle a esta empresa por un servizo que non presta”.

Para a CIG-Saúde detrás desta situación hai unha “estratexia de IBERMAN, S.A., pensamos que coa conivencia do SERGAS, de deixar pasar o tempo até que se cumpra un ano desde a adxudicación (xullo de 2014) para negociar unha revisión á alza no prezo do contrato”.

A isto engadiron que esta empresa “nunca tivo a intención de cumprir o contrato, e polo que parece o SERGAS non ten a intención de facerllo cumprir” e que desde que foi adxudicataria do servizo de electromedicina “sempre estivo a pór trabas e recorrer a argucias como que os inventarios de equipos non son reais ou que antes non se facía tal mantemento. Argumentos que a propia Conselleira, en sede Parlamentar, deu por bos cando defendeu a actuación da empresa”.

Alertan de que a situación pola que está atravesando o servizo de electromedicina desde a súa privatización “é de tal descontrol” que desde varias xerencias xa teñen enviado a Servizos Centrais escritos solicitando que se denuncie o contrato con IBERMAN, S.A.


Rescate do servizo

CIG-Saúde exixe, xa que logo, o rescate do servizo de electromedicina en base ás cláusulas da Folla de Prescricións  Administrativas Particulares: 8.11.2. (incumprimento das obrigas contractuais esenciais), 8.11.3. (causas que aconsellan por interese público a extinción do contrato) e 8.11.4. (a adxudicataria deberá indemnizar a administración polos danos e prexuízos ocasionados).

Tamén exixe que, mentres non se resolva o contrato, se aplique a cláusula 8.7.4. da Folla de Prescricións Administrativas Particulares e cancele de inmediato todos os pagos á adxudicataria “por incumprimentos do contrato graves e moi graves de xeito reiterado”.  Abuín asegura que de non facelo “os responsábeis do SERGAS estarían incorrendo nun delito”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde advirte que se a privatización do servizo de electromedicina está dando os problemas que está dando “non podemos imaxinar que ocorrerá cando se privatice, como xa nos teñen anunciado desde a Consellaría, a esterilización e a alta tecnoloxía”.

A este respecto lembra que son dous servizos que teñen unha incidencia directa na asistencia sanitaria e na calidade asistencial: quirófanos e radioloxía e subliña a magnitude económica destes contratos representan un negocio para as grandes empresas do sector que buscan inversións seguras.

“Esta é a política aniquiladora que o Partido Popular está aplicando na Sanidade Pública Galega: favorecer o negocio das empresas privadas a conta de todos os contribuíntes e por riba pondo en perigo a saúde dos galegos e das galegas”, conclúe.

A nova en Avantar


O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG lanza unha campaña contra o repago farmacéutico

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncian que son, xunto con doentes crónicos/as, os/as máis afectados/as por esta medida
.
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG anunciou esta mañá, en roldas de prensa simultáneas en todas as comarcas de Galiza, a posta en marcha dunha campaña informativa e de recollida de sinaturas contra o repago farmacéutico. Nas múltiples comparecencias convocadas denunciáronse as graves consecuencias que esta medida ten sobre todo para as persoas máis enfermas, que son as que máis medicamentos precisan, demandouse a gratuidade dos medicamentos e exixiuse que a sanidade pública se siga a financiar cos impostos, vía IRPF.

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG lembrou que en abril de 2012 o PP estebeleceu un sistema de copagos que afectan esencialmente a pensionistas e doentes crónicos/as, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensábeis para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.

Nas roldas de prensa explicaron que ese sistema de copago consiste en volver pagar por algo que xa se paga a través dos impostos (renda, IVE, céntimo sanitario na gasolina...).

Tamén denunciaron a retirada do financiamento público de máis de 400 medicamentos moi usados como os destinados a catarros, diarreas ou estreñimento. Un 'medicamentazo' que obriga a pagar o 100% do seu prezo nas farmacias e que afecta a toda a poboación, pero máis a un colectivo que pola súa idade ten máis doenzas deste tipo.

Repago de medicamentos de dispensación hospitalaria

Para o ano 2014 o goberno aprobou tamén unha resolución pola que se introduce o copago de medicamentos que se dispensan nas farmacias dos centros hospitalarios. Unha medida coa que pasarían a cobrar medicamentos que se dan para doenzas como cancro de mama, de ril, tumores cerebrais, tumores malignos do aparello dixestivo, leucemia mieloide crónica, artrite reumatoide, dexeneración macular ou hepatite C crónica, entre outras.

Estes medicamentos de uso hospitalario están aínda exentos de copagamento, pero o goberno aprobou que as/os doentes fagan unha achega dun 10 por cento do seu prezo, cun máximo de 4,20 euros por envase. Malia estar aprobado, de momento, nin unha soa comunidade autónoma, nin sequera as gobernadas polo PP, puxeron en práctica esta medida. Porén, onte mesmo a conselleira de Sanidade, no Consello Galego de Saúde afirmou que aínda que non se vai aplicar de forma inminente, é unha medida equitativa.

O copago afecta a outras prestacións da sanidade pública, ademais da farmacéutica: prestación ortoprotésica, prestación con produtos dietéticos e transporte sanitario non urxente e pode estenderse a outras como as relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva.

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG denuncia que o PP pretende xustificar todas estas medidas a través dun bombardeo de falsas mensaxes que nos din que “o sistema sanitario é insostíbel” debido ao incremento do gasto e a unha suposta sobreutilización dos servizos porque as e os pensionistas van moito ao médico, teñen moitos medicamentos nas súas casas...

“Ocúltase que o estado español dedica moito menos diñeiro que a media da unión Europea para a Sanidade Publica e ten resultados en saúde superiores á media”, afirmaron.

Ante esta situación aseguraron que co repago “perdemos todas e todos pero especialmente as e os enfermos crónicos, discapacitados, pensionistas e as persoas maiores pola pouca capacidade adquisitiva e porque teñen máis necesidade de asistencia, tres veces superior ao resto da poboación, por ter enfermidades crónicas que exixen atención continuada e tratamentos custosos”.

Nas diferentes roldas de prensa tamén se denunciou a enorme desproporción que hai entre a cantidade a pagar polos/as pensionistas con menos ingresos respecto do que teñen máis. Lembrouse que a pensión media en Galiza é de 728 euros ao mes e que hai unha grande porcentaxe de pensionistas con ingresos inferiores a esa cantidade.

Ante isto alertaron de que xa hai moitos/as pensionistas que están deixando de recoller os medicamentos prescritos o que está a provocar un deterioro da súa saúde e un incremento do gasto porque, ao final, “teñen que recorrer máis a urxencias e se producen máis ingresos hospitalarios”.

ACHEGAS FARMACÉUTICAS PARA PENSIONISTAS

RENDA ANUAL

APORTACIÓN MENSUAL

Menos de 18.000 €

8,26

Igual ou máis de 18.000 €

18,59

Máis de 100.000 €

62,00 €

ACHEGAS FARMACÉUTICAS PARA PENSIONISTAS DE CLASE PASIVAS: 30% do custo de cada medicina

FÁRMACOS DE DISPENSACIÓN HOSPITALARIA: 4,20 € por envase

A nova en Avantar

Sanidade saca a concurso o servizo de helicópteros de urxencias cunha prestación de 394 horas menos ao ano cada un

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde denuncia o incremento de custos a pesar de pasar de 3 a 2 helicópteros e a garantirse menos horas de atención
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 vén de sacar a concurso público o servizo de transporte sanitario urxente aéreo, que até o de agora estaba xestionado pola Axencia Galega de Emerxencias. O concurso inclúe dous helicópteros para a realización do transporte sanitario urxente. A CIG-Saúde, que xa alertara disto hai máis de un ano, denuncia o incremento dos custes e a redución do horario e advirte das consecuencias que isto terá para dar unha rápida resposta ás urxencias que se poidan producir.

Mentres que no contrato vixente o horario de servizo é de orto a ocaso tódolos días do ano,  no novo contrato o período de servizo será de orto +12 horas, ocaso -12 horas. É dicir, un helicóptero comezará a funcionar no orto e estará operativo 12 horas e o outro estará operativo 12 horas antes do ocaso.  Segundo os cálculos da CIG-Saúde, esta condición supón que o período de servizo de cada helicóptero se verá reducido en 394 horas ao ano.  A CIG-Saúde denuncia ademais que as bases deste aparellos serán Santiago e Ourense e que  aínda non se sabe cal terá horario de orto +12 e cal ocaso -12.

O novo contrato entre en vigor o 1 de xullo de 2014. Mentres, o servizo réxese polas condicións do contrato actual. Isto quere dicir que o dia 30 de xuño os dous helicópteros estarán a traballar dende as 6:57  ata as 22:16  e o dia 1 de xullo o helicóptero de Santiago traballará dende as 6:57 até as 18:57 e o de Ourense dende as 10:16 as 22:16, o que supón 6 horas menos de operatividade para atender situacións de emerxencia que puideran xurdir en calquera punto de Galiza.

“Poñéndonos en situacións prácticas, un accidente grave acontecido na Costa da Morte ás 8 e media da tarde, ten o helicóptero mais próximo en Ourense a 40 minutos de voo, e a ambulancia medicalizada máis próxima a 97 Km”.

O novo contrato licitouse por unha cantidade de 9.440.000 € por catro anos para dous helicópteros, mentres que o anterior contrato da Axencia Galega de Emerxencias adxudicouse no ano 2009 por 12.600.000€ por catro anos para tres helicópteros (2 helicópteros con configuración sanitaria en servizo de orto a ocaso e 1 con configuración mixta en servizo en horario H12).

A CIG-Saúde denuncia que os efectos prácticos deste novo contrato serán que os servizos de asistencia sanitaria que até o de agora se atendían con helicóptero, por ser o recurso mais axeitado, terán que ser atendidos por medios terrestres, empeorando a calidade do servizo recibido polo doente e, sobre todo, empeorando o tempo de resposta a estes doentes. Ademais subliña que polo xeral os servizos que atenden os helicópteros son os de carácter máis grave e/ou aos que os medios convencionais non poden atender nun tempo razoable.

A CIG-Saúde considera este novo contrato supón un recorte importante na asistencia sanitaria urxente á cidadanía, encadrado dentro da política do Goberno Galego do PP que confunde a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos.

A nova en Avantar

Acampada en Vigo contra o masivo peche de camas no SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Plataforma Sindical Sanitaria convoca unha manifestación en Vigo para o sábado 21 de xuño ás 12 horas desde o Marco
.
Representantes das centrais que conforman a Plataforma Sanitaria en Defensa do Sistema Sanitario Público, entre as que se atopa a CIG, compareceron hoxe en rolda de prensa para anunciaren unha acampada simbólica e manifestación para o próximo 21 de xuño ás 12 horas desde o Marco, en Vigo. A acción encádrase dentro da campaña contra o peche masivo de camas por parte do SERGAS e os planos de “hospitalización a domicilio”, que alén de degradar a atención a pacientes veñen acompañadas de privatizacións.
2014 06 16 Rolda Plataforma Sanidade Vigo 000

As organizacións convocantes realizan un chamado á cidadanía de Vigo para asistir o próximo sábado a unha mobilización convocada contra a “destrución masiva do sistema sanitario público en beneficio de intereses privados”, e que vén dar continuidade ás numerosas accións realizadas nas últimas semanas contra o masivo peche de camas hospitalarias para o verán. Un proceso que, segundo a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín “provocará un aumento das listaxes de espera, provocando que os e as doentes colapsen os servizos de Urxencias”.

No caso particular de Vigo, alértase de que a situación estival deste ano é premonitoria do que sucederá co futuro hospital da cidade, consolidando unha “importante diminución de camas” que situará a área sanitaria por debaixo da media galega. A situación vén agravada polo peche de quirófanos, que as centrais cifran en 6 no Meixoeiro, 6 no Xeral e 4 no Cíes a respeito do ano anterior.

Ademais, contrapoñen a suposta “diminución da demanda asistencial” alegada pola Xunta coa existencia dunhas listaxes oficiais de espera de máis de 38.000 persoas, que acadarían a cifra de 60.000 contabilizando os que serán atendidos en centros privados. Alén destas derivacións, o SERGAS tenta diminuir as listaxes de espera ofrecendo operacións noutras áreas sanitarias, dándose casos de usuarios/as de Vigo aos que se lle ofreceu seren intervidos en Burela ou Monforte baixo a ameaza, en caso negativo, de pasaren ao final das mesmas. A situación vése agravada ao teren que ser revisadas/os nas súas áreas de orixe, co consecuente “desapego entre prefesionais”.

A “trampa” da hospitalización a domicilio

A secretaria nacional da CIG-Saúde denunciou que o peche de camas vén acompañado dun modelo de “hospitalización a domicilio” que empeora a prestación do servizo. “O único que están a provocar son altas precipitadas e que os pacientes sexan coidados nas súas casas polas familias”, incrementando cargas “que teñen que soportar na maioría dos casos as mulleres”.

Ademais, a ausencia de programas para enfermos crónicos sumado á diminución de profesionais de atención primaria “fan inviábel a hospitalización a domicilio”, condenando as e os doentes a altas prematuras e a ficaren na casa “sen que ao SERGAS lle importe a calidade asistencial nen a necesidade de coidados que teñen”.

Desemprego en profesionais sanitarios

O proceso de recortes e privatizacións vén acompañado dun incremento no paro sanitario, dándose moitos casos de profesionais que este ano aínda non foron contratados/as, e que nen sequera van ter oportunidade de emprego no verán en base á política de cobertura de vacacións e ao peche de camas. A redución estival na atención primaria impedirá, ademais da xeración de postos, realizar unha asistencia domiciliaria de calidade.

E é que a pesar do maior número de contratos, non existe unha equivalencia no emprego xerado. Deste xeito, dunhas listaxes de enfermaría integradas por 1.500 persoas de media nas diferentes áreas sanitarias, “non están a traballar nen o 20%”. Noutras categorías como a de celadores/as o índice de contratación xa fica por baixo do 2% nalgunhas áreas.

Desde as centrais insístese tamén en que a política de contratación do SERGAS está a xerar unha grande precarización, con contratos de 4 horas ou dun día para milleiros de profesionais.

Dar a batalla pola Sanidade Pública

Desde a CIG-Saúde lémbrase que nestes últimos catro anos de goberno do PP, a Xunta leva recortado máis de 300 millóns de euros na Sanidade Pública. Esta situación podería cobrar tintes dramáticos a partir do ano que vén mediante o recorte do 0,4% do orzamento sanitario estatal que contempla o “plano de estabilidade” apresentado por Rajoy á Comisión Europea.

Fronte un modelo que pretende financiamento público a través dos impostos para unha prestación de servizos privada, que xerará unha “sanidade de primeira e outra de segunda”, a plataforma sindical chama a continuar a dar a batalla. “Hai que loitar contra a fragmentación, os repagamentos e as privatizacións, porque as empresas só pretenden atender aquelas patoloxías que lle resultan rendíbeis”, sinalaron.

A nova en Avantar.

CIG-Saúde exixe a paralización da privatización de esterilización e denuncia as consecuencias dos peches de camas no desemprego do sector sanitario

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
“O PP está a provocar un incremento do desemprego no sector sanitario quen non é comparábel a ningunha outra época do Sergas”, denuncia María Xosé Abuín
A CIG-Saúde, que tivo acceso a un prego de condicións que circula internamente pero que non foi sequera publicado no DOG, denunciou esta mañá en rolda de prensa a inminente privatización das unidades de esterilización dos hospitais do SERGAS. Alerta de que, segundo este prego, unha vez privatizadas estas unidades será practicamente imposíbel a súa reversión ao sistema público e que se provocará unha descapitalización tanto do coñecemento, como dos equipamento sanitarios, que pasarán a depender por completo da empresa adxudicataria.
14-06-06 RP CIG-Saúde

A CIG-Saúde tiña constancia de que xa estaba a circular ese prego no que se recolle o alcance da privatización das unidades de esterilización dos hospitais do SERGAS e as condicións que deberá cumprir a empresa adxudicataria na prestación do servizo de xestión integral de esterilización. Agora que tivo acceso ao seu contido, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, afirma que “veñen a confirmarse os nosos peores temores”.

Atendendo ao alcance, apunta que segundo o prego “a empresa deberá aportar as instalacións, equipamento, persoal, material e produtos necesarios para realizar o proceso”. Subliña ademais que no punto 5.2.1., sobre medios humanos, figura que o adxudicatario deberá incorporar para a prestación do servizo todo o persoal que sexa necesario para desenvolver o correspondente traballo e denuncia que “isto vai supor a amortización de 157 postos de traballo na sanidade pública”.

Ante isto, a CIG-Saúde pregúntase a onde vai destinar o SERGAS a este persoal e advirte de que coa súa recolocación noutras unidades ocuparanse prazas do sistema desprazando a persoal contratado interino e incrementándose así o paro no sector sanitario. Alén diso, a consecuencia será, segundo secretaria nacional, “a descapitalización do coñecemento”.

Descapitalización de equipamentos sanitarios

A isto engade tamén a advertencia da “descapitalización dos equipamentos sanitarios” que se vai provocar, xa que segundo o prego, no punto 6.4 dise que “se obriga ao adxudicatario, durante toda a vixencia do contrato, á actualización/renovación das instalacións e do equipamento empregado para a prestación do servizo” e no punto 7, sobre xestión de instrumental, engádese que “ao inicio da prestación do servizo o SERGAS porá ao dispor do adxudicatario, para a súa xestión e custodia, todo o instrumental reutilizábel que sexa da súa propiedade, que xunto co resto do resto de material que subministrará o adxudicatario, pasará a formar parte do inventario inicial que deberá estar sempre actualizado”.

Neste mesmo punto recóllese tamén que a partir de aí todo o instrumental será reposto pola empresa privada. Para a secretaria nacional de CIG-Saúde a consecuencia será que “en vez de gastar o diñeiro público en renovar o material que precisa o sistema sanitario, con eses cartos pagamos a unha empresa privada para que faga a reposición dos seus propios efectivos”.

A CIG-Saúde alerta de que con estas premisas a privatización do servizo de esterilización será “irreversíbel” pola propia descapitalización do patrimonio. “O SERGAS non vai investir cartos en repor o material e ademais vai ser todo de propiedade da empresa. O material que hoxe ten o SERGAS, dentro de 8 anos estará obsoleto e todo o material novo será da empresa privada”.

Ante isto, e dado que xa circula internamente o devandito prego e que se está provocando unha enorme situación de incertidume,  non só nos traballadores de esterilización, senón tamén no resto dos servizos, a CIG-Saúde exixe da consellaría de Sanidade, primeiro, a inmediata paralización do proceso de privatización e, en todo caso, que se faga público este prego de condicións, cos seus prazos e demais.

CIG-Saúde lembra que a privatización destas unidades foi anunciada no DOUE o pasado 2 de xaneiro e que tras coñecer este anuncio as e os profesionais, de forma unánime, rexeitaron a privatización dun servizo “esencial e de alta calidade tal e como se está prestando na sanidade pública”, xa que, de feito, estas unidades teñen recoñecida a ISO 9001 de calidade.

Abuín sinala que o pasado 23 de maio a CIG-Saúde remitiu un escrito á conselleira de Sanidade para solicitarlle que se anulara o concurso de privatización e demandando que, “en aras a esa transparencia da que tanto fan alarde”, se fixese público o prego de condicións no DOG”. Unha publicación que entende que debe ser inmediata para que “por unha vez, actúe coa transparencia que se lle debe exixir a toda administración pública”.

Desemprego no sector sanitario

María Xosé Abuín denunciou tamén, na rolda de prensa, as consecuencias das medidas de recorte orzamentario e o peche de camas durante 4 meses. “Están a provocar un incremento do desemprego  no sector sanitario, que non é comparable a ningunha época do SERGAS”.

Abuín acusa ao goberno do PP e a consellaría de Sanidade de ser “parte do problema do paro” e de non publicar os datos das contratacións que realiza para que estes datos non se coñezan.

Por iso a CIG-Saúde realizou uns cadros nos que se recollen as porcentaxes de contratación que o SERGAS realizou a data 22 de maio de 2014, en relación ás persoas inscritas nas listaxes de selección temporal. “Fáltanos un dato importante, que é coñecer o tipo de contrato que teñen estas/es traballadoras/es”, matiza. “Nese dato reflectiríase a alta taxa de precariedade laboral que reina no SERGAS”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde conclúe que “con estes datos poden presumir de pechar camas ou de reducir o nivel da contratación. Vostedes sigan facendo méritos para descapitalizar a sanidade pública”.

Porcentaxe de contratacións persoal inscrito nas listaxes de selección temporal

SELECCIÓN TEMPORAL. LUGO

Categoría

Persoas inscritas

Nº orde chamamento

% da contratación

Enfermeira/o

784

106

13.52%

TCAE

718

55

7.66%

Celadoras/es

689

32

4.64%

Pinches

307

7

2.28%

PSX

434

14

3.22%

TEL

145

10

6.89%

SELECCIÓN TEMPORAL A CORUÑA.

Categoría

Persoas inscritas

Nº orde chamamento

% da contratación

Enfermeira/o

1524

510

33.46%

TCAE

1116

343

30.735%

Celadoras/es

871

110

12.62%

Pinches

575

120

20.86%

PSX

793

34

4.28%

TEL

183

15

8.19%

SELECCIÓN TEMPORAL OURENSE

Categoría

Persoas inscritas

Nº orde chamamento

% da contratación

Enfermeira/o

698

18

2.57%

TCAE

574

92

16.02%

Celadoras/es

544

23

4.22%

Pinches

213

92

43.19%

PSX

266

20

7.51%

TEL

100

9

9%

SELECCIÓN TEMPORAL PONTEVEDRA

Categoría

Persoas Inscritas

Nº orde chamamento

% da contratación.

Enfermeira/o

516

104

20.15%

TCAE

512

86

16.79%

Celadoras/es

630

46

7.30%

Pinches

129

33

25.58%

PSX

301

9

2.99%

TEL

125

16

12.8%

SELECCIÓN TEMPORAL FERROL.

Categoría

Persoas inscritas

Nº orde chamamento

% da contratación

Enfermeira/o

488

74

15.16%

TCAE

341

9

2.63%

Celadoras/es

372

33

8.87%

Pinches

202

15

7.42%

PSX

265

11

4.15%

TEL

87

6

6.89%

SELECCIÓN TEMPORAL BURELA.

Categoría

Persoas inscritas

Nº orde chamamento

% da contratación

Enfermeira/o

255

87

34.11%

TCAE

203

37

18.22%

Celadoras/es

186

25

13.44%

Pinches

49

2

4.08%

PSX

107

3

2.80%

TEL

25

5

20%

SELECCIÓN TEMPORAL O BARCO

Categoría

Persoas inscritas

Nº orde chamamento

% da contratación

Enfermeira/o

346

203

58.67%

TCAE

258

37

14.34%

Celadoras/es

222

2

0.90%

Pinches

63

13

20.63

PSX

44

5

11.36

TEL

38

7

18.42

SELECCIÓN TEMPORAL VIGO

Categoría

Persoas Inscritas

Nº orde chamamento

% da contratación

Enfermeira/o

1503

390

25.94%

TCAE

1194

331

27.72%

Celadoras/es

986

238

24.13%

Pinches

310

134

43.22%

PSX

670

21

3.13%

TEL

215

15

6.97%

SELECCIÓN TEMPORAL DE COMPOSTELA

Categoría

Persoas inscritas

Nº orde chamamento

% da contratación

Enfermeira/o

1088

142

13.05%

TCAE

831

243

29.24%

Celadoras/es

794

115

14.48%

Pinches

317

29

9.14%

PSX

455

10

2.19%

TOTAL DE PERSOAS INNSCRITAS E % DA CONTRATACIÓN

Categoría

Persoas inscritas

% da contratación.

Enfermeira/o

7.021

23.27%

TCAE

5.747

21.45%

Celadoras/es

5.323

11.72%

Pinches

2.165

20.55%

PSX

3.335

3.80%

TEL

918

9.04%

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto