Noticias Política Sanitaria
 
 

Exiximos ao SERGAS que rescate o servizo de electromedicina antes de que a situación sexa irreversíbel

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Os incumprimentos da adxudicataria xa provocaron problemas con incubadoras, berces térmicos, equipos de esterilización, mesas de quirófano ou equipos de raios
.
Seis meses despois da privatización do servizo de electromedicina a empresa adxudicataria, IBERMAN, S.A. segue sen cumprir o contrato. Así o denuncia a CIG-Saúde, que considera que o SERGAS está a mirar para outro lado malia saber que “o 25% dos efectos adversos relacionados coa asistencia sanitaria teñen que ver co uso inadecuado ou deficiencias no mantemento”. Por iso reclama o rescate do servizo antes de que a situación se deteriore de forma irreversíbel xa que agora nin se respectan os protocolos establecidos polo fabricante, nin se empregan pezas orixinais, nin existe garantía das reparacións e tampouco hai protocolos que determinen o bo funcionamento dos equipos.

O Director de Recursos Económicos do SERGAS, Pablo Torres Arrojo, comparecía o pasado 12 de decembro na Comisión de Sanidade para responder a preguntas do BNG sobre os motivos dos incumprimentos da adxudicataria do servizo de electromedicina.

Nesa comparecencia recoñecía que existen fallos na execución do contrato pero que son de pouca importancia e que a decisión de privatizar este servizo se fixera para evitar a variabilidade existente nas diferentes Áreas; mellorar a calidade no mantemento; homoxeneizar e optimizar a xestión e reducir custes.

Porén, para a CIG-Saúde estes argumentos “chocan cos criterios dos profesionais en tecnoloxía sanitaria”. Para demostralo lembra que nunha xornada sobre seguridade de doentes e usuarios na xestión da tecnoloxía sanitaria -organizada o pasado mes de novembro polo colexio Oficial de enxeñeiros industriais de Madrid e pola Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria (Fenin), na que, ademais participaron responsábeis do SERGAS- as/os profesionais na materia recoñecían  que “a elevada complexidade tecnolóxica da electromedicina así como o seu impacto na seguridade de usuarios e pacientes, fai necesario que o seu mantemento sexa efectuado por persoal con cualificación específica que siga os protocolos do fabricante e, ademais, empregue pezas orixinais cuxa validez quedou demostrada na avaliación da conformidade realizada no proceso de certificación para o marcado CE”.

Xunto a isto concluían que “o 25% dos efectos adversos relacionados coa asistencia sanitaria teñen que ver co uso inadecuado ou deficiencias no mantemento”.

Aténdose a estas conclusións a CIG-Saúde sinala que a adxudicataria do concurso de electromedicina “incumpre o punto primeiro en toda a súa extensión” e matiza que “non se respectan os protocolos establecidos polo fabricante, non se empregan pezas orixinais, non existe garantía das reparacións e non existen protocolos que determinen o bo funcionamento de equipo”.

Xunto a isto denuncia que esta empresa está a demostrar que “non ten a solvencia que se precisa para asumir o mantemento de equipos electromédicos cunha mínima garantía” e canto aos efectos adversos de uso inadecuado ou deficiencias de mantemento remítese ao ocorrido o pasado mes no Barco de Valdeorras cunha incubadora.

Ante esta situación, a CIG-Saúde considera que “nada do que di o Director de Recursos Económicos se está a cumprir e senón que nos explique porque agora está habendo máis problemas que antes da privatización”. A modo de exemplo sinala os problemas cos equipos médicos, incubadoras, equipos de esterilización, mesas de quirófano, máquina de osmoses no Barco de Valdeorras; mamógrafos en Burela; incubadoras, arcos cirúrxicos e berces térmicos en Lugo; equipos de citoscopias en Coruña; equipos de raios, insufladores endoscópicos en Pontevedra ou equipos de endoscopias, electrocardiógrafos e camas eléctricas en varios hospitais.

Asegura que os mantementos preventivos e técnico legais non están ao día (esterilizadores, desfibriladores, electrocardiografos, cabinas de fluxo laminar, etc.) e que tampouco se fan os mantementos correctivos como se di no contrato. “Non está cuberto o servizo as 24 h., a pesar do que diga o Sr. D. Pablo Torres Arrojo. Non teñen a disposición da xerencia os equipos de substitución para casos de avarías. Non teñen libros de mantemento nin plan de mantemento condutivo. Non están localizados en quenda de noite nin en fins de semana e festivos. Os supervisores/as non teñen a posibilidade de comunicar as avarías que se producen fóra da xornada ordinaria, tendo que recorrer ao persoal de mantemento do SERGAS”.

A situación agrávase nos Hospitais Comarcais (O Barco, Monforte, Burela) xa que non teñen presenza física todos os días e en caso de avarías é imposíbel dar resposta. Máxime se temos en conta os tempos fixados na oferta (avaría critica 1 minuto, avaría urxente 10 minutos, avaría normal 15 m. e de resolución máximo 24h.), sinala a CIG-Saúde.

A CIG-Saúde pide ademais explicacións a respecto da existencia de duplicidade de contratos, e a modo de exemplo cita o que está a ocorrer na Área de Xestión Integrada Pontevedra e Salnés, cos contratos de Gambro/Hospal, (equipos de diálise), Alcon (equipos oftalmolóxicos) e a revisión de quirófanos. “Estes equipos teñen a cobertura de mantemento ou ben a través da compra do propio equipo ou a través do subministro de material e nalgúns casos contratos independentes”.

Lembra que existe un contrato con IBERMAN, S.A. no que están contemplados todos estes equipos, como queda reflectido no Prego de Prescricións Técnicas e na oferta da empresa. Por iso afirma que “se isto é optimizar a xestión e reducir custes que nolo expliquen” e conclúe que isto “é un grande negocio para as empresas privadas e unha ruína para o sistema público que ten que pagar por un servizo que non ten”.

A CIG-Saúde denuncia tamén que o Director de Recursos Económicos do SERGAS, Pablo Torrres Arrojo, adxudicou ao Grupo Empresarial Electromédico IBERMAN, S.A. máis de 36 millóns de euros: 

Hospital Comarcal Gutiérrez Ortega de Valdepeñas (1999-2001)  2.800.00,00.- €

Hospital Universitario Clínico San Carlos, Madrid (2001-2008) 2.790.000,00.- € e o  (8-9-2005)  2.790.000,00.-€

Hospital Universitario Príncipe de Asturias, Alcalá de Henares (2008-2009) 2.630.400,00.-€  

SERGAS (2013- ) 25.142.003, 19.-€

Entende que é unha sangría para o sistema público que está a ter graves consecuencias, como é a  descapitalización de todo o equipamento existente nos servizos,  polo que esixe ao SERGAS que, de inmediato, rescate o servizo de electromedicina antes de que a situación se deteriore irreversíbelmente.

A nova en Avantar

Privatización da ESTERILIZACIÓN: Descapitalización do coñecemento na pública, destrución de postos de traballo, menor garantía na calidade da prestación, maior custe económico

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Coa privatización do servizo de Esterilización o SERGAS está cumprindo a súa folla de ruta de fragmentar a sanidade pública para poder privatizala con maior facilidade.

De non pararmos agora este proceso de descapitalización do sistema sanitario público posto en marcha polo goberno do PP, no futuro será inviable recuperar a titularidade pública destes servizos. Agora tamén están a privatizar a bata branca.

O canon que a Consellaría de Sanidade vai pagar por cada un dos servizos privatizados vai asumir unha parte importante do orzamento sanitario, hipotecando por moitos anos as arcas públicas, dificultando a prestación de servizos, cun custe superior ao custe actual, con perda de calidade e destrución de emprego público. Por riba, para poder manter isto seguirán reducindo os nosos salarios, iso si, contentando as empresas amigas.

Este vai ser o 2º (segundo) ERE do persoal do SERGAS,  o 1º (primeiro) ERE foi o do persoal de subministros (200 postos de traballo) cando se privatizou este servizo implantando a Plataforma Loxística. Nesta ocasión, coa privatización da esterilización, están en perigo 167 postos de traballo (ver cadro de abaixo).

cadro_prazas_esterilizacin_grande

 

Temos que parar a sangría de privatizacións e a destrución de emprego.

 Non llelo permitas! MOBILÍZATE!!!

Descarga e difunde !

Profesionais de esterilización piden nunha carta á Conselleira a paralización da privatización deste servizo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nunha carta dirixida á Conselleira, profesionais, supervisoras/as e xefas/es de servizo das áreas de Esterilización e Medicina Preventiva dos hospitais públicos do SERGAS exíxenlle que dea marcha atrás no proceso privatizador deste servizo, con argumentos que así o secundan. Reproducimos a carta, da que se fixeron eco varios medios de comunicación, aquí debaixo:

Cara aberta á Conselleira de Sanidade:

SOBRE A PRIVATIZACIÓN DA XESTIÓN DAS ACTIVIDADES DE ESTERILIZACIÓN DO SERGAS

O Diario Oficial da Unión Europea publicou, o 2 de xaneiro de 2014, o inicio do proceso de privatización da xestión do material estéril dos hospitais do SERGAS (http://ted.europa.eu/udl?uri=TED:NOTICE:601-2014:TEXT:ES:HTML&tabId=1). Diante deste feito queremos facerlle chegar as seguintes reflexións:

1. O persoal facultativo dos Servizos de Medicina Preventiva, e as enfermeiras/os supervisores das Centrais, somos as/os profesionais responsábeis da actividade das centrais de esterilización dos hospitais do SERGAS e, en boa medida, os principais depositarios da experiencia e do coñecemento científico acumulado sobre esterilización de material sanitario que existe na sanidade pública galega.

2. Nos últimos anos, na maioría dos hospitais do SERGAS téñense dado importantes pasos adiante na mellora da xestión e da calidade das nosas centrais. Esas melloras permitiron, entre outros logros, importantes avances en garantir a trazabilidade do material estéril, e en reducir o número de avarías dos esterilizadores. Nestes anos, téñense avanzado moito na informatización das centrais, na formación do persoal que traballa nelas, e no establecemento de sistemas de calidade, en xeral relacionados coa ISO 9001. Na actualidade pode afirmarse que as Unidades de Esterilización dos hospitais públicos galegos teñen unha elevada efectividade e eficiencia, tendo demostrado tamén sobradamente a súa versatilidade e capacidade de adaptarse aos cambios tecnolóxicos e as novas necesidades asistenciais dos nosos hospitais e do conxunto dos sistema sanitario asistencial público galego.batea_material

3. A decisión da Consellería de convocar o concurso para a contratar cunha empresa privada o “Servizo de Xestión Integral do proceso de esterilización do material necesario para o desenvolvemento da actividade asistencial dos centros do Servizo Galego de Saúde”, non foi consultada cos profesionais que subscribimos este escrito.

4. Consideramos que a decisión de privatizar a xestión da esterilización do SERGAS foi tomada por motivos alleos ao rigor técnico, e que non existe evidencia científica de que, coa súa privatización, vai mellorar a eficiencia no uso dos recursos que a sanidade pública galega dedica á esterilización do material asistencial.

5. Resúltanos totalmente descoñecida a existencia de informes técnicos que apoien a conveniencia da privatizar a xestión do material estéril da sanidade pública. De existir eses informes, pedímoslle encarecidamente que se nos fagan chegar, de xeito que a nosa opinión técnica poida ser máis matizada.

6. Como firmes defensores que somos do carácter plenamente público da nosa sanidade, o SERGAS tennos totalmente a súa disposición para contribuír, coa nosa experiencia e coñecemento técnico, á introdución de melloras na eficacia e eficiencia da xestión das nosas centrais de esterilización.

7. Por todos estes motivos, os profesionais que subscribimos este escrito, responsábeis dos Servizo de Medicina Preventiva e Supervisores das Centrais de Esterilización dos Hospitais do SERGAS, pedímoslle á Consellería de Sanidade que paralice o concurso de privatización das actividades de esterilización do SERGAS.

22/01/2014

Esta carta foi asinada pola totalidade das supervisoras/res das centrais de esterilización, e pola grande maioría dos xefes de servizo e responsábeis dos servizos de Medicina Preventivas dos hospitais do SERGAS. Aos responsábeis dos Servizos de Medicina Preventiva que non tiñan contratos fixos, non se lles pediu que asinaran a carta. A carta, na redacción orixinal que se lle mandou á Conselleira de Sanidade o 23/01/2014, contiña unha segunda páxina na que figuraban os nomes e apelidos dos asinantes, así como o hospital no que traballan.

Reunión coa Conselleira, a Xerenta do SERGAS e a Directora de RRHH

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O día 20 de xaneiro de 2013, a Xerenta do SERGAS convocounos a unha reunión para comentarnos cales son as súas previsións para o ano 2014. Nesta reunión ademais da Xerenta do SERGAS, estivo presente a Conselleira de Sanidade e a Directora de RRHH. Para a CIG-SAÚDE a reunión tiña dous planos de debate. Un debate coas representantes da Admón (Xerenta e Directora de RRHH), nas que lle solicitamos un marco de relacións laborais orientado a mellorar as condicións laborais das/os traballadoras/e. E un marco de debate de política sanitaria coa representante do goberno galego, a Sra. Conselleira, á que lle esiximos un xiro de 180 grados nas políticas sanitarias de RRHH e de asistencia sanitaria.

toma_posesin_marga_prado2

                Abordamos os seguintes temas:

·         Política de persoal no ámbito do Servizo Galego de Saúde. Tanto a Conselleira como o resto de representantes da Admón, informáronnos de que durante o ano 2014 a política de persoal vai ser a mesma: conxelación salarial, taxa de reposición que afectará ao persoal fixo e interino, precariedade laboral, non haberá OPE para todas as categorías (que queren dicir con isto?)

·         Durante o ano 2014 non se vai falar de retribucións, e no 2015 xa veremos. Nin recuperación dos acordos retributivos, nin carreira profesional, nin específico da extra...

·         Van cumprir a taxa de reposición rigorosamente, o goberno galego do PP non vai facer nada para anulala, de ser así, pode durar até o ano 2017, segundo conta no plano de estabilidade presentado polo Sr. Raxoi perante a Unión Europea. A taxa de reposición afecta ao cadro de persoal fixo, de cada 10 vacantes só se repón unha, e ao persoal contratado, xa que os vínculos que formalicen serán en precario, non se ofertaran todas as interinidades.

·         Convocatoria de OPE. Ao manter a taxa de reposición, o cálculo das prazas para a próxima OPE hai que facelo tomando como referencia as vacantes que se produciron desde a última convocatoria de OPE. É dicir, a próxima oferta de emprego será de máis ou menos 50 prazas para todas as categorías restantes.

·         No referente á política de asistencia sanitaria o goberno vai seguir insistindo nas políticas de privatización e as súas medidas de “ reorganización e racionalización”.

·         Xestión Clínica: A Conselleira insiste en que non vai implicar privatización nin laboralización, diga o que diga o novo artigo do Estatuto Marco. Exiximos a retirada do Decreto e a Orde e a apertura dunha verdadeira negociación sobre o tema.

Ante esta situación, que non conten coa CIG-SAÚDE para avalar as súas políticas.

A CIG-SAÚDE vai seguir denunciando e exixindo a recuperación integral do sistema sanitario público, tanto no referente á asistencia sanitaria como á recuperación dos dereitos laborais.

GRAZAS POLA REUNIÓN, PERO COA CIG NON CONTEN PARA ISTO

Ata aquí chegan os recortes???

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Inda non saímos do noso asombro. Os recortes no SERGAS chegan ata tal extremo que nas salas de espera se "recicla" mobiliario, como neste caso, no Hospital do Rebullón. Tal e como indican @s nos@s compañeir@s de Vigo na súa web, como suprimiron o autobús intercentros que realizaba o transporte a este centro hospitalario, deberon decidir que era unha lástima tirar eses asentos tan ergonómicos e non colocalos nas salas de espera do centro, tan necesitado por mor dos recortes.

De vergoña o deste SERGAS, desde logo.

Confírmanse a denuncia da CIG: publicado o concurso da privatización do servizo de esterilización

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O anuncio da apertura do concurso para a concesión do servizo saíu publicado no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea) do pasado 2 de xaneiro

A CIG-Saúde demandaba da consellaría de Sanidade, o pasado 4 de decembro, a confirmación ou desmentido da información que circulaba polos centros hospitalarios do SERGAS segundo a que, a finais dese mesmo mes, se procedería á publicación do concurso para a privatización do servizo de esterilización dos centros hospitalarios. Desde a consellaría non houbo resposta algunha, pero si a publicación do concurso o día 2 de xaneiro. A CIG-Saúde denuncia que para que pasara desapercibido, o anuncio para esta privatización foi publicado no DOUE e nin sequera se informou aos servizos afectados. A data prevista para o inicio dos procedementos de adxudicación é o 1 de marzo e a CIG-Saúde exixe a súa paralización e que a concesión non chegue a ser formalizada.

batea_materialSegundo a publicación no DOUE o contrato do servizo ascendería a 132 millóns de euros, máis IVE. Para a CIG-Saúde o máis grave é que para a súa privatización non se tivo en conta a opinión dos/as profesionais, xa que nin sequera foron previamente consultados ou recibiron comunicación algunha.

A CIG-Saúde explica que os hospitais públicos do SERGAS contan cos certificados de calidade ISO 9001 que garante a excelencia e calidade do traballo. Este control dos estándares de calidade tamén se fai polos servizos de medicina preventiva dos hospitais. O conxunto do traballo e do control de calidade é prestado por persoal sanitario (TCAEs, enfermeiras/os e médicas/os) e se isto pasa a mans dunha empresa privada tal e como vén de confirmarse “estariamos a falar da privatización da ‘bata branca’, esa que dixeron, tanto a conselleira, como o propio presidente da Xunta que non se ía producir”, denuncia María Xosé Abuín.

A CIG-Saúde advirte do encarecemento de todo o proceso se realmente se chega a efectivizar, xa que o material tería que ser trasladado en camións blindados, con sistemas que preserven un determinado nivel de humidade. De non ser así, o traslado deste material contaminado, en medios de transporte convencionais sería un risco para a poboación.

A ausencia absoluta de transparencia na xestión da consellaría de Sanidade queda evidenciada máis unha vez, xa que con data de 4 de decembro, a CIG-Saúde remitiu un escrito solicitando do SERGAS unha aclaración a respecto deste asunto que nunca chegou a ser contestado. O escrito foi enviado á Directora de Recursos Humanos do SERGAS, ao Director Asistencial e ao Director de Recursos Económicos, Pablo Torres, que é o encargado de publicar os concursos.

Adxuntamos enlace co DOUE.

http://ted.europa.eu/udl?uri=TED:NOTICE:601-2014:TEXT:ES:HTML&src=0

A voltas coa Xestión Clínica

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Con data 16 de decembro de 2013, a Administración sanitaria remitiu ás organizacións sindicais un novo borrador de proxecto de Xestión Clínica, cun prazo de alegacións até o día 10 de xaneiro de 2014. Desde CIG-SAÚDE lamentamos profundamente a visión que ten esta Administración da negociación e participación das organizacións sindicais. Para esta Administración a negociación e participación das organizacións sindicais redúcese a enviarnos distintos documentos sobre o mesmo tema, abrir prazos de alegacións, e agardar a que as organizacións sindicais enviemos as alegacións (cousa que facemos para iniciar unha negociación de boa fe). Pero despois a Administración non recolle nos seus textos as alegacións enviadas polas organizacións sindicais, e o texto que se nos volve enviar é o mesmo con outro formato no seu articulado. Isto non é negociar de boa fe, simplemente é unha intención de escenificar cara á opinión pública que o decreto de xestión clínica se está a negociar coas organizacións sindicais.

Por iso, desde CIG-SAÚDE ante este novo documento, co mesmo contido normativo que o anterior, só podemos dicir que solicitamos desta Administración a retirada do documento de xestión clínica. Ratificámonos nas nosas alegacións presentadas na mesa sectorial do mes de agosto do 2013, e solicitamos que se inicie unha verdadeira negociación.

cig_globoDesde CIG-SAÚDE entendemos que debe de haber un decreto de xestión clínica, xa que o decreto non é máis que unha norma, e a Admón debe funcionar con normas escritas. Mais este documento que se propón non pretende regular a participación dos/as profesionais, nin traballar mediante protocolos baseados na evidencia, lonxe disto só pretende transferirlle ás/aos profesionais a responsabilidade dos recortes. É difícil entender a xestión clínica como unha responsabilidade exclusiva das/os profesionais para que sexan valorados por la dirección en virtude dos seus resultados económicos. É necesaria unha implicación tanxible desta última como facilitadora (da información e recursos) e que garanta os dereitos das/os cidadáns e das/os profesionais.

Entre outros temas, non podemos compartir que as retribucións das/os traballadoras/es do SERGAS estean vinculadas aos posíbeis aforros. O SERGAS é a única Administración que vincula o gasto sanitario adicado á prestación sanitaria de toda a poboación aos salarios das/os profesionais: maiores prestacións menor salario, máis recortes maior salario.

O novo decreto que se negocie non pode conter “Mecanismos de Incentivación”, retribucións variables financiadas e condicionadas polos indicadores de aforro. No SERGAS, desde o ano 2003, existe un sistema retributivo baseado no recoñecemento do desempeño profesional, o esforzo por realizar un traballo de calidade dun xeito competente, utilizando coñecementos, habilidades, aptitudes e bo xuízo asociado a súa profesión para resolver axeitadamente as situacións xeradas no exercicio profesional. 

            Reiteramos que exiximos:

Ø  A retirada do documento de Xestión Clínica, e o inicio dunha nova negociación.

Ø  Un decreto de xestión clínica baseado en indicadores de saúde e non ligado ao aforro económico.

Ø  A recuperación da carreira profesional para todos/as as/os profesionais baseada na avaliación do desempeño do posto de traballo.

Ø  A creación dun grupo de traballo para abordar con rigor as competencias profesionais de cada colectivo, atendendo ao seu perfil profesional e á titulación requirida.

CIG-Saúde denuncia un novo recorte na atención sanitaria urxente

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

No DOG do venres 20 de decembro de 2013 publícase a seguinte resolución:

  • RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2013, da Dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pola que se anuncia a contratación, polo procedemento aberto e tramitación ordinaria, do servizo de transporte sanitario urxente aéreo (expediente AB-FUS1-13-002). Descargar PDF

helicoptero061Esta resolución anuncia a oferta de contratación do servizo de transporte aéreo (helicóptero) para urxencias sanitarias. Neste novo contrato que se oferta estabelécese que o período de servizo será tódolos días do ano, de orto +12 a ocaso -12, mentres que no contrato actual, vixente durante 23 anos que xa ten o servizo, é tódolos días do ano de orto a ocaso. Segundo os nosos cálculos, esta condición supón que o período de servizo de cada helicóptero se verá reducido en 394 horas ao ano.

Isto significa que durante o verán, ás sete da tarde só estará operativo un helicoptero con base en Ourense, o que fai que un accidente ocurrido, por exemplo, na Costa da Morte a partir desa hora ten o recurso medicalizado máis próximo a máis de 35 minutos de voo, cando na actualidade está a uns 12 minutos. No mesmo senso, unha emerxencia ocurrida no Barco de Valdeorras ás 8 da mañá tería o helicóptero sanitario a uns 40 minutos de voo, mentres que na actualidade está a 15 minutos.

Poderiamos enumerar moitas emerxencias atendidas dentro deste tramo horario e que nas condicións deste novo contrato non se poderán atender, cando menos nas condicions idóneas que marcan os “20 minutos de ouro”.

A previsión é que este novo contrato entre en vigor en abril de 2014, e mentres tanto o servizo seguirase rexendo polas condicións do contrato actual.

A CIG-Saúde considera esta medida un novo recorte na asistencia sanitaria a cidadanía, desta volta na atención sanitaria urxente, encadrado dentro da política do Goberno Galego do PP que confunde a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto