Noticias Política Sanitaria
 
 

A CIG-Saúde manifesta a súa oposición á privatización da xestión das Incapacidades Temporais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncia que a Xunta de Galiza e a consellaría de Sanidade renuncian as súas competencias de inspección sanitaria entregándollas ás mutuas privadas
.
CIG-Saúde denuncia a privatización da xestión das Incapacidades Temporais (baixas médicas) e o recorte de dereitos que isto supón, potenciando a burocratización do traballo das e dos médicos de Atención Primaria e xeneralizando a presunción de fraude por parte das traballadoras e traballadores.

O Real Decreto que está sendo elaborado polo Goberno sobre o control dos procesos por incapacidade temporal nos primeiros trescentos sesenta e cinco días da súa duración, está orientado a que as Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social (MATEPSS), sexan as que dirixan esta prestación e actúen como autoridade de control da mesma, ignorando as propias competencias do Servizo Galego de Saúde.

As Mutuas de Accidentes de Traballo son entidades formadas por asociacións de empresarios que teñen a consideración legal de carácter público, e con este RD ábrese a porta a que sexa o inicio da privatización da asistencia sanitaria dos traballadores como, no seu momento fixo a Lei 15/1997, de 25 de abril, sobre habilitación de novas formas de xestión da Sanidade Pública: Fundacións Sanitarias, contratos de colaboración Público-Privado, etc

Ademais complica a xestión das Propostas de Alta. As diferentes mutuas poderán remitir, directamente, solicitude de informe as/os médicas/os de Atención Primaria, tendo estes catro días para contestalas e de non facelo o paciente causaría Alta por silencio administrativo, o que pode redundar en fonte de conflitos e inseguridade xurídica tanto para Médico de AP, como para os pacientes.

Posibel vulneración da confidencialidade dos datos clínicos

Outro aspecto destacable do Real Decreto é que, coa escusa do control da prestación económica da IT, preténdese conceder o acceso integral á Historia Clínica Electrónica para as entidades xestoras da IT, entre elas as Mutuas, desvirtuando o seu carácter clínico, ao servizo das e dos pacientes. Pola contra, as historias das traballadoras e traballadores en mans do INSS e das Mutuas, que recolle boa parte da patoloxía laboral dos seus pacientes, permanece opaca para o Servizo Galego de Saúde dificultando así a detección da posible orixe profesional de moitas continxencias comúns.

CIG-Saúde demanda do Goberno a retirada deste Real Decreto e da Xunta que defenda ás súas competencias, reclamando o mantemento das funcións da Inspección Médica e das e dos médicos de Familia.

Artigo en Avantar.

CIG-Saúde inicia a reclamación sobre a paga extra recortada

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Posto que as organizacións sindicais non temos lexitimación para actuar en nome dos empregados e empregadas en reclamacións por cantidade, por parte das organizacións sindicais con representación en Función Pública, entre as que se atopa a CIG, acordouse interpor demandas referidas a persoal funcionario da Xunta, SERGAS e Ensino nos distintos ámbitos, contra a eliminación da paga extra que desde o goberno de Mariano Rajoy se impuxo mediante o Real Decreto-Lei 20/2012 a tod@s @s empregad@s públic@s, incluindo ao persoal ao servizo da Administración sanitaria galega.

Estas reclamacións serán presentadas a título persoal por traballadores/as representantes das catro organizacións sindicais, das que se fará constar a súa condición na presentación da demanda. Así, primeiro presentarase unha reclamación previa e, esgotada a vía administrativa, irase ao contencioso. Intentarán que unha vez haxa unha sentenza favorábel, esta se estenda ao conxunto do persoal.

CIG-Saúde inicia así a reclamación correspondente ao ámbito do SERGAS e considera que os gobernos non deberían agardar a que os distintos xulgados ou organismos xudiciais vaian ditando sentenzas favorábeis nos distintos ámbitos no que se teñen que facer reclamacións.

Descarga e difunde !

Orde de nóminas para o 2013?

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Será esta a orde de nóminas para o 2013?

cabeceira_orde_nominas13feb

A Lei 11/2012, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, regula no seu título II os gastos do persoal ao servizo do sector sanitario público da comunidade autónoma. A dita lei, ten como obxectivo a contención do gasto corrente, necesario dada a continuidade da crise económica creada por nefastos gobernos para dar cobertura ao desfalco e ao enriquecemento especulativo dos seus amigos/as e achegados/as.

DISPOÑO:

Primeiro. Instrucións sobre a contía das retribucións das/dos estatutarias/os públicas/os que de­sempeñan postos de traballo para os que o Consello da Xunta de Galiza aprobou a aplica­ción do réxime retributivo previsto no Decreto lexislativo 1/2008:

1.- Baixada de soldo nun 8% no ano 2013 para todas/os as/os traballadoras/es.

2.- De seguir mantendo a súa actitude de garantir un trato igualatorio a toda a poboación no acceso á sanidade pública, e pouco acorde cos tempos que corren, a minoración dos salarios será proporcional ao seu comportamento.

3.- Aquelas/es traballadoras/es que manteñan un compromiso cos obxectivos sanitarios deste goberno (privatizacións, repago, aumento das listas de espera cirúrxicas e de probas...) poderán verse recompensadas/os cun plus de Productividade Variable, en función dos obxectivos acadados. Sempre mediante sobre, que non tributa a facenda.

4.- No ano 2013 non se publicarán as táboas salariais, xa que as retribucións serán de carácter individualizado. Cada un ha de cobrar o que lle cadre.

5.- Para comprobar o cumprimento destes obxectivos establecerase un mecanismo manual de control da actividade, que non terá reflexo nos sistemas informáticos.

Disposición derradeira única.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galiza.

CONSELLEIRA DE SANIDADE

-----------------------------------------------

Esta orde de nóminas non é todo ficción, contén medidas que van ser realidade.

Espabila e loita!!!

Descarga e difunde.

Feijóo continúa o camiño da privatización da Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O presidente Feijóo segue volta e dalle no camiño privatizador da Sanidade Pública. No Consello da Xunta celebrado onte acordouse autorizar o expediente de xestión integral de servizos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que inclúe mantemento, limpeza, seguridade e subministración eléctrica, privatización coa que se verán afectad@s máis de 80 traballador@s que actualmente prestan os seus servizos no SERGAS neste Complexo Hospitalario.

Feijóo non frea o seu afán privatizador, e aproveitando que a súa prima Eloina Núñez "goberna" con man dura (e mesmo censora) naquel "feudo", introduce a privatización de mantemento nun programa (PROXECTO H2050) financiado con fondos europeos que agrupa baixo un mesmo contrato a xestión de servizos xa previamente privatizados, e outros que non o estaban, como é o caso de mantemento.

Eloina Núñez si que é unha "prima de risco", de grande risco para a Sanidade Pública!

 

O PÚBLICO É SERVIZO, O PRIVADO BENEFICIO (para uns poucos)!

NON O CONSINTAMOS! MOBILÍZATE! PARTICIPA NOS PECHES!

Día 14 de febreiro: Santiago, Burela, O Barco e O Salnés

Día 18 de febreiro: Vigo, Lugo, e Verín

As organizacións sindicais da saúde presentan un calendario de mobilizacións en todas as áreas sanitarias de Galiza

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Convocan asembleas, concentracións e peches durante todo o mes de febreiro

No decurso desta semana as organizacións sindicais que conforman a plataforma sanitaria teñen acordado organizar, en todas as áreas de Galiza, o calendario de asembleas informativas, mobilizacións e peches que se desenvolverán ao longo do mes de febreiro. Tamén teñen decidido incluír todas as medidas que se decidan nas asembleas, a proposta do persoal sanitario.

Estabelecerase un calendario de asembleas permanentes, de 24 horas de duración a partir do que se comezarán a desenvolver os catro peches previstos: o primeiro, o día 5 de febreiro na Coruña, Ourense, Barbanza; o 2º día 7 de febreiro: Ferrol, Monforte, Pontevedra e Cee: o 3º peche, día 14 de febreiro: Santiago, Burela, O Barco e Salnés e o 4º peche, día 18 de febreiro: Vigo, Lugo, Verín.

Os peches rematarán coincidindo cunha concentración diante do parlamento.

As organizacións sindicais de Sanidade cualifican de “tomadura de pelo” a Mesa Sectorial deste luns

A nova en Avantar

Concentración das organizacións sanitarias do ámbito da saúde contra a Lei de Orzamentos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Diante do edificio do Sergas, en San Lázaro, o luns 28 de xaneiro ás 11:00 horas, coincidindo coa reunión da Mesa Sectorial de Sanidade
Todas as organizacións sindicais con representación no ámbito do SERGAS compareceron este venres en rolda de prensa para denunciar os recortes e as medidas contempladas na Lei de Orzamentos de 2013. Recortes que advertiron que terán graves consecuencias laborais, salariais e para a calidade da prestación sanitaria e ante os que convocan unha concentación, para o vindeiro luns día 28 de xaneiro, ás 11:00 horas, diante do edificio do SERGAS, en San Lázaro, coincidindo coa xuntanza da Mesa Sectorial.

Na rolda de prensa, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, lembrou que desde que tomou posesión o Partido Popular, no ano 2009 os orzamentos reducíronse en máis de 500 millóns de euros o que, dixo, “ten afectado tanto á calidade asistencial, como ás condicións laborais”.

Abuín lamentou a perda de profesionais que vén padecendo o sistema sanitario público galego desde que se impuxo a taxa de reposición do 10%, isto é, que de cada 10 vacantes que se producen, só se cubre unha. “Estes orzamentos volven contemplar a mesma taxa de reposición e isto supón a perda de máis de 3.000 profesionais no sistema, incluíndo as prazas que non se cubriron pola paralización do Plan Mellora e pola paralización do Plan Galego de Saúde Mental”, denunciou.

A isto engadiu o que se recolle no artigo 33 da Lei de Orzamentos que di que só se poderá contratar persoal para cubrir as posíbeis ausencias de persoal cando o traballo non se pode realizar redistribuíndo as funcións entre o persoal que queda.  Ante isto, a secretaria nacional de CIG-Saúde denunciou que “se  segue minguando o persoal vai ser inviábel a prestación do servizo sanitario”.

Fronte a isto,  denunciou o mantemento dos concertos coa sanidade privada e que na Lei de Garantías se recolla que cando un doente non sexa atendido nos prazos previstos segundo a súa patoloxía, este poderá solicitar ser atendido na sanidade privada e posteriormente o SERGAS abonará a factura correspondente. “Isto agocha a intención do PP de privatizar a sanidade porque estes cartos deberían ser investidos en dotar á sanidade pública dun cadro de persoal suficiente para garantir a prestación sanitaria nos prazos indicados no sistema público”.

Para as organizacións sindicais as medidas que se están a adoptar limítanse a recortar os orzamentos no canto de garantir unha prestación baseada na opinión dos/as  profesionais ou na evidencia científica.

Para María Xosé Abuín, con estas medidas o que se está é introducindo o repago da prestación sanitaria e “iso estase demostrando coa posta en marcha das carteiras de servizos, básica complementaria e suplementaria e no copago dos medicamentos”.

Situación laboral

As organizacións sindicais tamén denunciaron as consecuencias que, nas condicións laborais e salariais, están a ter os recortes orzamentarios. Neste sentido, Abuín subliñou que, desde o ano 2009 veñen padecendo un recorte salarial maior en porcentaxe que o resto de traballadores/as da administración pública. Ese mesmo ano a consellaría de Sanidade suspendeu os acordos económicos co argumento de que había que ser solidarios cos 3 millóns de parados/as que había daquela. “A medida que foron recortando salarios e postos de traballo, o paro foise incrementando e hoxe superan os 6 millóns de parados con graves consecuencias en Galiza, sen que estes recortes tiveran servido para nada”.

Na exposición de motivos da Lei de Orzamentos aínda se agrava máis a súa situación laboral, xa que hai un artigo, o 20, que recolle a perda do complemento específico adicional das pagas extra para todas as traballadoras e traballadores públicos e, a maiores, un artigo 21 só de aplicación ao persoal do SERGAS que incrementa este recorte. “Recóllese que ademais se reducirán as contías salarial que se perciben en concepto de atención continuada: gardas, quendas, noites e festivos, ademais dunha redución da contía de carreira profesional ou do concepto de produtividade”.

Ante isto, a consellaría de Sanidade puxo sobre que para non ter que aplicar o artigo 21, habería que reducir o orzamento xeral da consellaría, fundamentalmente o destinado a prestación sanitaria, en 15 millóns de euros e que se ao longo do ano non se producía este aforro procederían a aplicación dese artigo 21.

Ante isto as organizacións sindicais aseguraron que non ían ser cómplices desta medida xa que o orzamento deste ano xa se reduce en máis de 50 millóns aos que habería que engadir estes 15 adicionais con graves consecuencias para a propia asistencia sanitaria . “O gasto sanitario ten que ser suficiente para garantir a sanidade pública e non se poden vincular os nosos salarios á prestación sanitaria” explicou Abuín.

Fronte a iso, reclamaron a supresión dos artigos 20 e 21 xa que na Lei de Orzamentos do Estado se contempla o pago íntegro das pagas extras. “De non ser así a redución salarial que experimentaremos as traballadoras e traballadores da sanidade pública será dun 8% en 2013”.

Se o luns na Mesa sectorial a administración non modifica a súa postura as organizacións sindicais anuncian que irán incrementando as mobilizacións en proporción directa á gravidade das medidas.

O artigo en Avantar.

Inda haberá quen pense que o seu interese é a saúde da poboación

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nunha pequena reseña onte no xornal dixital especializado Redacción Médica titulada "Dos ministros de Aznar pueden irrumpir en el sector sanitario en breve" sinalaban que dous ex-ministros do PP, Ángel Acebes e José María Michavila, forman parte da cabeza visible dun dos grupos de risco que podería xestionar os seis centros sanitarios que a comunidade de Madrid vai privatizar. Casualidade? Noooon.

A FAES, fundación do PP que se encarga, como así o recoñecen, de marcar o rumbo ideolóxico das actuacións políticas do Partido Popular, política sanitaria incluída, é a organización máis subvencionada do Estado Español, o cal significa que cos cartos de tod@s estamos a subvencionar aos ideólogos da privatización da Sanidade Pública, ideólogos que á súa vez forman parte dos Consellos de Administración de grandes empresas como Capio ou Ribera de Salud, futuras adxudicatarias desa privatización. O círculo péchase: os señores ex-ministros, xunto con outr@s destacados membros do PP, asesoran e realizan informes na FAES (subvencionada cos cartos de tod@s) sobre os beneficios da privatización dos Servizos Públicos, os gobernos do PP executan a liña marcada pola FAES e adxudican as privatizacións ás grandes empresas e corporacións que, casualmente, están dirixidas polos mesmos señores ex-ministros e destacad@s membros do PP. NEGOCIO TOTAL!

Alguén pensa inda que o seu interese é a saúde da poboación e non o seu propio lucro???

A Xunta de Persoal do Hospital Xeral de Vigo mantén un peche no centro en defensa da sanidade pública e dos dereitos laborais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Plataforma SOS Sanidade apoia unha iniciativa que se manterá até o xoves, cando está prevista unha marcha dende o Marco até a Xunta
.
A Xunta de Persoal do Hospital Xeral de Vigo iniciou esta mañá un peche na entrada do centro hospitalario para denunciar o desmantelamento da sanidade pública e en defensa dos seus dereitos laborais. Xa pola tarde, representantes da Plataforma SOS Sanidade achegáronse até o edificio para apoiar unha iniciativa que se manterá até o xoves, cando está prevista unha manifestación dende o Marco até a Xunta convocada pola Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos.

Os representantes dos traballadores/as iniciaron o encerro no interior do centro médico vigués tras participar nunha concentración ás portas do edificio.

Con esta decisión, que foi adoptada de xeito unánime, pretenden denunciar o desmantelamento do sistema público de saúde e a perda de dereitos laborais dos seus profesionais.

Ao mesmo tempo, reclaman que a construción do novo hospital da cidade se faga “dende o ámbito do público” e rexeitan a política de privatizacións que está a aplicar o PP dende a Xunta de Galiza.

Dende a CIG-Saúde explicaron que a protesta se vai prolongar até o xoves, día no que a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos convocou unha marcha dende o museo Marco até a Xunta a partir das 19.00 horas.

Por outra banda, representantes da Plataforma SOS Sanidade Pública achegáronse pola tarde até o centro médico vigués para apoiar a iniciativa da Xunta de Persoal. Ao remate do encontro anunciaron un “almorzo reivindicativo” na entrada do hospital este mércores a partir das 11.00 horas, mentres que ás 22.00 horas unha cadea humana rodeará con velas o edificio. Finalmente, adiantan a convocatoria dunha gran manifestación na cidade para o día 3 de marzo.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto