Noticias Outras novas
 
 

A CIG anima a participar nos actos convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Aborto

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Desenvolveranse accións en todas as comarcas, previas á manifestación nacional do domingo 16 de xuño
Con motivo da Manifestación nacional do día 16 de xuño, que sairá ás 17 horas dende a estación de tren de Compostela, a Plataforma Galega en Defensa do Aborto está a organizar un intenso calendario de mobilizacións en todas as comarcas, nos que a CIG participa activamente. Dende a Secretaría da Muller da central nacionalista anímase a participar nos diferentes actos en defensa dun dereito fundamental das mulleres, como é o de decidir sobre os seus corpos, a súa sexualidade, e a súa maternidade.

Todos os actos programados ao longo desta quincena (agás á asemblea de Pontevedra, que será para delegadas e delegados da CIG), están convocados pola Plataforma Galega en defensa do aborto, da que a central sindical forma parte, xunto con outras organizacións de mulleres, sindicatos, organizacións estudantís, na defensa da sanidade pública e partidos políticos, e teñen como obxectivo principal esixir ao goberno que cumpra coa súa responsabilidade de garantir o aborto legal, seguro e accesíbel.

Actos convocados:

- Ourense: xoves 13 de xuño ás 20.30h, rodearase a Catedral de Ourense. Hai buses para desprazarse á manifestación.

- A Coruña: venres 14 de xuño, ás 19 horas, pasarrúas con saída da Praza de María Pita e remate na Praza de Ourense.

- Compostela: O día 12 de xuño concentración ás 12.00 horas diante Parlamento, coincidindo co debate da ILP promovida pola Plataforma.

- Lugo:  martes 11 de xuño, pasarrúas, con saída ás 19:30 horas do Concello e remate na Praza do Obispado.

- Pontevedra:  mércores 12 de xuño, ás 12 horas, asemblea de delegadas/os da CIG;   como Plataforma participaremos na rolda de prensa do día 10 de xuño e na mesa redonda do día 13; os días 10 e 11 organizaranse repartos da propaganda nas bibliotecas públicas e nas da universidade; 14 de xuño proxección no entorno da Peregrina dun audiovisual

- Ferrol: 14 de xuño, acción protesta diante dos locais do Opus Dei e a sede do PP.

- Vigo: estanse a organizar novos repartos e accións logo dos actos celebrados o pasado 24, 26 e 28  de maio.

Manifesto por un aborto libre e gratuíto

A nova en Avantar.

Máis información en: http://feminismo.eu/PlataformaAborto/

12 de xuño: xornada de loita

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Mañá cuarta feira (mércores) día 12 de xuño a CIG leva a cabo unha xornada de loita en todo o país, na defensa do emprego e a exixencia de medidas que garantan a supervivencia e recuperación dos nosos sectores produtivos.

A CIG ten convocadas este mércores, 12 de xuño, mobilizacións en Vigo, Compostela, Pontevedra e Ribeira para denunciar a grave situación de desemprego que padecen estas comarcas e as nefastas políticas que está a impor o Partido Popular e a Xunta de Galiza. Para alén diso, tamén en Ferrol se celebrarán mobilizacións, no marco da folga xeral comarcal convocada por varias centrais sindicais, entre as que figura a CIG.
En Vigo, a manifestación terá lugar ás 20:00 horas, con saída da Vía Norte, baixo o lema “Contra o saqueo e o empobrecemento. Polo emprego na nosa comarca. Por unha industria con futuro”. Tanto a cidade como a súa comarca padecen un desemprego galopante e de feito, nos últimos catro anos o número de persoas desempregadas medou un 24,1%, pasando de 38.750 en novembro de 2009 a 49.741 na actualidade. Unhas cifras que superarían as 80.000 persoas se se lle suman os mozos e mozas que tiveron que emigrar ou os parados e paradas que desenvolven accións formativas.

En Compostela está convocada para as 20:00 horas, con saída da Praza Roxa. Nesta comarca a CIG tamén convoca manifestación en Ribeira, con saída ás 20:30 horas da Praza do Peixe. O desemprego tamén é a principal preocupación e é que a cidade de Santiago sitúase tan só por detrás de Ferrol en taxa de paro, cun 27% segundo os últimos datos da EPA. O mesmo ocorre en Ribeira, onde está en xogo a industria da conserva, motor económico da zona.

En Pontevedra, haberá unha mobilización de delegados/as ás 12:00 horas na Praza da Ferrería e as súas demandas tamén se centran na exixencia á Xunta de Galiza, de medidas que permitan a recuperación económica e a creación de emprego.

En Ferrol: Folga Xeral na comarca. Ás 12:00 horas, baixo o lema “Ferrolterra esixe solucións” sairá a manifestación dende o Inferniño. Logo de semanas de intenso traballo, ducias de asembleas en empresas, reunións con colectivos sociais diversos, encontros con representantes de todos os sectores (autónomos, comerciantes, empresarios, hostaleiros,...) e repartos masivos de octavillas nas rúas, na véspera da Folga Xeral Comarcal deste 12 de xuño, os voceiros da CIG de Ferrol avanzaron un éxito rotundo da convocatoria e animan a toda a clase obreira e ao conxunto da cidadanía a participar na manifestación que sairá ás 12:00 horas dende o Inferniño. Ver a nova en Avantar.

Malia o triunfalismo co que se avanzaron os datos de paro rexistrado do mes de maio, a CIG considera que lonxe de ser bos evidencian a grave situación de desemprego que hai en Galiza. 

A CIG leva tempo esixindo unha resposta real por parte das Administracións públicas “para frear a demolición da nosa base produtiva” e reclamando “unha mudanza radical das políticas para garantir o noso dereito a producir e a vivir dignamente do noso traballo”. Aposta tamén por unha intervención pública decidida que sexa quen de sacar o máximo partido ás nosas capacidades produtivas.

12 de xuño: Folga Xeral en Ferrol

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Cartaz_Folga_Comarcal_12-06-13.grande

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e USTG de Ferrol veñen de anunciar a convocatoria de Folga Xeral Comarcal para o mércores 12 de xuño, ante a situación de “emerxencia total” que sufre Ferrolterra. Con motivo do paro xeral, que as centrais sindicais agardan sexa un éxito en contra das "nefastas políticas do goberno estatal e da Xunta", está convocada tamén unha manifestación que partirá ás 12:00 horas dende o Inferniño e rematará na Praza do Concello.

A convocatoria foi feita pública este luns en rolda de prensa polos responsábeis comarcais de cada unha das centrais sindicais, que avanzaron que o paro xeral se desenvolverá baixo o lema “Ferrol esixe solucións”.  A este respecto,  o co-voceiro da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, apuntou que dende hai dous meses as catro organizacións sindicais veñen mantendo contactos co obxectivo de artellar unha resposta conxunta ante a alarmante situación socio-económica que arrastra a comarca dende a mal chamada reconversión do naval, agudizada agora polo actual contexto de crise global.

“Ferrol presenta as peores cifras de desemprego, no último ano pasamos dunha taxa de paro do 16% até o 22%; a maioría das empresas da comarca están afectadas por expediente de regulación de emprego, entraron en concurso de acredores ou directamente botaron o peche; os nosos sectores pesqueiros e agro-gandeiros están en claro retroceso e desaparición; non hai investimento público nin desenvolvemento das infraestruturas; e aínda por riba o naval,  sector estratéxico para a comarca, atópase na situación máis complicada da súa historia”, aseguraba López Pintos.

En canto á grave crise do naval, o co-responsábel comarcal da CIG, lembrou que, fronte as promesas electoralistas e os anuncios de supostos pedidos para os estaleiros por parte da Xunta do PP, nos últimos dous anos xa se perderon máis de 2.000 empregos na industria auxiliar,  nestes momentos non hai nova carga de traballo en carteira e nin sequera dende o Goberno español e galego se aposta pola construción do dique flotante como ferramenta de futuro e solución urxente á falta de actividade.

As centrais sindicais xa están a traballar para que a folga do próximo 12 de xuño sexa todo  un éxito. Para iso, teñen previsto iniciar unha rolda de contactos con representantes do movemento asociativo, o comercio e empresarios locais, co obxectivo de solicitar o apio á convocatoria. Así mesmo, celebraranse asembleas nos centros de traballo e accións de cara a concienciar á cidadanía das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal da necesidade de dar unha resposta contundente contra “as políticas nefastas do estado e a Xunta, que actúan contra o desenvolvemento de Ferrolterra”, aseveraba Pintos.

“Non nos queda máis que enfrontarnos contra estas políticas e esixir un cambio de rumbo a través da confrontación”, concluíu.

Noticia extraída de Avantar

CIG-Saúde pídelle ao SERGAS que reconsidere a súa negativa a ampliar nun ano o período de residencia dos actuais MIR galegos de Oncoloxía Médica

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

      Por motivos exclusivos de aforro económico puro e duro, na xuntanza da Comisión de Sanidade do Parlamento Galego do 30/05/2013, o Partido Popular pronunciouse en contra de permitir que os actuais residentes de Oncoloxía Médica prolonguen nun ano o seu período de residencia, requisito imprescindíbel para que o seu futuro título de especialistas poida ser homologábel a nivel da Unión Europea.

      CIG-Saúde pídelle aos responsábeis do SERGAS, e do goberno galego, que teñan amplitude de miras, que non se enroque nunha posición indefendíbel, e que reconsideren esa posición gravemente lesiva para os intereses dos profesionais afectados, que son todos os residentes galegos da especialidade de Oncoloxía Médica, agás os residentes de 1º ano (R-1) que comezaron a súa residencia en maio de 2013.

      O período de residencia desa especialidade estaba establecido no Estado Español de 4 anos, malia que en repetidas ocasións as Sociedades Científicas e a Comisión Nacional da especialidade, tiñan reclamado a ampliación dese período formativo a 5 anos, argumentado que a complexidade da especialidade ten sufrido un forte incremento, tanto pola expansión do seu campo asistencial como polos grandes avances tecnolóxicos e farmacolóxicos que se deron nas últimas décadas.

      Nesta situación, a Unión Europea (UE)  aprobou o Regulamento (UE) Nº 213/2011 da Comisión de 3 de marzo de 2011 polo que se modifican os anexos II e V da Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello. Nesta norma se estableceu que, para obter a homologación europea do título de Especialista en Oncoloxía Médica, a duración mínima do seu período formativo debía ser de 5 anos.

      Para mellorar a formación dos MIR de Oncoloxía Médica e, paralelamente, conseguir a homologación europea do título de especialista, aprobouse e saíu publicada no BOE a

Orden SSI/577/2013, de 5 de abril, por la que se aprueba y publica el programa formativo de la especialidad de Oncología Médica y los criterios de evaluación de los especialistas en formación”.

na que se amplía o período da residencia da especialidade até os 5 anos.

      Porén, nesa norma legal, establécese que o novo programa formativo e a ampliación da duración da residencia só terá carácter obrigatorio para os MIR que accedan en 2012 a prazas de formación sanitaria especializada (os actuais R-1), mentres que deixa nas mans das CCAA a decisión de incrementar o período formativo dos residentes actuais (R-2, R-3 e R-4), sendo preceptivo para facelo contar co apoio dos propios afectados, dos seus titores, os e das Comisións de Docencia correspondentes.

      Todos os residentes galegos afectados, os seus titores, as Comisións de Docencia dos hospitais, e a Sociedade Galega de Oncoloxía Médica, teñen solicitado ao SERGAS que asuma a ampliación por un ano dos contratos destes MIR, para que podan completar a súa formación e que o seu título de especialistas sexa homologábel a nivel europeo.

      As CCAA teñen de prazo até o próximo 14 de xuño para prorrogar os contratos de traballo destes residentes, para que poidan ampliar o seu período formativo a 5 anos. Todas as CCAA xa manifestaron a súa disposición a ampliar os contratos dos seus residentes, coas únicas excepcións até agora de Cataluña e Galiza.

      O posicionamento do PP na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego de onte, negándose a apoiar a ampliación deses contratos, resulta bastante incomprensíbel e gravemente atentatoria contra os intereses deses profesionais e da sanidade pública galega. Tamén nos sorprende porque é unha actitude que poderíamos cualificar de “rata”: os residentes afectados son 16, e os custes de 4 contratos ao ano durante 4 anos son perfectamente asumíbel polo SERGAS, máxime tendo en conta a importante demanda que soportan os servizos de Oncoloxía Médica dos hospitais públicos galegos, e o importante traballo asistencial que os residentes realizan.

      Por todo isto pedímoslle ao PP e ao SERGAS que reconsideren a súa posición, e acepten ampliar en 1 ano os contratos dos residentes de Oncoloxía Médica.

Os cartos que nos rouban acaban nas Illas Caimán...

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

En Infolibre.org publicouse hai algún tempo unha noticia que dá boa conta do que supoñen as privatizacións dos servizos públicos. Os gobernos ultraneoliberais do PP están a expoliar e desmantelar a Sanidade Pública, entregándoa por anacos a empresas privadas amigas para se lucraren a costa dos cartos públicos. Cartos que saen dos nosos petos, cada vez máis. E mentres, a sanidade perde calidade asistencial a pasos de xigante.

Así, as grandes empresas que se están a beneficiar das privatizacións da sanidade (Capio ou Ribera de Salud, por exemplo) xeran enormes beneficios, que acaban en paraisos fiscais, como as Illas Caimán.

Imos deixar que nos sigan a chuchar, que nos sigan eliminando servizos, dereitos, para que se lucren estas empresas e os nosos cartos acaben xerando maiores beneficios para elas coa especulación en paraísos fiscais???

Abre os ollos! Non te deixes expoliar!

Martes, 4 de xuño, 11h

Concentración nos centros hospitalarios.

NON Á PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE!!!

O VI Congreso da CIG elixe á nova Executiva Confederal e a Suso Seixo como secretario xeral

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
É necesario. É posíbel. Organización, loita, soberanía
.
O VI Congreso da CIG remataba este domingo 26 de maio tras a elección da nova Executiva Confederal, que pilotará a central nos vindeiros catro anos, e a reelección de Suso Seixo como secretario xeral. Culminaba así un proceso de debate comezado hai meses no que a CIG acorda que, para enfrontar as regresivas políticas decididas nas institucións europeas e aplicadas polo PP en Galiza e no Estado é imprescindíbel reforzar a organización, mobilizarse e contar con soberanía para que o noso país poida decidir as políticas que precisa para unha saída da crise favorável á maioría social: a clase traballadora.
.

Galería de imaxes

Galería de imaxes

Videos: lista de reprodución

 

 

 

Tanto para a Executiva Confederal como para a Secretaría Xeral ou a Comisión de Garantías presentábase unha única candidatura. A da Executiva Confederal foi referendada por 508 congresistas, 30 votaron en branco e 15 emitiron voto nulo. O secretario xeral, Suso Seixo, foi reelixido con 499 votos, 50 brancos e 4 nulos e a Comisión de Garantías contou con 512 votos, 31 en branco e 9 nulos.

A Executiva Confederal está conformada por 12 membros e forman parte dela:

1.- Xesús Seixo Fernández.

2.- Elvira Patiño Ogea.

3.- Francisco Xabier Cartelle Pérez.

4.- Manuel Currás Meira.

5.- Miguel Anxo Malvido Cabirto.

6.- Margarida Corral Sánchez.

7.- Anxo Pérez Carballo.

8.- Ramiro Oubiña Parracho.

9.- Xosé Francisco Miranda Vigo.

10.- Antolín Alcántara Álvarez.

11.- Anxo García Torres.

12.- Paulo Carril Vázquez.

A Comisión de Garantíascontou con 512 votos, 31 en branco e 9 nulos e forman parte dela:

1. Birino Marcos Baamonde

2. Xosé Lois Seixo Fernández

3. Manuela Catoira Palleiro

4. Segundo González González

5. Luís Burgos Díaz

6. Placer Vila Rodríguez

O VI Congreso comezaba na mañá do sábado 25 de maio baixo o lema “É necesario. É posíbel. Organización, loita, soberanía”. Tras da benvida do secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, e a actuación dun grupo de cooperativistas do Conservatorio Histórico de Santiago, Sociedade Cooperativa Galega, as delegadas e delegados presentes aprobaban o Regulamento sen ningún voto en contra e cunha única abstención.

De seguido, Suso Seixo presentaba, en representación da Executiva Confederal saínte, o informe de xestión destes últimos catro anos, que foi aprobado, tras do seu debate, con 430 votos a favor, 5 en contra e 61 abstencións.

Seixo foi moi crítico coas políticas “antisociais e antiobreiras” que se foron aplicando neste período marcado, na súa totalidade, polas consecuencias negativas que para Galiza e as súas clases populares está a ter a crise económica e financiera. Catro anos de recorte de dereitos laborais e sociais nos que, so pretexto de reducir o déficit público, favorecer a competitividade da economía e crear emprego, non só se conseguiu todo o contrario, senón que mesmo se aproveitou para introducir toda unha serie de medidas “profundamente inxustas e antidemocráticas”.

Debate

Unha vez aprobado o Informe de Xestión, elixíase a Mesa Congresual e iniciábase, a partir de aí, o debate dos relatorios, aos que só se presentaran 59 emendas (2 ao Relatorio de Organización; 12 aos Estatutos e ás modificacións estatutarias e 45 ao Relatorio de Acción Sindical).

No Relatorio de Organización a CIG define os seus obxectivos para os vindeiros catro anos, nomeadamente, mellorar a súa organización interna para garantir que, ante o recorte de dereitos e das condicións de vida, a central sindical dá unha única resposta “solidaria e común como clase”; perfeccionar o modelo federativo e territorial; reforzar a acción sindical na empresa a través das delegadas/os; incentivar a participación das persoas desempregadas e reforzar a participación das mulleres, da mocidade e das persoas pensionistas e xubiladas.

De seguido debatéronse as modificacións estatutarias, que foron referendadas con 457 votos a favor, 1 en contra e 20 abstencións superándose así a maioría absoluta requirida para que saísen adiante.

O Relatorio de Acción Sindical -aprobado con 370 votos a favor, 14 en contra e 13 abstencións-, é a folla de ruta da CIG na que se formulan as alternativas para a central sindical mellor enfrontar a grave problemática social e laboral que está a provocar a crise sistémica do capitalismo.

Acto de clausura

No acto de clausura, ademais das persoas congresistas participaron numerosas delegacións convidadas de organizacións políticas, sociais e culturais de Galiza e de organizacións sindicais internacionais.

Suso Seixo, recén reelixido secretario xeral, comezou a súa intervención agradecendo, en nome da central sindical, o traballo desenvolvido polas persoas que non repiten nesta Executiva: Laura Bugalho e Antonio López, aos que lles foi entregado un pequeno agasallo.

Denunciou a destrución, “sen precedentes” de emprego en Galiza e alertou das “consecuencias sociais e económicas dramáticas, pero tamén políticas” que ten. Situou este problema como unha das prioridades da central sindical e propuxo pór en marcha unha forte campaña, co máximo arroupe social, ao redor dunha batería de propostas dirixidas á Xunta de Galiza en materia fiscal, financeira, industrial, contractual e en demanda dun salario de inserción social para desempregadas/os que non cobren ningún tipo de prestación.

Denunciou que “estamos ante unha loita de poder entre a oligarquía financeira e as clases populares” e que todas as medidas que se están a impor teñen como obxectivo incrementar os beneficios desa oligarquía, pola vía de reducir custos laborais, proporcionando man de obra barata.

Chamou a organizarse e continuar a mobilizarse para reclamar outras políticas alternativas convencido de que “é posíbel” mudar este modelo porque “somos unha maioría social moi ampla os que estamos obxectivamente interesados en rematar con estas políticas tan antisociais”.

Cuestionou a política de pacto social, que sempre viu acompañada de cesión de dereitos da clase traballadora e apostou por construír “un modelo de sociedade libre e democrática en Galiza, cun Parlamento galego soberano”.

Documentos
INTERVENCION SUSO SEIXO. CLAUSURA.pdf

A noticia en Avantar

NON QUEREMOS SER ESTRANXEIRAS NA PROPIA PATRIA! QUEREMOS GALEGO!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Este vindeiro venres, día 17 de maio, é o día grande das nosas letras. Mais, desde a CIG, atopamos ademais dun motivo de celebración, varios motivos de mobilización. A nosa lingua está a ser castigada por políticas lingüicidas que se aplican desde o goberno de Núñez Feijóo na Xunta e que teñen eco tamén desde o goberno do Estado. O Decreto que na Xunta chaman do “Plurilingüismo”, un decretazo que deixa a nosa lingua baixo mínimos no ensino, é un exemplo claro diso. Mais, desgrazadamente non é o único. O ministro Wert coa súa proposta de LOMCE quere axudar á eliminación do galego das escolas e institutos. Tamén podemos ver os retrocesos, non só lingüísticos, mais tamén, en eidos tan salientábeis como a sanidade, a xustiza ou a Administración Pública. Vivir normalmente en galego está a resultar a cada paso menos posíbel, por mor dos atrancos que se lle poñen á nosa lingua, e, con ela, ao noso pobo.

17m

A Plataforma Queremos Galego! convoca para este venres 17 de maio unha MANIFESTACIÓN que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela celebrando a existencia e fermosura da nosa lingua, e o 150 aniversario da publicación do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, mais tamén esixindo medidas que viren o actual rumbo que está a provocar graves retrocesos na nosa lingua propia, o galego.

A CIG, como parte integrante da Plataforma Queremos Galego!, convida a todas as galegas e galegos, como ven facendo combativamente desde sempre, a defenderse das agresións, tamén das agresións á nosa lingua. Pois, como di o texto difundido por Queremos Galego! :

O noso idioma, o galego, é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo. Se deixamos que esa base se estrague, todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, abaneará como a terra nun sismo devastador.

Porque non queremos ser estranxeiras na propia patria, atopamos motivos abondo para nos mobilizar este 17M.

Venres 17 de maio, 12 h

Alameda de Compostela.


Participa, mobilízate pola túa lingua!

Non queremos ser estranxeiras na propia patria!

Queremos Galego!

Mobilizacións dos vindeiros días: día da Muller, día da Clase Obreira

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

8 DE MARZO DE 2013, DÍA DA MULLER TRABALLADORA, concentracións

- A Coruña, 12h, diante da empresa EUROCEN,

- Compostela, 12h, diante da oficina da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, en Área Central

- Lugo, 12h , diante do Gran Hotel de Lugo

- Ourense, 12h, en resposta ao convenio do téxtil, diante da Confederación de empresari@s

- Pontevedra, 12h, na chamada praza 8 de marzo, logo dunha asemblea de delegadas

- Vigo e Ferrol, 12h, en resposta ás duras condicións laborais impostas no convenio das grandes superficies comerciais (en Vigo diante do Corte Inglés, e en Ferrol diante do Centro Comercial Odeón)

 

9 DE MARZO DE 2013, manifestación nacional

Mobilización nacional en Santiago de Compostela "Mulleres Galegas en loita polos nosos dereitos" con saída ás 12:30 horas da Estación de Tren (Santiago de Compostela). Convocan entidades feministas e de loita pola igualdade, entre as que se atopa a Secretaría da Muller da CIG.

 

10 DE MARZO DE 2013, DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

"Contra a pobreza e a explotación. Salvemos os nosos convenios"

-Ferrol: 12:30 horas, Avenida do Esteiro (local da CIG). 

-Vigo: 11:30 horas, Cruce de Lepanto con Gran Vía. 

-A Coruña: 12:00 horas, Praza de Vigo.

-Compostela: 12:30 horas, Praza Roxa.

-Lugo: 11:30 horas, Ronda da Muralla (local da CIG).

-Ourense: 12:00 horas, Pavillón dos Remedios

-Pontevedra: 12:00 horas, Praza da Ferrería.


 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto