Noticias Outras novas
 
 

Para a CIG “Paula Prado mente” ao afirmar que se está a negociar cos sindicatos a recuperación do plus de altos cargos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera que é unha burla, cando a central sindical mesmo promoveu unha ILP reclamando a súa supresión
.
A CIG manifesta a súa profunda indignación polas declaracións da portavoz do PP de Política Institucional, Paula Prado, quen afirmou esta mañá que se está a negociar cos sindicatos a recuperación do plus de altos cargos, ao que se poderían destinar fondos cando se recupere a economía. A coordinadora da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, afirma ao respecto, con absoluta rotundidade, que “Paula Prado mente”.

A Área Pública da CIG manifesta que non existe ningún tipo de negociación nese sentido, nin sequera para recuperar moitos dos dereitos laborais e salariais perdidos polas traballadoras e traballadores da administración pública galega, algo que si se vén reclamando de forma reiterada por parte da central sindical.

Lonxe disto, Maria Carme López Santamariña asegura que a CIG non entraría, baixo ningún concepto, a negociar a recuperación deste plus contra o que mesmo presentou unha ILP demandando a súa derrogación. Unha ILP que foi debatida no Parlamento de Galiza en decembro de 2009 e que non progresou porque tanto o PP como o PSOE votaron a favor de que se mantiveran estes privilexios para os funcionarios que ostentaran eses cargos.

A coordinadora da Área Pública da CIG sinala que cando se anunciou a suspensión deste plus, en abril de 2013, a central sindical demandou novamente a súa desaparición definitiva da lexislación para evitar a súa recuperación nun futuro. A isto engade que este plus foi obxecto dunha enorme contestación social, reveladora do distanciamento que nesta materia existe entre a sociedade galega e moitos dos seus representantes políticos e subverte o principio de que o desempeño de cargos públicos ou de designación política non pode converterse nun atranco, pero tampouco nunha vantaxe, para a carreira profesional dos funcionarios.

Xunto a isto, López Santamariña, lembra que a CIG tamén manifestou a súa oposición ao mantemento deste privilexio na nova Lei de Emprego Público, porque xa daquela facía pensar, como agora se confirma, que a intención era recuperalo en canto a situación económica o permitira.

Por todo isto, a Área Pública da CIG reitera que, “Paula Prado mente”, que as súas palabras son “unha burla”, que non existe negociación algunha a respecto da recuperación deste plus e que a única opción que a central sindical contempla é a súa supresión definitiva.

A nova en Avantar

A Área Pública da CIG rexeita a totalidade do anteproxecto de Lei de Emprego Público de Galiza e demanda a súa retirada

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncia que a administración volveu remitir o texto sen apenas cambios e sen aceptar ningunha das emendas presentadas hai máis de un ano
.
A Dirección Xeral da Función Pública da Xunta de Galiza volveu remitir o anteproxecto de Lei do Emprego de Galiza e deu un novo prazo para a súa revisión que remata este venres. Tras analizalo, a CIG-Área Pública reitera o seu rexeitamento á totalidade do texto e solicita a súa retirada. Denuncia que apenas se introduciron modificacións e que non se aceptou ningunha das emendas presentadas hai máis de un ano.

A Área Pública da CIG na que están integradas as federacións de Ensino, Saúde e Administración considera que este ‘mal chamado’ anteproxecto de Lei do Emprego Público de Galiza, é en realidade unha nova Lei de Función Pública Galega pero que non contempla o dereito á negociación colectiva nas administracións públicas; non recolle a recuperación dos dereitos laborais e económicos sustraídos aos traballadores e traballadoras das administracións públicas; non promove a recuperación do emprego público en Galiza e tampouco recolle a defensa dos servizos públicos, entre moitas outras cuestión.

A Área Pública denuncia que porén si é un proxecto de Lei que posibilitará “impulsar o desmantelmamento dos servizos públicos e camiñar cara unha administración totalmente dixital, onde desparecerá a necesaria independencia dos empregados/as públicos/as no desempeño das súas tarefas”.

O novo borrador do anteproxecto de LEPG apenas introduce modificacións respecto do enviado en abril do ano 2013 e a CIG-Área Pública ratifica e mantén todas as alegacións presentadas en maio dese mesmo ano.

Daquela remitiu un escrito no que se recollína unha serie de consideración xénericas aos apartados relativos a : 1.- Regulación e definición Persoal directivo; 2.- Carreira profesional e novo sistema de retibucións; 3.- Normalización lingua galega nas admininistracións públicas e 4.- Supresión Plus dos altos cargos.

Xunto a este, presentou, xa en abril do pasado ano un texto onde se recollían centos de alegacións á totalidade do articulado.

Por iso manifesta, unha vez máis, a súa oposición aos "paripés" de negociación do ano 2013. Un ano no que “se perderon moitas horas en facer lectura das alegacións xa presentadas por escrito por parte de esta organización sindical ante a administración,  para que finalmente o texto que nos remiten novamente non recolla ningunha das nosas propostas e apenas contemple modificacións co inicialmente enviado”, denuncia a Área Pública.

En arquivos adxunto a documentación que xa están en poder desa Dirección Xeral da Función Plública.

A nova en Avantar

Cidades e vilas de Galiza claman contra a represión sindical e en demanda do indulto aos catro traballadores/as

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O secretario xeral da CIG, presente na marcha de Vigo, rexeita as “condenas abusivas” e chama a mobilizarse contra a vaga represiva do Goberno español do PP

.
Milleiros de persoas saíron hoxe ás rúas das principais cidades e vilas de Galiza baixo o lema 'Defender os dereitos da clase traballadora non é delito' para rexeitar a ofensiva represiva do PP contra a constestación social aos recortes e en demanda do indulto para Carlos, Serafín, Ana e Tamara, os catro traballadores/as condenados/as a tres anos de prisión. Ao remate da manifestación central, celebrada en Vigo, deuse lectura a un comunicado conxunto das tres organizacións sindicais convocantes.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na marcha de Vigo, denunciou as “condenas abusivas” que lles foron impostas. Penas que considerou que “no se corresponden cos feitos acontecidos” e que entende que responden a unhas “directrices claras” do PP e do Goberno ao que este sustenta, “dirixidas á Fiscalía e aos xuíces que lle son afíns ideoloxicamente”, co obxectivo de que endurezan as condenas contra traballadores/as por participar nos piquetes informativos. 

Con esta mesma vaga represiva vinculou a política do Goberno de sancionar con multas importantes a traballadores/as por participar en piquetes informativos. “Unha política represiva coa que pretenden amedrentar á xente para que non participe nas convocatoria de folga e polo tanto non teña unha actitude activa fronte os recortes de dereitos laborais e sociais”.

Con todo, Seixo manifestou a súa esperanza de que o Goberno sexa sensíbel ás peticións de indulto destes traballadores/as, que considerou que “estarían bastante máis xustificados que outros que se están a conceder a persoas que cometeron delitos que son realmente graves, ben económicos ou ben por vulneración de dereitos fundamentais”.

Lembrou ademais que o propio Parlamento galego xa se ten pronunciado de forma unánime a prol do indulto e confiou en que esa petición sexa escoitada polo goberno de Mariano Rajoy.

En todo caso, o secretario xeral da central nacionalista denunciou que estas son as políticas que lle son propias á dereita e advertiu que con este recorte de dereitos e coa precarización das condicións laborais e de vida estase provocando tamén un “gravísimo debilitamento na capacidade reivindicativa, pola vía de reprimir a quen se opoña a estas políticas”.

Para Seixo tanto as reformas laborais como a política represiva obedecen ao mesmo modelo económico e de sociedade que está a promover a dereita e o PP nos últimos anos, no camiño de favorecer os intereses do capital financeiro e incrementar os seus beneficios a custo de reducir salarios e calidade de vida das persoas.

Fronte a isto, o secretario xeral da CIG apostou por seguir coa mobilización social e intentar mudar a correlación de forzas para que esta sexa máis favorábel aos intereses da clase traballadora. Neste sentido chamou a manter a mobilización na rúa e nos centros de traballo, mais tamén a intentar mudar a correlación de forzas para botar fóra á dereita e reforzar, no caso de Galiza, ao nacionalismo de esquerdas. 

Comunicado conxunto lido ao remate da manifestación de Vigo

Carlos, Serafín, Ana e Tamara continúan a agardar polo indulto que evite o seu ingreso en prisión por mor dunha sentenza inxusta.

Os casos de Ana, Tamara, Serafín e Carlos non son illados: no noso país xa houbo máis, pero tamén no resto do Estado, a día de hoxe hai preto de 350 casos similares. Repítense sempre as mesmas pautas, así como as condenas que solicitan as Fiscalías: penas desproporcionadas, inxustas e abusivas que pretenden amedrentarnos e debilitar a nosa capacidade de resposta como clase. Unha vez máis, vemos como os tribunais, ditando estas sentenzas inxustas, colaboran na máis brutal represión contra a clase traballadora, convertendo nun delito a defensa dos seus dereitos, a loita por condicións de vida e de traballo dignas. Estes compañeiros/as foron obxecto de condenas desmesuradas, polo feito de exerceren os seus dereitos fundamentais, como son o de folga, o de manifestación ou o de libre expresión.

A actuación xudicial, e singularmente o papel da fiscalía, deixan claro que o que se pretendía eran sentenzas exemplarizantes para sufocar a resposta social fronte o saqueo que padecemos en forma de brutal retallamento de dereitos e servizos públicos. O medo é a mensaxe que o Estado a través do poder xudicial quere enviarnos cando castiga con tres anos de cadea o feito de participar nun piquete informativo durante unha folga legal. A súa represión quere pararnos, mais non o lograrán. Non hai sentenza, nin reforma do código penal, nin criminalización das organizacións sindicais, nin limitación do dereito democrático a folga que logre frear a forza da clase traballadora na súa loita pola plena xustiza social.

Carlos, Serafín, Ana e Tamara seguen á espera de que o Goberno español en mans do Partido Popular resolva as súas solicitudes de indulto, apoiadas por un clamor social unánime. En troca, o Ministerio de Xustiza de Ruíz Gallardón amósase áxil e veloz para indultar a banqueiros e empresarios corruptos, a policías condenados por torturar, a un condutor kamikaze ou a un garda civil que gravou entre risas unha agresión sexual a unha muller. Esa é a súa Xustiza. Xustiza de clase, para a súa clase. Mentres Carlos, Serafín, Ana e Tamara, canda as súas familias e amigos, vense obrigadas a atravesar o doloroso calvario de ficaren ás portas de perder a liberdade por defender a clase traballadora, o Partido Popular afanouse estes días en asegurar a toda velocidade o aforamento para o Borbón saínte.

Á súa concepción clasista e sesgada da Xustiza, esa xustiza do funil de boca pequena para o pobo e con todo tipo de folguras e impunidades para os poderosos/as, engádese tamén a súa xordeira prepotente. Logo de meses de mobilizacións, de milleiros e milleiros de mostras de apoio a estes catro compañeiros/as, que exemplifican hoxe a toda a clase traballadora que padece nas súas carnes as diferentes formas de represión coa que a golpean; e das declaracións institucionais unánimes do Parlamento galego e de numerosos concellos. A pesar de que ninguén, absolutamente ninguén, pode defender que se poida acabar en prisión por reivindicar un convenio colectivo digno. Malia todo iso, o Partido Popular segue sen dar resposta.

É por iso que hoxe queremos esixir desde aquí ao Goberno español de Mariano Rajoy e ao seu ministro de Xustiza, coa forza da razón e do pobo, a concesión inmediata do indulto para Carlos, Serafín, Ana e Tamara. Indulto xa! porque esta incerteza constitúe un castigo engadido que non merecen. Reclamamos ao Partido Popular que sexa consecuente co que votou nos plenos municipais e no Parlamento de Galiza, e faga efectivo o obxectivo desas declaracións institucionais. Pedimos tamén á Xunta que deixe de ollar a outro lado, que non continúe dando as costas a estes compañeiros e compañeiras, e desenvolva todas as accións que sexan necesarias para urxir ao Goberno de Madrid. Non facelo, continuar a alongar esta agonía cruel contra catro traballadores e traballadoras, suporía deixar en evidencia que o seu apoio foi froito do oportunismo e unha mostra intolerábel de cinismo.

A fin do calvario inxusto que padecen Carlos, Serafín, Ana e Tamara, pode e debe ter unha solución. Só depende de ter ou non vontade política. Porque é unha decisión política, un acordo do Consello de Ministros, a que pode poñer fin dunha vez por todas a esta situación que nunca se debera ter producido. Porque é unha decisión do PP a que lles pode asegurar unha liberdade que, por xustiza, non poden perder.

Defender os nosos dereitos como clase traballadora non é delito!

A nova en Avantar

Mobilizacións contra a represión sindical: defender a clase traballadora non é delito!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

nonrepresin

Serafín e Carlos, traballadores do transporte de mercadorías e Ana e Tamara, traballadoras do sector de instalacións deportivas, foron inxustamente condenad@s a tres anos de cadea por participar en folgas convocadas para reivindicar a mellora das condicións laborais e para se opoñeren ás políticas antisociais do goberno. Os recursos presentados contras estas sentenzas foron rexeitados, así como a primeira solicitude de indulto de Serafín e Carlos. Nestes momentos está solicitado o indulto para Ana e Tamara e un segundo indulto para os outros dous compañeiros.

Unha vez máis, vemos como os tribunais, ditando estas sentenzas inxustas, colaboran na máis brutal represión contra a clase traballadora, convertendo nun delito a defensa dos seus dereitos, a loita por condicións de vida e de traballo dignas. Toda esta grave situación ten un culpabel directo e claro, o Goberno do PP, que coa súa política elitista e represiva, de confrontación co movemento obreiro e recorte das liberdades públicas, retrotráenos en moitos aspectos ao franquismo: nin sequera nos últimos anos da ditadura se pedían penas de prisión tan elevadas por defender os dereitos da clase traballadora.

Non podemos calar: temos que defender os nosos dereitos!  Participa nas mobilizacións polas liberdades democráticas!

Descarga e difunde!

28 de xuño, Día do Orgullo: a CIG súmase á loita LGTBI

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncia a persecución e o castigo, en pleno século XXI, de todas aquelas condutas sexuais que vaian máis alá da reprodución
.
A CIG súmase á loita LGTBI, con motivo da conmemoración do Día do Orgullo o vindeiro 28 de xuño. A central sindical denuncia a a persecución e o castigo, en pleno século XXI, de todas aquelas condutas sexuais que vaian máis alá da reprodución, mentres se mantén a opresión sobre gais, lesbianas, transexuais, bisexuais e intersexuais.

DECLARACIÓN DA CIG

Desde a revolta de Stonewall, no ano 1969 celébranse en todo o mundo actos públicos reivindicando a tolerancia e a igualdade de dereitos e oportunidades.  Recibe o nome do Día do orgullo, porque pretende ser unha data na que se amose á sociedade que a dignidade de cada ser humano non debe verse afectada pola súa conduta ou orientación sexual.

Porque a pesares dos avances a nivel legal, aínda son moitas as barreiras e discriminacións que afectan ao colectivo de persoas gais, lesbianas, transexuais, bisexuais e intersexuais. Situación que se agrava por mor dunhas políticas ultraconservadoras acometidas polo Partido Popular desde o executivo da Xunta de Galiza,  ao servizo de sectores reaccionarios da sociedade, moi teimuda á hora de impor a súa moral reaccionaria e intolerante,  e o seu modelo tradicional de familia.

A homofobia e a transfobia non son froito do trastorno mental de algunhas persoas, senón que forma parte da ideoloxía dominante. O capitalismo persegue e castiga todas aquelas condutas sexuais que van máis alá da reprodución, mentres mantén a opresión das mulleres.  Extraendo un beneficio directo do traballo feminino de reprodución e cuidados no ámbito doméstico, relegan ás mulleres ao fogar e castigan o que consideran unha “desviación” dos roles de xénero. O mero feito de normalizar novos modelos familiares, como pode ser o monoparental ou o homosexual, supón unha ruptura cos roles tradicionais que oprimen ás mulleres e LGTBI. Por iso non só acometen reformas como a do aborto, senón que tamén restrinxen paralelamente o acceso á fecundación asistida de mulleres sen parella ou con parella homosexual.

Deben ser as institucións públicas as que realicen un labor de visibilidade e concienciación que consigan desmontar os prexuízos homófobos desde idades temperás, poñendo especial fincapé na mocidade. Consideramos necesaria unha educación na diversidade e na tolerancia. É preciso  recuperar a memoria das persoas que foron perseguidas polo franquismo pola súa condición sexual. Como tamén o é denunciar e sancionar as discriminacións tanto no eido laboral (vulneración do dereito á intimidade nos procesos de selección, non renovación de contratos, acoso, dificultades na promoción, denegación de prestacións e permisos á parella, despedimentos...) como no social (agresións, insultos, invisibilización, illamento...) que sofren moitas galegas e galegos pola súa opción afectivo-sexual ou pola súa identidade de xénero.

Desde a CIG manifestamos o noso compromiso e a nosa aposta pola igualdade social, a visibilidade e a non discriminación e sumámonos á loita LGTB

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto