A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego en repulsa ao asasinato machista de M. Isabel Fuente

Venres, 08 Maio 2015 19:46 Outras novas - Mobilizacións
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Este sábado, día 9 de maio, ás 20:00 horas na Coruña, Ferrol, Compostela, Vigo, Ourense, Pontevedra e Lugo

Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña ou en Compostela, na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Ourense e Vigo, e no Consello da Muller de Pontevedra, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocan concentracións en todo o país en repulsa ao asasinato de María Isabel Fuentes, a primeira muller asasinada na Galiza pola violencia machista no 2015.
15-05-08 concentracions violencia machista
 

Isabel foi acoitelada polo que era o seu marido, Aniceto Rodríguez, nunha habitación do Hospital de Ourense onde se atopaba ingresada desde o 3 de abril logo de ter sido agredida na súa propia casa. Non se adoptaron medidas cautelares de protección polo que o seu marido puido entrar na habitación e matala.

Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista, esiximos responsabilidades, e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta. Os poderes públicos son responsábeis dunha morte que podía evitarse.

A CIG-Saúde proporá ao SERGAS o estabelemento dun protocolo de actuación

A Executiva da CIG-Saúde, reunida esta mañá, acordou tamén emitir un comunicado para manifestar, en primeiro lugar, as súas condolencias á familia da muller asasinada e a súa preocupación porque este feito ocorrera precisamente nun centro hospitalario. Xunto a isto, manifesta a súa solidariedade coas compañeiras do hospital de Ourense que tiveron que vivir esta dramática situación.

A Secretaría da Muller da CIG-Saúde considera que a xustiza debería ter actuado ante a sospeita de que o ingreso da muller puidera ter sido consecuencia dun caso de violencia machista. Pon ademais en cuestión a decisión de denegar a orde de afastamento solicitada pola Garda Civil e demanda que, en caso de dúbida se actúe a favor da muller entendendo que sempre é mellor afastar a un posíbel agresor, que logo lamentar unha morte.

Anuncia ademais que proporá ao SERGAS o establecemento dun Protocolo de actuación para que se conte coas ferramentas necesarias que permitan actuar aos centros sanitarios ante casos deste tipo co obxectivo de evitar que nada semellante volva acontecer.

LUGARES E HORAS DAS CONCENTRACIÓNS MAÑÁ SÁBADO 9 DE MAIO

A CORUÑA, Obelisco, ás 20 horas

FERROL, Praza do Concello, ás 20 horas

OURENSE, Subdelegación, ás 20 horas

PONTEVEDRA, Praza 8 de marzo, ás 20 horas

COMPOSTELA, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño, ás 20 horas

VIGO, no Marco, ás 20 horas

LUGO, na Praza do Concello, ás 20 horas.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto