Sobre o Programa de Cribado de Diabete e o convenio con entidades privadas

Venres, 10 Outubro 2014 09:06 Persoal - Diplomad@s Sanitari@s
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

agrup enferm positivo cor

 

O SERGAS deu a coñecer recentemente o denominado “Programa de cribado oportunista de diabete”, un programa de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra. O obxectivo deste programa segundo o SERGAS é a detección, dentro da poboación SERGAS, de persoas en risco de padecer diabete ou alteracións do metabolismo dos hidratos de carbono.

Nas oficinas de farmacia, que voluntariamente aceiten participar no programa, farase aos/ás maiores de 18 anos non diagnosticados/as de diabetes o test de Findrisk e unha glicemia basal capilar. O que a priori representa unha iniciativa moi interesante e innovadora agocha tras de si un grave perigo para os /as pacientes e para o carácter público da nosa sanidade galega.

Resulta chamativo que ata o día de hoxe, o lobby farmacéutico dos dispensarios, non sentiu a necesidade de educar, ou facer intervencións comunitarias na poboación. Cando sempre puido e pode facer unha gran labor cos/as doentes polimedicados/as asegurándose que saben tomar correctamente a medicación prescrita. Este tipo de iniciativas cóntanse cos dedos das mans.

Probablemente as circunstancias económicas, a caída dos beneficios da venda dos medicamentos, os fármacos xenéricos, etc, fixéronlles valorar novas perspectivas de negocio entre as cales se atopa a educación para a saúde. A educación para a saúde e o seguimento de doentes crónicos, poñen ás farmacias nunha situación privilexiada para colocar produtos (dietéticos, homeopáticos..) de dubidosa solvencia científica que o/a profesional público e sen conflito de intereses mudaría por alternativas accesibles, económicas e de mellor calidade.

Este proxecto piloto leva detrás de seu un claro afán privatizador da sanidade. Concretamente no seguimento de doentes crónicos.

Por outra banda entrariamos tamén nun grave risco para a saúde pública xa que a cidadanía quedaría nas mans do lobby farmacéutico ante a oferta de cribados de todo tipo (ben os paguen os/as usuarios ou o propio SERGAS), tirando por terra todo o traballo que se leva feito dende a Atención Primaria cando a maquinaria propagandística se poña en marcha para “motivar” a cidadanía a realizar os cribados.

Por outra banda carecemos de garantías do tipo de educación que poden prestar, no mellor dos casos sería educación estándar, co que aquilo que o doente é o centro do sistema quedaría en papel mollado. Hai un claro conflito de intereses que fai que a cidadanía poida ser estafada.

Dende CIG-Saúde rexeitamos este convenio por non ser necesario facer partícipes da sanidade pública a entes de natureza privada como son as oficinas de farmacia. Este programa pode e debe ser levado polos/as profesionais de Enfermaría de Atención Primaria.

A Lei 16/2003 establece no seu artigo 12 en relación coas prestacións da Atención Primaria que:

“A atención primaria é o nivel básico e inicial de atención, que garantirá a globalidade e continuidade da atención ao longo de toda a vida do doente, actuando como xestor e coordinador de casos e regulador de fluxos. Comprenderá actividades de promoción da saúde, educación sanitaria, prevención da enfermidade, asistencia sanitaria, mantemento e recuperación da saúde, así como a rehabilitación física e o traballo social”.

A Lei 16/2003 define a grandes rasgos cales son as funcións dos Diplomados Sanitarios no artigo 7, así, no apartado a) afirma que:

“corresponde aos Diplomados Universitarios en Enfermería a dirección, avaliación e prestación dos coidados de enfermería orientados á promoción, mantemento e recuperación da saúde, así como a prevención de enfermidades e discapacidades”.

O artigo 20 da mesma Lei xa prevé o desenvolvemento normativo da “carteira de servizos”, facendo referencia á publicación dun Real Decreto que a recolla, podendo as comunidades Autónomas aprobar as súas respectivas carteiras de servizos nas que, obrigatoriamente, terán que incluír a do Sistema Nacional de Saúde.

No ano 2008 e dentro do denominado Plan Mellora da Atención Primaria de Galiza un grupo de traballo no que formaban parte a Administración, sociedades científicas e organización sindicais así como profesionais da enfermaría a nivel de técnicos asesores, deseñou a carteira de servizos de enfermaría de Atención Primaria.

Esta carteira de servizos de enfermería de Atención Primaria define as seguintes liñas de actuación:

  1. Aumentar as competencias e a capacidade de resolución dos profesionais de enfermería.
  2. Atender de forma integral e promover o auto coidado aos pacientes con patoloxías crónicas.
  3. Promover estilos de vida saudables e a prevención de enfermidades.
  4. Dar a coñecer a Carteira de Servizos facilitándolle á poboación o acceso aos profesionais de enfermería.
  5. Mellorar a continuidade de coidados entre os profesionais de Atención Primaria e outros niveis asistenciais.
  6. Identificar os procesos asistenciais que realiza o profesional de enfermería dentro do Equipo de Atención Primaria.
  7. Unificar os rexistros de enfermería, impulsando a investigación e facilitando o uso de indicadores de calidade así como o impacto dos coidados sobre a saúde dos pacientes.
  8. Aumentar a presenza dos profesionais de enfermería na Comunidade.

No capítulo 1 di:

ATENCIÓN AOS PROBLEMAS DE SAÚDE AGUDOS.

  1. 1. Participación no diagnóstico e no tratamento.
    1. 1.1. Á poboación en xeral.

                           Procedementos diagnósticos:

Aplicación de test de valoración (funcional, mental, de sobrecarga do coidador, nutricionais, bebedor excesivo, ...).

- Detección precoz de enfermidades metabólicas.

    1. 1. 2. Prevención de complicacións potenciais en persoas con diabetes tipo 2.

-  Aceptación da enfermidade.

-  Adherencia ao tratamento

-  Avaliación do pe diabético (sensibilidade, pulsos, ...).

-  Glicemia/s.

-  Peso.

-  Plan terapéutico: Medidas hixiénico dietéticas, farmacolóxicas, educación diabetolóxica, efectos secundarios derivados do tratamento...

-  Síntomas de hipoglicemia.

- 

Qué intereses agocha o SERGAS ao favorecer o negocio das oficinas de farmacia privadas?

Cal é a compensación que vai facer o SERGAS por ese traballo?

Pretende o SERGAS retroceder 30 anos en canto ao desenvolvemento profesional da Enfermaría de Atención Primaria voltándoa ás funcións de administración de inxectables e aplicación de curas?

Pretende o SERGAS reducir aínda máis as prazas de Enfermaría da sanidade pública?

Dende CIG-Saúde esiximos:

Que o SERGAS quite do caixón a carteira de servizos da enfermaría de Atención Primaria e elabore os programas que queira, que a enfermaría porá o seu coñecemento, voluntariedade e competencia para executalos.

Que anule o acordo cos colexios farmacéuticos e utilice a mellor ferramenta que ten para a diagnose , prevención e educación para a saúde que se atopa nos seus centros de Atención Primaria.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto