Prescrición de Enfermaría: despexando dúbidas

Mércores, 26 Xaneiro 2011 12:35 Persoal - Diplomad@s Sanitari@s
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

* A prescrición de enfermaría, é legal?
A prescrición de enfermaría foi incluída na Lei de Garantías e Uso racional do Medicamento, na modificación do seu artigo 77, o 22 de decembro de 2009 (Lei 28/2009), despois de non ser nun principio recollida nesta lei. Pero ollo, isto non significa que desde entón se poida prescribir, senón que se abre o camiño para regular a prescrición de enfermaría, cousa que a día de hoxe, no ámbito galego, inda non sucedeu.


* Qué é necesario para poder prescribir?
Nos novos plans de estudos as competencias académicas necesarias para poder prescribir xa foron incluídas. Para as persoas en posesión de títulos con plans de estudos anteriores é precisa unha formación engadida, que, posto que a prescrición enfermeira non está regulada en Galiza, a día de hoxe non está estipulada. É dicir, na actualidade non se sabe qué vai ser necesario en Galiza para poder prescribir.


* O curso que se fai no colexio de enfermaría, é obrigatorio? É necesario para poder prescribir?
O curso de prescrición que se oferta nos colexios de enfermaría nin é obrigatorio nin, polo momento, está dentro da regulación da prescrición enfermeira en Galiza. Trátase dun curso cun contido en créditos ECTS que os colexios de enfermaría están a ofertar (en convenio coa Universidade Complutense de Madrid) nun paquete de créditos suficientes para acadar o grao de enfermaría. Pero para poder prescribir, posto que inda non está regulado, polo momento nin é necesario, nin obrigatorio, nin se sabe se vai ser válido cando se regule a prescrición no noso ámbito. O curso do colexio de enfermaría baséase nunha plataforma informática para a prescrición que non tén porqué coincidir coa plataforma que o SERGAS implante no seu momento, inda que cabe a posibilidade de que o SERGAS a incorpore como propia. O SERGAS xa anunciou que está a estudar a inclusión da formación necesaria para a prescrición, para o momento en que se regule, mediante cursos de FEGAS.

O que si hai que ter en conta é que a regulación pendente da prescrición de enfermaría en Galiza estará baseada na Lei 28/2009, que lle concede aos colexios profesionais todo o protagonismo no tocante á prescrición.


* Qué pasa se non fago o curso do colexio? Non poderei prescribir cando se implante a regulación?
Non pasa absolutamente nada. A prescrición de enfermaría en Galiza non está regulada inda, polo que non se sabe en qué xeito se vai requirir a formación para acceder a ela. O curso de prescrición dos colexios de enfermaría, polo momento, é válido para acadar uns créditos ECTS que, dentro do convenio que os colexios teñen coa Complutense e xunto con máis créditos, permitirían acadar o grao de enfermaría. Cando a prescrición de enfermaría sexa regulada en Galiza, poderemos saber qué será necesario como formación para poder prescribir, e se o curso de prescripción do colexio de enfermaría é homologado pola Consellaría.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto