O SERGAS beneficia nas listas de promoción interna a certos/as aspirantes en detrimento doutros/as

Venres, 24 Xullo 2015 12:08 Persoal - Contratacións
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG insta a corrixir o erro do aplicativo informático que permite anotarse nunha área sanitaria distinta da que se traballa

A federación de Saúde da CIG denuncia que o Sergas actúa sibilinamente ao facilitar a certas persoas a promoción interna fóra da área sanitaria, “creando agravios comparativos con outras que non poden acceder a esa promoción profesional por seguir rigorosamente o pacto de contratacións”. Consideran que se trata dunha práctica absolutamente irregular e contraria aos principios de igualdade, mérito e capacidade.
edificio SERGAS
 

Dende a CIG-Saúde denuncian a práctica absolutamente irregular e contraria aos principios de igualdade, mérito e capacidade que a dirección de Recursos Humanos do Sergas está a levar a cabo. Lembran que no pacto de contratacións vixente recóllese a posibilidade de acceder a listas de promoción interna para aquelas persoas que, sendo propietarias dunha praza no Servizo Público de Saúde, estean en condicións e queiran acceder a contratacións temporais en prazas doutras categorías, sempre dentro da súa propia área sanitaria (excepto en casos de listas de ámbito autonómico) e por rigorosa orde de puntuación.

Indican que o Expedient-e, aplicativo informático polo que se realiza a inscrición nas listas de contratación, contén un erro de programación que fai que unha persoa poida apuntarse na lista de contratación de promoción interna dunha área distinta daquela na que traballa, “o que, á vista do recollido no pacto, é irregular”.

Lembran que esta situación foi denunciada hai xa tempo pola CIG-Saúde cando se tivo coñecemento dalgúns casos de persoas que aproveitaron esta eiva do aplicativo para acceder a contratacións fóra da súa área. Daquela, e en vista da denuncia, dende o Sergas comunicouse que se ía arranxar este erro do aplicativo e que nas seguintes inscricións de listas non se ía permitir que ninguén se anotase en listas de contratación de promoción interna fóra da súa área.

Demandan que se corrixa o erro

Mais aseguran que tempo despois continúan a constatar casos de persoas que son contratadas en promoción interna fóra da súa área. “Dende a CIG-Saúde puxémonos en contacto con Recursos Humanos e a resposta que recibimos a este respecto é, cando menos, insultante: preferiron deixar o aplicativo como estaba, e non solucionar ese erro, porque se está a negociar un novo pacto e vaise propoñer que se poida facer promoción interna noutra área”.

É dicir, o Sergas, “nun exercicio de adiviñación e de deixadez de funcións”, visualiza un futuro no que exista a posibilidade de promoción interna fóra da área (o cal está por ver, porque a negociación do pacto non fixo máis que comezar) e deixa de facer o que ten que facer, é dicir, solucionar o fallo do Expedient-e, para facilitar que certas persoas poidan ampararse nese erro informático e promocionar fóra das súas áreas de xeito absolutamente irregular e contrario ao pacto.

“E, o que é máis grave, está a beneficiar a certas persoas, mentres moitas outras aspirantes que tamén quererían acceder a este tipo de promoción interna fóra da área non se benefician deste erro informático por ser legais e seguir o recollido no pacto”, censuran.

Diante disto, esixen a corrección inmediata deste fallo do aplicativo e que se retiren das listas de contratación de promoción interna aquelas persoas que se anotaron noutra área distinta da que proceden, de xeito irregular e amparándose nun erro “que o Sergas mantén por desidia, deixadez de funcións e non sabemos se por favorecer a alguén en concreto”.

A noticia en Avantar

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto