A CIG-Saúde denuncia que Feijóo é quen está a financiar os despedimentos de Povisa

Martes, 03 Marzo 2015 12:15 Sanidade Privada - Novas sobre a Sanidade Privada
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Exixe a inmediata readmisión de todas as traballadoras e traballadores despedidos e que se dea a coñecer a conta de beneficios
 
A CIG-Saúde vén de denunciar “ a hipocrisía de Feijóo”, por “financiar” a unha empresa como Povisa coa escusa da prestación sanitaria, para que esta “se lucre con cartos públicos e despida aos traballadores/as”.  Demanda que se faga público o destino deses cartos e exixe da Xunta de Galiza, e nomeadamente da consellaría de Sanidade, que obriguen a Povisa á inmediata readmisión de todo o persoal despedido.
2013 02 17 Povisa Vigo (9)A CIG-Saúde considera que a administración sanitaria –consellaría de Sanidade e a Xunta de Galiza- está a facer un “abandono das súas funcións” e denuncia a súa “complicidade” pola “lamentábel situación” que se esta a vivir no centro sanitario de Povisa.

Lembra que Povisa recibe a maior cantidade de diñeiro público para prestar asistencia sanitaria a máis de 130.000 persoas da área de Vigo, e denuncia que “o que está a facer co beneplácito do PP é incrementar a súa cota de beneficios a custo de despedir traballadores/as e diminuír en consecuencia,  a calidade da prestación sanitaria”.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín sinala que Povisa tiña anunciado un ERE para reducir o seu cadro de persoal e considera que“desistiu desta fórmula porque senón tería que presentar as súas contas, e iso poría de manifesto o seus suculentos beneficios”.

Para Abuín tanto a Xunta, como Feijóo están a consentir que esta empresa, co diñeiro público que recibe, “sanee a economía do resto de empresas que ten este grupo” no canto de exixirlle que os cartos públicos os destine á prestación sanitaria da poboación de Vigo.

“Feijóo confúndese cando anuncia que vai crear postos de traballo porque o que está a facer día a día é aumentar o paro no sector sanitario, situación que non se está a dar só en Povisa, senón tamén na sanidade pública galega”, afirma a secretaria nacional para a que “a precariedade laboral, a falla de persoal e a perda de calidade asistencial son as máximas do goberno do PP”.

Desde a CIG-Saúde solicítase que dunha vez por todas a administración sanitaria asuma a súa responsabilidade; que exixa da empresa Povisa que “pare a sangría de despedimentos de persoal”;  que lles obrigue a publicar os beneficios que obtiveron e a que destinan os cartos públicos que a administración lles paga por asistencia e que readmita xa a todos os traballadores/as despedidos. 

Xunto a isto demanda que se obrigue á empresa a adaptar o cadro de persoal ás necesidades asistenciais da poboación que atenden, con ratios de persoal por paciente atendido equiparables aos da sanidade pública, e “que deixen de destinar os cartos públicos para encher os cartos dos seus amigos porque se consenten isto, temos que pensar que é porque o PP obtén algún beneficio a cambio de permitir esta situación”.

A noticia en Avantar

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto