Sanidade saca a concurso o servizo de helicópteros de urxencias cunha prestación de 394 horas menos ao ano cada un

Venres, 20 Xuño 2014 08:55 Política Sanitaria - Novas sobre Política Sanitaria
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde denuncia o incremento de custos a pesar de pasar de 3 a 2 helicópteros e a garantirse menos horas de atención
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 vén de sacar a concurso público o servizo de transporte sanitario urxente aéreo, que até o de agora estaba xestionado pola Axencia Galega de Emerxencias. O concurso inclúe dous helicópteros para a realización do transporte sanitario urxente. A CIG-Saúde, que xa alertara disto hai máis de un ano, denuncia o incremento dos custes e a redución do horario e advirte das consecuencias que isto terá para dar unha rápida resposta ás urxencias que se poidan producir.

Mentres que no contrato vixente o horario de servizo é de orto a ocaso tódolos días do ano,  no novo contrato o período de servizo será de orto +12 horas, ocaso -12 horas. É dicir, un helicóptero comezará a funcionar no orto e estará operativo 12 horas e o outro estará operativo 12 horas antes do ocaso.  Segundo os cálculos da CIG-Saúde, esta condición supón que o período de servizo de cada helicóptero se verá reducido en 394 horas ao ano.  A CIG-Saúde denuncia ademais que as bases deste aparellos serán Santiago e Ourense e que  aínda non se sabe cal terá horario de orto +12 e cal ocaso -12.

O novo contrato entre en vigor o 1 de xullo de 2014. Mentres, o servizo réxese polas condicións do contrato actual. Isto quere dicir que o dia 30 de xuño os dous helicópteros estarán a traballar dende as 6:57  ata as 22:16  e o dia 1 de xullo o helicóptero de Santiago traballará dende as 6:57 até as 18:57 e o de Ourense dende as 10:16 as 22:16, o que supón 6 horas menos de operatividade para atender situacións de emerxencia que puideran xurdir en calquera punto de Galiza.

“Poñéndonos en situacións prácticas, un accidente grave acontecido na Costa da Morte ás 8 e media da tarde, ten o helicóptero mais próximo en Ourense a 40 minutos de voo, e a ambulancia medicalizada máis próxima a 97 Km”.

O novo contrato licitouse por unha cantidade de 9.440.000 € por catro anos para dous helicópteros, mentres que o anterior contrato da Axencia Galega de Emerxencias adxudicouse no ano 2009 por 12.600.000€ por catro anos para tres helicópteros (2 helicópteros con configuración sanitaria en servizo de orto a ocaso e 1 con configuración mixta en servizo en horario H12).

A CIG-Saúde denuncia que os efectos prácticos deste novo contrato serán que os servizos de asistencia sanitaria que até o de agora se atendían con helicóptero, por ser o recurso mais axeitado, terán que ser atendidos por medios terrestres, empeorando a calidade do servizo recibido polo doente e, sobre todo, empeorando o tempo de resposta a estes doentes. Ademais subliña que polo xeral os servizos que atenden os helicópteros son os de carácter máis grave e/ou aos que os medios convencionais non poden atender nun tempo razoable.

A CIG-Saúde considera este novo contrato supón un recorte importante na asistencia sanitaria urxente á cidadanía, encadrado dentro da política do Goberno Galego do PP que confunde a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos.

A nova en Avantar

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto