CIG-Saúde oponse a que se cobre pola comida ou a que se externalice o servizo de cociña nos hospitais

Martes, 05 Xuño 2012 12:45 Política Sanitaria - Novas sobre Política Sanitaria
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Alerta do perigo que entraña a privatización dos servizos que o PP non considera “núcleos duros” da Sanidade
.
Diante dos anuncios que vén facendo o PP de cobrar por certos servizos ou de privatizalos, porque non os considera “núcleos duros” da Sanidade, a CIG-saúde alerta de que non se pode considerar non sanitaria a hostalería porque si forma parte dos coidados integrais dunha persoa hospitalizada. Respecto das propostas de privatizar ou externalizar estes servizos, denuncia que o que se pretende é desfacerse das traballadoras e traballadores propios so pretexto de mellorar a eficiencia do sistema, cando está demostrado que onde se privatizaron as cociñas encarecéronse os servizos e diminuiu a súa calidade. Por iso manifesta a súa rotunda oposición a calquera destas propostas.
Camas hospital Lucus Augusti

Para CIG-Saúde as declaracións que vén facendo o presidente da Xunta e a Conselleira de Sanidade son cortinas de fume para desviar do debate político as necesidades reais do sistema sanitario público, intentando convencer á poboación de que o que eles denominan “bolsa de ineficiencia” na sanidade vén motivada polo vínculo laboral que teñen certos traballadores e traballadoras do sistema. “Do que nos pretenden convencer o Sr. Feijoo e a Sra. Mosquera é de que o que fai insostíbel a sanidade é que unha/un limpadora/or, pinche, celadora/or, persoal administrativo, auxiliares, queiran ser persoal estatutario”, é dicir, traballadoras/es públicos, e que unha vez que estes colectivos pasen a depender das empresas privadas acabaranse o problemas do financiamento sanitario”, explica.

Lembra que cando o Sr Feijó tiña responsabilidades na Consellaría de Sanidade, “onde se privatizaron cociñas e outros servizos que despois tiveron que ser rescatados polo SERGAS dado que encarecían o servizo e diminuían a calidade”. Insiste en que tampouco se pode esquecer a etapa das “novas fórmulas de xestión” coñecidas como Fundacións e Empresa Públicas, nas que o SERGAS tivo que intervir dado o descontrol existente: “sistema de selección a dedo, retribucións personalizadas non vinculadas nin á categoría profesional nin á responsabilidade exercida, xefaturas por doquier e outras prácticas”.

CIG-Saúde pregúntase se non sería máis positivo “para o sistema sanitario público, e para o noso pobo, que os nosos gobernantes deixasen de cebarse coas/os traballadoras/es públicos e cos colectivos cidadáns máis desfavorecidos” e que realizasen unha análise real da situación actual para adoptar as medidas necesarias para garantir unha sanidade universal, pública e de calidade. A isto engade que son “xestores provisionais do sistema público e non os seus donos con autorización expresa para repartilo entre os seus correlixionarios”.

Por iso demanda que se centre a análise do que denominan “ineficencia do sistema” nas políticas sanitarias que exercen e en todo caso, responsabiliza desta xestión “ineficaz” sobre os/as xestores/as sanitarios/as que, din, “nomean (cada día máis), aos/ás que lles piden como requisito estar vinculados/as a súa organización política”.

Respecto do posíbel pagamento do que o presidente da Xunta define como servizos que non forman parte do “núcleo duro” da Sanidade, CIG-Saúde asegura que “os coidados integrais dunha persoa cando está hospitalizada son un todo e iso inclúe a hixiene e a dieta, que son fundamentais para a recuperación do doente”.

Alerta de que a pretensión de cobrar suporía “pagar dúas veces, porque a través dos nosos impostos xa temos cotizado para que se garanta o servizo” e denuncia que estas medidas suponen “unha flagrante perda de dereitos para as persoas con menos recursos e menos capacidade adquisitiva, rachando, en consecuencia cun dos principios do sistema sanitario público, a equidade”.

Parece, afirma, que a súa intención é “causar un sufrimento engadido a quen xa está nun momento difícil da súa vida”.

Noticia extraida de Avantar

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto