O SERGAS tamén nos rouba nas bases de cotización

Xoves, 30 Agosto 2012 11:35 Política Sanitaria - Novas sobre Política Sanitaria
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Demóstrase unha vez máis que o que lle importa ao SERGAS non é aforrar, senón recortar dereitos dos/das traballadores/as

Como puidestes comprobar ao ver as vosas nóminas de agosto, a algúns de vós, empregados/as do SERGAS, as bases de cotización variáronvos con respecto ás que tiñades no mes de xullo, posto que o SERGAS restou desas bases a parte correspondente á paga extra que, segundo o decretazo de marras, non nos van pagar. É dicir, restaron as bases de cotización en base a un acontecemento futuro que inda non se produciu.

Pero non queda aquí a cousa, posto que isto non se lle fai a todo o persoal, senón a aquel que desde xaneiro de 2011 sufriu algunha modificación nas súas vinculacións, xa sexa por traslado, por promoción interna, por comisión de servizo…  As persoas que non tiveron ningunha modificación deste tipo continúan tendo as mesmas bases de cotización que en xullo. E isto porqué? Porque o SERGAS, unha vez máis demostrando que non lle preocupa o aforro, senón recortar dereitos, fai unha interpretación totalmente restritiva e negativa do artigo 5 do Real Decreto-Lei 20/20102, tamén coñecido como decretazo, que di o seguinte:

Artículo 5. Cotización al régimen general de Seguridad Social. A efectos del cálculo de la base de cotización por todas las contingencias de los empleados públicos encuadrados en el Régimen General de la Seguridad Social cuyas retribuciones sean objeto del ajuste previsto en este Real Decreto-ley, en tanto permanezca su relación laboral o de servicio, seguirá siendo de aplicación lo dispuesto en el artículo 120. Dieciséis de la Ley 2/2012, de 29 de junio de Presupuestos Generales del Estado para 2012.

O artigo 120.Dezaseis da Lei de Orzamentos do Estado para o 2012, ao que se refire o decretazo o que indica é que as bases de cotización dos/as empregados/as públicos/as durante 2012 serán coincidentes coas que se tiveran no mes de decembro de 2010, coa mesma condición de “en tanto permanezca su relación laboral o de servicio”.

Para o SERGAS a frase que aparece subliñada (en tanto permanezca su relación laboral o de servicio) refírese ao vínculo contractual concreto actual, e non á condición de empregados/as ao servizo da Administración Pública. É dicir, nunha cuestión que non supón aforro ningún, o SERGAS fai unha interpretación da norma, coa que nós non coincidimos, claro está, que é a máis restritiva e por riba discriminatoria, ao conseguir con estas modificacións, que traballadores/as das mesmas categorías teñan bases de cotizacións distintas en función de se se trasladaron ou se promocionaron ou algunha outra circunstancia. E tendo en conta que os traslados, a promoción interna ou este tipo de procesos son procedementos regrados e ofertados polo propio SERGAS inda tén máis gravidade a cousa.

Á CIG-Saúde parécelle o colmo do despropósito que á sarta de recortes e agresións aos/ás empregados/as públicos/as se lles engada a redución das bases de cotización discriminando entre persoas da mesma categoría en base á interpretación restritiva da norma, e penando ao persoal por participar nos procesos regrados que o propio SERGAS establece.

Desde CIG-Saúde imos poñer isto en mans da nosa Asesoría Xurídica, elaborar un modelo de reclamación previa (que podedes solicitarnos nos nosos locais) e pedir que este tema se leve á reunión da Mesa Sectorial que se debería convocar en setembro, onde esixiremos enerxicamente a restitución das contías das bases de cotización ás que establece a norma, as mesmas que en decembro de 2010.

 

Infórmate nos nosos locais e non deixes de reclamar!

Un motivo máis para unha FOLGA XERAL!

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto