CIG-Saúde denuncia o engano da Consellería de Sanidade sobre o financiamento do Novo Hospital de Vigo

Luns, 07 Xaneiro 2013 11:30 Política Sanitaria - Novas sobre Política Sanitaria
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Segundo as declaracións realizadas pola Conselleira de Sanidade na prensa, o financiamento do Novo Hospital de Vigo xa non será a cargo da empresa concesionaria. A propia Consellaría de Sanidade asumirá, cando menos, un 40% dese financiamento, a través do Banco Europeo de Investimentos e do Instituto de Crédito Oficial. Con esta medida incúmprense as condicións da concesión, que establecían que o financiamento da obra sería a cargo da empresa concesionaria.

CIG-Saúde lembra que un dos pretendidos beneficios deste tipo de contratos de colaboración público-privada, era o de non computar a efectos do déficit público o custo da construción deste hospital. Un argumento que agora non se sostén ao ter que asumir a propia consellaría o financiamento.

“O feito de que a Xunta de Galiza opte por un financiamento similar ao que estaba previsto inicialmente polo goberno bipartito, para construír un Hospital 100% público, a través da Sociedade Pública de Investimento, que segundo as propias declaracións do goberno da Xunta era inviable, demostra que os argumentos técnicos e económicos que se deron para optar por financiar, construír e xestionar o Novo Hospital de Vigo mediante un contrato de colaboración público-privada eran unha falacia, e só intentaban ocultar unha clara intencionalidade política de privatizar a Sanidade Pública, independentemente do custe económico e social que puidera ter”.

Para a CIG-Saúde isto evidencia que, ao final, “todas e todos pagaremos cos nosos impostos o financiamento dunha infraestrutura sanitaria que será propiedade dunha empresa privada, á que, ademais, teremos que pagar un canon anual de 70 millóns de euros durante, cando menos, 20 anos hipotecando os orzamentos futuros que se destinarán á sanidade”.

Na situación actual de “intolerábel sobrecuste, de recorte do proxecto, de mingua da calidade na construción e de retraso nos prazos da obra”, CIG-Saúde esixe da Consellería de Sanidade que rescate a concesión, por “incapacidade da concesionaria para cumprir as condicións asinadas, e que retome o proxecto inicial con financiamento público e garantindo a xestión pública desta importante infraestrutura sanitaria”.

CIG-Saúde considera que a Área Sanitaria de Vigo precisa, con urxencia, que se remate de construír o hospital que estaba inicialmente previsto, que era o que podía pór fin á situación deficitaria da sanidade pública para a cidadanía da área sanitaria e que remate coa situación de falta de equidade que supón deixar a unha parte desa cidadanía asignada a un hospital privado.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto