Unha empresa privada decidirá sobre as prestacións en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia

Venres, 27 Setembro 2013 11:15 Política Sanitaria - Novas sobre Política Sanitaria
Imprimir
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde denuncia que a empresa vai poder decidir se estas especialidades se prestan na sanidade pública ou se se privatizan e alerta da descapitalización da sanidade pública galega

A CIG-Saúde denuncia que a consellaría de Sanidade vai deixar en mans dunha empresa privada a decisión das prestacións sanitarias en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia. Alerta de que a empresa privada vai poder decidir se estas se prestan na sanidade pública ou se privatizan e das consecuencias que isto pode ter para as e os doentes e para a propia calidade asistencial.

fotosergasO pasado mércores 18 de setembro  publicouse no BOE un “Anuncio de Licitación e Adxudicación da Comunidade Autónoma de Galiza” no que se recollía a convocatoria para a contratación de colaboración entre o sector público é o sector  privado para dispor dunha solución global que cubra as necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe (radioloxía),  intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia.

A CIG-Saúde explica que este contrato implica que a partir da adxudicación a empresa privada decidirá que  maquinas e aparatos de alta tecnoloxía se comprarán no SERGAS para as prestacións sanitarias das especialidades anteriormente relacionadas.

“ A empresa privada terá a capacidade absoluta para decidir se as dotacións dos  medios tecnolóxicos actuais son renovados ou non ou, pola contra, se o SERGAS  prescinde de comprar novas resonancias magnéticas, novos aceleradores para o tratamento co cancro, ou simplemente se estes aparatos se dan de baixa e esta actividade se contrata con un centro privado”, sinala a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Descapitalización

A CIG-Saúde denuncia que isto vai supor unha descapitalización do sistema sanitario público e unha perda de postos de traballo nun tema de máxima importancia no que o persoal Facultativo do SERGAS, é dicir, os médicos e medicas do sistema público non vai poder dar a súa opinión cualificada e profesional sobre a tecnoloxía máis adecuada e que dea unha mellor resposta ás necesidades d@s pacientes.

Alerta ademais de que con este contrato a empresa  tamén pode decidir  deixar sen o aparataxe actual aos centros comarcais, centralizando a actividade nos grandes complexos hospitalarios ou en centros privados, afastando cada día máis as prestacións sanitarias da poboación e rompendo o principio de igualdade no acceso ao sistema público.

A CIG-Saúde lembra que até o de agora o traballo que vai a facer a empresa privada facíase desde o sistema público e que os informes técnicos de compra de alta tecnoloxía facíanos  as/os traballadoras/es de GALARIA. “Informes de calidade baseados na ética profesional”, matiza Abuín, quen se pregunta “por que pagar a unha empresa privada por un traballo que se pode facer directamente pola Administración”.

Este modelo está copiado do implantado no servizo de saúde das Illas Baleares. Un sistema sanitario que desde que chegou o PP perdeu prestación e calidade a pasos axigantados, segundo a CIG-Saúde, e no que ademais, como a empresa adxudicataria só sabía de maquinas, tivo que subcontratar a outra empresa para a xestión integrada dos recursos.

“Estaremos asistindo a unha situación similar como a que esta a acontecer en Madrid, na que o Conselleiro de Sanidade manifestou publicamente que privatizaban a sanidade por ser incapaces de xestionala. Cando unha persoa amosase incapaz de realizar o  seu traballo só lle queda un camiño “DIMISIÓN”, afirma a secretaria nacional.

Ante isto, a CIG-SAÚDE fai un chamamento  a condenar publicamente este novo atentado contra a sanidade pública e contra o recortes na asistencia sanitaria.

A nova, en Avantar.

kaz-news.ru | ekhut.ru | omsk-media.ru | samara-press.ru | ufa-press.ru

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto