14 DIAS DE ESPERA PARA IR AO MÉDICO DE CABECEIRA

 

            Como xa vimos denunciando desde CIG-Saúde hai tempo, os usuarios e as usuarias da sanidade pública padecen as consecuencias dos recortes de persoal, ademais doutras decisións políticas do goberno do goberno do PP como o incremento do copago farmacéutico, a retirada da cobertura de moitos medicamentos, etc.

Atopámonos, no Centro de Saúde de Carballo, con que para algúns médicos de familia dos que están de vacacións, as listas de espera son en dous casos de unha semana, pero temos un caso no que a día de hoxe a primeira cita libre sae para dentro de 14 días, o cal nos parece xa un despropósito. Ter que esperar dúas semanas para acudir ao médico de cabeceira non é de recibo, e todo por non contratar médicos substitutos. Non é de recibo que unha persoa teña que esperar 14 días para acudir ao seu médico de cabeceira, e o que sucede é que moita xente opta por acudir por urxencias (como é lóxico) aínda non tratándose de situacións de verdadeira urxencia (pero que tampouco poden esperar 14 días), o que sobrecarga de máis traballo ao resto de profesionais que teñen que asumir a atención dos pacientes dos médicos que disfrutan do seu dereito a vacacións e que non son substituídos.

Non pode ser doutra maneira, é normal que haxa unha espera de 14 días cando nunha semana enteira un médico ten bloqueada a axenda tres días, e os outros dous ten once citas cada un deles (que logo se reparten entre os demais profesionais do centro). Ou sexa, 22 citas nunha semana enteira, como non se vai xerar así unha espera de 14 días?

Desde CIG-Saúde seguiremos insistindo en denunciar esta situación, esta política absolutamente cicateira do Partido Popular que, ao mesmo tempo que recurta en gastos de persoal e outros gastos básicos para o funcionamento da sanidade pública, continua gastando cantidades inxentes de diñeiro público en propaganda.

Carballo, 30 de xullo de 2013

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,

Delegado Sección Sindical de CIG-Saúde

 

Nota de prensa

LISTAS DE ESPERA PARA MÉDICOS DE CABECEIRA

NO CENTRO DE SAÚDE DE CARBALLO

 

Cando aínda non empezou o verán, no Centro de Saúde de Carballo xa se están a padecer as consecuencias da falta de substitucións nalgunhas consultas. Hai dúas ausencias de médicos que non están substituídas por ningún profesional, senón que se opta polo que vén sendo habitual desde hai tempo, un día bloquéase a axenda, ao día seguinte ábrese unha axenda cun número reducido de citas que se reparten entre os demais profesionais, ao mellor algún día fai unha prolongación de xornada algún profesional do PAC ou do propio Centro de Saúde.

Este xeito de cubrir (ou mal cubrir) as ausencias tense convertido xa en habitual, e trae como consecuencia que a día de hoxe, mércores, as próximas citas libres para unha consulta dos dous profesionais ausentes sexan para o martes da próxima semana.

Esta é a situación, como digo cando aínda non comezaron verdadeiramente os turnos de vacacións de inmensa maioría do persoal, así que xa se pode un imaxinar como será nos meses de xullo e agosto, se a cobertura se fai desta mesma maneira.

Desde CIG-Saúde consideramos que non é de recibo que os usuarios da sanidade pública teñan que padecer esta situación, que haxa listas de espera en Atención Primaria por non contratar médicos substitutos, ao mesmo tempo que se nos obriga a pagar máis polos medicamentos, incluso a pagar o 100 % de cada vez máis medicamentos, a pagar polas prótesis, polo transporte sanitario non urxente, etc., ademais do que xa pagamos a través dos impostos.

Carballo, 5 de xullo de 2013

Xoán M. Sande Muñiz,

Delegado da Sección Sindical de CIG-Saúde

 

ONCOLOXÍA. O SERGAS ENTRÉGASE Á MISERIA

Nota de prensa da Xunta de Persoal. Remitida aos medios o 4 de xuño de 2013:

A XUNTA DE PERSOAL DA ÁREA SANITARIA DE A CORUÑA esíxelle ao SERGAS que amplíe nun ano o período de residencia dos actuais MIR galegos de Oncoloxía Médica, requisito imprescindíbel para que o seu futuro título de especialistas poidan ser homologábel na Unión Europea.
O período de residencia desa especialidade estaba establecido no Estado Español de 4 anos, malia que en repetidas ocasións as Sociedades Científicas e a Comisión Nacional da especialidade, tiñan reclamado a ampliación dese período formativo a 5 anos, argumentado que a complexidade da especialidade ten sufrido un forte incremento, tanto pola expansión do seu campo asistencial como polos grandes avances tecnolóxicos e farmacolóxicos que se deron nas últimas décadas.
Nesta situación, a Unión Europea (UE) aprobou o Regulamento (UE) Nº 213/2011 da Comisión de 3 de marzo de 2011 polo que se modifican os anexos II e V da Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello. Nesta norma se estableceu que, para obter a homologación europea do título de Especialista en Oncoloxía Médica, a duración mínima do seu período formativo debía ser de 5 anos.
Para mellorar a formación dos MIR de Oncoloxía Médica e, paralelamente, conseguir a homologación europea do título de especialista, aprobouse e saíu publicada no BOE a “Orden SSI/577/2013, de 5 de abril, por la que se aprueba y publica el programa formativo de la especialidad de Oncología Médica y los criterios de evaluación de los especialistas en formación”, na que se amplía o período da residencia da especialidade até os 5 anos. Porén, nesa norma legal, establécese que o novo programa formativo e a ampliación da duración da residencia só terá carácter obrigatorio para os MIR que accedan en 2012 a prazas de formación sanitaria especializada (os actuais R-1), mentres que deixa nas mans das CCAA a decisión de incrementar o período formativo dos residentes actuais (R-2, R-3 e R-4), sendo preceptivo para facelo contar co apoio dos propios afectados, dos seus titores, os e das Comisións de Docencia correspondentes.
En Galiza todos os residentes galegos afectados, os seus titores, as Comisións de Docencia dos hospitais, os Xefes de Servizo de Oncoloxía Médica, e a Sociedade Científica correspondente, teñen solicitado ao SERGAS que asuma a ampliación por un ano dos contratos destes MIR, para que podan completar a súa formación e que o seu título de especialistas sexa homologábel a nivel europeo. Sen embargo, o SERGAS por motivos exclusivos de aforro económico puro e duro, manifestouse contrario a permitir que os actuais residentes de Oncoloxía Médica prolonguen nun ano o seu período de residencia.
As organizacións sindicais con representación nesta Xunta de Persoal, pedímoslle á Conselleira de Sanidade e ao Goberno Galego que reconsideren esa posición gravemente lesiva para os intereses dos residentes e os servizos de Oncoloxía Médica galegos.

María Jesús Seijo García. Presidenta da Xunta de Persoal da Área sanitaria de A Coruña

Resolución_XUNTA_DE_PERSOAL_2013_1_4xuño 2013.pdf

 

A CIG, despois do VI Congreso celebrado este fin de semana, está unida e disposta para dar a batalla.

VI_congreso

 

20130522_120718

Concentración diante do Materno o 22 de maio de 2013. Organizada polo grupo de apoio aos COF.

Le o manifesto María Seijo, presidenta da Xunta de Persoal.

O manifesto é o seguinte:

Comunicado_do_grupo_de_apoio_ao_COF_22_maio_2013.pdf

 

O SERGAS PECHA AS AXENDAS PARA ECOGRAFÍAS

NO CENTRO DE ESPECIALIDADES DE CARBALLO

 

A PARTIR DE AGORA, OS PACIENTES SERÁN CITADOS

NO CENTRO DE ESPECIALIDADES DO VENTORRILLO

Desde CIG-Saúde temos denunciado publicamente a intención do Sergas de suprimir servizos no Centro de Especialidades de Carballo. En concreto, xa nos temos referido nalgunha ocasión ao temor de que suprimisen o servizo de Ecografías, xa que nos tiña chegado información de que desde a Xerencia da Área Sanitaria da Coruña se estaba estudando esta posibilidade. Ben, pois os nosos temores confírmanse, e resulta que se pecha desde xa a axenda de Ecografías en Carballo, e os pacientes que pidan cita serán citados no Centro de Especialidades do Ventorrillo. Un servizo que se viña prestando só un día á semana, os venres, cunha elevada lista de espera (agora mesmo estábase citando para abril do ano 2014), resulta que agora semella que o suprimen definitivamente, en vez de aumentar o número de días para reducir a lista de espera, e pasan a citar os pacientes na Coruña, en concreto no Centro de Especialidades do Ventorrillo.

Moito nos tememos que sexa un paso máis no desmantelamento da sanidade pública, na eliminación de servizos e na volta á centralización dos mesmos. Resulta que cando o que se debera facer, desde o noso punto de vista, é incrementar o número de especialidades que se prestan en Carballo e achegar os servizos á poboación, agora faise todo o contrario, elimínanse servizos e obrígase á veciñanza de Bergantiños a desprazarse á Coruña para facer Ecografías.  Non é de recibo este xeito de actuar do Partido Popular, que continúa co seu desmantelamento da sanidade pública. Ademais de facer pagar á poboación máis polos medicamentos, tamén aos pensionistas, de eliminar cada vez máis fármacos da financiación pública, de facernos pagar mesmo polas tarxetas sanitarias, as prótesis, o transporte sanitario non urxente, etc., ademais de facernos pagar por todo, continúa sumprimindo servizos sanitarios. E sobre todo eliminando os poucos servizos que temos no rural, volvendo a centralizar na Coruña e obrigando á poboación a desprazarse, unha poboación maior e cuns servizos de transporte públicos deficitarios ou practicamente inexistentes.

E iso que temos un Xerente da Área Sanitaria da Coruña (recentemente nomeado) que é desta comarca. Pois non parece que lle importe moito recurtar os escasos servizos sanitarios especializados cos que contan os seus veciños de Bergantiños. Non podemos consentir que continúen desmantelando dese xeito a sanidade pública. Que sexan conscientes os gobernos municipais dos concellos da comarca do que se nos vén enriba, de que esta administración sanitaria do PP pretende continúar eliminando servizos, e que defendan aos seus electores e presionen á Xerencia da Área Sanitaria da Coruña.

Desde a CIG consideramos que non é de recibo este trato que reciben, unha vez máis, os pacientes de Bergantiños. Temos moi poucas consultas de especialistas no Centro de Especialidades de Carballo, e cunhas altísimas listas de espera, e non se pode consentir que, no canto de dotármonos de máis especialidades, o que se faga e eliminar os poucos servizos que temos.

Carballo, 14 de maio de 2013

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,

Delegado da Sección Sindical de CIG-Saúde

 

 

1_MAIO_2013

 

Cartaz_8_marzo_2

 
Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info