Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

CIG-SAÚDE RECLAMA O CUMPRIMENTO DOS ACORDOS DE PACs


CIG-Saúde non denunciou os Acordos de Atención Primaria (de PAC e de Ordinaria) por que de facelo habería que iniciar unha nova negociación, e entendemos que non se dan as condicións para mellorar os aspectos básicos do acordo existente: xornada, retribucións e cadro de persoal. O SERGAS xa considera demasiado baixa a xornada acadada no acordo vixente (1.430 hs) polo que custaría traballo non só mellorala, senón incluso mantela nun novo acordo. As retribucións están conxeladas, cando non recortadas, polo que as posibilidades de incrementalas son nulas. Os cadros de persoal consolidados polos acordos, que se ofertaron na pasada OPE e Traslados, incrementaríanse de modificarse as regras de voluntariedade, pero tendo en conta a actual taxa de reposición do 10% non sería posible.

Non denunciar os Acordos non quere dicir que aceptemos o xeito co que está a aplicalos a Administración. CIG-Saúde reclama do SERGAS o cumprimento dos Acordos de Atención Primaria, de PAC e de Ordinaria, especialmente nos seguintes aspectos:

1.- Cómputo de xornada. O SERGAS está a aplicar criterios restritivos que penalizan, no computo de xornada, aos traballadores que teñan unha IT ou un permiso retribuído.

2.- Confección de calendarios. Reclamamos calendarios anuais coa participación das e dos traballadores, que separe a xornada ordinaria da complementaria e que respecte a xornada ordinaria do persoal de PAC e tódolos seus permisos.

3.- Cumprimento da Acta do 16 de xuño. Na aplicación en cada área reclamaremos que de quedar horas suficientes (1623 hs/anuais) se proceda á creación dun vinculo estable (obra e servizo) contratando persoal das listas de contratacións antes de ofertalas á voluntariedade.

4.- Contratación de persoal das listas. Reclamamos que se cumpra o apartado do acordo que establece que diante dunha ausencia, o primeiro é contratar persoal das listas de contratacións.

CIG-Saúde convocará asembleas en tódalas áreas para valorar as medidas a tomar diante destes incumprimentos.