Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

CIG-Saúde reclama o correcto cumprimento dos Acordos de PACs e unha reunión urxente da Comisión de Seguimento




Entrega no rexistro da consellaría de Sanidade 400 sinaturas de médicos/as e enfermeiros/as apoiando estas demandas.
CIG-Saúde
demandou, en rolda de prensa, o correcto cumprimento dos acordos de Puntos de Atención Continuada (PACs) e solicitou a reunión, con carácter urxente, da Comisión de Seguimento dos Acordos para tratar aspectos como cómputo de xornada; confección de calendarios; cumprimento da acta do 16 de xuño e contratación de persoal das listas. Antes da rolda de prensa presentou, no rexistro da consellaría de Sanidade, 400 sinaturas de médicas/os e enfermeiras/os sumándose a estas reclamacións. María Xosé Abuín Alvarez, Secretaria Nacional de CIG-Saúde, Lois Méndez e Manuel G. Moreira, da Executiva Nacional de CIG-Saúde, acompañados de enfermeiras/os e médicas/os de PACs (dispositivos de urxencias de Atención Primaria), foron os encargados de explicar a situación na que se atopa, neste intre, o persoal destes centros e as súas demandas. Así lembraron que, o 26 de outubro, a CIG-Saúde presentou por rexistro un escrito no que xa se solicitaba que, con carácter urxente, se reunira a Comisión de Seguimento dos Acordos. Diante da ausencia de resposta, CIG-Saúde puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas á que se sumaron 400 médicos/as e enfermeiros/as de PACs, reiterando esta demanda. A través deste escrito reclaman, no que respecta a cómputo de xornada, unha interpretación correcta dos termos do acordo e a súa translación ao aplicativo informático, para rematar coa situación actual, na que se penaliza aos traballadores/as cando teñan unha IT ou collen un permiso retribuído. Xunto a isto, demandan calendarios anuais elaborados coa participación das e dos traballadoras/es construídos con criterios de equidade. Uns calendarios nos que entenden que “a xornada ordinaria e a complementaria deben estar claramente diferenciadas, e deben recoller necesariamente a xornada ordinaria do persoal de PAC e todos os permisos”. Respecto do cumprimento da Acta do 16 de xuño, na súa aplicación en cada área reclaman que, de quedar horas suficientes (1.623 horas anuais), se proceda á creación dun vínculo estable (obra e servizo) contratando persoal das listas de contratacións antes de ofertalas á voluntariedade. Do mesmo xeito exixen que se cumpran os apartados do acordo que estabelecen que diante dunha ausencia, o primeiro é contratar persoal das listas de contratacións. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, afirma que os incumprimentos reiterados da administración respecto destes acordos está a dificultar un bo clima laboral que, entende, a administración debería ser a primeira interesada en favorecer para garantir a mellor calidade asistencial posíbel. “E máis na atención primaria, que é a porta de entrada ao sistema sanitario”. Por iso CIG-Saúde reclama que alén de convocar á comisión de seguimento con carácter de urxencia, “para unificar criterios deben acudir a ela os responsábeis de todas as xerencias”.
Para esixir a convocatoria da Comisión de Seguimento dos Acordos de Atención Primaria, iniciaranse mobilizacións cunha concentración que se levará a cabo o xoves día 15 ás 11 hs. diante do Edificio do SERGAS.