Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

A CIG-Saúde denuncia que esta formación xa é impartida pola FEGAS

A consellaría de Sanidade destina 228.600 euros a contratar unha empresa privada para impartir formación ás/aos profesionais do SERGAS

Compostela, 30 de outubro de 2014.- A CIG-Saúde vén de denunciar que nos orzamentos para 2015 a consellaría de Sanidade destina unha partida de 228.600€ para contratar unha empresa privada que imparta formación continuada a profesionais en “mellora da calidade e seguridade e redución de custos”. Para a CIG-Saúde este gasto está enmarcado na política da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera,  de detraer dos orzamentos públicos diñeiro para empresas privadas sen xustificación algunha.

A CIG-Saúde explica que até o de agora a formación das e dos profesionais era impartida pola Fundación Pública de Formación Sanitaria (FEGAS) e a formación a usuarios/as a través da Escola de Cidadáns.

Ademais disto, engade que agora a consellaría de Sanidade vai crear a Axencia Galega de Formación e Innovación Sanitaria que “entendiamos que era para mellorar o servizo público e a formación das e dos profesionais –e non só para incrementar o número de directivos designados a dedo- cando, ao final, semella que non vai ser así porque prima o interese por seguir privatizando”, afirma a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Neste sentido, a  CIG-Saúde lembra que  desde a chegada do PP ao goberno da Xunta fóronse reducindo os orzamentos destinados a formación e pregúntase se o obxectivo último, á vista desta nova partida orzamentaria, non sería precisamente a de” ir reducindo a formación desde o sistema público para finalmente derivala a empresas privadas”.

Redución de custos

A CIG-Saúde alerta ademais dos obxectivos concretos desa formación que se pretende impartir desde a empresa privada, nomeadamente no que se refire e “redución de custos”. Neste sentido sinala que até o de agora para o Partido Popular “reducir custos foi e é recortar dereitos e prestacións sanitarias o que vai en detrimento da calidade do sistema público de saúde, castigando ás persoas con menos recursos”.