Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

No día de onte houbo reunión da Xunta de Persoal coa Xerencia, para o gusto da CIG son reunións demasiado distanciadas no tempo e con demasiada xente. Élle doado á Xerencia contestar a medias.

Tratáronse algúns temas, quizá non os máis importantes, tentaremos resumilos:

1.       Vacacións.- Expúxose  a prórroga do acordo actual de vacacións, cuestión que foi aceptada por tódalas partes.

A maiores comentouse a dificultade de escoller vacacións cando non se sabe que unidades de hospitalización van pechar no verán.

E tamén se solicitou que as persoas con acúmulos de tarefas abertos poidan disfrutar se o piden os días de vacacións que vaian xerando.

A estes puntos a Dirección comentou que tentarían dar a coñecer os peches, e falou tamén da dificultade de darlle as vacacións aos acúmulos de tarefas por cuestións organizativas, e que iso debe quedar para circunstancias extraordinarias que se valorarían de xeito individual.

2.       Impresora de etiquetas en cita previa.- A queixa é pola distancia dalgúns postos de cita ás impresoras de etiquetas, a Xerencia quedou de facer unha valoración da ubicación das mesmas.

3.       Ventanas plantas de hospitalización.- Seguimos coa queixa de que os/as doentes se ven completamente de unhas unidades a outras. Contestaron que están poñendo vinilos traslúcidos progresivamente.

4.       Prazas de aparcamento escasas.- Hai dúas medidas que se están a considerar, cambiar a orientación das prazas para incrementalas (probablemente se consigan unhas 30 máis) e tamén cambiar as tarxetas de apertura de barreiras polas tarxetas sanitarias, xa que será máis difícil que se presten a terceiras persoas que ocupen indebidamente as prazas.

5.       Escaseza celadores/as de Rx.- Ante a queixa, xa manifestada, da insuficiencia de persoal. Responden que o Servizo está en plena reorganización, posto que se está a cambiar o sistema de traballo. Estanse estudando os circuítos, pero ao estar en pleno cambio procede esperar para sacar conclusións definitivas. Daquela tomarán a decisión que corresponda.

6.       Trauma.- O servizo decidiu que se farían dentro da garda as IQ de fx de cadeiras que viñeran de urxencia. O persoal médico acepta de bo grao esta cuestión, xa que sempre que se poida practicar esta intervención de xeito urxente resulta positivo para os/as doentes. O problema prantéxase cando a intervención que clasicamente se facía con 3 traumas, agora pretenden facela con dous, todo isto debido a que non sempre quedan 3 traumas de garda. A dificultade dáse cando unha serie de profesionais facultativos levan anos facendo unha técnica determinada agora se verían obrigados/as a cambiala de xeito abrupto e sen previo aviso, de modo que se dá a incongruencia que se a IQ é de mañá ou ben se están os 3 de garda, se faría coma sempre e con 3 profesionais mentres que se é de tarde e non hai máis que 2 tería que facerse doutro xeito ben distinto, sen ter en conta a falta de experiencia dos profesionais nesta segunda vía. Algún deles negouse a operar se non está o persoal suficiente, o cal nos pareceu un exercicio de responsabilidade. Explicado isto, o sr Xerente dixo que se falaría co Xefe de Servizo, non temos nin idea se entendeu as implicacións de todo tipo que estas decisións teñen, incluídas as legais.

7.       Protocolos de actividades de entretemento para pacientes psiquiátricos en Calde.- Recoñecen dende a Dirección que se armou moito revuelo pero que agora mesmo está todo o mundo colaborando sen problemas, e xa se aclararon os malosentendidos iniciais.

8.       Mantemento zonas axardiñadas de Calde.- Estase pedindo orzamento a distintas empresas para o saneamento e replantación do xardín de Calde.

9.       Permisos.- Solicítase que se cree e se xunte a Comisión de seguimento de permisos (que ata o momento nunca funcionou), trataríase de que cada denegación de permiso supuxera que a Comisión se reunira e decidira. Por suposto, negóusenos esa posibilidade, como moito que cada quen que teña problemas cun permiso vaia á Dirección para que alí o revisen.

10.   Coches HADO.- Recibimos queixas de  dúas cuestións: a primeira relativa a déficits de mantemento nos coches e a segunda relativa á ubicación dos mesmos, xa que dormen fóra verán e inverno, están xeados polas mañás, o persoal móllase para cargalos.... Parece que foron sensibles á primeira queixa, á segunda non o teño tan claro, no futuro inmediato interesarémonos de novo polo tema.

11.   Queixámonos da falta de información á Xunta de Persoal dos cambios organizativos das unidades, das aperturas de novos servizos, da implantación de programas informáticos.... Nomeamos varias unidades, o silicom, consultas-peonadas de tarde... Recoñecen que non foron coidadosos niso, pode ser que modifiquen a súa conduta, xa o veremos.

12.   Invernadoiro.- É un proxecto que seica pretende achegar á sociedade a Sanidade. Corre a cargo dunha ONG, cultívao voluntariado, e os seus produto irán para comedores sociais. Cando estea máis avanzado preténdese usalo para explicarlle á poboación infantil as vantaxes dunha dieta sana... Houbo quen pediu que parte das ganancias dos produtos permitiran que as nais que teñen nenos/as ingresados/as poidan comer unha dieta hospitalaria. Valorarase.... seica

13.   Preguntamos sobre o novo Subdirector de Calidade, un médicos máis para a Dirección, como xa hai poucos.... Preguntamos polo seu curriculum, e o Xerente dixo que era espectacular, o que eu non sei é se o ve con bos ollos porque é íntimo amigo del... ou porque o curriculum é bon. Por de pronto hai pasta para ese salario de calidade grupo A, e non hai para carros e ordenadores suficientes para garantir a calidade na administración da medicación co silicom.

Queda algunha cousiña que considero pouco significativa... o máis chamativo do día de onte é o que descubrimos en canto a denominacións:

-As camas que houbo bloqueadas en case tódalas unidades de hospitalización do noso hospital, resulta que non estaban bloqueadas.... seica a denominación non é a correcta, estas camas deben chamarse: DE USO NON PREFERENTE.... e por riba non están pechadas, tal como o seu propio nome indica... Manda truco