Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

ACOMODOS INTERNOS

   Esta mañá houbo 2 reunións, a primeira de acomodos internos, desta só reseñaremos 2 cuestións:

REESTRUTURACIÓN CONSULTAS EXTERNAS
   Faise por causa da dixitalización das historias clínicas, afecta ás TCAE, pero non se sabe en que medida, polo que, para que non saian prexudicadas as persoas que vaian ser reestruturadas, volverá sacarse un concurso de acoplamentos internos no mes de Abril a máis tardar, (cando estea rematada a reestruturación), para esa concreta categoría. Podería volver concursar calqueira persoa da categoría, aínda que participara no concurso que se vai convocar agora.

PUNTOS DE REESTRUTURACIÓN URO/TRAUMA 

   Acordouse que o persoal afectado pola reestruturación de Uroloxía (é dicir, as persoas con acoplamento interno nas unidades de Uro e Trauma/Orl) poderá escoller entre 2 opcións:

1ª Quedarse voluntariamente na Unidade de Trauma/ORL/Uro
2ª Irse contando cos 12 puntos de reestruturación para este próximo concurso de traslados.


XUNTA DE PERSOAL COA XERENCIA (en cor a resposta da Xerencia)

   Cunha longuísima orde do día, proposta pola Xunta de Persoal, da que destacaremos o que consideramos máis importante:

1.- Situación do Servizo de pediatría.- Queixa pola falta de pediatras, xa que non se van repoñendo as distintas ausencias. O xerente explica que hai anos a plantilla tiña que ser maior debido a que nin había pediatras na Primaria nin existían o H. da Costa e o de Monforte. Agora mesmo contamos con 9 pediatras en plantilla (máis outra que virá á maior brevidade, xa que se está á espera de resolución xudicial) e máis 8 pediatras en formación. É dicir, non vai haber moito máis que facer.

2.-Posto de Coordinación de Anatomía Patolóxica.- En atención á especificidade da Unidade e á sensibilidade que ten o persoal co tema solicitamos que se valore a creación deste posto. Comprometeuse a facer unha revisión do tema.

3.- Permisos.- Aplicación da Lei do Emprego Público de Galicia.- Queixámonos de varias dificultades do persoal á hora de desfrutar os permisos tal e como se recollen nesta Lei. Aseguráronnos que a estaban aplicando, aínda que recoñeceron que houbera algún problema inicial. Comprometéronse a clarificar ante os mandos intermedios a aplicación da mesma.

4.- Escaseza do persoal de planta en quenda de mañá.- Xa que a figura de correturnos se usa para a cobertura de calquera ausencia, incluídas baixas e non é o mesmo traballar cunha especialidade por planta que con 5, tal e como aconteceu no verán. Responderon o de sempre: Non temos cultura de traballo en equipo... os equipos nas quendas de día estarán formados por 6 a 8 profesionais... pero de todos xeitos revisarán (supoñemos que con calma) a situación por se hai que facer incrementos.

5.- Máquinas expendedoras dos tickets de consulta.- Como é público e coñecido, non funcionan en multitude de ocasións e causan dificultades aos doentes/usuarios. Explicou o xefe de informática que eran conscientes diso, deunos varias causas posibles polas que poden non funcionar as tarxetas. Parece que están mirando no SERGAS a posibilidade de que cada EOXI empece a comprar o ano próximo os seus plásticos e os grabe, co cal podería mellorar a situación.
 6.- Carteis informativos nos extremos dos corredores de Consultas.- Porque é imposible que os/as usuarias/os se orienten dada a multitude de consultas por planta. Mostráronse de acordo e van a proceder a colocalos.

7.-Nomeamentos de reforzo.- Queixámonos unha vez máis que esta modalidade de contratacións vale tanto para un roto como para un descosido, e pedimos que se fagan contratos pola causa que os motiva (é dicir, unha baixa conducirá a un contrato de substitución, ao igual que un permiso, etc), xa que hai persoas que estando arriba na lista se atopan na casa por ter cumpridos o máximo dos 180 ao ano, moitos deles días soltos. Unha vez máis dinnos que este centro ten un número mínimo de contratos de reforzo e que incluíron unha modalidade de reforzo por vacacións, que non computa dentro dos 180 días en 365. Din que no verán a situación pode ser un pouco máis abundante nestes contratos por iso empezaron con esta modalidade...

INFORMACIÓNS DA XERENCIA

1.- Informan de que comezará a funcionar a plataforma loxística a partires do 18 de novembro, isto supón que o material se servirá 2 veces ao día dende Negreira (na Mariña e en Monforte 1 vez ao día), en teoría só afectaría a quen pide o material (polo cambio do programa informático), e que a partir desa data tamén se vai implantar a técnica de dobre caixón nos Centros de Saúde cabeceira de comarca, e na Mariña e Monforte

2.-Longas duracións (incluídas CCSS) entre 1 de Xuño e 1 de Outubro, sen prexuízo de que dean máis (queda excluído o persoal non sanitario, xa que estas daranse cando veñan os traslados) 5 DUES Informan tamén de que darán 21 longas duracións máis 3 TCAE de FEAS 1 FISIO 1 TEAP 5 FEAS 4 TEL 3 TER

3.- Tamén comunica o Xerente que esta semana terá reunión para fixar o persoal das novas unidades (Radioterapia, dixo)

Por último ante a pregunta da CIG de se os rumores continuados de peches de plantas e camas atendían a algo real, explicou o que segue (vós interpretade): Vaise establecer, na parte asistencial, unha comisión para ir vendo por especialidades que circuito se pode implentar para ir dándolle contido a esa nova unidade intermedia, que non ten porque ser simultáneo para tódalas especialidades. Mentres o Xerente negou que foran pechar máis camas ou unidades. Pode ser, pero o que opinamos por aquí é que se pretenden deixar diversas plantas (entendo que sobre todo as cirúrxicas) descargadas de doentes porque os van atender nesa unidade, pode ser moi doadamente que o resultado final sexa o peche de máis camas sen apertura de novas unidades.... haberá que “esperar” activamente e ir vendo o devir dos acontecentos.