Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

A Sección Sindical da CIG-Saúde ten que manifestar un ano máis o seu desacordo absoluto co peche estival de camas, simplemente como un dos recortes máis establecidos e recorrentes.



Este ano pechan as 34 camas de:

- Xeriatría durante 2 meses

-Cirurxía durante mes e medio

-Medicina Interna 3 meses e medio.

Pasarán logo, días este verán no que haxa pechadas un total de 104 camas máis todas aquelas que ou nunca chegaron a abrir (68) ou que permanecerán pechadas para sempre.... (34)



Evidentemente Uroloxía este ano non pecha porque xa se encargou o Sr Quintáns de borrala definitivamente da lista de servizos con planta propia, co cal lle deixou o traballo feito ao noso Xerente actual.



Está claro que a mesma política de sempre fai quedar a Lugo sen un importante número de camas durante todo o verán, certo é que a actividade ordinaria por estas datas baixa, pero tamén é certo que nunca se tentou organizar o traballo de modo que se puidera facer máis rendible este hospital durante todo o ano.



Seguiremos coa mestura de doentes de distintas especialidades, co persoal baixo mínimos e sen coberturas, coma sempre.



É bastante desesperanzador que o feito de ter mellores infraestruturas, máis avances tecnolóxicos, melloras evidentes nas técnicas médicas, persoal máis formado, non conduza a mellorar a prevención, tratamento e asistencia á poboación.



Non vale que se nos diga que o éxito da Medicina é que o doente non chegue a ingresar, como desculpa para manter camas pechadas. A CIG considera que o éxito é que o paciente teña cama sempre que a precise, e que o sistema así lla facilite, a máis de que se lle garanta á poboación unha asistencia integral, áxil, que atenda ás súas necesidades reais....



A CIG considera que mentres a Sanidade Pública non funcione de cara aos doentes, espabilando as listas de espera, resolvendo o máis rapidamente posible os seus problemas de saúde, é dicir, mentres non se poñan os recursos a traballar ao seu máximo rendemento para asistir e mellorar as condicións de vida da poboación, non está xustificado ningún peche de camas.



Debe quedar claro que ao doente non lle importa se a súa prioridade para a administración sanitaria é 2, 3 ou seguintes, se a súa atención se considera normal ou preferente, o que lle importa é que lle resolvan un problema de saúde o antes posible, e isto non acontece así neste momento.