Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN SOCIAL



Asunto: Peche de plantas no HULA





Un ano máis prodúcese o peche de camas no HULA, neste caso chámase “adecuación dos recursos de hospitalización á actividade asistencial”, pero en realidade do que se trata é dun recorte máis. A estas alturas xa sabemos cales son as mentiras do sistema para autoxustificarse, incluíndo a maquillaxe de datos, as reticencias aos ingresos, as esperas non estructurais….

Unidades co cento por cento de ocupación ao longo do ano son pechadas sen consideración ningunha, sen ter en conta a necesidade da poboación e dende logo moito menos as necesidades do persoal.

A súa comunicación recolle o tanto por cento de camas que permanecen operativas, mais non di en absoluto o prexuízo que para doentes e profesionais pode supor tal cuestión. Os/as doentes rara vez estarán ingresados na Unidade que corresponda á súa especialidade, nin tampouco para os/as profesionais é doado, cunha plantilla sen apoio ningún, facerse cargo de multitude de especialidades mesturadas, con protocolos e necesidades moi diferentes.

Coma tódolos anos non será certo que se hai necesidade se vaian abrir as distintas unidades, nin sequera cantas camas estarán pechadas de xeito “pantasma”, a cuestión sempre está en relación coa definición dos criterios de “necesidade”.

Por outra banda o persoal a estas alturas non sabe onde vai desenvolver o seu traballo durante o verán, e por riba, como aconteceu outros anos, acabarán sendo un pool de substitución por toda a casa.

Nunha época onde prima a alta especialización, o control dos rexistros, a seguridade dos/as doentes resulta que o SERGAS o que fai como política de bandeira é mesturalo todo, para que tanto doentes como profesionais se sintan o peor posible.

Nin que dicir ten que a CIG se opón radicalmente a calquera peche que as propias xerencias se encargan en poñer os medios con anterioridade para xustificar a posterior, de todos xeitos temos a seguridade de que a asistencia sanitaria se manterá ao nivel adecuado, pero isto non é achacable á dirección, só sucede polo esforzo das/os profesionais.