Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

A Consellería de Sanidade, está a liquidar o Plan de Mellora de Atención Primaria

O PLAN DE MELLORA DE ATENCION PRIMARIA DE GALICIA é un Plan que nos afecta a todas e todos os profesionais de A.P. e que se desenvolve como consecuencia da demanda de melloras laborais e de atención ao paciente, que se levan a cabo durante o ano 2006, e que se concreta na firma do devandito Plan polas  Organizacións Profesionais e Sindicais e polo Presidente da Xunta de Galicia o 2 de Abril de 2007.

Co cambio de dirección na Consellería e no Sergas no ano 2009, en relación co PLAN DE MELLORA DE A.P. produciuse unha parálise en canto ao desenvolvemento e seguimento do mesmo e que a nivel orzamentario concrétase nun descenso do orzamento dun 4.2% respecto ao do 2009 (mentres creceu o de A. Especializada). O ano 2008 crecera un 4,4%.

Se a isto engadimos a análise do BORRADOR DO PROXECTO DE DECRETO que crea a ESTRUTURA ORGANIZATIVA DE XESTIÓN INTEGRADA DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE, no que a participación organizativa da A.P. pasa totalmente desapercibida, fainos pensar que a Atención Primaria está a vivir un momento crucial que pode condicionar o seu desenvolvemento futuro.

As Organizacións Profesionais e Sindicais que formamos parte da Comisión de Seguimento deste plan queremos facer pública esta situación e manifestar a nosa intención de defender o cumprimento do Plan de Mellora da Atención Primaria.

Engadimos dous documentos, un para a cidadanía, no que tratamos de explicar o que supón a perda do Plan de Mellora, e outro para as e os profesionais, cunha reflexión sobre o propio Plan e o futuro da Atención Primaria.

Contamos coa túa colaboración para difundir o documento para a cidadanía imprimíndoo e repartíndoo entre as usuarias e usuarios do teu Centro de Saúde.

Manuel González Moreira

Representante de CIG-Saúde na Comisión de Seguimento do Plan de Mellora