Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

 

As vacacións fanse imprescindibles para a vida do ser humano, valen, entre outras cousas, para interromper os pensamentos cotiás ou ben para aprofondalos, valen para descansar ou para incrementar a actividade, e valen para dicir:  á volta das vacacións farei esto, aquilo….  pero tamén valen para deixar algún traballo ben feito, se as contas dan un vaise tranquilo deixando o mundo ben ordeado…

A onde queremos ir?, xa nos gustaría sabelo…

Hoxe na prensa dixital vense cuestións de gran rotundidade: os atentados de Noruega, a morte de Amy Winehouse, os do 15-M chegan camiñando a Madrid, e as dúbidas que suscitan nunha parte da poboación as informacións das listas de espera que emitiron onte dende o SERGAS, as de Lugo incluídas.

A nosa tarefa reflexional nestes intres de vagar, foi por escolla propia, a resposta ás seguintes preguntas: é útil ou inútil para o ser humano a busca da verdade?, existe?, onde se atopa, nos feitos ou na lectura dos feitos? contribúe a mentira á mellorar a vida de alguén?, contribúe a isto a verdade?.

Ante toda esa carga de inquietudes filosofais, viñéronnos de perillo as publicacións de hoxe:

-Con respecto á  primeira, pasamos media maña escoitando diversas explicacións, a mais das condolencias naturais nestes casos, falaron do fascismo: a súa “morte” e rexurdimento,  das prestacións que dá a Internet a pequenos grupúsculos illados para a súa autoorganización… esto seguirá dando que falar e seguiremos a tentar enterarnos dos antecedentes e consecuentes…

-Con respecto á segunda nova: unha nena xoven cunha voz impresionante e unha vida rota… non precisa de moita explicación

-A defensora do pobo di que o movemento esmorece (despois de que rexeitaran os seus favores)

-Con respecto ás listas de espera: valoramos coller datos, analizalos, cotexalos, buscar testemuñas, espurgar as cifras que falan de nº de días, nº de pacientes, incrementos na espera, espera media… (ver por que se opera máis este inverno apesares do traslado do Centro, que tipo de intervencións se fixeron máis dentro desas 700 e que demos se fixo o ano anterior nesas datas para operar menos…) pero estamos de vacacións e ata para a CIG esto sería demasiado pedir, optamos por buscar pola casa a chaqueta que levamos hai uns días cando pedimos vez no hospital para un familiar, alí están eses clarificadores rectánguliños de papel membretados con: CITACIÓN CONSULTAS EXTERNAS

 

ENDOCRINOLOXÍA: 12/03/2012 (240 días dende que se pediu)

OFTALMOLOXÍA: 03/11/2011 (111 días de dende que se pediu)

Ningunha das dúas foi mencionada como causante de ningún incremento de espera  en Consultas (cremos recordar) e ambas citas quedan moi lonxe da media  recoñecida de 53 días de espera.

Concluímos, pois, un pouco precipitadamente, eso sí, que a morte é unha gran certeza,  que o mundo e o que pasa nel está todo interrelacionado (pasado, presente, futuro, dereita, esquerda…), polo tanto, non nos extrañaría que o ser humano inventara os números e a escritura co solapado fin de poder adaptar (é dicir, manipular) a súa lectura de xeito favorable para el no futuro, e que o noso Xerente, xunto con outros cargos do SERGAS, asistira á clase o día que deron esta lección e por eso agora sexa capaz de aplicala tan maxistralmente como o fai.

Dámoslle a noraboa e desexámoslle felices vacacións (xa que, seica deixa o traballo feito) e pedímoslle que o propósito para a volta do verán sexa que  publiquen tódolos datos ben desglosados, incluída a espera non estrutural, e o tempo que hai que esperar para poder pedir vez para un especialista (a famosa lista de espera da lista de espera, que cremos que non desapareceu).

Somos testemuñas vivas de que nunca coincide a estatística coa experiencia real que temos das citas, sería boa tarefa post-vacacional averiguar o  quid desta cuestión. Advertir que en Lugo (un sitio pequeno onde nos coñecemos todos/as)  ten lexítimamente máis peso a experiencia propia, ou o coñecemento da experiencia do veciño, que os conceptos estatísticos básicos da media, a mediana e a moda.

Esto serve para rematar engadindo outra pregunta filosófica á nosa retaíla: ¿os resultados das listas de espera do SERGAS farán que  o meu familiar estea mellor atendido na súa diabete?.. As esperas medias, medidas de xeito oportuno, melloran o benestar da poboación?...

Nótese que Povisa (centro privado concertado) case duplica na súa espera cirúrxica a maior espera dos hospitais da pública (esto como o de Amy Winehouse tampouco precisa moita explicación, por moito que Feijoo e a conselleira se empeñen en cantar loas aos modelos de financiación sanitaria madrileños e valencianos).