Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo


En vista dos últimos acontecementos a "permanente" da Sección Sindical da Cig-Saúde (é dicir, eu mesma) decidiu facer un apartado de ventas como parte das nosas competencias, e non só venderemos, de agora en adiante, parcelas na lúa se non tamén parcelas no recinto do hospital, temos un servizo de encadeamento de terreos, de modo que lles poñemos unha cadea, candado e chave, como máximo con 24 hs de espera e por un módico prezo (a acordar, pagarase por tramos de ingresos), previa solicitude no correo: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo


Primeiro lede o artigo, porfa, e logo animádevos a enviar solicitudes a ese correo (é real) e nós encantadas reenviarémosllas ao noso Xerente.


CigSaudeLugo


AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN SOCIAL

 

O  persoal de mantemento do H. Lucus Augusti iniciou hoxe a recollida de sinaturas, dirixidas á Xerencia,  para que volvan a abrir un espazo que usaban para aparcar os seus vehículos, situado á beira da cociña e dos locais de mantemento, tal como se recolle no texto seguinte:

“Na zona industrial deste edificio, xusto onde remata o corredor da cociña, por tras dos vestiarios do persoal de mantemento, quedou unha zona libre e cuberta. Esta zona é axeitada en extremo para o aparcamento de vehículos do persoal, xa que quedan os coches protexidos das inclemencias metereolóxicas en calquera época do ano.

Ata o de agora aparcaba o persoal que primeiro chegaba. Esta mañá, para a nosa sorpresa, este espazo aparece limitado por unha cadea metálica con dous candados, de modo que só uns poucos poden utilizar esta zona para aparcamento na que caben 7 ou 8 coches.

Os/as traballadores/as potencialmente afectados/as queremos mostrar, mediante este escrito, a nosa desconformidade coa actuación levada a cabo. Non parece lóxico que certas persoas acoten espazos particulares en lugares públicos, aparentemente co fin de evitar o que eles consideran madrugóns”

Achacan aos seus xefes inmediatos tal situación, insistindo en que nin o Xerente do Hospital ten unha zona reservada para el, de feito a primeira hora da mañá existen espazos libres en todo o recinto hospitalario e polo tanto non se fai precisa en absoluto a medida tomada.

Dende a CIG-Saúde manifestamos o noso total apoio a este persoal para que retiren este “coto privado” reservado ás élites do servizo de mantemento, xa que o único que fan é poñer en evidencia a volta a modelos arcaicos de relacións laborais (que neste colectivo se demostran tamén de outras maneira abusivas de xestión de persoal).