Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

Como a Dirección de Recursos Humanos do SERGAS convoca unha xuntanza para tratar como será o novo pacto de contratacións,  publicamos as propostas de CIG-Saúde cara a este novo Pacto de contratacións.

CONTRATACIÓNS – PROPOSTAS CIG-SAÚDE

 

1. PROPOSTA XERAL: unificar convocatoria de OPE e listas de contratación. A convocatoria sería única, a solicitude tamén. Unha vez realizado o exame, as listas de baremación servirían como base para as listas de contratación, incluíndo nelas ás persoas que aínda botando a solicitude non acudan ao exame. A puntuación de OPE faríase proporcional á nota acadada, incluíndo tamén á xente que non supere o exercicio de oposición. Deste xeito, incentívase que a xente se presente á oposición e estude para conseguir nota (ou sexa, puntuación para as listas) e ao mesmo tempo redúcese drasticamente a burocracia e papeleo de diversas listas e o número de taxas que hai que pagar para inscribirse nos distintos procesos.

2. SEGUIMENTO DO PACTO. Neste apartado presentaremos ao SERGAS a seguinte proposta: as Provincias de Lugo e Ourense queren manter a situación actual. Pontevedra, Vigo: Manter os chamamentos nas Dirección Provinciais e que se constitúa unha comisión de seguimento en cada área sanitaria. Coruña, Compostela e Ferrol: Xestión integral do pacto en cada área sanitaria. Na área de Ferrol que se aplique o Decreto de área única. Como argumento para manter a diferenza de criterio neste tema , basearémolo na situación que presenta cada Dirección Provincial, moi distinta de unhas a outras. Ademais pediremos que se redacte dun xeito máis conciso o apartado que fala do funcionamento das comisións de seguimento.

3. REXISTRO INFORMATIZADO: Solicitaremos que exista un rexistro informatizado que recolla as chamadas telefónicas realizadas mediante conexión coa empresa telefónica, que o rexistro non consista en que o funcionario/a introduza os datos. Tamén se propón que se publique a orde de chamamentos para que en todo momento se saiba cal é o número da lista ao que lle corresponden os contratos.

4. CONCILIACIÓN FAMILIAR E LABORAL: Solicitaremos as seguintes medidas.
a. Renuncia sen penalización á oferta de vínculos de curta duración de incorporación inmediata.
b. O persoal con fillas/os menores de 12 anos poderá solicitar suspensión temporal de chamamentos durante o periodo vacacional escolar.
c. Regular a reserva de vínculos de longa duración durante o permiso maternal.
d. Cambio de área por agrupación familiar (traslado de domicilio por agrupación familiar).

5. ÁREAS ESPECIAIS. Incluir como área especial Quirófano-Esterilización e incluir nelas ás Auxiliares de Enfermaría.

6. FUNDACIÓNS: Se se mantén o sistema actual (non aceptándose a nosa proposta xeral), incluir os últimos procesos de selección de fundacións nas valoracións de OPE.

7. CONTRATOS A TEMPO PARCIAL: Seguir mantendo a valoración destes contratos como xornada completa. Buscar un xeito de que se oferten ás persoas que os cubren os contratos superiores a catro meses para que poidan escoller sen penalización (mellora de contrato).

8. COMISIÓNS DE SERVIZO: Inda estando en contra da forma en que se conceden as comisións de servizo, CIG-Saúde estaría por buscar un sistema de oferta que implicara que cando menos o 50% das vacantes que xurdan sexan cubertas por listas de contratación, para evitar que sexan cubertas no 100% por comisións de servizo sen que se movan as listas.

9. BAREMO PSX. Posto que a categoría foi creada xa hai suficiente tempo como para que haxa servizos prestados nela para baremar, eliminar a puntuación que se outorga polo tempo traballado noutras categorías (telefonista, celador...). Ao mesmo tempo, solicitar a reciprocidade na valoración dos servizos prestados como Auxiliar Administrativo.

10. CONTRATOS EN ÁREA LIMÍTROFE. Para a xente que se atope cubrindo unha vacante na área limítrofe daquela onde está apuntada, oferta do contrato e rescisión do actual, cando xurda un contrato na propia área.

11. EXCEDENCIA POR COIDADO DE FAMILIAR. Ofertaranse con criterio de 1º de lista e ao persoal que este realizando estes vínculos ofertaránselle as interinidades que xurdan, dado que neste tipo de excedencias practicamente ningunha chega ao ano.

12. PROMOCIÓN INTERNA. Preferencia absoluta de ofertar as vacantes a promoción interna, 100% das vacantes que xurdan. Oferta á área sanitaria cando a contratación é reducida ou nula no centro nesa categoría.

13. SUSPENSIÓN TEMPORAL DE CHAMAMENTOS: O persoal, previa comunicación escrita, poderá solicitar a suspensión de chamamentos en días concretos por eventos familiares: vodas, bautizos... Asemade poderá solicitar , polo mesmo procedemento, un mes ao ano por vacacións.

14. BAIXA AUTOMÁTICA DO PERSOAL ESTATUTARIO. Propoñemos unha nova redacción: “Se unha persoa non aporta documentación ou efectúa a renuncia antes da elección do destino, o que permite correr a lista da ope para completar o número de vacantes, non sería penalizado coa exclusión das listas. Se polo contrario realiza a renuncia con posterioridade á elección de destino, si se penalizaría coa exclusión xa que nese momento non se podería completar a lista de OPE”. Entenderase como prazo de toma de posesión cando sae publicado no DOG o prazo para presentar a titulación correspondente ; se o persoal non presenta a documentación decae o aprobado e corre a listaxe de aprobados. Se a persoa que aprobe a OPE renuncia con posterioridade á praza impedindo que corra a lista de aprobados, será dado de baixa nos listados de contratacións.

15. EXPEDIENTES: regular a incorporación ás listas do persoal excluido das mesmas mediante expediente.

16. CHAMAMENTOS PARA VÍNCULOS DE DÍAS SOLTOS. serán ofertados coa maior proximidade ao día da substitución, xa que do contrario figura como persoa vinculada e non se lle oferta un novo vínculo. Regular o dereito a formalizar un vínculo cando a persoa estea en situación de IT por accidente laboral.

17. “INCORPORACIÓN” SEGUNDO O ESTATUTO MARCO. Producirase o cesamento do substituto pola reincorporación do titular ou cando este perda o seu dereito á reincorporación á mesma praza? O caso que hai que regular é: cando unha persoa esta substituíndo a ausencia dun titular que presenta distintos motivos continuados (IT, baixa maternal, vacacións, excencia por coidado de fillas/os) se o substituto está de IT coincidindo co cambio de contrato o SERGAS non lle permite formalizar o novo vínculo,ofertándolle o contrato a outra persoa das listas.

18. SAÚDE LABORAL:
a. Solicitar do SERGAS que regule as contratación para o persoal que presenta unha incapacidade física ou psíquica recoñecida pola Seguridade Social.
b. Ao persoal que presente unha discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia aceptaráselle a suspensión de chamamentos. O SERGAS remitirá a este persoal as U.P.R.L
c. O persoal que renuncie a un chamamento por motivos de saúde laboral, quedará suspendido dos chamamentos até a súa valoración pola U.P.R.L do SERGAS.