gracias

GUÍA DA OPE

Como saberedes, levábamos tempo pedíndolle ao SERGAS unha guía con aclaracións sobre a OPE en canto a criterios para formular os exercicios como aclaracións sobre baremación (títulos que non son requisito e que puntúan, puntuación dos servizos prestados na privada, puntuación dos servizos prestados como reforzos de PAC...) e por fin aqui está o borrador da famosa Guía. Nestes momentos estamos en período de alegacións, o xoves 18 de marzo haberá unha reunión para negociar os criterios definitivos, polo que tomade isto como o que é, unha proposta inicial:

PROPOSTA DE CRITERIOS DA DIRECCIÓN DE RECURSOS HUMANOS DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE EN RELACIÓN COA OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DO ANO 2009 PARA O INGRESO EN DIVERSAS CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO DO ORGANISMO.

A Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco establece as bases, entre outras materias, da provisión de prazas do persoal estatutario, e insta as comunidades autónomas a aprobar, en desenvolvemento delas, as normas aplicables nos respectivos servizos de saúde.

En execución desta previsión normativa, no ámbito da nosa comunidade autónoma aprobouse o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 145, do 29 de xullo), modificado polo Decreto 236/2008, do 16 de outubro (DOG nº 208, do 27 de outubro), que dedica os seus Capítulos II e III á selección de persoal fixo e á promoción interna, respectivamente.

Por Resolución da Secretaría Xeneral do do Servizo Galego de Saúde do 18 de febreiro de 2009 (DOG nº 40, do 26 de febreiro) convocouse concurso-oposición para o ingreso nas diversas categorías de persoal estatutario do organismo, modificada pola Resolución da Xerencia do organismo do 8 de xullo de 2009 (DOG nº 136, do 14 de xullo).

Se ben, de conformidade co establecido no artigo 13.4 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, corresponden aos tribunais de selección, de conformidade co que se estableza na correspondente convocatoria, as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas e a cualificación dos aspirantes, tanto na fase de oposición como na de concurso, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento das probas selectivas, non é menos certo que as resolucións e acordos dos tribunais as vinculan á Administración, o que lle confire un papel de coordinación e supervisión daqueles, en orde a garantir unha axeitada aplicación das bases das respectivas convocatorias.

Para facilitar o labor dos tribunais, para unha axeitada e homoxénea interpretación das bases da convocatoria, a Dirección de Recursos Humanos considera necesario elaborar esta proposta de criterios, que conta co respaldo unánime de todas as organizacións sindicais presentes en negociación.

Estes criterios teñen un carácter interpretativo e orientativo, correspondendo aos tribunais de selección a decisión sobre a súa aplicación.

I.- CONSIDERACIÓNS PREVIAS:

1. - Constitución dos tribunais de selección:

Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia dos tribunais de selección, a Dirección de Recursos Humanos convocaraos a unha reunión conxunta na que se exporá esta proposta de criterios para a súa posterior ratificación, se é o caso, por cada un deles.

A Dirección de Recursos Humanos velará para que os tribunais actúen de forma coordinada e homoxénea.

Na devandita sesión procederase igualmente á constitución formal de cada un dos tribunais de selección, para o que será necesario contar coa asistencia da maioría dos seus membros titulares ou suplentes.

O Presidente do tribunal requirirá de todos os membros declaración expresa por escrito, no documento facilitado pola Administración, de non estar incursos en ningunha das causas legais de abstención (na sesión constitutiva entregarase a cada tribunal o listado definitivo de admitidos e excluídos).

Na devandita sesión adoptarase a decisión que corresponda respecto a esta proposta de criterios ou calquera variación acordada respecto a estes.

Igualmente farase constar en acta que para as demais sesións do tribunal se utilizará a fórmula da autoconvocatoria, sen necesidade de citación por escrito aos seus membros.

Os tribunais terán a súa sede nos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, onde celebrarán as súas sesións, sendo necesario que estean presentes, polo menos, a maioría dos seus membros titulares ou suplentes.

De todas as sesións dos tribunais os secretarios deberán levantar a correspondente acta, que será asinada polo Presidente e polo Secretario.

Como regra xeral, as sesións dos tribunais, deberán celebrarse en horario de tarde.

2. - Desenvolvemento dos labores dos tribunais de selección:

Logo de proposta ó órgano convocante, os tribunais de selección poderán contar coa colaboración dos asesores especialistas ou de apoio que consideren oportunos, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas especialidades técnicas, con voz e sen voto.

Igualmente, para as tarefas de mecanografado dos exercicios da fase de oposición, os tribunais poderán contar coa axuda do persoal auxiliar da Dirección de Recursos Humanos.

En todos os casos, o Presidente do tribunal deberá solicitar declaración expresa por escrito de non se achar incursos en ningunha das causas legais de abstención.

Os membros dos tribunais, os asesores especialistas e o persoal auxiliar, deberán manter sixilo e confidencialidade sobre os datos ou asuntos dos que teñan coñecemento como consecuencia da súa participación ou colaboración nos labores dos tribunais de selección.

A elaboración dos exercicios da fase de oposición realizarase na sede dos tribunais e cos medios materiais que facilitará a Dirección de Recursos Humanos.

Igualmente, toda a documentación utilizada polos tribunais, incluídos os exercicios da fase de oposición, quedará custodiada na sede dos tribunais.

Os tribunais terán que entregar a Dirección de Recursos Humanos, as preguntas dos exercicios da fase de oposición, para a xestión das tarefas de imprenta que corresponden á devandita Dirección.

Igualmente deberá entregar a devandita Dirección, o día seguinte hábil ao da celebración dos correspondentes exercicios, o equipo de respostas correctas destes.

Os exercicios da fase de oposición de cada unha das categorías e especialidades celebraranse en unidade de acto e no mesmo día.

II.- FASE DE SELECCIÓN:

1. - Exercicios específicos:

A fase de oposición, en cada unha das categorías que se convocan, consistirá na realización dos exercicios que se enumeren na correspondente convocatoria e coa forma e sistema de cualificación descrita.

Para a elaboración destes exercicios deberán terse en conta as seguintes recomendacións:

1. - As preguntas serán tipo test con 4 respostas alternativas, cunha soa resposta válida.

2- Evitarase facer preguntas con dobre negación.

3. - As preguntas terán unha formulación sinxela procurando facilitar a súa comprensión polos opositores.

É recomendable que cada tribunal elabore máis preguntas das que formen parte do exame, entre as cales, o presidente ou secretario, como membro do tribunal nomeado por proposta da Dirección de Recursos Humanos, de xeito aleatorio, sorteará as preguntas das que finalmente constará o exercicio.

Estes exercicios serán bilingües, dispoñendo a Dirección de Recursos Humanos dun tradutor de galego que estará a disposición dos tribunais que o soliciten.

2. - Exercicio da parte común:

Para os efectos de garantir o mesmo grao de dificultade para todos os aspirantes, o exame da parte común do programa será idéntico para todas as categorías do mesmo grupo de titulación cuxos exercicios se realicen no mesmo día e hora, correspondendo a súa elaboración á Dirección de Recursos Humanos, debéndose facultar expresamente á devandita Dirección para tal finalidade na correspondente Acta.

3. - Exercicio de coñecemento da lingua galega:

Para os efectos de garantir o mesmo grao de dificultade para todos os aspirantes, o exame de coñecemento da lingua galega será idéntico para todas as categorías do mesmo grupo de titulación cuxos exercicios se realicen no mesmo día e hora, correspondendo a súa elaboración á Dirección de Recursos Humanos, debéndose facultar expresamente á devandita Dirección para tal finalidade na correspondente Acta.

4. - Publicación das plantillas provisionais de respostas correctas:

No prazo dos 2 días hábiles seguintes á realización dos correspondentes exercicios, a Dirección de Recursos Humanos publicará, nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidad e do Servizo Galego de Saúde e na páxina Web do organismo, as plantillas provisionais de respostas correctas dos distintos exercicios, polo que os tribunais deberán entregar á devandita Dirección, o día seguinte hábil ao da celebración dos correspondentes exercicios, a plantilla de respostas correctas destes.

Os aspirantes dispoñen dun prazo de 5 días hábiles seguintes á publicación das plantillas provisionais de respostas correctas para formular reclamacións.

5. - Publicación das puntuacións dos exercicios:

Se o tribunal, de oficio ou de acordo coas reclamacións presentadas, anulase algunha das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao publicamente nos mesmos lugares antes sinalados, xunto coas puntuacións provisionais dos distintos exercicios.

Neste caso serán tidas en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A corrección dos correspondentes exercicios realizarase na sede dos tribunais, cos medios materiais que facilite a Dirección de Recursos Humanos, e nas datas que, por razóns organizativas, determine a devandita Dirección, contando coa presenza dos membros dos correspondentes tribunais que o desexen.

Tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios os aspirantes disporán dun prazo de 5 días hábiles para formular reclamacións unicamente se existisen erros na confección aritmética da puntuación obtida.

Unha vez estimadas ou desestimadas, as reclamacións que no seu caso se presenten contra a publicación das puntuacións provisionais, publicaranse as puntuacións definitivas e abrirase un prazo de 15 días hábiles para que os aspirantes que superen a fase de selección presenten a documentación acreditativa dos méritos que aleguen.

III.- FASE DE CONCURSO:

NORMAS XERAIS:

1. - Prazo de presentación da documentación:

De acordo coa base sexta b).1 da convocatoria, o prazo para a presentación da documentación do concurso será de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación das notas definitivas.

Por iso, calquera documentación achegada polos interesados con posterioridade ao devandito prazo, non pode ser tida en conta, salvo que fixesen constar que non podían achegala por non a expedir a tempo a institución correspondente, e sempre que acompañasen copia da solicitude de tal documentación.

Por outra parte, de acordo co establecido na base sexta b).4 da convocatoria, os tribunais poderán requirir, de oficio, dos interesados ou de calquera Administración pública, a documentación complementaria ou as aclaracións precisas coa finalidade de asegurar a máxima obxectividade na adxudicación da puntuación no concurso.

2. - Documentación que se debe presentar:

Os aspirantes deberán presentar fotocopia compulsada do título esixido para o ingreso na categoría así como toda a documentación acreditativa dos méritos que desexen sexan tidos en conta de conformidade co establecido no Anexo IV (baremo de méritos).

Deberá presentarse copia traducida por tradutor xurado dos títulos ou certificacións redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español.

En canto ás publicacións redactadas nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida por tradutor xurado.

3. - Compulsa da documentación:

Todos os documentos achegados polos interesados deberán ser orixinais ou copias debidamente compulsadas.

As compulsas que se realicen nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde, serán gratuítas para o persoal vinculado a estes.

4. - Data de posesión dos requisitos e de valoración dos méritos:

Segundo a base segunda da convocatoria todos os requisitos esixidos para a participación neste proceso deben de ser reunidos polos aspirantes na data en que finalice o prazo de presentación de instancias (31 de marzo de 2009, inclusive)

Igualmente, e de acordo coa base sexta b).3, a valoración dos méritos da fase de concurso referirase ao último día do prazo de presentación de instancias, é dicir, ata o (31 de marzo de 2009, inclusive)

VALORACIÓN DA FORMACIÓN:

1. - Formación académica: (só para as categorías de persoal sanitario).

- Só se valorarán as notas da titulación esixida para o acceso á correspondente categoría.
- Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física, así como tampouco as materias optativas ou de libre elección/configuración.

3. - Formación continuada:

- Só se valorarán os cursos de formación realizados con posterioridade á obtención do título esixido para o acceso á categoría á que se opta, coa excepción daquelas categorías para as que sexa necesaria unha formación especializada (matrón/a e enfermeiro/a de saúde mental) nas que se poderán valorar os cursos de formación realizados durante o período de formación especializada sempre que non estean incluídos no programa docente da correspondente especialidade.
- Os cursos de prevención de riscos e de informática valoraranse para todas as categorías e con independencia da data de realización.
- Cando o certificado exprese os créditos e as horas, a valoración realizarase polos créditos.
- Os cursos nos que figuren créditos outorgados por distintos sistemas de acreditación serán valorados polos créditos outorgados pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde ou pola Comisión Autonómica.
- Non poderán valorarse os cursos nos que non consten os créditos ou as horas de duración.
- Non poderán valorarse os cursos en que non conste o órgano convocante e impartidor.
- Non poderán valorarse os cursos que non estean relacionados coas funcións propias da categoría e que non estean expresamente dirixidos á categoría.
- A puntuación que se lles outorgará aos aspirantes que impartiran os cursos baremables, será a dobre que a que se outorgue aos que os reciban.
- Non serán obxecto de valoración os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios ou similares, sempre que non estean debidamente acreditados pola Comisión de Formación Continuada del Sistema Nacional de Salud o por la Comisión Autonómica.

VALORACIÓN DA EXPERIENCIA:

1. - Normas xerais:

- Para a valoración dos servizos prestados non se terá en conta o réxime xurídico baixo o cal foron prestados (funcionarial, estatutario ou laboral).
- Os servizos prestados en institucións privadas só se valorarán cando se trate de institucións concertadas e/ou acreditadas para a docencia, debendo os interesados presentar documentación que o acredite, pois no caso contrario, non serán obxecto de valoración.
- Para a valoración dos servizos prestados en institucións ou centros de calquera país da Unión Europea, os interesados deberán presentar documentación que acredite a titularidade pública ou privada destes. No caso contrario, non poderán ser valorados.
- Os servizos prestados noutra categoría da mesma área funcional (Anexo V) só se valorarán cando sexan prestados en institucións sanitarias do Sistema Nacional de saúde ou do sistema público dun país de la Unión Europea.
- Para os efectos de valoración dos servizos prestados só se dará validez ás certificacións de servizos expedidas polas Administracións públicas ou entidades privadas, sen que poidan valorarse as certificacións de vida laboral da Seguridade Social ou os nomeamentos ou contratos que poidan ser achegados polos interesados.
- A valoración dos servizos realizarase en función do correspondente nomeamento, de tal maneira que se valorarán como realizados na categoría básica que figure no devandito nomeamento con independencia de que, con base a este, no seu caso, se desempeñasen postos de xefatura ou de carácter directivo.
- Os servizos prestados en categorías do vello modelo de atención primaria terán a mesma valoración que os prestados no novo modelo.

2. - Cómputo dos prazos nos servizos prestados:

- Os servizos prestados valoraranse ata o 31 de marzo de 2009, inclusive.
- Os meses serán computados por días naturais.
- Salvo para os nomeamentos de atención continuada, o cómputo dos servizos prestados efectuarase por meses. Para iso calcularase en cada apartado do baremo o número total de días e dividirase entre 30, de tal forma que o que se valorará en cada apartado será o cociente enteiro, desprezándose os decimais.
- Os nomeamentos de atención continuada computaranse por horas, de tal maneira que 130 horas realizadas nun mesmo mes equivalen a un mes completo de servizos prestados. O exceso de horas realizadas nun mes non pode ser utilizado para completar outro mes diferente.
- En ningún caso, a suma dos servizos prestados con distintos nomeamentos dentro do mesmo mes natural, poderá valorarse por enriba da puntuación establecida para o devandito período dun mes.
- En ningún caso un mesmo período de servizos prestados poderá ser obxecto de valoración en distintos apartados do baremo. De igual forma, un mesmo período de tempo de servizos prestados non poderá ser obxecto de valoración en máis dunha categoría, ou en varios servizos ou unidades, tanto deste coma de diferente centro.

3. - Efecto das situacións administrativas na valoración dos servizos prestados:

- O período de permanencia en excedencia por coidado de familiares, valorarase como tempo efectivo de servizos prestados para os efectos do baremo de méritos.
- O período de permanencia na situación de servizos especiais, salvo no caso de acceder a praza de formación sanitaria especializada mediante residencia, valorarase como tempo efectivo de servizos prestados na categoría para os efectos do baremo de méritos.
- As situacións de maternidade/paternidade, enfermidade, os permisos retribuídos e o servizo militar ou prestación social substitutoria valoraranse como tempo efectivo de servizos prestados aos efectos do baremo de méritos.
- Os períodos de permiso sindical valoraranse como tempo efectivo de servizos prestados aos efectos do baremo de méritos.
- Non se computarán como servizos prestados os períodos de permiso sen soldo e suspensión firme de emprego e soldo.
- Os servizos prestados noutra categoría polo persoal estatutario fixo en situación especial en activo - SEXA- ou nomeado en promoción interna temporal ou en adscrición temporal, valoraranse como servizos temporais na devandita categoría. Pola súa banda, os servizos prestados na categoría que ostentan en propiedade con anterioridade ao período na que foron nomeados nalgunha desas situacións computaranse como realizados con nomeamento fixo na categoría que ostentan en propiedade.
- En ningún caso a valoración dos servizos prestados nas diferentes categorías como fixo ou temporal poderán resultar coincidentes no tempo.

4. - Servizos prestados a tempo parcial:

- Os servizos prestados durante o período en que se goce dunha redución de xornada para o coidado de familiares, serán valorados como servizos prestados en réxime de xornada completa.
- Non obstante, para a valoración dos servizos prestados do persoal especificamente nomeado ou contratado a tempo parcial terase en conta a duración da xornada en relación coa xornada completa, de tal maneira que a puntuación aplicable será obxecto da correspondente redución proporcional.
- Cando nun mesmo período o interesado acredite distintos nomeamentos a tempo parcial, realizarase unha acumulación, sen que poida resultar, en ningún caso, unha xornada acumulada superior á xornada completa.

5. - Servizos prestados con contrato laboral polos residentes:

- Os servizos prestados como persoal en formación polo sistema de residencia non poden ser obxecto de valoración como experiencia profesional, xa que estes servizos se realizan ao amparo dun contrato laboral de formación.
- Igualmente, respecto ao persoal fixo dunha categoría, que fose declarado en SEA ou ao que se lle concedese un permiso para realizar a formación polo sistema de residencia nunha especialidade, ou fóra declarado na situación de servizos especiais, os servizos prestados durante o tempo que dure a formación non se poderán valorar como experiencia profesional.

6. - Servizos prestados con anterioridade ás transferencias aos Servizos de Saúde:

- Os servizos prestados en institucións sanitarias doutras administracións públicas transferidas aos Servizos de Saúde antes da transferencia, serán valorados como prestados para o servizo de saúde cando o interesado prestase servizos na devandita institución na data da transferencia. Neste caso valoraranse no punto 1 todos os servizos prestados sen solución de continuidade do contrato polo que resultou transferido.
- Os servizos prestados en institucións sanitarias doutras administracións públicas transferidas aos Servizos de Saúde antes da transferencia por aspirantes que non foron transferidos ao correspondente servizo de saúde serán computados no punto 2 como prestados a outras administracións públicas.

7. - Servizos prestados en enfermaría de saúde mental:

- Os servizos prestados polo persoal de enfermaría nas unidades de saúde mental serán valorados na categoría de enfermeiro/a de saúde mental.

8. - Servizos prestados como azafatas:

- Os servizos prestados como azafatas serán valorados como prestados na categoría de grupo auxiliar da función administrativa, xa que é a lista de vinculacións temporais utilizada para cubrir os devanditos postos de traballo.

9. - Servizos prestados en programas da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde

- Os servizos prestados en programas de carácter asistencial da Consellería ou do Servizo Galego de Saúde (saúde mental, cancro de mama, hixiene bucodental, etc) serán valorados como prestados no punto 1 como prestados para o Sistema Nacional de Saúde.
- Os servizos prestados en programas non asistenciais da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde (programas de saúde pública, xestión de fondos documentais biomédicos, EDO, etc) serán valorados no punto 2 como prestados para outra administración.

OUTRAS ACTIVIDADES:

1. - Valoración de titulacións oficiais:

I.- Categorías sanitarias:

- Categorías de diplomados sanitarios: Outorgaranse 2 puntos aos aspirantes que estean en posesión dunha ou varias diplomaturas ou especialidades sanitarias que non sexan requisito para o acceso á categoría.

- Outras categorías sanitarias: Outorgaranse 2 puntos aos aspirantes que estean en posesión dunha ou varias formacións profesionais da rama sanitaria que non sexan requisito para o acceso á categoría sempre que teñan, polo menos, o mesmo nivel académico que o esixido para o acceso á categoría.

II.- Categorías non sanitarias:

- Para as categorías dos grupos C, D e E outorgaranse 4 puntos aos aspirantes que estean en posesión dunha ou varias titulacións oficiais específicas non esixidas para o acceso á respectiva categoría sempre que estean directamente relacionadas coas funcións de esta, de acordo co seguinte:

-Categorías administrativas (grupo administrativo e auxiliar administrativo) e P.S.X: valoraranse as titulacións oficiais de administración e de informática, sempre que teñan, polo menos, o mesmo nivel académico que o esixido para o acceso á categoría.
-Categorías informáticas: valoraranse as titulacións oficiais de informática, sempre que teñan, polo menos, o mesmo nivel académico que o esixido para o acceso á categoría.
-Categorías de mantemento: valoraranse as titulacións oficiais de oficios (mecánica, electricidade, carpintaría, fontanaría, etc.) sempre que teñan, polo menos, o mesmo nivel académico que o esixido para o acceso á categoría.
-Categorías de hostalaría: valoraranse as titulacións oficiais de cociña e gastronomía ou de restauración sempre que teñan, polo menos, o mesmo nivel académico que o esixido para o acceso á categoría.

2. - Valoración dos traballos publicados:

- O tribunal de selección valorará libremente os traballos publicados sempre que estean directamente relacionados coa categoría e que sexan posteriores á data de obtención do título correspondente.
- A valoración dos artigos, capítulos e libros completos axustarase ao baremo establecido na correspondente convocatoria, non podendo asignarse puntuacións diferentes ou que se correspondan de xeito parcial coas fixadas no citado baremo.
- Serán obxecto de valoración os artigos recollidos en revistas de publicación periódica, sempre que garden relación directa coa categoría na que se participa.
- Os abstract, en tanto que sexan o resultado de comunicacións, relatorios, conferencias, etc, non serán obxecto de valoración.
- A autoría de capítulos de libros ou de libros completos, será obxecto de valoración cando corresponda a publicacións que se atopen axeitadamente referenciadas en termos bibliográficos.
- En ningún caso un mesmo contido determinado e obxetivable, publicado baixo diferentes formas (abstract, artigo, capítulo, etc) poderá ser obxecto de máis dunha valoración.
- Non poderán valorarse máis de tres capítulos dun mesmo libro.

A N E X O I

PAÍSES QUE FORMAN PARTE DO ESPAZO ECONÓMICO EUROPEO

● Alemaña
● Austria
● Bélxica
● Bulgaria
● Chipre
● Dinamarca
● Eslovaquia
● Eslovenia
● España
● Estonia
● Finlandia
● Francia
● Grecia
● Hungría
● Irlanda
● Islandia
● Italia
● Letonia
● Lituania
● Liechtenstein
● Luxemburgo
● Malta
● Noruega
● Países Baixos
● Polonia
● Portugal
● Reino Unido
República Checa
● Rumanía
● Suecia
 

feed-image
Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info