gracias

O SERGAS INVITA:QUEN PAGA?

Artigo de Xoan Cons sobre financiamento privado dos hospitais
Inicio - Outras novas
Luns, 28 Setembro 2009 18:44

 

Artigo sobre fiananzamento privado dos hospitais realizado por Xoan Cons Pintos, ex Secretario Nacional de CIG-SAUDE

 

O SERGAS INVITA: ¿QUEN PAGA?

Reflexións sobre as novas políticas de búsqueda de financiamento privado para a construcción de novos hospitais.

O xogo da información-desinformación ao que nos ven sometendo este Goberno galego en xeral, e a nosa Consellería de Sanidade en particular, sobre as distintas políticas a aplicar durante o seu mandato ten a todo o mundo perplexo e desorientado sobre o sentido das decisións que vaian adoptar respecto das diferentes parcelas do sistema sanitario.

 

Sen dar a cara, sen falar nunca claro, de case todo se limitan a decir que se fixo horriblemente mal durante os últimos catro anos (mesmo daquelas cousas e daqueles males que empezaron hai moito máis de catro anos), e sobre case todo se excusan nos malos momentos económicos para amparar e para xustificar unha política que farían de todas as maneiras.  Pero claro, “como estamos en crise…”, pois parece que todo pode colar.

 

Efectivamente, agora que tanto se fala dos problemas para construir e dotar novos hospitais (Vigo, Pontevedra, Lugo, etc), e de buscar financiamento privado para poder abordar esas infraestruturas imprescindibles, quizáis sexa bo recordar duas cousas:

  • que este mesmo goberno liderou no seu dia a experimentación sobre novas formas de xestión do sector sanitario, que en Galicia se concretou en tres exemplos inda vivos na nosa memoria recente: as fundacións (parte delas xa restituidas ao Sergas, outras inda non), as empresas públicas (Medtec, hoxe Galaria, inda funcionante), ou a asignación a un centro privado da atención sanitaria dun área de poboación (Povisa, igualmente en vigor),
  • e que as fórmulas de financiamento das que se está a falar non teñen dous anos de vida, non se orixinan nin son producto da crise, senón que son fórmulas que viron a luz hai máis de dez anos, en plena fase expansiva da economía, e que xa dende o ano 2003 forman parte das políticas impulsadas polas institucións da Unión Europea a partir dos conceptos da liberalización dos servizos, da libre competencia, e da consideración do sector público como mero supervisor dos servizos públicos e non xa como proveedor dos mesmos.

 

Así pois, dende aquel discurso entre autoritario e ramplón co que nos golpean a intelixencia todos os dias, é de rigor recoñecer que este goberno da dereita parece estar conseguindo que se impoña con naturalidade a tese de que o importante é que un hospital se faga, e de onde salgan os cartos ou quen o pague dá igual.  Pois lamento (é un decir) discrepar.

 

Non é intención destas notas abrumar con tecnicismos nin cifras sobre as características dos modelos posibles de participación privada no financiamento dun hospital, e moito menos co relato das múltiples experiencias xa coñecidas (bastante de Europa, USA, Canadá, Australia,…) pero algunha liña básica haberá que dibuxar para saber exactamente de qué estamos falando.  Para elo, no esquema anexo poden atoparse os rasgos esenciais dos modelos de PFI coñecidos.

 

Da revisión das súas características e das súas experiencias, inda sabendo que continúan sufrindo cambios sucesivos en base á técnica do ensaio e o erro, e tomando como referencia de análise a modalidade máis extendida consistente na contratación da obra máis a contratación da xestión de todos os servizos non sanitarios, máis a contratación da explotación de dotacións complementarias (locais comerciais, parkings, cafeterías, máquinas,etc), podería sintetizar a miña visión crítica destes modelos como sigue:

 

a) Non se xustifican por razóns económicas, pois os datos de todos os estudios independentes apuntan á inexistencia de aforros, ao tempo que advirten do perigo dos incrementos incontrolados de custes a longo plazo dificilmente previsibles con 20 ou 30 anos de anticipación.  Asimesmo se apunta sobre unha realidade inda máis preocupante: demostrado o encarecemento dos custes totais do modelo PFI sobre o modelo de investimento “tradicional”, só hai dúas formas de conseguir que parezan máis baratos: ou ben mediante o falseamento das súas estimacións iniciais de custes, ou ben mediante o recorte do tamaño ou dos servizos do novo hospital.

b) Non se xustifican por razóns de celeridade na disposición do hospital, pois como demostran os escasos exemplos existentes é posible conseguir o mesmo obxectivo mediante mecanismos estrictamente públicos.  Outra alternativa sería modificar as leis orzamentarias e de contratación pública para facelas máis compatibles coa realidade multidisciplinar, complexa e cambiante do entorno sanitario.

c) Non se xustifican por razóns de eficacia na xestión, pois nesto si temos experiencia contrastada no ámbito do Sergas como para poder negar que unha subcontrata preste mellor servizo per se que os medios propios, ou que un centro privado preste mellor asistencia que un centro público.

d) Non se xustifican por razóns da propiedade do hospital, que con PFI queda condicionada ao que ocurra durante os trinta anos nos que o Sergas permanecería no edificio como “realquilado” en función das condicións do contrato, e que condena ademáis a xestionar todo o non sanitario con empresas e con persoal subcontratado, prexuzgando así unha importantisima decisión de política sanitaria (a externalización global de servizos) coa excusa da necesidade de financiar a construcción dun hospital.

e) Non se xustifican por razóns da titularidade do servizo público, pois (esto sí é ideolóxico) non creo no papel da Administración Pública (da Consellería-Sergas, neste caso) como mera supervisora dos servizos públicos prestados á poboación, senón que creo na necesidade da súa responsabilidade directa sobre a forma, o alcance, as condicións e os medios da súa prestación.  Porque para a garantía duns servizos públicos de calidade, universais e con equidade, a Administración está obrigada a decidir en base ao interés xeral, e as Empresas están obrigadas a decidir en base ao interés dos seus propietarios.  Asi de lexítimo, pero así de claro.

En conclusión, e fronte a aquela afirmación antes citada, e hoxe tan extendida, respecto de que o importante é construir o hospital e o de menos é quen pague, eu formulo outra afirmación producto desta análise, no sentido de que a interrogante principal xa non é quen paga ou quen pon os cartos, senón a qué precio.  E considero que o precio a pagar por unha IPF típica no sector sanitario é de todo punto inasumible.  O reto será propoñer outras fórmulas; algunhas quedaron apuntadas nestas breves reflexións.

 

Xoán Cons

Setembro de 2009

 

 

feed-image
Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info