O día 6 de maio, coma cada catro anos, volvémonos someter á vosa avaliación. Nestes anos tivemos erros e acertos, pero sempre intentamos desenvolver o noso traballo con Compromiso, Rigor, Seriedade e Transparencia, dedicando unha parte importante do noso traballo á defensa da Sanidade Pública. Isto fixo que a Administración nos definise como un dos maiores perigos sociais ao que se enfrontan. Non nos puideron calar, e non conseguirán calarnos. O teu apoio é importante para que poidamos continuar con esta loita.
Quédanos moito traballo por facer:
Temos que recuperar todo o que nos foi arrebatado inxustamente: retribucións, días libres, complemento de I.T., carreira profesional, paga extra, postos de traballo e dignidade profesional. Temos que poñer o noso traballo como valor en alza.
Temos que conseguir que se anulen os decretos lexislativos deste goberno: lei de garantías, xestión clínica, axencia do coñecemento en saúde e axencia de tecidos e órganos. Temos que exixir unha lexislación pensada nos intereses da Sanidade Pública e non nos intereses das empresas privadas.
Temos que ser quen de volver atrás as privatizacións deste goberno e as realizadas anteriormente. O público é servizo, o privado, beneficio para unhas poucas mans.
Temos que recuperar unha Sanidade Pública, de calidade e universal.
Outras políticas sanitarias son posibles, recuperar os nosos dereitos e a Sanidade Pública é unha tarefa de todas e todos. Ti e a Sanidade Pública sodes o que importa.
Coa CIG-SAÚDE e coa túa participación imos mudar esta situación, e para iso o día 6 de maio necesitamos o teu apoio.
Co teu voto a CIG-SAÚDE será máis forte para dicir NON ás políticas de privatización e recortes.
SI Á NOSA DIGNIDADE COMO TRABALLADORAS,
COMO TRABALLADORES
SI Á DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA
COA CIG-SAÚDE E CONTIGO,
A SANIDADE PÚBLICA TEN FUTURO
