CIG-Saúde denuncia o mal uso que a consellaría de Sanidade fai dos fondos FEDER


Compostela, 21 de marzo de 2016.- A CIG-Saúde vén de denunciar que a consellaría de Sanidade destinou 169.400 euros procedentes, nun 80%, de Fondos FEDER á creación de sete espazos para innovación sanitaria que entre o persoal son coñecidos como “salas de festas de cumpreanos” pola seu deseño e “nula” utilidade. Diante disto, a CIG-Saúde denuncia o mal uso destes fondos e reclama que sexan as e os profesionais e non os cargos de libre designación da consellaría quen decidan a que proxectos deberían ser destinados estes cartos.

En 2012 a consellaría de Sanidade publicou a Orde pola que se aprobaba a convocatoria aberta de propostas de solucións innovadoras para os proxectos de innovación sanitaria. Atendendo a isto creaba o Subproxecto 11 “Espazo de innovación en servizos asistencias”.

En decembro de 2015 o SERGAS publicaba unha resolución pola que se facía pública a formalización do contrato de instalacións e montaxe para a creación de sete espazos de innovación dentro do proxecto Innova-Saúde Subproxecto IS-11-Espazos de Innovación en Servizos Asistenciais, cofinanciado nun 80% con fondos FEDER e que tiña a consideración de prioritario. O importe neto deste proxecto era de 140.000€ e un importe total foi finalmente de 169.400€ co IVE.

A CIG-Saúde sinala que estes espazos son coñecidos comunmente dentro do SERGAS como “salas de festas de cumpreanos” sen que ninguén saiba explicar a relación que teñen coa innovación en servizos asistenciais, nin a súa utilidade para o sanidade pública.

A este respecto, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, apunta que en algún centro, como o de Ourense, “montaron o espazo para a foto e unha vez pasada a foto desapareceu”.

Considera que “este proxecto estrela da consellaría de Sanidade é igual que o do camión de Ourense, que foi contratado para servizos asistenciais, cun custo de 2 millóns de euros, do que ninguén quere falar porque o seu uso non estaba adaptado para as necesidades da sanidade pública galega”.

Asegura que os verdadeiros proxectos de Investigación e Innovación nacen nos centros sanitarios polo interese e o compromiso das e dos profesionais co sistema sanitario público, nos espazos asistenciais e nas salas de reunións para mellorar a sanidade pública e dar resposta ás súas necesidades. “Non nacen nestas salas de cumpreanos que, quen as deseñou supoñemos que o fixo pensando no negocio de alguén”.

Por iso a CIG-Saúde exixe que os Fondos FEDER, cartos públicos dedicados ao desenvolvemento da investigación e da innovación, se utilicen correctamente “e para o que están previstos, tendo en conta a opinión dos profesionais do sistema e as prioridades que estes marcan e non as iluminadas das persoas que a consellaría de Sanidade ten en postos de libre designación, que semellan máis interesados en favorecer negocios que na asistencia sanitaria e no seu desenvolvemento”.

Exixe que, en cumprimento da Lei de Transparencia, se fagan públicos todos os proxectos postos en marcha pola consellaría de Sanidade e os cartos a eles destinados e denuncia que mentres se destinan cartos a estas cuestións, “entre mentres, o persoal investigador da sanidade pública segue agardando pola publicación dunha norma que permita a súa estabilidade laboral dentro do sistema e o recoñecemento, así, ao labor desenvolvido”.

Gabinete de Comunicación

Confederación Intersindical Galega


Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info