O SERGAS NON PODE LIMITAR OS DÍAS DE PERMISO POR HOSPITALIZACIÓN DE FAMILIAR 

ASÍ O AFIRMA UNHA SENTENZA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA (TSXG) TRAS UNHA DEMANDA PRESENTADA POR CIG-SAÚDE


Fartas de que o SERGAS impoñese o seu personalísimo criterio para, no lugar de conceder o permiso por hospitalización dun familiar pola totalidade dos días que establece a Lei, conceder só o seu desfrute parcial, limitando o nº de días de permiso segundo os días de ingreso, coartando así o noso dereito a este permiso, a asesoría xurídica de CIG-SAÚDE interpuxo unha demanda reclamando no xulgado o dereito á totalidade dos días de permiso que correspondan pola hospitalización dun familiar. Dereito que o SERGAS nos negaba.

Esta demanda, non só se gañou, recoñecendo a sentenza firme do xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña a obriga do SERGAS a conceder o permiso íntegro pola totalidade dos días, senón que ademais o propio xuíz elevou ao TSXG unha cuestión de ilegalidade sobre esta limitación establecida na instrución do SERGAS.

Pois ben, agora, a sentenza do TSXG (22/12/16) danos rotundamente a razón:

“Fallamos que estimamos a cuestión de ilegalidade formulada polo xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 da Coruña, e en consecuencia, declárase a ilegalidade e conseguinte nulidade da limitación do establecido na instrución do SERGAS “

CIG-SAÚDE fai un chamamento a todo o persoal para que reclame se o SERGAS lle denega a totalidade dos días de permiso que lle corresponden por hospitalización dun familiar.


Para máis información ponte en contacto coas/os delegadas/dos de CIG-SAÚDE.

Xa recortan bastante os nosos dereitos

Non lles permitas que che recorten aqueles nos que a Lei nos ampara


Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info