Información da reunión da Mesa Sectorial extraordinaria celebrada o día 30 de marzo de 2017


Único punto da orde do día: Plan de Estabilidade de emprego no SERGAS.

Nesta reunión produciuse un debate interesante entre o contido do plan de estabilidade que presenta o SERGAS e o acordo asinado onte na mesa de función pública do estado (acordo que a CIG non asinou):

A directora de RRHH explicou, que o Plan de Estabilidade do SERGAS xa contiña moitas das materias recollidas no acordo de Madrid, tales como:

  • O acordo de Madrid ao igual ca o do SERGAS só fala das vacantes producidas desde o ano 2012, as producidas desde o 2010 fixéronas desaparecer.
  • O acordo de Madrid recolle unha taxa de reposición do 100% das vacantes producidas no ano anterior, como recolle a lei de orzamentos desde o ano 2016. Tamén recolle, que se a lei de orzamentos o permite esta taxa se podería incrementar. O plan do SERGAS recolle que as convocatorias de OPE se realizarán coa máxima taxa que permita a lexislación estatal.
  • A directora de RRHH do SERGAS nega a existencia de 7.660 prazas vacantes no SERGAS (que era o que se recollía no borrador inicial do acordo de Madrid), di que nestas prazas están computadas toda a media anual das acumulacións de tarefas do SERGAS, incluídas as acumulacións de tarefas que se fan para a cobertura de vacacións, reforzos, e outras ausencias do persoal. O acordo asinado onte en Madrid xa non engade ningún anexo de persoal, o que se presentou xunto co borrador tamén desapareceu.
  • Con respecto ao que recolle o acordo de Madrid, páxina 3 do documento de acordo, referente a que as prazas que se oferten á promoción interna non computarán aos efectos da taxa de reposición, isto ten trampa: Na normativa do SERGAS, Decreto 206/2005 de provisión e selección, recóllese que as prazas ofertadas na OPE pola quenda de promoción interna e non cubertas, sumaranse ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre. Mais no total as prazas ofertadas nas dúas quendas non pode superar o 100% da taxa de reposición. Normativa básica do estado. Se o SERGAS aplicase o criterio do acordo de Madrid, e as prazas da promoción interna no computasen para a taxa de reposición, as prazas de OPE que non se cubriran por esta quenda, non se poderían sumar ás prazas convocadas pola quenda libre. Unha enleada.

No referente ao Plan de Estabilidade, non aceptaron ningunha das nosas alegacións.

  • O Plan só fala das vacantes producidas desde o ano 2013, as producidas nos anos 210/11/12 desapareceron.
  • Séguense negando a entregarnos os censos de persoal que lle reclamamos en todas as reunións:
  • Censo de persoal interino por área sanitaria, categoría e especialidade.
  • Censo de acumulacións de tarefas, de duración superior a un ano, por área sanitaria, categoría profesional e especialidade.
  • No referente as 400 prazas de acumulación de tarefas que recolle o plano para converter en vacantes no ano 2017, a directora de RRHH nun arrebato de sinceridade, comentou que maioritariamente serán de FEAS, tamén algunha de enfermeira.
  • No referente á comisión de seguimento que recolle o Plan de Estabilidade, coa única función de facer un seguimento de que o SERGAS cumpre o seu calendario, manifestamos que para a CIG-SAÚDE esta é unha comisión sen sentido ningún, xa que a competencia de negociar selección e provisión de prazas é da Mesa Sectorial.

O Plan vai ser aprobado por algunhas centrais sindicais. Quedaron en enviarnos a acta de fin de negociación. 
Desde CIG-SAÚDE seguimos a reclamar

  • Que se elimine a fórmula de computo da taxa de reposición, para que o SERGAS poida convocar todas as prazas vacantes des o ano 2010. Como mínimo 2.652 prazas, máis as 805 prazas vacantes producidas por xubilación no ano 2016.
  • Que o SERGAS negocie de boa fe, facendo entrega na Mesa Sectorial dos anexos de persoal con todas as prazas vacantes, cubertas por persoal interino, servizos determinados e acumulacións de tarefas de máis dun ano de duración.

Isto si que sería un verdadeiro Plan de Estabilidade que permitise rematar coa precariedade laboral, e coa destrución de emprego na Sanidade Pública.

 


Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info