O acordo de Montoro cos sindicatos estatais só permitirá
recuperar un 0,48% anual do poder adquisitivo perdido até o
2020.
Recuperar o que nos foi recortado nos últimos 8 anos levaríanos 28 anos
de se manteren os criterios dun acordo, pactado como vén sendo
habitual fóra das mesas de negociación, e que desvincula os salarios do
persoal das administracións públicas do IPC.
Nas formas e no fondo, novamente un acordo entre o Ministerio de Facenda e as
organización sindicais habituais (CC.OO., UGT e CSIF) volve a poñer en claro como se
entende a negociación colectiva e como se xoga cos e coas traballadoras das
administracións públicas. Vendido publicamente como un acordo para recuperación do
poder adquisitivo do persoal, como unha vía para o incremento de postos de traballo no
sector público e como a recuperación do 100% das nosas retribución en casos de baixa
médica, o texto do acordo dista moito de responder a esas premisas, o que levou á CIG
a non apoialo na Mesa Xeral das Administracións convocada para o mércores 14 de marzo en
Madrid.
Na Mesa Xeral das AA.PP. están representadas CC.OO., UGT, CSIF, CIG e ELA. Tanto a
CIG como ELA somos claramente maioritarios no sector público dos nosos respectivos
países, mais é obvio que a maioría a nivel do Estado das organizacións estatais permite
que podan condicionar decisións e debates nesa Mesa, que é o máximo órgano de
representación de todo persoal do Estado que traballa no sector público. Se isto é así,
por qué precisan estas organizacións e o propio Goberno negociar por fóra da Mesa e
presentar nesta un acordo “atado y bien atado”? Cal é o papel que se lle reserva á
negociación colectiva legalmente estabelecida? Desde hai anos, e no que ten a ver cos
salarios e os marcos xerais das condicións de traballo do sector público, ningún.
A CIG non pode asumir como propio un documento do que non foi parte en ningún
momento e que foi negociado polas cúpulas sindicais e gobernamentais sen publicidade
e sen contraste cos traballadores e traballadoras, mantendo vellas prácticas
desgraciadamente consolidadas tanto no bando sindical como no do Goberno.

Acordo_Madrid

Informacion-cartos-formacion-AcordoMadrid-2


Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info