Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

ciga

 

Ao inicio da reunión a administración propón, á parte social, crear unha comisión para elaborar un regulamento de funcionamento interno que permita “axilizar” as xuntanzas que se celebren cos representantes dos traballadores.  
Para CIG-Saúde esta é unha estratexia da dirección da EOXI de Pontevedra e Salnés para cambiar as regras de xogo. Regras de xogo que xa están establecidas desde a Mesa Sectorial a través das Xuntas de Persoal, das Comisións de Centro e da Lei 9/1987. A dirección quere aproveitar a confusión dunha parte da xunta persoal para reducir o ámbito do debate a unha soa reunión.  
A diferenza do resto das Áreas Sanitarias, en Pontevedra, elimináronse as Comisións de Especializada e de Primaria co voto en contra de CIG-Saúde que considera que son máis operativas e reflicten perfectamente os dous niveis asistencias, Atención Primaria e Atención Especializada.  


INFORMACIÓN SOBRE OS RECENTES PROCEDEMENTOS XUDICIAIS  
A directora de RR.HH. deu traslado a Xunta de Persoal de dous autos do Xulgado de Pontevedra por unha denuncia penal interposta, por un colectivo de traballadores desta Área Sanitaria, contra a dirección,  por non executar as sentenzas sobre os Lds.
Segundo indican os autos procede o arquivo da denuncia por entender o xuíz que os cómputos de xornada se están a realizar segundo se establece no Acordo de Concertación Social de 2001 e demais normativa.      


INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA SOBRE MOBILIDADE TEMPORAL
A directora de RR.HH. entrega aos membros da Xunta de Persoal a “resolución do 1 de Xuño de 2015 de mobilización temporal do persoal de enfermaría de unidades de hospitalización por estruturación provisional das unidades en período estival” na cal se recolle que en uso da potestade organizativa da administración ao persoal fixo ou provisional, das unidades que pechan camas, se lles asigna funcións de xeito provisional en outras unidades ou servizos de xeito temporal.
CIG-Saúde insiste en que o peche de camas se realiza unicamente con criterios de aforro económico e nada lle importa, a dirección, a situación do persoal que está a sufrir as consecuencias dunha xestión nefasta: estres, non saber onde vas traballar mañá, sobrecarga de traballo, criterios arbitrarios nos cómputos, etc.
Ademais disto o peche de camas supón incrementar as listas de espera e derivar pacientes as clínicas privadas. 

DIAS DE RECUPERACIÓN EN ATENCIÓN PRIMARIA
Lembrámoslle a dirección que en Atención Primaria non se está a computar a xornada cómo recolle a normativa. Os permisos retribuídos non os computan cómo tal, e dicir, se solicitas un permiso por formación de sete horas, estas son de traballo efectivo pero na túa xornada non aparecen as sete horas senón cinco. As outras dúas son a “recuperar”.  
A dirección argumenta que é un problema informático e que non depende desta EOXI, é a nivel de todo o SERGAS.
CIG-Saúde insiste que habendo vontade os programas informáticos poden modificarse, o SERGAS ten profesionais cualificados para levar a cabo estas modificacións, pero parece non lles interesar, así espreman un pouco máis aos traballadores!


REORGANIZACIÓN DOS PROFESIONAIS POR MOR DO PECHE DE CAMAS
A dirección entrega unha relación cos profesionais afectados polo peche de camas no período de verán.   
CIG-Saúde felicita a esta Xerencia pola xestión deste “hotel de temporada” no que se converteron os hospitais desta área. Nin nos creemos, nin compartimos, os argumentos da dirección, de que as patoloxías que precisan ingreso diminúe, mais ben será que existe unha política de filtro nos ingresos.  
Por outro lado o Xerente di que de ser necesario ocupar as camas pechadas, estas estarán operativas de inmediato, e nós preguntámonos con qué profesionais se van atender? Porque se nos atemos as súas declaracións “péchanse camas porque non hai profesionais dispoñibles”.    
Para CIG-Saúde é unha medida encamiñada a reducir custes na sanidade pública, e de paso beneficiar as empresas privadas, en  Pontevedra o Hospital Domínguez.   


ARQUIVO H. CLINICAS HOSPITAL MONTECELO
A dirección fai entrega do cadro de persoal do arquivo de historias clínicas do Hospital Montecelo.  
CIG-Saúde denuncia a falta de persoal para facer fronte a cantidade de traballo que se está a dar, neste servizo, a raíz da implantación dun novo programa de dixitalización de datos.  
Existía un compromiso por parte da dirección de RR.HH. de reforzar,  a partir de mes de xuño, cunha persoa máis ate desconxestionar o servizo, pero nada diso se cumpriu.  
Como consecuencia desta situación existe unha cantidade importante de datos clínicos sen dixitalizar, aínda que segundo nos informa o xerente, non son datos de importancia.   


TCAE PARA MEDICINA INTERNA H. MONTECELO  
Unha vez máis, é van unhas cantas, demandamos que se aumente un posto de TCAE para a quenda da noite dos sábados, pois, consideramos que a situación actual está a provocar sobrecarga de traballo.  A directora de enfermaría di que sempre que a/o profesional, en quenda de noite, o solicita, e se hai profesionais “sen actividade” noutra unidade, refórzase este servizo.  
CIG-Saúde non está de acordo con esta solución; non se pode espir un santo para vestir outro. Insistímoslle, a directora de enfermería, que recapacite e se aveña a buscarlle unha solución a esta situación.   
     
LAVANDERÍA DO H. PROVINCIAL: SITUACIÓN ACTUAL
Como consecuencia dos problemas que se están a dar neste servizo: altas temperaturas, altos niveis de ruído, instalacións obsoletas, falta de cobertura de ausencias, incremento na demanda de roupa. etc, fixéronse varias reunións entre os traballadores e os seus representantes para ver de buscar solucións a esta situación.   
Recollidas algunhas propostas nestas reunións foron expostas a anterior dirección de RR.HH. para o seu debate. A proposta que puxo riba da mesa, o director de RR.HH., para ver de solucionar o das coberturas das ausencias, era a de intentar que algúns días da semana se cubriran as ausencias ate que houbera dez presenzas na quenda de mañas. Quedouse de valorar, pola parte social, o resultado desta medida e o grado de cumprimento da dirección.  
Desde a xerencia existe o compromiso para que o director de RR.EE. se reúna cos representantes dos traballadores, despois do verán, para ver que solucións se poden dar ás deficiencias na instalación.    


MOBILIDADE INTERNA  
Hai acordo unánime de toda a xunta de persoal para esixir a administración a negociar un novo acomodo interno, tendo en conta que xa se incorporaron, procedentes dun concurso de traslados externo, novos traballadores de diferentes categorías de persoal sanitario e están a piques de incorporarse o persoal non sanitario, polo tanto non hai impedimento algún que impida por en marcha unha nova mobilidade interna.    

      
COMIDAS NOS PACs  
A xerencia informa que o concurso para servir os menús aos profesionais dos PAC quedou deserto, polo tanto, a partires de que lle remate o  contrato a actual concesionaria (setembro, outubro) procederase ao pago da dieta (10.-€ comida).   


REXISTRO H. MONTECELO
Demandase da dirección a que repoña de novo o servizo de rexistro, no Hospital Montecelo, debido as numerosas queixas do persoal por ter que desprazarse ao Hospital Provincial, o que supón un trastorno.   
A dirección informa das dificultades que representa garantir a custodia da documentación e que o feito de que no seu día se perdera documentación levounos a pechar este rexistro. De todas formas insistimos en que se estudara esta posibilidade.  


REFORZOS DE COSTA EN ATENCIÓN PRIMARIA  
Non compartimos os criterios da administración para reforzar os centros de primaria no período de verán.  Como ben sabe a administración as localidades de costa no verán incrementan a súa poboación de xeito importante, polo tanto, CIG- Saúde solicita que se reforce en todos os centros onde a poboación aumenta de xeito notable: O Grove, Baltar, Bueu, Marín, Poio e Cambados.          
      
 
INCLUSIÓN DOS CONTRATOS NAS CARTELEIRAS ONDE SUBSTITÚAN
CIG-Saúde esixe da dirección que o persoal substituto este incluído nas carteleiras onde van prestar o seu servizo, e que se diten as instrucións pertinentes lembrándolles aos centros como se computa a xornada ao persoal eventual.  
Os cómputos de xornada do persoal que ten vínculos superiores a un mes (bloques de vacacións, acumulo de tarefas...), aínda que eses contratos se asinen mes a mes, deberanse realizar pola totalidade da duración da prestación.  
As xerencias están a computar os vínculos por separado, aplicándolles a fórmula de contratos inferiores a 31 días. É dicir, computan toda a prestación coma se o/a traballador/a non realizase quenda nocturna.
Isto é un roubo ao persoal. Os cómputos con quendas nocturnas deben realizarse por extensión de xornada coa fórmula de vínculos superiores a 31 días.    

                
ALTAS TEMPERATURAS EN DIFERENTES SERVIZOS
Esíxese a dirección a que corrixa as elevadas temperaturas ás que están expostos os pacientes e os traballadores dos servizos de Medicina Interna 1, 2 e 3, Neuroloxía e Obstetricia.
A dirección intenta tirar balóns fóra co argumento de que as instalacións eléctricas non soportarían o uso de aire acondicionado e que xa puxeron medidas de barreira cómo son unhas pantallas nos vidros e cortinas para minimizar o impacto do calor.
CIG-Saúde entende que estas medidas non son de todo suficientes e que debe facerse un estudo pormenorizado para reducir as altas temperaturas a valores normais. Quedaron de informar no vindeiro Comité de Seguridade.