Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

Sergas1 b045ffaf41

 

CIG-SAÚDE demanda da Xerencia da EOXI Pontevedra e Salnés información sobre o que ten pensado facer co equipamento ambulante (camións quirófano) estacionado no aparcadoiro do Hospital Provincial. Fai uns días chegaron ao Hospital Provincial dous “camións quirófano” que andan a percorrer a xeografía galega como se fosen feirantes. Polo que sabemos estiveron en Ourense, Costa da Morte e a maior parte do tempo fóra de servizo.

A Consellaría de Sanidade inverteu cerca de dous millóns de euros na compra deste equipamento, chamado, “Punto de Atención-Diagnóstico Terapéutico Móbil”, e que di ter como obxectivo: cubrir as necesidade sanitarias da poboación en zonas xeograficamente afastadas do Hospital de Referencia, e reforzar os centros sanitarios. Polo que se ve xa tiñan pensando a eliminación das Áreas Sanitarias do Barco, Monforte, O Salnés e Burela, e substituílas por camións.

O SERGAS estivo a vender perante a opinión pública os beneficios que ia achegar á Sanidade Pública a adquisición deste equipamento pero a realidade veu a demostrar, o que xa denunciábamos daquela, que era unha campaña de propaganda e un gasto de recursos económicos públicos que ían a parar a mans privadas e que non servía para corrixir ningunha das deficiencias dos sistema sanitario público galego.

Parécenos lamentable o malgasto económico e de recursos humanos deste proxecto, cando moitos dos Centros de Saúde da nosa Área Sanitaria (Anafáns, Caldas, Portonovo, Sóutelo de Montes, Marín que a pesares das moitas promesas non conta cunha sala de raios, e poderiamos seguir) se atopan nun estado lamentábel, sen recursos materiais e humanos. A cobertura das ausencias do persoal de Atención Primaria estase a facer, no mellor dos casos, durante o verán e durante o resto do ano con contratos de media xornada, creando listas de espera para as consultas das/os médicas/os de familia. Con este orzamento; cantos destes centros poderían ser arranxados?, cantos poderían ser construídos? e cantos contratos se podían facer? Isto si que engadiría calidade á prestación sanitaria.

O SERGAS e a Consellaría de Sanidade utilizan como argumento para desmantelar as áreas sanitarias e para afastar as prestacións sanitarias da poboación que a proximidade aos centros sanitarios non garante a excelencia nin a calidade. E agora queren convencer á poboación que é mellor desmantelar as infraestruturas sanitarias (peche de camas, peche de quirófanos, falta de persoal) e substituír estas por un camión ambulante.

CIG-SAÚDE esixe á EOXI de Pontevedra e Salnés que non malgaste diñeiro público en instalacións que non van a resolver ningunha das moitas carencias desta área sanitaria, e que destine este diñeiro á contratación de máis persoal para dar unha prestación sanitaria de calidade.

Pontevedra, 9 de outubro de 2017