Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
 
Lume 1
Convocadas concentracións en toda Galiza para este luns
 
Lumes Nunca Máis! A CIG exixe a dimisión de Feixóo pola súa “política forestal pirófita”
 
A CIG lamenta profundamente a morte das persoas que se viron atrapadas polos lumes descontrolados que asolaron esta noite montes e poboacións enteiras en distintos puntos de Galiza e nomeadamente de Pontevedra, Ourense e Lugo. Unha situación catastrófica da que a CIG responsabiliza á “política forestal pirófita do Partido Popular” e exixe a dimisión do presidente da Xunta. Chama ademais ás concentracións convocadas de urxencia por toda a xeografía galega.
 
Polo momento están confirmadas, para as 20:00 horas deste luns día 16 as concentracións que seguen, pero poderían ampliarse a máis localidades.
 
- Ourense: Casa de Chocolate
 
- Vigo: Diante do Marco
 
- A Coruña: Obelisco
 
- Compostela: Praza do Toural
 
- Lugo: Edificio Multiusos da Xunta
 
- Pontevedra: Praza da Peregrina
 
- Ferrol: Praza de Amada García
 
- Cangas: Praza do concello
 
- Monforte: Praza de España
 
- Ribeira, Praza do Concello.
 
- Cambados, Praza do Concello.
 
- Lalín, Praza de Lóriga.
 
- As Pontes, diante do Concello.
 
- O Carballiño, Praza Maior.
 
- Barcelona. Plaça Sant Jaume
 
- Madrid. Porta do Sol
 
- No Barco a concentración celebrarase ás 19h diante do Concello.
 
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, responsabiliza da catástrofe que padeceu Galiza esta noite á política de abandono do rural propiciada polo Partido Popular e a política de eucaliptización promovida desde a Xunta de Galiza, condicionada polos intereses empresariais da pasteira ENCE.
 
Carril denuncia tamén a ausencia de políticas de prevención que manteñan os nosos montes limpos e a falta de previsión diante dunhas condicións climatolóxicas que se sabía desde hai xa varios días que eran as peores para a propagación de lumes: vento, seca e altas temperaturas. Por iso rexeita a versión oficial coa que desde o goberno do PP se pretende eludir responsabilidades atribuíndo a vaga de lumes ao “terrorismo incendiario”, cunha suposta trama organizada que tería provocado estes incendios ao longo do noso territorio. “Terrorista é quen permite unha ordenación do territorio e unha política forestal que favorece que o noso país arda polos catro costados”, afirma.
 
O secretario xeral da CIG tampouco considera serio que se responsabilice desta catástrofe ás autoridades portuguesas polos incendios que pasaron dunha banda a outra do Miño, tal e como fixeron o Presidente e o vicepresidente da Xunta.
 
A CIG denuncia ademais que lonxe de se adoptar medidas “o goberno do PP insiste en políticas suicidas pretendendo aprobar unha lei como a de Fomento de Implantación empresarial que afonda aínda máis na eucaliptización para atender aos intereses de Ence”.
 
Apagón informativo
 
Para a CIG resulta indignante a ausencia informativa dos medios de comunicación públicos galegos, que permaneceron alleos á gravísima situación na que vivía o país mantendo a programación enlatada que tiñan prevista para esa xornada sen dar sequera información das alertas que se sucederon ao longo da xornada e que puxeron en grave risco a poboacións enteiras eludindo o seu labor de servizo público.
 
Diante disto, a central sindical denuncia o uso partidista que o PP fai dos medios públicos e a obsesiva censura e manipulación informativa á que se ven sometidos.
 
Ao longo do día de onte púxose en evidencia, para esta central sindical, a falta de previsión, de organización, de medios e a incapacidade do goberno do PP para xestionar a situación mesmo dando advertencias ou recomendacións para circular por estradas (ou para fuxir das aldeas cercadas polo lume) provocándose así unha situación de aínda maior confusión, caos e pánico. Isto obrigou ao pobo galego a organizarse máis unha vez para suplir as carencias dunha administración incompetente que coa súa ineptitude deixou un regueiro de destrución e a lamentábel morte de tres persoas. Unha situación que é intolerábel en Galiza.