Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
urxencias montecelo 1
 
Dende a CIG -Saúde queremos denunciar máis unha vez a saturación de urxencias. Son moitos os pacientes que se están a queixar das interminábeis esperas e non poucas altas prematuras e somos tamén moitas traballadoras e traballadores os que vemos esta saturación e o estres de boa parte do persoal ante xornadas intensas.
 
A semana pasada, a Xerencia da Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés anunciou un Plan de Continxencias contra a gripe e, entre outras medidas, falaban do aumento de persoal, maior coordinación entre servizos e eliminar as operacións de tarde (peonadas) para liberar camas e desconxestionar urxencias. Nada diso se cumpríu. Por poñer un exemplo: a unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA) que conta con 10 camas, estivo ocupada con ingresos de urxencias toda a pasada fin de semana, até o luns. O luns 18, comezaron con peonadas e pola noite (ese mesmo luns) esa unidade permaneceu pechada, mentres Urxencias seguía saturada e se seguía dicindo que non había camas.
O resto da semana esa unidade seguíu ocupada con pacientes cirúrxicos das peonadas, porque dende a Xerencia deben ter présa por reducir algo os números das listas de espera para vendelo como un éxito a final de ano, por diante da atención sanitaria e de ter as camas necesarias para os doentes que as precisasen. Dende a Xerencia poderanlle dar as voltas que queiran e mesmo maquillar os datos, pero estas decisións non redundan na calidade asistencial e nunhas adecuadas condicións de traballo para as traballadoras e traballadores.
 
A situación lonxe de solucionarse vaise agravando co tempo como consecuencia da falta de inversión en infraestructuras, e a falta do persoal necesario.
 
A semana pasada Feijóo culpaba aos usuarios do mal uso do sístema público dun xeito irresponsábel. É culpa dos doentes que non haxa personal suficiente e que non se cubran baixas, permisos ou vacacións? É culpa dos doentes que se peche unha unidade cando se precisan camas? Non será que quen fai un mal uso do sistema público de saúde son quen o xestionan, señor Feijóo? Non sería mellor que o Presidente da Xunta e o seu goberno se deixasen de recortar e privatizar a sanidade de todas e todos?
 
Dende a CIG-Saúde esiximos que o SERGAS e o PP na Xunta en vez de preocuparse de tapar os problemas, rectifiquen e se adiquen a resolvelos, reforzando os servizos a través da  contratación de
persoal, suspendendo as peonadas e abrindo todas as unidades dispoñíbeis para desconxestionar Urxencias. Porque coa nosa saúde non se xoga!
 
 
Cig Saúde Pontevedra-O Salnés