Partillar no Chuza!Partillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo

Sergas

Limitación do dereito ao desfrute das vacacións. CIG rexeita a decisión unilateral da dirección da EOXI Pontevedra-Salnés de rachar co acordo existente dende 2005 acerca do período ordinario de desfrute das vacacións nos meses de xullo a setembro, e dos acordos de rotacións entre traballadorxs dos diferentes servicios para desfrutar as vacacións nese período. O argumento da dirección de que en determinadas categorías existan dificultades para cubrir as vacantes non o poden utilizar como escusa para restrinxir os dereitos do conxunto do traballadorxs. A decisión de aumentar nun mes máis o período de desfrute das vacacións (xuño a setembro) vai supor unha menor contratación nese período e non está garantido a mellora na contratación para o persoal das listas como a administración nos quere facer crer.

Esta medida ten máis que ver co peche de camas que coa falta de profesionais, deste xeito o persoal excedente dos servizos pechados substituirá ao persoal de vacacións do resto dos servizos. Cabe lembrar que as categorías que a administración define como deficitarias son consecuencia directa da política de contratación do SERGAS: contratos en precario e sen garantías obrigan aos profesionais a marchar á empresa privada e a outros servizos de saúde, ou a solicitar a suspensión de chamamentos porque senón non teñen vida familiar. A pesar de que dirección insinúa nos medios de comunicación de que conta co beneplácito dxs traballadorxs, está lonxe da realidade, o que existe é moito cabreo por parte dos profesionais con esta medida.

Dende a CIG estamos convencidos de que esta medida ten máis que ver con recortar en contratos de persoal (medida exclusivamente económica) que coa falta de profesionais, pois pechar camas durante catro meses ou mais implica que o persoal fixo excedente cubrirá as vacacións do resto do persoal. Esta decisión ven afondar máis na apatía e desmotivación dos profesionais que ven como día a día a súa situación laboral se deteriora. Os profesionais son os que están a dar a cara e implicarse de cheo nunha situación de deterioro do Sistema Sanitario Público Galego.