Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

A CIG celebrou manifestacións en once localidades do país para denunciar que as políticas do PP e da Unión Europea supoñen perda de dereitos e máis pobreza

 

Milleiros e milleiros de persoas participaron hoxe nas manifestacións convocadas pola CIG en once localidades do país para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, unha data marcada pola masiva participación e polo rexeitamento das políticas antisociais e antigalegas do PP e da Unión Europea. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, esixiu a dimisión dos Gobernos galego e español e lembrou que nos atopamos “nunha loita a longo prazo entre o capital e a clase traballadora polo modelo de sociedade do futuro” e que só con mobilización e capacidade de xerar alternativas “impediremos a consolidación deste capitalismo neoliberal ao servizo dunha minoría” e seremos quen de “conquistar un novo modelo ao servizo das clases populares”.
  
 

13-05-0120Compostela20008_grandeA clase traballadora galega saíu unha vez máis á rúa o 1º de Maio para participar nas distintas mobilizacións organizadas por todo o país nunha xornada na que imperou o ambiente reivindicativo.

A CIG convocou un total de once manifestacións baixo o lema “Partido Popular-Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza”, sendo a máis numerosa a celebrada en Vigo, onde se deron cita máis de 30.000 persoas, aínda que tamén houbo mobilizacións cunha participación moi alta na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Ribeira e A Mariña.

Ao remate da marcha na cidade olívica, o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, reiterou a petición de dimisión dos Gobernos galego e español do PP por “incompetentes, corruptos e inmorais” e apostou pola necesidade de seguir a acumular forzas de cara a unha folga xeral “para reclamar un novo modelo económico e social ao servizo da clase traballadora”.

Seixo comezou a súa intervención facendo fincapé na dramática situación do desemprego en Galiza, “reflexo da dureza da crise económica e das políticas promovidas por PP e UE que están a destruír o noso tecido produtivo e a condenar ao paro a milleiros de persoas”, e denunciando os ataques contra os dereitos da clase traballadora que supoñen perda de dereitos laborais e sociais “mentres se favorece os grandes poderes económicos, a banca e os especuladores”.

Neste senso, citou as contrarreformas do mercado laboral “para abaratar o despedimento” ou “dificultar o acceso a unha pensión pública”, alén dos novos recortes nas prestacións por desemprego e nos salarios”. Tamén censurou a privatización de servizos e empresas públicas “porque o verdadeiro fin destas medidas é incrementar os beneficios da banca e das grandes compañías a custa da calidade de vida da maioría social”.

 

 

13-05-0120Compostela20027_grandeAo mesmo tempo, chamou a “seguir loitando por unha Galiza ceibe e soberana nunha Europa ao servizo das clases traballadoras e das nacións que a integramos”. Finalmente, lembrou que nos atopamos “nunha loita a longo prazo entre o capital e a clase traballadora polo modelo de sociedade do futuro” e que só con mobilización e capacidade de xerar alternativas “impediremos a consolidación deste capitalismo neoliberal ao servizo dunha minoría” e seremos quen de “conquistar un novo modelo ao servizo das clases populares”.

Para poñer punto e final á mobilización manifestación dúas violinistas tocaron a Internacional e un grupo de música tradicional galega pechou o acto coa interpretación do Himno Galego.

Máis artigos...

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Sanidade
Miguel F. Caaveiro 10 - 981 58 32 00 - 981 58 39 34
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info
.