Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG convoca folga no marco do paro internacional de mulleres que o 8 de marzo secundarán máis de 50 países, para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.


A CIG fai un chamamento a secundar este paro de mulleres para seguir reivindicando neste 8 de Marzo que queda moito por facer pola igualdade e por visualizar a contribución de todas as mulleres ao mundo. Paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Porque hai que concienciar do traballo que fan as mulleres. Que o noso papel na sociedade non é subsidiario. Que somos a metade de Galiza, a metade do mundo. Imos demostrar que o mundo non xira igual se paramos as mulleres. Sóbrannos razóns para ir á folga.


Paros parciais en cada unha das quendas


Rexistramos a convocatoria de paros parciais en cada unha das quendas durante o vindeiro 8 de Marzo, dando cobertura legal a todas as traballadoras galegas de todos os sectores produtivos e de todos os centros de traballo, para participarmos neste día de protesta, reivindicación e mobilización: folga no traballo asalariado, folga de consumo, folga de brazos cruzados nas tarefas de coidado, boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista, e a mobilizarse canda nós este 8 de Marzo, coas feministas, coas sindicalistas, participando de xeito activo na xornada.


PAROS POR QUENDAS DE TRABALLO


de 00h-02h da madrugada

* de 12h a 14h

* de 19:30h a 21:30h

 

MOBILIZACIÓNS:

UNIÓN COMARCAL DE COMPOSTELA

* 12:30h no Centro Comercial As Cancelas

* 12:30h na Praza de Galiza

* 12:30h diante do Hospital Clínico

* 12:30h diante da Xunta de Galiza en San Caetano

RIBEIRA:  12:00h diante do Hospital do Barbanza

Ás 20:00h Praza do Concello


Facemos un chamamento a que, nun momento dado do día, as mulleres deixemos o que estamos a facer e paremos para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos. Visibilizaremos o traballo achegado polas mulleres nun día normal para o seu recoñecemento.

Marcharemos xuntas en mobilización amosando o poder da nosa unidade.


Sóbrannos razóns para ir á folga:


•    Porque cobramos menos ca un home por facer o mesmo traballo. Nos sectores nos que as mulleres predominamos, os salarios son máis baixos que naqueles nos que son os homes os que teñen unha presenza maioritaria.
•    Porque temos máis contratos a tempo parcial ca os homes. Moitos deles duran menos dun mes, mesmo unha semana.
•    Porque está a aumentar o número de mulleres con ingresos inferiores ao SMI e descende o salario medio destas.
•    Porque se nos impide conciliar, porque vivimos co medo a sermos despedidas cando nos convertemos en nais.
•    Porque temos moitas dificultades para promocionar no traballo (teito de cristal/chan pegañento).
•    Porque temos pensións máis cativas ca os homes e moitas nin sequera chegarán a ter acceso á contía mínima.
•    Porque miles de mozas teñen que emigrar para evitar o desemprego ou para non teren que incorporarse aos traballos non cualificados, temporais e mal pagos que se lles ofrecen.
•    Por todos os traballos precarios que seguen a realizar moitas mulleres sen dereitos laborais nin sociais.
•    Porque seguimos a asumir de xeito maioritario unha dupla ou tripla xornada dentro e fóra do fogar, pola falta de corresponsabilidade nos coidados.
•    Porque somos as que solicitamos excedencias durante anos para coidar as crianzas ou a familiares dependentes.
•    Porque sufrimos de xeito maioritario os efectos dos recortes en servizos públicos (saúde, ensino, dependencia...) e na dotación de cadros de persoal que dificultan a atención aos servizos esenciais.
•    Porque para a CIG, as mulleres do mercado de traballo formal e informal e da esfera non pagada da reprodución social, son todas traballadoras. Porque os traballos de coidados deben estar no centro das políticas, e os dereitos das empregadas do fogar deben equipararse sen demora.
•    Porque hai que rachar coa hipocrisía de quen nos felicita un 8 de Marzo, de quen pon en marcha campañas ou aproba protocolos, plans de igualdade, compromisos ou declaracións de intencións baleiras de contido, e ao mesmo tempo ataca frontalmente os nosos dereitos.
•    Porque sufrimos acoso na rúa, na nosa casa, no lugar de traballo. Porque nos agriden, porque nos violan, porque nos matan, polo mero feito de sermos mulleres.


Todas as mulleres á folga


Por iso queremos que paredes todas: as estudantes, as xubiladas, as desempregadas, as asalariadas, as funcionarias, as fixas, as eventuais ... Imos intensificar o esforzo divulgativo en todos os centros de traballo, convocando asembleas nas empresas, informando e convencendo da necesidade de ir á folga. Mais tamén man a man coas asociacións de mulleres, veciñais, nos centros de ensino, nas asociacións culturais e deportivas, coas organizacións e colectivos feministas para lograr que o vindeiro 8 de Marzo as mulleres galegas PAREMOS.


Imos demostrar a FORZA e a CAPACIDADE DE MOBILIZACIÓN das traballadoras galegas.


paramos para lembrar a esta sociedade que somos a metade da humanidade e que a metade nos pertence.


Paramos para esixir xustiza. Isto acaba de comezar. O futuro é noso.


Avante compañeiras!

Captura_de_pantalla_2018-02-21_a_las_20.13.29


 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Sanidade
Miguel F. Caaveiro 10 - 981 58 32 00 - 981 58 39 34
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info
.