facebook     twitter

gripe
eu-galego
Previsión de publicación de actualización de listas de contratación Imprimir Correo-e
Contratacións
Venres, 08 Novembro 2019 20:31

 

 Contratacion

Xaneiro

Listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as e baremación provisional das categorías:

Albanel, carpinteiro/a, celador/a, cociñeiro/a, costureiro/a, grupo auxiliar da función administrativa, lavandeiro/a, pasador/a de ferro, perruqueiro/a, pinche e telefonista.


Febreiro

Listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as e baremación provisional das categorías de:

Técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en dietética e nutrición, técnico/a superior en documentación sanitaria, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a superior en radioterapia, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría e técnico/a en farmacia.


Marzo

Listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as e baremación provisional das categorías de:

Enfermeiro/a, enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo, enfermeiro/a especialista en enfermería pediátrica, enfermeiro/a especialista de saúde mental, enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía, enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, médico/a de familia, médico/a de urxencias hospitalarias, pediatra de atención primaria e persoal de servizos xerais.


Listas definitivas de admtidos/as e excluídos/as e baremación definitiva das categorías de: 

Albanel, carpinteiro/a, celador/a, cociñeiro/a, costureiro/a, grupo auxiliar da función administrativa, lavandeiro/a, pasador/a de ferro, perruqueiro/a, pinche e telefonista.

 
Lotería Nadal CIG Imprimir Correo-e
Inicio
Martes, 05 Novembro 2019 07:55

Loteria-nadal-2019

 
Permisos electorais 10 de novembro 2019 Imprimir Correo-e
Inicio
Luns, 04 Novembro 2019 11:36

 

DOG Núm. 206 Martes, 29 de outubro de 2019

 

ORDE do 18 de outubro de 2019 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia

 

O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 10 de novembro de 2019, coincida, polo menos en catro horas, co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornadareducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

 

O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non se atopará na localidade onde lle corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá, no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, así como para a remisión do voto por correo.

 

O persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais e as/os que acrediten a súa condición de interventoras/es teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

 

As/os que acrediten a súa condición de apoderadas/os teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

 

A acreditación do persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais ou da condición de interventoras/es ou de apoderadas/os, realizarase mediante a achega da oportuna xustificación documental na correspondente dirección ou xefatura de persoal. 

 

O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que se presente como candidata/o ás eleccións que terán lugar o vindeiro 10 de novembro poderá ser dispensado, logo da súa solicitude, da prestación do servizo nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral; é decir, desde as cero horas do venres 1 de novembro de 2019 ata as vinte e catro horas do venres 8 de novembro de 2019. A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle á secretaría xeral técnica de cada consellería.

 

As direccións ou xefaturas de persoal das dependencias onde prestan os seus servizos as persoas afectadas por esta orde exixiranlles a estas os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ao voto.

 

 
Manifestación para reclamar un xiro radical nas políticas laborais Imprimir Correo-e
Inicio
Martes, 29 Outubro 2019 11:55

 MÉRCORES 30 DE OUTUBRO ÁS 20 HORAS DENDE VÍA NORTE, VIGO


O secretario comarcal da CIG de Vigo compareceu en rolda de prensa para analizar os datos da EPA do terceiro trimestre do ano, que confirman a grave crise que atravesa o sector industrial, que perdeu 400 postos de traballo neste período, aos que haberá que sumar os que desaparecen no naval. Fronte a isto, a central chama a participar na manifestacióncomarcal deste mércores 30 dende Vía Norte ás 20:00 horas para reclamar un xiro radical nas políticas económicas e laborais do Goberno central e da Xunta.


Mani-polo-futuro-industrial-da-comarca-Vigo

Alberto Gonçalves sinalou que nos meses de agosto, setembro e outubro só na cidade de Vigo destruíronse 1600 empregos en relación ao trimestre anterior, dado que a poboación ocupada retrocedeu de 127.400 persoas a 125.800. Ademais, denunciou que a destrución de emprego foi máis acusada entre as mulleres.


As cifras de ocupación constatan que na actualidade hai 7100 empregos menos na cidade dos existentes no terceiro trimestre de 2009 (125.800 fronte a 132.900). Destes, 4600 pertencían ao ámbito industrial. Na construción rexistrouse un incremento do emprego (+900 persoas ocupadas) no último trimestre, pero continúa significativamente por baixo do nivel de 2009.


No sector servizos é onde se produce a maior destrución de emprego en relación ao segundo trimestre (-2500 persoas ocupadas), “un dato especialmente grave tendo en conta que nestes tres meses compútanse o groso do período estival, onde a actividade terciaria é predominante”.


A agricultura e pesca, a vendima e as actividades extractivas rexistraron un pequeno incremento de 200 empregos en relación ao trimestre anterior, “mais o nivel de ocupación fica estancado nos mesmos parámetros de hai unha década”.


Gonçalves tamén subliñou o feito de que no último trimestre continúase a destruír emprego público (-400 persoas ocupadas). Na actualidade no sector público hai 2900 postos de traballo menos que en 2009.


A evolución da poboación parada atópase practicamente estancada. Aumentou en 200 persoas en relación ao trimestre anterior, manténdose por enriba dos 23 mil parados/as xa rexistrados en 2018. “Polo tanto, o descenso de 1000 parados/as comparando cos datos de 2009 non se corresponde, tal e como demostran as cifras de ocupación, con creación de emprego, senón que se deben a persoas que pasaron a situación de inactividade e á emigración”.


O alcalde impide que a CIG poida intervir no pleno

Para alén da grave situación en termos de ocupación, especialmente no sector industrial e nos servizos públicos, a EPA constata que se mantén a tendencia de precarización do emprego existente. É especialmente preocupante que o número de postos de traballo con contratación indefinida continúen a retroceder (3400 menos no último trimestre, e 6100 menos que en 2009), ao tem que aumentan os empregos temporais (+1000 no último trimestre, e 1800 máis dos existentes en 2009).


“Estes datos, malia se referiren apenas á cidade de Vigo, son un indicador moi demostrativo da situación laboral do conxunto da nosa comarca e confirman que atravesamos unha gravísima crise industrial, que a precariedade segue en aumento e que as políticas de recortes nos servizos públicos teñen un efecto letal”.


Para Gonçalves, a evolución da EPA é polo tanto un reflexo máis da situación de “emerxencia social, laboral e produtiva” que padece a comarca de Vigo e que require dun “xiro radical” nas políticas aplicadas tanto pola Xunta de Galiza como polo Goberno do Estado.


Diante disto, reiterou o chamamento a toda a clase traballadora, ao estudantado, ás pensionistas e á poboación en xeral a participar na manifestación comarcal coa que o próximo mércores 30 de setembro a central enviará un S.O.S por Vigo, reivindicando o futuro industrial da comarcal, emprego digno e con dereitos e servizos públicos de calidade. “É fundamental que nos botemos ás rúas, para esixir medidas e solucións que garantan o noso dereito a vivirmos con dignidade do noso traballo na propia terra”.


Por outra banda, o secretario comarcal da CIG de Vigo criticou que o alcalde de Vigo non atendese a petición cursada pola central para intervir no pleno municipal que se celebrará o mesmo mércores 30 pola mañá. Gonçalves, en nome da Unión Comarcal, solicitara poder tomar a palabra durante a sesión para alertar desta situación de grave crise e demandar solucións eficaces e inmediatas.  O que si se convocou, a petición da CIG, foi o Consello Económico e Social da cidade.

 
A CIG forza unha reunión co conselleiro de Sanidade tras pecharse nas dependencias do SERGAS Imprimir Correo-e
POVISA
Martes, 22 Outubro 2019 17:45

A central reclama información sobre a compra de Povisa e a súa adquisición para garantir a atención sanitaria dende o público.


 

Delegadas e delegados da CIG no comité de POVISA e membros da CIG-Saúde realizaron un peche o martes 22 de outubro na Consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para forzar unha reunión co conselleiro ante o proceso de compra do centro hospitalario por parte da aseguradora estadounidense Centere e para reclamar a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo.


A medida de presión levantouse por volta da unha da tarde, logo de manterse unha tensa xuntanza co Xerente do SERGAS, quen se comprometeu a fixar esta semana unha data de reunión co conselleiro nun prazo máximo de 15 días. A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, criticou a pasividade que está a amosar o Goberno galego ante o proceso de venda de POVISA, malia a repercusión que a actividade deste hospital ten en toda a área sanitaria de Vigo. Por iso, denunciou que non se concretara xa hoxe a data do encontro e advertiu que “agardamos que o conselleiro cumpra co compromiso que nos acaba de transmitir o Xerente, porque do contrario teremos que incrementar as medidas de presión”.

 

María Xesús Neira, voceira do comité de empresa, lamentou que malia ter solicitada a reunión dende o pasado 8 de outubro “e de vir concentrarnos aquí hai dez días, finalmente tiveramos que facer hoxe esta acción para lograr unha resposta”. Neira salientou que Vázquez Almuíña é o máximo responsábel de Sanidade “e non pode inhibirse ante un tema tan grave. Queremos transmitirlle todos os problemas que temos, todo o que supón a venda e como lle vai afectar aos/ás usuarios/as e ás/aos traballadoras/es”.

 

Un hospital que atende a máis de 135.000 persoas

Nesta liña, María Xosé Abuín tamén criticou que o Xerente do SERGAS puxera como escusa para non recibir a CIG que teñen que trasladar conxuntamente a información ao resto de sindicatos, malia ser a CIG a única central que demandou este encontro. “Queremos saber con claridade que vai pasar coa compra por parte desa multinacional dun centro que atende a máis de 137.000 persoas e que ten repercusión sobre o desenvolvemento do resto da área sanitaria de Vigo”, urxiu. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Sobre este punto, Neira reiterou o rexeitamento da venda do hospital a Ribera Salud, “atrás da que está a multinacional Centene, que sabemos que o único que vén facer é negocio coa sanidade. Por iso, reclamamos que POVISA sexa absorbido polo SERGAS, xa que hai fórmulas legais para facelo, e que a sanidade se preste 100% dende o público”.

 

 

A voceira do comité lembrou que POVISA entra dentro da rede sanitaria pública da área sur de Pontevedra, atende a 137.000 persoas e ten 1.400 traballadores/as, “polo que é obriga da Consellaría de Sanidade e da Xunta impedir esta venda a prezo de ganga”. A este respecto preguntouse que ten cambiado dende o ano 2011, cando a dirección presentou un ERE porque non se renovaba o concerto co SERGAS “e Feijoo saíu facendo unhas declaracións nas que dicía que non estaba de acordo coa venda a Ribera Salud. Que foi o que mudou neste tempo para que agora si lle pareza ben esta compra?”.  

 

 

Chamamento a participar na manifestación deste xoves

 

Para o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, a situación é de tal gravidade que esixe unha resposta inmediata por parte da Administración, “que ten que garantir a asistencia sanitaria, porque non temos nesta área un recurso sanitario público alternativo”, algo que, advertiu, deixa a Centene “nunha situación de poder para negociar o que queira”. De aí que fixera un chamamento á cidadanía a tomar consciencia da gravidade da situación e a participar masivamente na manifestación convocada para este xoves, 24 de outubro, con saída ás 20 horas, dende a Praza dos Cabalos. 

 

 

“Non estamos só ante un cambio de accionariado, aquí hai un cambio de modelo coa entrada dunha empresa que ten uns antecedentes de problemas  xerados noutras comunidades. A cidadanía non pode quedar parada, temos que dar resposta e dicirlle á  Consellaría que non pode permitir a venda de POVISA por 24 millóns de euros”, advertiu. Nesta liña, González Moreira destacou que isto supón unha ameaza, “pero tamén unha oportunidade de recuperar a xestión deste centro desde o público e xestionar a área sanitaria sen a rémora que supón POVISA. A Consellaría ten que tomar a decisión política de mercar POVISA, xestionalo dende o público e facer unha remodelación do conxunto da área sanitaria”, concluíu.

 

 Noticia en Avantar

 

 
Converter POVISA para a sanidade pública Imprimir Correo-e
POVISA
Mércores, 23 Outubro 2019 10:52

POVISA-publica

 
NON A COMPRA DE POVISA POR UNHA ASEGURADORA DOS ESTADOS UNIDOS Imprimir Correo-e
POVISA
Martes, 22 Outubro 2019 17:34

Mani-Compra-POVISA-24102019-1 1

 

 

POVISA estivo a negociar coa Corporación Centene este contrato de venda mentres presionaba á Xunta, ao persoal e á poboación coa quebra (anunciou un Pre-concurso de Acredores) grazas ao que conseguiu una importante mellora no pago por habitante, ao descontar un elemento importante como é a medicación de alto impacto.


Nuñez Feijoo e o seu goberno ou son cómplices desta trama ou son uns incapaces.

Pola súa banda o hospital POVISA admitiu que mantivo desde hai algún tempo negociacións co Grupo Ribera Salud para a venda do centro.


Coa autorización desta venda Nuñez Feijoo leva ao extremo en Vigo a súa política de poñer en mans norteamericanas os recursos sanitarios públicos de Galicia (a Cardioloxía do hospital Xeral de Galicia foi cedida á multinacional Medtronic e a investigación hospitalaria á farmacéutica Johnson and Johnson).


A Xunta pode, en base ás axudas continuadas a este centro privado non autorizar a venda e exercer o seu dereito a unha compra polos 24 millóns de euros polos que oficialmente se vende (un autentico agasallo) que podería afrontar coa cuarta parte do Fondo de Continxencia da Xunta, que é de case 80 millóns, co que evitaría o endebedamento. O contrato deberá ser revisado tamén pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Non sabemos se este agasallo vai acompañado doutras compensacións, dado que se descoñecen os termos do contrato. Hai que lembrar que POVISA recibe uns 84 millóns euros anuais da Sanidade Pública galega.


A aseguradora estadounidense Corporación Centene (propietaria de Ribera Salud) que será a nova dona de POVISA.


POVISA xa ten demostrado que non é de fiar:

 

• A Consellería de Sanitat Valenciana detectou no Hospital de Alzira, do grupo Ribera Salud, sobre custos de 2,6 millóns de euros por irregularidades na atención de urxencias, por facturas inchadas e por dobre facturación.

• A Fiscalía de Valencia solicitou a imputación dos principais directivos desta compañía por cobrar comisións por vendas de material sanitario dos seus provedores que trasladaba á administración valenciana sen as rebaixas correspondentes. Esta práctica foi cualificada de presunto delito de malversación de fondos públicos e prevaricación polos tribunais.

• O informe da Intervención Xeral 2003-2012 da Comunidade Valenciana denunciou problemas de opacidade, ausencia de control e mesmo conivencia da Generalitat coas empresas adxudicatarias, como consecuencia da falta de fiscalización da actividade do centro.

• A aseguradora Centene pechou a súa filial Kentucky Medicaid coa que xestionaba o Servizo de Saúde dese Estado, despediu a todo o seu persoal e cesou a súa actividade deixando sen servizo sanitario a 140.000 pacientes.

A compra de POVISA por Centene incrementa o risco de privatización da sanidade publica galega dado e enorme peso e poder desta multinacional aseguradora, moi superior ao dos actuais donos de POVISA:

• Centene ocupa o posto número 51 das empresas máis potentes dos Estados Unidos e está investindo tamén en outros países como Chile, Perú ou Eslovaquia.

• O xigante de EE. UU. pretende cambiar o noso modelo sanitario ao anunciar que aposta por un modelo de xestión onde a Administración financia, controla e é a dona do sistema; mentres eles operan como unha "franquía" que asegura a "boa xestión".


Ribera Salud posúe os hospitais de Torrevieja, Denia, e Elxe na Comunidade Valenciana e o de Torrejón, en Madrid, grazas aos apoios do PP en ambas comunidades. Concessia posúe o 10% das accións deste hospitale á vez forma parte das empresas accionistas da Concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, o que supón  que a totalidade da atención hospitalaria de Vigo estea controlada por esta empresa (monopolio do servizo sanitario público de Vigo).


Aínda que POVISA tivo unha gran capacidade para influenciar as decisións e recursos da Sanidade Públicade Vigo, Centene terá aínda máis poder para condicionar e chantaxear á administración sanitaria pública.


No proceso de reversión de Alzira á sanidade pública, a compañía estadounidense xa presionou aoembaixador español en Washington para frear o proceso de rescate da Generalitat, como consecuencia oembaixador de Estados Unidos en España advertiu das consecuencias negativas que tería para aComunidade Valenciana a reversión da concesión a Ribera Salud.


É impensable que despois dos 3 a 5 anos de vixencia que restan do Concerto actual, Centene acepterematalo. Tamén é impensable que nestes anos a Consellería de Sanidade dote á sanidade pública dosrecursos suficientes para poder asumir a atención das 137.000 persoas que POVISA atende na actualidade.


Unha multinacional non inviste nun hospital en perdas, polo que é previsible que adopte algunhas medidas para manter o negocio:


1.- Reducir persoal aplicando un ERE e recortar as súas condicións salariais e laborais.

Os traballadores de Alzira tiñan peores condicións laborais cos traballadores do sistema público:

Menos persoal, 200 horas mais de traballo ao ano e un soldo un 15% inferior. O persoal facultativo

tiña unha xornada anual un 12% superior e unha retribución un 11,5% inferior que o estatutario.


2.- Reducir oferta e calidade das prestacións a súa poboación de referencia.

O presidente de Centene deixou recentemente claro que quere “cambiar a forma en que as persoas experimentan a atención médica para que sexa máis simple, mellor e de menor custo". Centene é unha aseguradora especializada en xestionar servizos de Atención Primaria e Ribera Salud conseguiu a integración da mesma no hospital de Alzira. Por iso é previsible que pretenda facerse cos centros de saúde da área para controlar o fluxo de pacientes ao seu hospital


3.- Obter novas axudas da administración como vén facendo desde sempre POVISA pola súaconivencia coa administración.

 

En base a estes feitos, parece máis que razoable que o SERGAS non debería autorizar esta venda á Corporación Centene e exercer o seu dereito de compra en base ao interese xeral para a saúde pública deVigo.


A Comisión Europea definiu o interese xeral europeo como "satisfacción das necesidades básicas dos cidadáns e a preservación de bens públicos, cando o mercado falla".


Desde a maioría do Comité de Empresa de POVISA e a Plataforma SOS Sanidade Pública rexeitamos esta compra por unha contía mínima e denunciamos a perda de oportunidade da Xunta de adquirir POVISA por 24 millóns de euros, garantindo a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo.


A compra de POVISA por parte da Consellería de Sanidade permitiría garantir unha prestación sanitaria a toda a poboación da área sanitaria de Vigo desde o sistema público e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados

 
CIG-Saúde reclama que o SERGAS adquira Povisa para garantir atención sanitaria pública a toda a área de Vigo Imprimir Correo-e
POVISA
Luns, 14 Outubro 2019 17:24

Poría ao dispor de Sanidade máis de 400 camas, unha Escola de Enfermería e instalacións preparadas.

Traballadores/as de Povisa, representantes da CIG-Saúde e da executiva confederal da CIG, entre eles o secretario xeral, Paulo Carril, concentráronse o venres 11 de outubro diante da consellaría de Sanidade para exixir ao SERGAS a adquisición de Povisa, antes de que remate o período de valoración da operación por parte da Comisión Nacional do Mercado da Competencia, polos 24 millóns que vai pagar a filial da multinacional Centene Corporation, Ribera Salud, garantindo o mantemento dos postos de traballo e o servizo sanitario público para a Área Sanitaria de Vigo.

 

concentracion 11 outubro

 

Así o explicaba no decurso da concentración a representante da CIG no comité de empresa de POVISA, María Xesús Neira, quen cuestionou as afirmacións do conselleiro de Sanidade, en sede parlamentaria, respecto das garantías que ofrece esta empresa no relativo ao mantemento dos postos de traballo e as condicións, mais tamén respecto dos supostos investimentos que ten previsto facer a multinacional no centro hospitalario. “Seguramente si pero se vai investir en maquinaria, en modernizar o edificio e sobre todo na parte privada. Van tratar de que os privados aumenten, que é onde realmente queren meter. No que é a parte SERGAS imos seguir igual ou peor”, afirmou.


Neira cuestionou tamén que non só o PP, senón tamén o PSOE e a propia CCOO non se opoñan á venda e limiten as súas demandas a que se garanta o emprego e se negocie o convenio colectivo.


A este respecto preguntouse “onde quedan garantidos os postos de traballo e a negociación do noso convenio colectivo. Centene ten cartos, vai investir, pero non nos traballadores, vai investir no seu negocio. E vai apretarlle as porcas ao SERGAS co novo concerto e o van facer porque eles son poderosos e nos van poñer a nós enriba da mesa como moeda de cambio e vai ser así e irán despedindo ao persoal e metendo aquela xente que nun principio non lle causen problemas nin lle fagan fronte. Iso é o que vai pasar en Povisa, vaia a haber despedimentos, témolo claro”.


Neste sentido, Manuel Moreira, da CIG-Saúde de Vigo, advertiu que non só se van utilizar ás traballadoras e traballadores como moeda de cambio, senón tamén “ás 137.000 persoas que están sendo atendidas con cartos públicos e para as que non hai unha alternativa para darlle asistencia sanitaria, porque o PP, nos sucesivos gobernos á fronte da Xunta de Galiza, xa planificou o sistema sanitario para condicionalo a este modelo de cara á privatización. Isto vai obrigar ao SERGAS a negociar con eles”.


Para Moreira esta “forte ameaza” debería ser aproveitada como “unha oportunidade” para recuperar POVISA, “un hospital con máis de 400 camas, unha escola de enfermería, unhas instalacións preparadas”, por 24 millóns. “Podemos xestionalo nós, por primeira vez na área de Vigo, e deixamos así de ser prisioneiros de POVISA que nos condicionou, desprendéndonos dun parásito que cos cartos públicos incrementa o seu negocio privado. Gastemos os cartos dentro da casa, xestionémolos nós porque a resposta para Vigo non poden ser parches”.

 

Ribera Salud vinculado á corrupción en Valencia

Xunto a isto a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denunciou a vinculación de Ribera Salud coa corrupción en Valencia. Lembrou que xestionaba o hospital de Alzira e que tivo que ser revertido á sanidade pública polas reiteradas denuncias que tivo, e insinuou intereses escuros, afirmando que “Ribera Salud apareceu da man do propio Partido Popular”.


Abuín lembrou ademais, que os sindicatos en Valencia tampouco se sumaron á demanda de que o hospital de Alzira fora asumido polo sistema público de saúde da comunidade o que mesmo obrigou ás traballadoras e traballadores a constituírse nun sindicato propio para poder canalizar as súas demandas. 

Compra-POVISA

 

 

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>