facebook     twitter

gripe
eu-galego
Benvidas, benvidos aos que faltaban... Imprimir
EOXI - Xeral
Mércores, 09 Setembro 2015 06:53

Nestes últimos días observamos certas manifestacións públicas de sectores que ata o momento permaneceron calados. Dámoslles por elo a benvida.


En primeiro lugar ao Foro de Xefes de Servizo, que saíron inicialmente en defensa da Xerencia da EOXI de Vigo, xustificando as incidencias cos mesmos argumentos que ela.


Non é que nos sorprenda pero non deixa de ser chamativo que despois de toda a conflitividade que xurdiu co traslado ao novo hospital e unha vez producido o caso de aspergillus no novo hospital, se erixiran agora como salva gardiáns da seguridade das pacientes e das condicións axeitadas das instalacións, manifestándose  publicamente en que mestras non existan garantías de seguridade absoluta rexeitan que se siga co traslado. Antes as había?


Benvidas sexan estas manifestacións, aínda que sexa despois dos feitos consumados.


Pero, non son tamén eles responsables por dar o visto bo ao traslado como Xefes de Servizo?


Acaso non eran responsables de supervisar se todo estaba en condicións para efectuar o traslado, garantindo a seguridade de usuarias e traballadoras/es nas súas áreas de responsabilidade?


Agardamos que agora, desde o  Foro, se preocupen de que o persoal dos seus servizos conten con todo o material necesario para traballar con seguridade para  eles e con capacidade de dar resposta ás necesidades das e dos pacientes, e poñan fin ao estrés e angustia que sufriu e sufre o persoal por traballar nesas condicións.


So a profesionalidade, a previsión e a responsabilidade humana do persoal supliron, dentro do posible, esas carencias que dende os órganos de responsabilidade, (Xefaturas, Dirección, SERGAS) non foron capaces ou non quixeron ver.


Dentro de toda esta controversia, por sorte, tamén houbo profesionais, médicas e médicos, enfermeiras e enfermeiros, técnicas e técnicos das distintas especialidades, matronas, TCAEs, celadoras e celadores, etc., que saíron a desmentir algunhas afirmacións sobre a xestión do traslado e poñer de manifesto as súas opinións.


Por outra parte tamén queremos dar a benvida ao sindicato corporativo CESM que, tras permanecer calado, ven de presentar unha denuncia no xulgado, iso si, con certa falta de lealdade coa Xunta de Persoal ao facelo na mesma mañá que estaba reunida a Xunta de Persoal para concretar a denuncia na fiscalía, xa previamente acordada e anunciada aos medios de comunicación. Nesta xuntanza estaba presente o sindicato corporativo CESM e en ningún momento fixo referencia a esa denuncia, enteramosnos ao saír da xuntanza  polos medios de comunicación.


Damos pois a benvida aos sindicatos médicos corporativos CESM-OMEGA, que non apoiaron a manifestación do 3 de setembro, foron os únicos sindicatos da Xunta de Persoal que non o fixeron. Tampouco apoian as iniciativas e mobilizacións de SOS Sanidade Pública.


Alegrámonos que agora, e visto como transcorreron os feitos do traslado ao novo hospital, e a resposta da cidadanía na Manifestación do 3 de setembro, tamén se sumen ás reivindicacións que outros levamos anos facendo.


Daremos tamén a benvida a todas e todos os que traballen por recuperar para a Sanidade pública ao Novo Hospital de Vigo e reclamen a dimisión das e dos responsables da situación de crise sanitaria na que nos atopamos.