facebook     twitter

gripe
eu-galego
O informe de expertos sobre Atención Primaria, feito á carta para o SERGAS?... Imprimir
Atención Primaria - Xeral
Luns, 18 Novembro 2019 07:47

O SERGAS non pode desprezar o traballo de máis de 250 profesionais da sanidade publica nin seguir a dar voltas sen tomar medidas concretas que melloren a situación crítica da Atención Primaria.


Na actualidade máis de 250 profesionais da sanidade publica están a traballar en diferentes comisión creadas desde o Consello Técnico de Atención Primaria, persoas que de forma desinteresada están a por o seu tempo e coñecemento ao servizo da sanidade pública.

 

O único interese é a súa aposta por un novo modelo de atención primaria que de resposta ás necesidades de saúde da poboación de Galiza. E remate coa situación laboral que soportan.


Por iso, desde CIG-SAÚDE non entendemos as presas da Consellaría de Sanidade en publicar o traballo encomendado a un “GRUPO DE EXPERTOS EN ATENCIÓN PRIMARIA”, denominados así pola consellaría, como se as/os profesionais da sanidade pública non merecesen con maiúscula ser cualificados como EXPERTAS/OS.


Como afirma a Consellaría de Sanidade, o grupo de expertos creouse por acordo entre a Consellaría, os Colexios Profesionais e as sociedades científicas. CIG-SAÚDE agarda que estes amosen o mesmo respecto e interese polo traballo que están a facer os expertos da sanidade pública nas comisión de traballo.

 

No referente ás conclusións do “GRUPO DE EXPERTOS EN ATENCIÓN PRIMARIA” CIG-Saúde quere manifestar que é posible que se a Consellería de Sanidade escoitara máis non necesitaría grupos de expertos:


 

Cadro-expertos-primaria

 

Algunhas das conclusións que se recollen no traballo do grupo de expertos son as mesmas que, dende o ano 2010, vimos denunciando desde a CIG-SAÚDE e desde outras organizacións.


Hai outras conclusións, como a eliminación dos Puntos de Atención Continuada (PACs), que cuestionan o modelo de Atención Primaria que defendemos e que suporían un importante paso atrás tanto para as e os profesionais como para o servizo que se presta á cidadanía.

 

Reiteradamente, vimos denunciando o desmantelamento da atención primaria, a falta de orzamento, a súa subordinación aos obxectivos hospitalarios. E o mais grave, a eliminación de postos de traballo coa amortización de prazas nos últimos anos.

 

Tamén vimos denunciando que no ano 2020 vanse producir un número importante de xubilacións de persoal facultativo, das/os que na actualidade están a prorrogar a súa vida laboral e que no próximo ano cumpriran 70 anos, disto ninguén fala, pensan que ocultando o dato vaise solucionar por si só.


A Consellería de Sanidade, se quere demostrar que aposta pola Atención Primaria, ten que:


  • Modificar os orzamentos presentados e incrementar a cantidade dedicada á Atención Primaria para dar cumprimento ás propostas dos grupos de traballo.

  • Modificar o Decreto que regula as Areas Sanitarias e os Distritos Sanitarios para crear unha verdadeira estrutura de xestión da Atención Primaria.

  • Negociar un verdadeiro plano de Ordenación de RRHH que de resposta ás necesidades actuais e futuras de tódalas categorías da nosa Atención Primaria.

  • Crear prazas novas nos Centros de Saúde que viven situacións máis críticas, en cantidade suficiente para que repercuta no tempo da atención e na calidade asistencial.


Se a Consellería de Sanidade non toma estas medidas de xeito inmediato, CIG-Saúde continuará denunciando a situación e presionando para que o faga.